DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2026 Páx. 10905

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España, en réxime de concorrencia non competitiva mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR701E).

BDNS (Identif.): 874780.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/874780

Primeiro. Beneficiarios

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

b) Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

c) Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da LSG.

Segundo. Obxecto

O obxecto é establecer as bases reguladoras das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, e convocar as correspondentes ao ano 2026.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para actuacións en camiños rurais no período 2026-2027, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España, en réxime de concorrencia non competitiva mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR701E).

Cuarto. Contía

Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 18.998.480,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 15.06.551A.7600 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026 (código de proxecto 2026.00068), coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

O importe total da anualidade 2026 ascende a 7.740.146,00 €. Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_08 Servizos básicos. Plan camiños), nun 12 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 28 % por fondos propios da Xunta de Galicia.

O importe total da anualidade 2027 ascende a 11.258.334,00 €, correspondendo 1.759.854,00 € ao importe elixible, cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 6872_08 Servizos básicos. Plan camiños), nun 12 % por fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e nun 28 % por fondos propios da Xunta de Galicia. O importe restante da anualidade 2027 que ascende a 9.498.480,00 € financiarase con fondos propios libres da Consellería do Medio Rural, sendo susceptible de financiarse con cargo ao Plan estratéxico da PAC 2023-2027 logo da tramitación dunha nova reprogramación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Sexto. Outros datos

A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables, ata o límite da axuda pública concedida a cada concello.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural