De conformidade co artigo 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico, arqueolóxico, de interese de Galicia, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución; arquivos, bibliotecas e museos de interese para a Comunidade Autónoma, e que non sexan de titularidade estatal; conservatorios de música e servizos de belas artes de interese para a Comunidade Autónoma.
Así mesmo, segundo o previsto no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma ten competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.
No exercicio das ditas competencias promulgouse a Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia, que ten por obxecto a regulación dos centros museísticos de interese para Galicia, así como a regulación do Sistema galego de centros museísticos, presidido polos principios de coordinación, colaboración e complementariedade, cuxo fin é a mellora da organización e do funcionamento dos centros que o integran.
A lei supón un paso máis na necesidade de avanzar cara á definición dun marco normativo máis amplo e completo do sector. Para estes efectos, regúlanse tres categorías específicas de centros, os museos, as coleccións museográficas e os centros de interpretación do patrimonio cultural, desde unha perspectiva que vai máis aló da tradicional concepción de institucións de depósito e exhibición do patrimonio, para adentrarse tamén na súa dimensión social, científica, pedagóxica e económica.
A regulación da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, recolle non só a definición, as funcións e os deberes dos centros, senón que introduce, por primeira vez, unha regulación completa sobre aspectos que teñen que ver co seu funcionamento; ademais do seu papel como interlocutores en diálogo permanente coa sociedade.
A lei regula, no seu título II, o Sistema galego de centros museísticos, do que poderán formar parte os centros das tres categorías definidas pola lei. Regula tamén os efectos derivados desta integración.
Ademais de definir e regular a estrutura do Sistema galego de centros museísticos, o título II introduce o réxime de creación dos museos, das coleccións museográficas e dos centros de interpretación do patrimonio cultural, e incide nos requisitos que cada unha destas tres categorías precisará para poder nacer oficialmente e funcionar como centro museístico co seu correspondente acceso ao Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.
Este decreto dá cumprimento ao previsto nos artigos 13 a 17 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, e desenvolve o procedemento para a súa creación, modificación e disolución, así como o acceso ao Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia. En todo caso, os procedementos iniciaranse coa presentación dunha solicitude e axustaranse ao establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Outro dos aspectos que desenvolve este decreto é o previsto no artigo 12 da antedita lei, onde se regula a posibilidade de empregar os distintivos de identificación que, de ser o caso, poida adoptar o Sistema galego de centros museísticos.
A norma responde aos principios recollidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. O obxecto da regulación responde á satisfacción dun interese xeral, coa debida proporcionalidade, eficacia e eficiencia, necesidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade e simplicidade.
En virtude dos principios de necesidade e eficacia, o interese xeral vén motivado pola necesidade de dar cumprimento ao mandato legal recollido na Lei 7/2021, do 17 de febreiro.
Ademais, o decreto cumpre co principio de proporcionalidade en tanto que contén a regulación imprescindible para atender as necesidades que haxa que cubrir. Coa finalidade de garantir o principio de seguridade xurídica, esta norma resulta coherente co resto do ordenamento xurídico autonómico e estatal, xerando un marco normativo estable, predicible, integrado, claro e de certeza, que facilita o seu coñecemento e a súa comprensión. Así mesmo, na tramitación deste decreto observouse o principio de transparencia, posibilitando que as potenciais persoas destinatarias tivesen unha participación activa na elaboración da norma. Por último, en cumprimento do principio de eficiencia, o decreto evita cargas administrativas innecesarias e racionaliza a xestión dos recursos públicos.
A tramitación deste decreto cumpriu coas exixencias de orde procedemental e realizouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Durante a súa tramitación posibilitouse a participación da cidadanía a través do proceso de consulta pública previa e posterior exposición pública, conforme o principio de transparencia que debe presidir a dita tramitación. Así mesmo, foi sometido aos informes requiridos polo vixente marco xurídico.
O decreto estrutúrase en trinta e dous artigos, organizados nun título preliminar de disposicións xerais e noutros dous títulos referidos, o título I aos procedementos de creación, modificación e disolución de centros museísticos, e ao Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia e o título II ao plan museolóxico; unha disposición adicional, unha derrogatoria e dúas derradeiras. No proceso de elaboración do proxecto normativo someteuse a informe do Consello de Centros Museísticos de Galicia e do Consello da Cultura Galega.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de xaneiro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Este decreto ten por obxecto a regulación dos seguintes procedementos:
a) CT111C Procedemento de creación/modificación substancial de centros museísticos (anexo I).
b) CT111D Procedemento de modificación non substancial/disolución de centros museísticos (anexo II).
2. Para os efectos da regulación contida neste decreto, constitúen centros museísticos: os museos, as coleccións museográficas e os centros de interpretación do patrimonio cultural, segundo a regulación establecida pola Lei 7/2021, do 17 de febreiro.
3. Logo da súa creación, os centros poderán integrarse no Sistema galego de centros museísticos, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Este decreto é de aplicación aos centros museísticos radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, coas salvidades previstas no artigo 2 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro.
2. Quedan excluídos da regulación contida neste decreto os centros de titularidade autonómica, cuxa creación se fará mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 3. Réxime xurídico
1. De acordo cos artigos 13 e 14 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, o procedemento de creación de centros museísticos axustarase, ademais de ao disposto na Lei 7/2021, do 17 de febreiro, e neste decreto, ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Os procedementos de modificación e de disolución de centros museísticos axustaranse á mesma normativa.
TÍTULO I
Procedementos de creación, modificación e disolución de centros museísticos e inscrición no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia
CAPÍTULO I
Disposicións comúns a todos os procedementos
Artigo 4. Inicio dos procedementos
1. Os procedementos iniciaranse mediante a solicitude ou a comunicación presentada pola persoa, física ou xurídica, titular do centro ou por quen a represente legalmente.
2. A solicitude ou a comunicación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se establecen nos anexos I e II, que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude/comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e de sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 5. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa solicitante ou comunicante.
b) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.
c) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante ou comunicante.
d) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 6. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria que se recolle nos artigos 10, 17, 22 e 25 deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. De conformidade co artigo 28.7 da lei 39/2015, do 1 de outubro, as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal, de acordo co artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar datos ou documentos non exixidos pola normativa reguladora aplicable ou que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, e a Administración pública debe recadalos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou doutros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada ou a lei aplicable requira o seu consentimento expreso. Excepcionalmente, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude ou comunicación
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude ou comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Notificacións
1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas que se realicen practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada perfectamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido.
A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
CAPÍTULO II
Procedemento de creación e cualificación de centros museísticos
Artigo 9. Contido da solicitude
1. O procedemento de creación e cualificación dun centro museístico iniciarase mediante a solicitude, que se axustará ao formulario normalizado que se establece no anexo I, segundo as disposicións establecidas no capítulo I do presente título. A solicitude incluirá os seguintes datos:
a) Denominación oficial do centro museístico, categoría de centro museístico a que se opta e datos identificativos: enderezo, número de teléfono, correo electrónico e páxina web.
b) Datos da persoa titular do centro ou da/do representante legal, de ser o caso: apelidos e nome, denominación ou razón social, número de identificación fiscal ou de identidade estranxeiro, enderezo, número de teléfono e caixa de correo electrónico.
c) Ámbito territorial e contido temático.
d) Solicitude, se é o caso, de integración no Sistema galego de centros museísticos.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de creación dun centro museístico a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da entidade, de ser o caso.
b) Documentación acreditativa da creación ou constitución da persoa xurídica que promove o centro museístico, de ser o caso.
c) Documentación acreditativa do compromiso ou do acordo de creación do centro museístico.
d) Documentación acreditativa da disposición dun inmoble ou inmobles (título de propiedade, contrato de arrendamento ou cesión de uso, entre outros) adecuados e accesibles que garantan as condicións de conservación, de seguridade e de visita pública.
e) Título habilitante municipal acreditativo de que o inmoble cumpre cos requisitos técnicos e xurídicos necesarios para a apertura ao público.
f) O inventario dos seus fondos, no caso de que custodie bens, que deberá incluír con carácter xeral e sen prexuízo das excepcións derivadas da natureza específica dos centros:
1º. Número de rexistro e número de inventario.
2º. Nome do obxecto.
3º. Autoría e título.
4º. Materia e técnica de fabricación.
5º. Dimensións.
6º. Cronoloxía.
7º. Titularidade.
8º. Procedencia.
9º. Fotografía.
g) Plan museolóxico, segundo se especifica no título II.
2. A presentación desta documentación realizarase segundo o establecido no artigo 6.
Artigo 11. Instrución do procedemento
1. A instrución do procedemento de creación e cualificación corresponderalle ao centro directivo competente en materia de centros museísticos.
2. Recibida a solicitude, procederase á comprobación da documentación.
Se a documentación presenta omisións ou deficiencias, requirirase a persoa solicitante para que a emende no prazo de dez días hábiles, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da solicitude.
No caso de que a solicitude non sexa emendada correctamente e en prazo, a Administración ditará a correspondente resolución en que declare a desistencia daquela.
3. Con carácter previo á realización da proposta de creación, realizarase unha visita ao centro obxecto da solicitude, por parte de persoal da unidade administrativa competente en materia de centros museísticos, para verificar o cumprimento dos requisitos exixidos. Unha vez realizada a visita ás instalacións, deberase emitir un informe técnico no cal se realizará unha valoración global sobre o cumprimento dos requisitos exixibles á categoría museística solicitada.
4. No caso de detectarse deficiencias, serán postas en coñecemento da persoa solicitante para que poida emendalas ou presentar as alegacións e as observacións que considere oportunas no prazo máximo de dez días hábiles.
Artigo 12. Resolución do procedemento
1. A creación e a cualificación como centro museístico realizarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de centros museísticos, unha vez emitido o informe recollido no artigo 11.3.
2. O acordo cualificará a categoría do centro como museo, colección museográfica ou centro de interpretación do patrimonio cultural. Así mesmo, determinará a súa denominación oficial, o seu ámbito territorial e o seu contido temático, os seus obxectivos e a súa estrutura básica.
3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para os efectos do artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o transcurso do prazo máximo para resolver sen que se adoptase e notificase a resolución terá efectos desestimatorios.
Artigo 13. Recursos
Contra o acordo de creación e de cualificación dun centro museístico, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se se opta por interpor o recurso de reposición potestativo non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación por silencio.
CAPÍTULO III
Procedemento de modificación de centros museísticos
Artigo 14. Modificación de datos
1. Unha vez creados e rexistrados, os centros museísticos poderán ser obxecto de modificación por instancia das persoas titulares.
As modificacións poderán ser de carácter substancial ou non substancial.
2. As modificacións reguladas neste capítulo inscribiranse de oficio no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia mediante resolución da persoa titular do centro directivo competente en materia de centros museísticos.
Artigo 15. Modificacións substanciais
Para os efectos deste decreto, consideraranse modificacións substanciais as que afecten algún dos seguintes aspectos:
a) Localización da sede do centro.
b) Titularidade xurídica.
c) Denominación.
d) Cualificación do centro museístico.
Artigo 16. Solicitude de modificación substancial
1. O procedemento de modificación substancial iniciarase mediante solicitude, que se axustará ao formulario normalizado que se establece no anexo I, segundo as disposicións establecidas no capítulo I deste título.
2. No caso de que a consellería competente en materia de centros museísticos detectase a existencia dalgunha modificación substancial que non fose previamente solicitada, poderá proceder, logo da tramitación dun expediente contraditorio no que se dea audiencia á persoa interesada, ás actuacións de oficio que fosen oportunas.
Artigo 17. Documentación complementaria
1. Xunto coa solicitude de modificación substancial, presentarase unha memoria explicativa do cambio solicitado, a xustificación da súa finalidade e a descrición detallada das modificacións.
2. A presentación desta documentación realizarase segundo o establecido no artigo 6.
Artigo 18. Instrución do procedemento
1. A instrución do procedemento de modificación substancial corresponderalle ao centro directivo competente en materia de centros museísticos.
2. Recibida a solicitude, procederase á comprobación da documentación.
Se a documentación presenta omisións ou deficiencias, requirirase a persoa solicitante para que a emende no prazo de dez días hábiles, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da solicitude.
No caso de que a solicitude non sexa emendada correctamente e en prazo, a Administración ditará a correspondente resolución en que declare a desistencia daquela.
Artigo 19. Resolución do procedemento
1. A persoa titular da consellería con competencias en materia de centros museísticos será a competente para a resolución do procedemento de solicitude de modificación substancial.
2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Para os efectos do artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o transcurso do prazo máximo para resolver sen que se adoptase e notificase a resolución terá efectos desestimatorios.
Artigo 20. Recursos
Contra a resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se se opta por interpor o recurso de reposición potestativo non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación por silencio.
Artigo 21. Modificacións non substanciais
1. As modificacións non previstas no artigo 15 terán a consideración de non substanciais.
2. As modificacións non substanciais poderán levarse a cabo logo da comunicación, que se axustará ao formulario normalizado que se establece no anexo II, segundo as disposicións establecidas no capítulo I deste título.
Artigo 22. Documentación complementaria
Xunto coa comunicación de modificación non substancial, presentarase unha memoria explicativa do cambio solicitado, a xustificación da súa finalidade e a descrición detallada das modificacións.
CAPÍTULO IV
Procedemento de disolución de centros museísticos
Artigo 23. Disolución de centros museísticos
A disolución dun centro museístico poderá realizarse por instancia da persoa titular ou de oficio pola propia Administración nos termos regulados na Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.
Artigo 24. Disolución por instancia de parte
1. O procedemento de disolución iniciarase mediante a comunicación da persoa titular do centro museístico, que se axustará ao formulario normalizado que se establece no anexo II, segundo as disposicións establecidas no capítulo I deste título, cunha antelación mínima de tres meses á data prevista de disolución.
2. Logo da presentación da comunicación, procederase á cancelación de oficio da inscrición no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, mediante resolución da persoa titular do centro directivo competente en materia de centros museísticos. A cancelación suporá a baixa no Sistema galego de centros museísticos.
Artigo 25. Documentación complementaria
Xunto coa comunicación de disolución, presentarase unha memoria explicativa na cal se recollan, cando menos, os seguintes extremos:
a) Data prevista da disolución e da fin da actividade museística.
b) Causas ou motivos da disolución.
c) Destino dos bens culturais e das medidas de seguranza que garantan a súa protección, sen prexuízo das medidas que de oficio poida aplicar a Administración autonómica de Galicia en cumprimento da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
Artigo 26. Disolución de oficio
1. De conformidade co artigo 16.2 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, o incumprimento reiterado das normas e das condicións que determinaron a creación e cualificación dun museo, colección museográfica ou centro de interpretación do patrimonio cultural implicará, logo de tramitación do expediente contraditorio no cal se dará trámite de audiencia á entidade ou persoa interesada e resolución motivada, a perda de tal recoñecemento, a súa disolución, e, se é o caso, a súa exclusión do Sistema galego de centros museísticos, sen prexuízo das sancións que en cada caso procedan conforme esa lei.
2. A disolución levarase a cabo mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de centros museísticos, logo da proposta realizada pola dirección xeral competente na materia. Na dita resolución faranse constar todas as medidas necesarias para a seguranza dos bens.
3. Contra a resolución de disolución dun centro museístico, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Se se opta por interpor o recurso de reposición potestativo non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación por silencio administrativo.
CAPÍTULO V
Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia
Artigo 27. O Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia
1. De acordo co artigo 17 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, o Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia é o instrumento de carácter administrativo, adscrito á consellería competente en materia de centros museísticos, no cal se inscribirán os museos, as coleccións museográficas e os centros de interpretación relacionados co patrimonio cultural de Galicia, creados ao abeiro da mesma lei.
2. Unha vez que o Consello da Xunta de Galicia adopta o acordo de creación e de cualificación do centro museístico, este será inscrito de oficio no Rexistro de Centros Museísticos de Galicia mediante resolución da persoa titular do centro directivo competente en materia de centros museísticos.
3. Só desde a creación oficial e a inscrición no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia poderá un centro empregar na súa identificación o termo museo, colección museográfica ou centro de interpretación do patrimonio cultural, segundo proceda en cada caso.
Artigo 28. Xestión do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia
1. Correspóndelle á unidade administrativa competente en materia de centros museísticos a xestión do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia.
2. As persoas titulares dos centros museísticos teñen a obriga de manter actualizados os datos que figuran no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia. Para estes efectos, deberán comunicar a información que sexa pertinente á dirección xeral competente en materia de centros museísticos.
3. O Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia recollerá, como mínimo, os seguintes datos:
a) O acordo do Consello da Xunta polo que se declara a creación e a cualificación do centro museístico.
b) A persoa física ou xurídica titular.
c) A denominación, a categoría, o domicilio e os datos de contacto.
d) O ámbito territorial e o contido temático do centro museístico.
e) O réxime xurídico e as normas de organización.
f) Os recursos humanos.
g) A descrición dos bens mobles e dos inmobles que constitúen a sede do centro.
h) Os horarios, os servizos e o réxime de acceso indicando, se é o caso, o réxime das visitas gratuítas.
i) Outros datos relevantes considerados de interese segundo a natureza do centro museístico.
j) Código de identificación adxudicado no momento da inscrición.
4. A inscrición no Rexistro de Centros Museísticos de Galicia terá validez en tanto se manteñan os requisitos que se exixiron para esta.
5. Unha vez inscrito o centro museístico, a consellería competente en materia de centros museísticos emitirá de oficio unha resolución da súa creación e cualificación, así como da súa inscrición no Rexistro. Esta resolución deberá utilizarse para os efectos do previsto no artigo 6.c) da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.
Artigo 29. Publicidade do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia
1. O Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia ten carácter público.
2. Sen prexuízo do previsto no número anterior, o acceso aos datos do Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia realizarase nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na normativa sobre transparencia, acceso á información pública e bo goberno, que resulte de aplicación e, en todo caso, a través do Portal de museos da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://museos.xunta.gal/gl
3. Os centros museísticos inscritos no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia deberán empregar na súa identificación o termo que identifique a categoría acordada polo Consello da Xunta de Galicia.
Artigo 30. Distintivo de identificación do Sistema galego de centros museísticos
1. De conformidade co previsto no artigo 12 da Lei 7/2021, do 17 de febreiro, créase o distintivo de identificación do Sistema galego de centros museísticos. O modelo, a dimensión e as cores deste distintivo son os que figuran no anexo V.
2. Os centros que formen parte do Sistema galego de centros museísticos poderán exhibir na parte exterior da entrada principal, nun lugar visible, unha placa identificativa normalizada con este distintivo.
TÍTULO II
Plan museolóxico
Artigo 31. Definición
1. Para os efectos da regulación contida neste decreto, o plan museolóxico é o instrumento de planificación que ordena os contidos, as liñas de actuación, os obxectivos e as necesidades, así como a información necesaria relativa aos programas dun centro museístico.
2. A solicitude de creación dun centro museístico irá sempre acompañada da presentación dun plan museolóxico no cal se fará constar a natureza xurídica e a definición da entidade que promove a creación do centro, os seus obxectivos, as súas liñas programáticas en todas as áreas ou funcións, o carácter e definición das súas coleccións e das súas sedes, os equipamentos, as instalacións e os recursos, tanto materiais como humanos, para o seu funcionamento e mantemento.
Artigo 32. Contido do plan
1. O contido do Plan museolóxico para os centros museísticos con categoría de museos será o previsto no anexo III.
2. O contido do Plan museolóxico para os centros museísticos con categoría de coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural será o previsto no anexo IV.
3. A consellería competente en materia de centros museísticos poderá solicitar que se complemente a información relativa aos contidos previstos nos puntos anteriores, segundo a natureza específica do centro.
Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango sexan contrarias ao contido deste decreto.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
1. Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de centros museísticos para aprobar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.
2. Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de centros museísticos para a modificación dos anexos I e II.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezanove de xaneiro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

