DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 5 de febreiro de 2026 Páx. 10927

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2026 pola que se convoca o curso superior Deporte, empresa saudable e novas tendencias.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2026, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso superior Deporte, empresa saudable e novas tendencias, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O deporte é un fenómeno transversal que caracteriza a sociedade moderna. O seu desenvolvemento abrangue diferentes e variadas dimensións, que van desde a saúde e o benestar ata aspectos económicos e financeiros.

Unha das facianas onde o deporte, a través das súas diferentes manifestacións, xoga un rol salientable é no eido empresarial, nomeadamente no que atinxe á saúde laboral, á prevención de riscos de traballo ou á calidade corporativa. Por este motivo, en canto á promoción dunha «empresa saudable», o deporte albíscase como unha ferramenta fundamental.

Falar de empresa saudable non é xa un desexo de moitas entidades e organizacións senón que se está a converter nunha realidade cotiá que mellora o benestar físico, mental e social das persoas traballadoras. Ao promover hábitos saudables, previr riscos, reducir o estrés e fomentar un bo clima laboral, conséguese que as persoas traballen máis motivadas, con maior satisfacción e con menos problemas de saúde. Asemade, redúcese o absentismo, mellora a comunicación interna e contribúe a que o ambiente de traballo sexa máis seguro e agradable.

Todo isto tradúcese en beneficios directos como o aumento da produtividade e a atracción e retención de talento que proxecta unha imaxe corporativa máis positiva e responsable. En definitiva, a empresa saudable é unha estratexia que favorece tanto as persoas como a organización.

É por iso que mediante este curso pretende achegar aos seus destinatarios as principais cuestións referentes á empresa saudable, facendo especial fincapé nos aspectos onde o deporte pode servir como instrumento ou ferramenta facilitadora.

Segunda. Contidos

1. Contexto legal e institucional.

a. Marco legal das administracións públicas.

b. Marco xurídico do deporte: Organización institucional.

c. Aspectos económicos, sociais e culturais.

d. Absentismo e empresa saudable.

e. Os servizos públicos de emprego.

2. Saúde mental e benestar emocional na empresa.

a. A saúde mental como piar do rendemento laboral.

b. Prevención do estrés e xestión de riscos psicosociais.

c. Benestar emocional e clima laboral positivo.

d. Beneficios organizativos de promover a saúde mental.

3. O deporte como ferramenta de cambio.

a. O deporte como mensaxeiro de paz e solidariedade.

b. O deporte como axente de igualdade.

c. O deporte como aliado da non discriminación.

4. Intelixencia artificial, xestión deportiva e ODS.

a. A intelixencia artificial na xestión deportiva.

b. Innovación e tecnoloxía aplicada aos dereitos humanos no deporte.

c. ODS, economía e deporte.

d. A seguridade dixital: responsabilidades e dereitos.

5. Deporte corporativo e adherencia profesional.

a. O deporte corporativo como ferramenta de benestar laboral.

b. Impacto na produtividade e no rendemento profesional.

c. Adherencia profesional: participación continuada nas actividades deportivas.

d. Beneficios organizativos a longo prazo.

Terceira. Número de prazas

Sesenta (60).

Cuarta. Persoas destinatarias

Por orde de preferencia na selección haberá tres grupos de persoas destinatarias:

1. Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local; e das universidades do Sistema universitario de Galicia con responsabilidade ben na xestión de entidades e instalacións deportivas ou ben na realización de actividades orientadas aos servizos de emprego e actividades de empregabilidade.

2. Persoal de empresas e institucións privadas con responsabilidade no deseño, posta en marcha ou aplicación de programas deportivos e de empresa saudable.

3. Calquera persoa interesada nos contidos do curso.

O persoal indicado nos puntos 1 e 2 desta base deberá achegar documentación unha vez formalizada a súa inscrición tal como se indica na base sexta punto 5.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade de impartición: presencial.

2. Datas de desenvolvemento: os días 4, 11, 18, 25 de marzo; e 8 de abril de 2026.

Horario: de tarde, das 16.30 ás 20.30 horas.

3. Lugar de desenvolvemento: Escola Galega de Administración Pública; rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

4. Horas lectivas: terá unha carga lectiva de trinta (30) horas, distribuídas en 5 sesións presenciais (4 horas por sesión) máis dez (10) horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>.

As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, primeiro, a área na que está integrada esta actividade (Coñecementos transversais) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: curso superior Deporte, empresa saudable e novas tendencias.

5. Unha vez formalizada a súa matrícula, e antes de que finalice o prazo de inscrición, as persoas solicitantes indicadas na base 4.1 e 4.2 deberán achegar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal a documentación que acredite as responsabilidades indicadas en cada parágrafo (4.1 ou 4.2).

6. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 19 de febreiro de 2026.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración ao seguinte correo electrónico: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión e selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria.

A preferencia na selección atenderá ao disposto na base cuarta, puntos 1, 2 e 3.

O criterio de ordenación subsidiario en cada grupo será en todo caso a data e hora de presentación das solicitudes.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas admitidas, en reserva e excluídas para participar no dito curso de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 82.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 26 de febreiro de 2026, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Será obrigatoria a asistencia a todas as sesións do curso e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización da sesión a que se faltase. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que tivesen cumprido a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais e completado e superado o traballo autónomo do alumnado nos prazos estipulados pola dirección do curso. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso no que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública