DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11406

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2026 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos, convocado pola Resolución do 5 de xullo de 2023.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Resolución do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos (DOG núm. 129, do 7 de xullo), esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas previsto na base III da Resolución do 5 de xullo de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos (DOG núm. 129, do 7 de xullo); consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polo persoal aspirante.

As prácticas terán como finalidade a súa preparación para o exercicio das funcións específicas tanto do Instituto Galego de Estatística nas materias de coordinación, planificación, información, produción, modelización económica, síntese, análise e difusión.

Segundo. Organización e dirección

Encoméndase á Dirección do Instituto Galego de Estatística a organización e dirección do período de prácticas.

Terceiro. Destinos en prácticas

En atención á finalidade do período de prácticas establecido nas bases da convocatoria do proceso selectivo, a Dirección do Instituto Galego de Estatística disporá os departamentos ou servizos administrativos en que o persoal funcionario en prácticas recollido no anexo I deberá realizar esta fase do proceso selectivo.

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

O persoal funcionario en prácticas estará baixo a dependencia do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Cuarto. Duración e xornada de traballo

Segundo o disposto na base III.2 da convocatoria do proceso, o período de prácticas terá unha duración de seis (6) meses, que comezará o día 9 de febreiro de 2026 e rematará o 8 de agosto de 2026, ambos inclusive.

Desenvolverase de luns a venres co horario laboral xeral para o persoal da Administración da Xunta de Galicia (das 7.45 ás 15.15 horas).

Quinto. Sistema de cualificación

Unha vez rematado o período de prácticas o persoal funcionario nomeado coordinador das prácticas pola persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística remitiralle a esta un informe en que manifesten expresamente se o persoal funcionario en prácticas cumpriu ou non satisfactoriamente coas tarefas encomendadas.

A declaración definitiva de aptitude ou non aptitude competerá ao tribunal cualificador do proceso selectivo, logo de informe proposta da Dirección do Instituto Galego de Estatística.

Para a avaliación do persoal funcionario en prácticas é preciso que estes presten servizo polo menos o 90 % da duración total das prácticas. No caso de que non fose posible por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude da persoa interesada, mediante resolución da Dirección do Instituto Galego de Estatística. De ser o caso, estas persoas quedarán obrigadas a realizar o período de prácticas coa promoción inmediatamente posterior ao momento de desaparición da causa impeditiva, coa prelación que lle corresponda atendendo á puntuación obtida na fase de oposición.

Sexto. Non superación do período de prácticas

O persoal aspirante que non supere o período de prácticas perderá todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, mediante resolución motivada da Consellería de Facenda e Administración Pública por proposta da Dirección do Instituto Galego de Estatística e logo do informe favorable da Comisión de Persoal.

Sétimo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas o persoal aspirante será nomeado persoal funcionario en prácticas coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Oitavo. Réxime disciplinario

O persoal funcionario en prácticas estará sometido ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Noveno.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal

ANEXO I

Relación de persoas aspirantes convocadas para a realización do período de prácticas no proceso selectivo para o ingreso, polas quendas de acceso libre e de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de estatísticos, convocado pola Resolución do 5 de xullo de 2023

DNI

Apelidos e nome

***6080**

Soubrier Benavides, Jordán

***0761**

Viqueira Miranda, María del Pilar

***0060**

Rodríguez Mato, Silvia