DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11134

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 15 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible para o ano 2026 (código de procedemento MT975X).

A estratexia a impulsar en materia de xestión de residuos municipais, de cara ao horizonte 2030, debe de aliñarse coas directrices europeas, nacionais e autonómicas en materia de economía circular, loita contra o cambio climático e modernización dos servizos públicos. Neste senso, a Comisión Europea adoptou en 2020 o Plan de acción sobre a economía circular que constitúe un dos principais elementos incluídos no Pacto Verde Europeo, o cal marca as liñas orientadoras a nivel comunitario para alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050, preservar o noso ambiente natural e reforzar a nosa competitividade económica a través dunha economía completamente circular, en que os residuos se reduzan ao mínimo, os materiais se manteñan no ciclo económico durante o maior tempo posible, e se transformen os residuos en recursos útiles mediante procesos de reciclaxe, reutilización e valorización.

Este cambio de modelo cara á economía circular require dun complexo e longo proceso de transformación radical que afecta moi especialmente o sector dos residuos municipais, para os cales a Comisión Europea estableceu uns obxectivos moi ambiciosos, e vinculantes xuridicamente, derivados do paquete lexislativo do Plan de acción sobre a economía circular. En concreto, os obxectivos de preparación para a reutilización e reciclado de residuos municipais fixáronse para tres novos horizontes temporais: obxectivo do 55 % en 2025, 60 % en 2030 e 65 % en 2035. Estes residuos ademais teñen unha restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados en 2035.

Nese contexto, a nova Directiva (UE) 2025/1892 constitúe un fito fundamental ao actualizar e reforzar o marco lexislativo europeo en materia de residuos, establecendo obxectivos máis ambiciosos de prevención, reciclaxe e limitación da vertedura e ampliando a súa vixencia ata 2035. Esta directiva busca acelerar a transición cara a unha economía circular máis eficiente e respectuosa co ambiente, consolidando a traxectoria iniciada pola Comisión Europea coa adopción do paquete de economía circular en 2015 e coas directivas de 2018, e situando así un novo horizonte normativo que impulsa a sustentabilidade e a innovación no uso dos recursos.

Pola súa banda, a Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, establece o marco xurídico estatal para avanzar cara a este novo paradigma, articulando obrigas complementarias e específicas para as entidades locais en materia de residuos municipais, por exemplo: a ampliación das fraccións de residuos municipais para as cales a recollida separada é obrigatoria (biorresiduos, téxtiles, voluminosos e domésticos perigosos); o establecemento de porcentaxes máximas de impropios para os biorresiduos (20 % desde 2022 e 15 % desde 2027); no caso dos residuos téxtiles, insta a reforzar a rede de recollida municipal mediante acordos coas entidades de economía social; e obriga á implantación dunha taxa específica e diferenciada que permita avanzar cara a sistemas de pagamento por xeración, entre outras.

En materia de planificación autonómica, o Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia (PXRMG) 2030, aprobado o 12 de agosto de 2024, constitúe o instrumento reitor para pilotar a transición ao modelo circular do sector dos residuos municipais en Galicia, en liña coa Estratexia galega de economía circular (EGEC) 2030. O PXRMG 2030 recolle as prioridades de actuación, encamiñadas cara ao cumprimento dos obxectivos normativos do sector, entre elas, destacan: o establecemento de medidas de prevención na xeración de residuos; o incremento progresivo da cantidade de residuos destinados á preparación para a reutilización e reciclaxe; a mellora da recollida separada en todo o territorio galego, incluíndo a incorporación de novas fraccións de residuos (biorresiduos, téxtiles, voluminosos, domésticos perigosos); o aumento da rede de puntos limpos; as melloras nas infraestruturas existentes co fin de mellorar a recuperación de materiais e reducir a cantidade de residuos con destino a vertedoiro; e a promoción da dixitalización en toda a cadea de xestión ata o seu tratamento final, entre outras.

Pola súa banda, no programa Galicia Feder 2021-2027, o obxectivo específico E2 RSO2.6 Favorecer a transición cara a unha economía circular e eficiente no uso de recursos, está dirixido a favorecer unha maior implementación de estratexias de economía circular e a facilitar unha xestión máis adecuada dos residuos de calquera tipo.

Especificamente, a liña de actuación 2.6.01 (Aumentar a ecoeficiencia dos residuos) diríxese a desenvolver intervencións para deseñar modelos de xestión de residuos máis avanzados e fomentar o compromiso de todos os axentes involucrados para loitar contra a xeración de residuos, a través do desenvolvemento dunha serie de actividades previstas: creación dunha oficina técnica para o impulso da economía circular no sector dos residuos; campañas de comunicación e sensibilización; apoio ás empresas xestoras de residuos para a mellora da recuperación de materiais e rastrexabilidade; apoio para a mellora e adaptación dos puntos limpos de Galicia; apoio a entidades locais para fomentar a implementación de sistemas de pagamento por xeración nos modelos de xestión de residuos municipais, entre outras.

Así as cousas, para acadar os ambiciosos obxectivos comunitarios para a transformación circular do sector dos residuos municipais, faise necesario centrar os esforzos económicos en investimentos nos principais chanzos da xerarquía de residuos (prevención, preparación para a reutilización e reciclado), promovendo a innovación nos modelos de xestión, a dixitalización para a mellora da rastrexabilidade dos residuos e a implicación e sensibilización da cidadanía, entre outros.

Así mesmo, as actuacións deberán integrar os principios horizontais recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/1060, garantindo a igualdade de oportunidades, a igualdade entre mulleres e homes e a accesibilidade universal para as persoas con discapacidade.

Neste escenario, a Comunidade Autónoma de Galicia, consciente de que a consecución destes obxectivos estratéxicos afectan toda a comunidade no seu conxunto, e en virtude da competencia que ten atribuída en materia en xestión de residuos, considera axeitado o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal. En consecuencia, a presente convocatoria constitúe unha ferramenta chave para acelerar a transición verde e circular no eido local, garantir o cumprimento normativo e aliñar as políticas municipais co Pacto Verde Europeo, co Plan de acción sobre economía circular, co programa Galicia Feder 2021-2027, coa EGEC 2030 e co PXRMG 2030.

Para tal fin, serán obxecto de financiamento, ao abeiro desta convocatoria, actuacións destinadas a ampliar o grao de implantación territorial e a calidade da recollida separada da fracción dos biorresiduos, fomentando a recollida separada de biorresiduos nos grandes xeradores (establecementos de hostalería, restauración, comercios de alimentación, etc.) coa meta de alcanzar os obxectivos exixidos; incentivar a recollida separada de residuos téxtiles orientados á súa preparación para a reutilización e/ou reciclado; mellorar a rede de puntos limpos para facilitar a recollida e incrementar a captación dos residuos municipais especiais (voluminosos, RAEE, aceites de cociña usados, domésticos perigosos, etc.) e acometer proxectos de dixitalización que permitan o establecemento de taxas diferenciadas, tendentes ao pagamento por xeración.

As axudas desta convocatoria de subvencións serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2121-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, computando como cofinanciamento nacional o 40 % restante fondos propios da Comunidade Autónoma.

Esta convocatoria de subvencións é susceptible de ser cofinanciada no marco do dito programa de Galicia Feder 2021-2027, co seguinte encadramento:

a) Obxectivo político 2, Unha Europa verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía circular con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.6 Favorecer a transición cara a unha economía circular e eficiente no uso dos recursos (Feder).

c) Tipo de acción 2.6.1 Aumentar a ecoeficiencia dos residuos.

d) Subtipo de acción (CPSO): 2.6.1.2 Axudas á ecoeficiencia dos residuos.

As actuacións contribuirán ao cumprimento das metas previstas cara a 2029 dos indicadores establecidos para o obxectivo específico RSO2.6 Favorecer a transición cara a unha economía circular e eficiente no uso de recursos, do programa Galicia Feder 2021-2027, en particular dos seguintes indicadores:

a) Indicadores de realización RCO107 Investimentos en instalacións para a recollida selectiva de residuos (euros) e RCO34 Capacidade adicional para a reciclaxe de residuos (t/ano);

b) indicador de resultado RCR103 Residuos recollidos de maneira selectiva (t/ano).

Tipo de intervención: 067 Xestión de residuos domésticos: medidas de prevención, minimización, separación, reutilización e reciclado.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello (en diante, RDC). Así, os obxectivos do Feder perseguiranse en consonancia co obxectivo de promover o desenvolvemento sostible establecido no artigo 11 do TFUE, tendo en conta os obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, o Acordo de París e o principio de «Non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, polas súas siglas en inglés Do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC, o principio DNSH debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que fixa os obxectivos ambientais que hai que protexer:

1. Mitigación do cambio climático;

2. Adaptación ao cambio climático;

3. Uso sostible e protección dos recursos hídricos e mariños;

4. Transición cara a unha economía circular;

5. Prevención e control da contaminación;

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de conformidade co disposto no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, a conservación do patrimonio natural, a ordenación do litoral e promoción da paisaxe, a protección das augas, a loita contra o cambio climático e prevención da contaminación e as competencias na materia de instalacións de produción de enerxía a partir de fontes renovables, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos sinalados na Constitución española e no Decreto 49/2024, do 24 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Para o desenvolvemento destas funcións, segundo o artigo 12 do referido Decreto 137/2024, conta coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, que exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos residuos, de acordo cos principios de desenvolvemento sostible e da economía circular, así como en materia de responsabilidade ambiental e sancionadora que por razón da materia lle corresponda.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia e demais normativa de aplicación. Neste eido, en virtude do artigo 9, alínea 2. a) da Lei 6/2021, correspóndelles aos concellos, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan as súas respectivas ordenanzas de conformidade co marco normativo aplicable.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2025, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2017), así como no uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal. En concreto, inclúense proxectos orientados a ampliar o grao de implantación territorial e a calidade da recollida separada da fracción dos biorresiduos; proxectos que incentiven a recollida separada de residuos téxtiles; proxectos destinados á mellora da rede de puntos limpos de Galicia; e proxectos de dixitalización que permitan o establecemento de taxas de residuos diferenciadas. Ao mesmo tempo, faise pública a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT975X).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de entidade beneficiaria, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación da cal se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo, salvo que desista previamente da anterior.

4. Para poder ser entidade beneficiaria desta axuda, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables os conceptos que se citan a seguir para cada liña de axuda:

a) Liña 1: proxectos de ampliación do grao de implantación territorial e de mellora da calidade da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

Os proxectos recollerán a ampliación do grao de implantación territorial e a mellora da recollida separada da fracción orgánica, mediante a instalación de contedores na vía pública con control de acceso, ou outras modalidades de recollida que se adapten mellor ao territorio, así como a implantación/mellora en comunidades de propietarios, grandes produtores e/ou actividades económicas.

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos, así como as características que deben cumprir estes, son os que se recollen a seguir:

1º. Caldeiros domésticos de biorresiduos: o caldeiro para a recollida separada de biorresiduos será de tipo aireado e de cor marrón, total ou parcialmente. Deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior. Inclúense tamén os caldeiros domésticos de achega na vía pública para a recollida separada porta a porta de biorresiduos na vía pública.

2º. Caldeiros comunitarios de biorresiduos: caldeiros para as comunidades de propietarios. O caldeiro deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior, e deberán ser total ou parcialmente de cor marrón.

3º. Bolsas compostables de uso doméstico: bolsas compostables para a recollida separada da fracción orgánica que deberán cumprir coa norma UNE-EN 13432. Deberán incorporar, como mínimo, a identificación de que son bolsas compostables específicas para os residuos orgánicos, e poderán prever a incorporación de etiquetaxe específica para a rastrexabilidade da recollida.

4º. Sistemas de achega para o porta a porta: colgadores e/ou compartimentos de caldeiros ou bolsas individuais ou comunitarios para a recollida porta a porta.

5º. Sistemas de identificación de usuario e pesada: sistemas de identificación de usuario e pesada de bolsas, caldeiros e contedores e/ou de parede e os sistemas informáticos asociados necesarios (lectores, antenas, software). Non é subvencionable o mantemento, só a adquisición.

6º. Contedores intelixentes para a vía pública: os contedores para a recollida separada de biorresiduos na vía pública deberán ser, parcial ou totalmente, de cor marrón ou incorporar unha identificación de cor marrón. O contedor incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior. Deben incluír sistemas de identificación e opcionalmente pesada.

7º. Construcións de áreas de achega e control de acceso: construción de áreas de achega pechadas con contedores dentro destas e control de acceso de usuarios, incluíndo a tecnoloxía necesaria, mesmo para limitar a achega da fracción resto.

8º. Caldeiros para biorresiduos de grandes xeradores (*): deberán ser, parcial ou totalmente, de cor marrón ou incorporar unha identificación de cor marrón. O caldeiro incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

9º. Bolsas e fundas compostables para biorresiduos de grandes xeradores (*): bolsas e fundas compostables para a recollida separada da fracción orgánica que deberán cumprir coa norma UNE-EN 13432. Deberán incorporar, como mínimo, a identificación de que son bolsas compostables específicas para os residuos orgánicos.

10º. Actuacións de información, comunicación, difusión e sensibilización á poboación e seguimento do proxecto: as actuacións deberán incluír un plan de traballo e unha guía en que se detalle que biorresiduos son obxecto da recollida separada.

11º. Actuacións de información, comunicación, difusión e sensibilización aos grandes xeradores e seguimento do proxecto (*): as actuacións deberán incluír un plan de traballo e unha guía en que se detalle que biorresiduos son obxecto da recollida separada, así como a vixilancia e o control.

Nas actuacións que comprendan diferentes fraccións, como campañas de comunicación, peche de contedores, por exemplo, só serán elixibles os custos correspondentes ás porcentaxes asociadas ás fraccións subvencionadas, o que se determinará considerando as porcentaxes da bolsa tipo considerada no PXRUG.

(*) Entenderanse por grandes xeradores de biorresiduos os restaurantes, almacenistas, comedores, servizos de restauración colectiva e establecementos de consumo polo miúdo. A entidade solicitante só poderá solicitar financiamento para estes conceptos se xestiona os biorresiduos destes grandes xeradores de conformidade coas súas ordenanzas (conforme a lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, artigo 12, alínea 5.e).

b) Liña 2: adquisición de vehículos específicos para facilitar e estender a implantación territorial da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

Será subvencionable a compra de vehículos que utilicen a mellor tecnoloxía dispoñible co menor impacto ambiental, para facilitar e estender territorialmente unha recollida separada, eficiente e sostible dos biorresiduos, promovendo o peche de ciclo dos residuos orgánicos e contribuíndo aos obxectivos de economía circular e a protección do ambiente no municipio.

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxecto, así como as características que deben cumprir estes, son os que se recollen a seguir:

1º. Vehículo para a recollida específica de biorresiduos, preferiblemente non compactadores. O número máximo de camións subvencionables por solicitude será de 1 vehículo (camión).

O vehículo deberá levar serigrafiado nun lugar visible que é para a recollida separada de biorresiduos. Financiarase vehículos (camións) que utilicen a mellor tecnoloxía dispoñible co menor impacto ambiental.

Tendo en conta a singularidade do territorio galego, caracterizado pola dispersión da poboación e unha orografía accidentada, só será posible o financiamento de vehículos que posúan distintivo ambiental Eco ou cero emisións. Todos os vehículos adquiridos deberán ser de conformidade co artigo 7.1.h) do Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, que prohibe financiar investimentos que impliquen combustión de combustibles fósiles, agás aqueles destinados á adquisición de vehículos limpos segundo a definición da Directiva 2009/33/CE, modificada pola Directiva (UE) 2019/1161.

c) Liña 3: proxectos de ampliación do grao de implantación territorial e de mellora da calidade da separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Serán subvencionables as actuacións que impliquen o tratamento in situ dos biorresiduos, ben a través da promoción da participación cidadá en proxectos de compostaxe doméstica nas vivendas que dispoñan de terreo apto para iso, ou ben en zonas comúns postas á disposición polas entidades locais para o tratamento conxunto dos biorresiduos.

Así mesmo, poderán participar neste tipo de proxectos os grandes produtores de materia orgánica (establecementos de hostalaría, colexios, supermercados, mercados municipais, etc.), debendo quedar debidamente xustificada a idoneidade da zona en que se realice a compostaxe.

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos, así como as características que deben cumprir estes, son os que se recollen a seguir:

1º. Caldeiros domésticos de biorresiduos: o caldeiro para a recollida separada de biorresiduos será de tipo aireado e de cor marrón, total ou parcialmente. Deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior.

2º. Composteiros domésticos: composteiros para vivendas unifamiliares con xardín ou horto en que se depositen e se composten os biorresiduos.

3º. Construción de áreas de composteiros comunitarios: construción de áreas de composteiros comunitarios, ou a parte proporcional de áreas compartidas coa achega doutras fraccións de recollida separada.

4º. Composteiros comunitarios: composteiros para zonas comunitarias en que se depositen e composten os biorresiduos. Na contía máxima financiable para os composteiros comunitarios considérase incluídos os importes dos aireadores, termómetros e peneiras.

5º. Aireadores, termómetros e peneiras para a compostaxe doméstica: aireadores e termómetros específicos para controlar o proceso de compostaxe e peneiras para a cribaxe do compost obtido. Os aireadores, termómetros e peneiras da compostaxe comunitaria considéranse incluídos dentro da contía do concepto «composteiros comunitarios».

6º. Actuacións de formación, difusión, e seguimento do proxecto: as actuacións deberán incluír un plan de traballo, así como a vixilancia e o control. Entre esas actuacións incluirase unha guía para cada vivenda participante en que se detallen os biorresiduos que poden ser obxectos de compostaxe.

7º. Carteis explicativos nas áreas de compostaxe comunitaria. Os carteis deberán incorporar, como mínimo, a identificación dos materiais que se poden compostar, así como unha explicación das accións para levar a cabo polas persoas participantes (achega de material estruturante, proporción, etc.), e un teléfono ou correo electrónico de contacto para a resolución de dúbidas das persoas participantes.

8º. Implementación de ferramentas dixitais para a rastrexabilidade dos residuos xestionados a través da compostaxe in situ.

d) Liña 4: proxectos que incentiven a mellora da recollida separada da fracción de residuos téxtiles dos residuos municipais para destinalos a preparación para a reutilización ou reciclado.

Serán subvencionables, ao abeiro desta liña, proxectos que prevexan a implantación da recollida separada de residuos téxtiles, ampliando a cobertura poboacional e territorial desta recuperación material, mediante a instalación de contedores na vía pública para o depósito e almacenamento temporal para a súa posterior preparación para a reutilización e/ou reciclado.

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos, así como as características que deben cumprir estes, son os que se recollen a seguir:

1º. Contedores para a vía pública e para os puntos limpos. A resistencia dos contedores será a equivalente ao peso do contedor cheo de residuos téxtiles e estes deberán permitir a incorporación de sistemas de identificación e pesada. O contedor incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

2º. Actuacións de información, comunicación, difusión e sensibilización e seguimento do proxecto: as actuacións de difusión, comunicación e sensibilización á poboación atendida no proxecto, así como a vixilancia e o control.

e) Liña 5: melloras dos puntos limpos fixos existentes para facilitar e incrementar a recollida separada, a adecuada clasificación e a rastrexabilidade dos residuos municipais especiais (voluminosos, RAEE, téxtiles, aceites de cociña usados, domésticos perigosos, etc.), xestionados nestas instalacións.

Serán subvencionables, ao abeiro desta liña, proxectos e actuacións que teñan por obxecto a mellora nas instalacións municipais para facilitar e incrementar a recollida separada e a correcta clasificación dos distintos fluxos de residuos municipais especiais recollidos con obxecto de mellorar a súa reciclaxe, posibilitando a reintrodución de materias no ciclos produtivos e de consumo, así como para reducir a cantidade de residuos que se destina a eliminación.

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos son os que se recollen a seguir:

1º. A construción (incluíndo a adecuación do terreo e caseta de recepción/admisión) necesaria para a recollida separada dos distintos fluxos de residuos especiais.

2º. Cubertas para a zona de almacenamento de residuos. Priorizarase o pechado de residuos cuxa exposición ao sol e á auga teñan efectos prexudiciais para o seu reciclado ou valorización. En particular residuos de RAEE, pilas, téxtiles, vernices e outros residuos domésticos perigosos.

3º. Impermeabilización e recollida de derramamentos da zona de almacenamento de residuos perigosos.

4º. Compra de contedores e gaiolas apropiadas para o almacenamento das distintas fraccións de residuos. Teranse en conta, especialmente, aqueles proxectos que presenten un aumento das fraccións recollidas separadamente, en especial, as relacionadas con téxtiles e residuos domésticos perigosos. Neste concepto inclúense tanto contedores metálicos, gaiolas ou andeis.

5º. Básculas para pesada de entradas e saídas de residuos.

6º. Adquisición de ferramentas informáticas (incluído hardware, software, sensores ou dispositivos que permitan o rexistro de entradas, pesada e saídas de residuos) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recollidos e a elaboración do arquivo cronolóxico telemático.

7º. Elementos de información no propio punto limpo sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización.

8º. Melloras no control de acceso á zona de almacenamento de residuos tales como peches perimetrais, sistemas de control de acceso, peches de zona de almacenamento, sistemas de videovixilancia, alarmas, etc.

9º. Servizos complementarios á execución da obra, tales como honorarios de redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde.

f) Liña 6: adquisición de equipamentos para puntos limpos móbiles para estender o servizo da rede de puntos limpos de Galicia, incrementar a captación e a rastrexabilidade dos residuos municipais especiais (voluminosos, RAEE, téxtiles, aceites de cociña usados, domésticos perigosos, etc.) recollidos nestas infraestruturas móbiles.

Serán subvencionables, ao abeiro desta liña, proxectos destinados a favorecer a prevención, a recollida separada e adecuada clasificación de fluxos especiais de residuos municipais a través da adquisición do equipamento para os puntos limpos móbiles (non incluídos vehículos) para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola Rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma.

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos son os que se recollen a seguir:

1º. Adquisición de equipamentos para puntos limpos móbiles para a recollida de distintos tipos de residuos, podendo ser os seguintes modelos:

• Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

• Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

2º. Adquisición de elementos complementarios para a función que prestan os puntos limpos móbiles (ganchos, guindastres, etc.).

3º. Adquisición de básculas para pesada dos residuos recollidos.

4º. Adquisición de ferramentas informáticas (incluído hardware, software, sensores ou dispositivos que permitan o rexistro de entradas, pesada e saídas de residuos) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recollidos.

5º. Adquisición de elementos de información no propio punto limpo móbil sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización.

6º. Formación para o persoal do punto limpo móbil en materia de preparación para a reutilización con obxecto de seleccionar adecuadamente aqueles residuos susceptibles de ser preparados para a reutilización.

7º. Non será financiable dentro desta liña a adquisición de vehículos que se encarguen de trasladar o punto limpo móbil dun lugar a outro.

g) Liña 7: proxectos de dixitalización que permitan o establecemento dunha taxa diferenciada e específica para o servizo de xestión de residuos municipais, tendentes a implantar sistemas de pagamento por xeración.

Serán subvencionables, ao abeiro desta liña, proxectos destinados incorporar medidas de dixitalización no ámbito da xestión de residuos municipais, que permitan o establecemento dunha taxa diferenciada, específica e non deficitaria para este servizo municipal, de cara a promover a implantación progresiva de sistemas de pagamento por xeración e que reflicta os custos reais, directos e indirectos, da xestión de residuos. Esta dixitalización non só favorecerá a eficiencia deste servizo público senón tamén a obtención de gran cantidade de información, relativa á rastrexabilidade dos residuos, que poderá ser analizada para a toma de decisións e implementación de medidas adaptadas á realidade de cada municipio.

Os conceptos subvencionables dentro desta liña son os que se recollen a seguir:

1º. Elaboración de estudos técnicos previos de diagnose da situación actual, incluíndo estudos de viabilidade do modelo.

2º. Traballos de consultoría integral (técnica, xurídica e económica) para o deseño e a implantación do sistema de pagamento por xeración.

3º. Adaptación dixital do equipamento actual (camións, contedores, caldeiros, bolsas) e infraestruturas existes do servizo de residuos municipais (puntos limpos, puntos de achega en proximidade, espazos de PxR, etc.), como por exemplo sistemas de identificación de usuarios, sensores de enchido e/ou control de acceso nos contedores, chips para caldeiros de recollida porta a porta, sistemas GPS e de pesada nos camións, software de control e rexistro de entradas e saídas de residuos nas infraestruturas municipais, e outras que garantan a rastrexabilidade dos residuos recollidos.

4º. Adquisición ou desenvolvemento de software para a monitorización das achegas por parte dos usuarios, incluíndo apps móbiles e/ou servizos web.

5º. Desenvolvemento de aplicativos informáticos que permitan o cálculo dunha taxa diferenciada, específica e non deficitaria, para o servizo municipal de xestión de residuos, que teña en conta todas as fraccións de residuos municipais e a diferenciación ou redución no suposto de participación en recollidas separadas para a súa posterior reutilización, preparación para a reutilización ou reciclado en instalacións do ámbito da recollida municipal.

6º. Integración dos aplicativos municipais con outros sistemas e/ou ferramentas dixitais externas (xestores de residuos, plantas de tratamento, SRAP) ou internas (bases de datos municipais, padróns de abonados, etc.).

7º. Implantación de proxectos piloto, dirixido a un grupo limitado de usuarios finais, co obxectivo de identificar calquera problema, erro ou área de mellora antes de proceder ao despregue do modelo de pagamento por xeración en todo o municipio.

8º. Adquisición de software ou outros dispositivos electrónicos, non incluídos nos anteriores puntos, para o apoio nas tarefas de seguimento, vixilancia e control do funcionamento do servizo de residuos municipais (no relativo ao proxecto de dixitalización do servizo).

9º. Formación e capacitación do persoal técnico e operarios do servizo municipal de residuos.

10º. Elaboración de recursos e adquisición de material informativo para comunicar claramente os cambios á cidadanía e facilitar a correcta participación.

Artigo 4. Requisitos

1. Para seren subvencionables, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos específicos segundo a liña en que se encadren:

a) Requisitos específicos para a liña 1.

1º. Será obrigatorio que na fase de solicitude a entidade local identifique a instalación de destino dos biorresiduos. A instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, e non se permitirá o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

b) Requisitos específicos para a liña 2.

1º. Todos os vehículos adquiridos deberán utilizar a mellor tecnoloxía dispoñible co menor impacto ambiental (camións con etiqueta Eco ou cero emisións).

c) Requisitos para a liña 3.

1º. Deberán realizar un seguimento da actuación de, polo menos, 1 ano desde a implantación do proxecto que garanta o cumprimento dos obxectivos marcados no proxecto.

d) Requisitos para a liña 4.

1º. Será obrigatorio que na fase de solicitude a entidade local identifique a planta ou instalación de tratamento debidamente autorizada á cal ten previsto destinar os residuos téxtiles recollidos de forma separada.

e) Requisitos específicos para a liña 5.

1º. Para os efectos desta orde, non serán financiables, dentro da liña 5, os proxectos de mellora en instalacións de puntos limpos que non se atopen autorizados no momento da solicitude ou en trámite de autorizar.

2º. Será obrigatorio que, na fase de xustificación final da axuda, a instalación conte coa autorización pertinente para levar a cabo a actividade.

f) Requisitos específicos para a liña 6.

1º. Para subvencionar a implantación de puntos limpos móbiles, a entidade local deberá presentar unha declaración responsable conforme os residuos recollidos serán destinados a xestores de residuos autorizados.

g) Requisitos específicos para a liña 7.

1º. Os proxectos que poidan desenvolverse deberán considerar o seguinte:

• A actualización da información ou dos sistemas de análises de datos ao longo do tempo para as revisións das taxas.

• Os proxectos/sistemas desenvolveranse de conformidade co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas en que respecta ao tratamento de datos persoais e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

• Os proxectos/sistemas deberán cumprir co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos e o Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración Electrónica.

• Aplicaranse os principios, requisitos e medidas de seguridade adecuados tendo en conta o establecido na Lei 36/2015, do 28 de setembro, de seguridade nacional, o Real decreto 1150/2021, do 28 de decembro, polo que se aproba a Estratexia de Seguridade Nacional 2021, o Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade, outra normativa de desenvolvemento, así como as instrucións técnicas de seguridade e as guías de seguridade CNN-STIC Centro Criptolóxico Nacional.

• Deberase ter en conta os estándares de interoperabilidade establecidos a través do Esquema Nacional de Interoperabilidade nos seus documentos de traballo.

2º. Non será subvencionable o mantemento dos software ou hardware adquiridos, aínda que o devandito custo debe incorporarse ao cálculo da taxa.

3º. No momento da xustificación da axuda, as entidades locais beneficiarias dos proxectos/sistemas subvencionados deberán indicar os cálculos empregados para a confección da taxa.

Artigo 5. Gastos subvencionables e non subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido na Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027 (BOE núm. 313, do 30 de decembro).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, non é subvencionable cando é recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

h) Respecto dos bens de equipo de segunda man, non serán subvencionables excepto os que cumpran os requisitos seguintes:

• Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non teñen sido obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

• O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares. Estes requisitos acreditaranse mediante certificación de taxador independente.

i) Os custos de alugamentos (leasing, renting, etc.) e pagamento de servizos a terceiros.

j) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos deste, afecten fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.

k) A redacción das memorias xustificativas da axuda.

l) Os gastos de mantemento dos software ou hardware adquiridos.

m) A adquisición de vehículos para o traslado de puntos limpos móbiles (liña 6).

n) A adquisición de terreos.

ñ) Todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables, e na norma xeral 2 da Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027 (BOE núm. 313, do 30 de decembro), en relación co artigo 64 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE do 30 de xuño).

o) Investimento en eliminación de residuos en vertedoiros, coa excepción de investimentos para o desmantelamento, reconversión ou seguridade dos vertedoiros existentes sempre que os citados investimentos non aumenten a súa capacidade (artigo 7.1.f) do Regulamento (UE) nº 2021/1058).

p) Investimento para aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de refugallos residuais, coa excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de refugallo residuais con fins de economía circular (artigo 7.1.g) do Regulamento (UE) nº 2021/1058).

q) Investimento relacionado coa combustión de combustibles fósiles, salvo investimento en vehículos limpos, segundo se define na Directiva 2009/33/CE do Parlamento Europeo e do Consello, con fins públicos (artigo 7.1.h) do Regulamento (UE) nº 2021/1058).

3. No caso de ser preciso, as entidades solicitantes poderán contratar ou subcontratar a totalidade das actuacións subvencionables, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007. Deberanse identificar o contratista e subcontratista. Cando a actividade concertada con terceiros supere o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación quedará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se formalice por escrito.

b) Que a súa formalización sexa previamente autorizada pola entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.

En ningún caso se poderán contratar ou subcontratar actividades que, aumentado o custo da actividade obxecto da subvención, non achegue valor engadido ao seu contido.

En ningún caso se poderá contratar ou subcontratar con aquelas persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións previstas no artigo 29.7 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos seus regulamentos de desenvolvemento.

Para dar cumprimento ao principio de non causar dano significativo ao ambiente (DNSH), os contratistas e subcontratistas asinarán unha declaración responsable, segundo o modelo establecido no anexo VII destas bases.

Será de aplicación a normativa vixente en materia de contratación pública.

4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, aqueles que afectan de xeito xenérico o proxecto e que se determinan con base no método de custos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 (RDC).

5. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos nestas bases reguladoras.

Artigo 6. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541D.760.1 (código de proxecto 2026 00010) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 procedentes do programa Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Galicia Feder 2021-2027 cun importe total de cinco millóns cento vinte e nove mil oitocentos setenta e seis euros (5.129.876,00 €), coa seguinte distribución:

Liñas de axudas

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2026

Liña 1. Biorresiduos

06.03.541D.760.1

2026/00010

730.000,00 €

Liña 2. Vehículos

1.774.876,00 €

Liña 3. Compostaxe

560.000,00 €

Liña 4. Téxtiles

125.000,00 €

Liña 5. Punto limpo fixo

1.300.000,00 €

Liña 6. Punto limpo móbil

350.000,00 €

Liña 7. Dixitalización e PxX

290.000,00 €

TOTAL

5.129.876,00 €

2. As subvencións que se conceden ao abeiro desta orde están cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, contando cunha taxa de cofinanciamento Feder do 60 %, un 40 % de fondos propios da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

3. As axudas desta convocatoria de subvencións serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, computando como cofinanciamento nacional o 40 % restante de fondos propios da Comunidade Autónoma.

A porcentaxe restante será asumida pola entidade beneficiaria cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 30.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 5.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 45.000 €.

b) Liña 2: o importe máximo da subvención non poderá superar os 120.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 150.000 €.

c) Liña 3: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 20.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 2.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 26.000 €.

d) Liña 4: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 8.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 1.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 10.000 €.

e) Liña 5: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 80.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 110.000 €.

f) Liña 6: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 15.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 2.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 21.000 €.

g) Liña 7: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 15.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 1.000 € máis por cada entidade participante a maiores da cal figure na solicitude, ata un máximo de 18.000 €.

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2026.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2026 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

5. Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resultasen suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes de outras liñas en que os fondos se esgotasen, e serán prioritarias as solicitudes correspondentes á liña 7, en segundo lugar as da liña 1, en terceiro lugar as da liña 3, cuarto lugar a liña 4, quinto a liña 6, sexto a liña 2, e en último lugar as da liña 5.

6. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Esta ampliación publicarase nestes medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

7. As subvencións que se concedan ao abeiro desta orde encádranse no programa Galicia Feder 2021-2027, tipo de intervención 067. Xestión de residuos domésticos: medidas de prevención, minimización, separación, reutilización e reciclaxe, do seguinte xeito:

a) Obxectivo político 2, Unha Europa verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía circular con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.6 Favorecer a transición cara a unha economía circular e eficiente no uso dos recursos (Feder).

c) Tipo de acción 2.6.1 Aumentar a ecoeficiencia dos residuos.

d) Subtipo de acción (CPSO) 2.6.1.2 Axudas e ecoeficiencia dos residuos.

e) Indicadores de realización RCO107 Investimentos en instalacións para a recollida selectiva de residuos (euros) e RCO34 Capacidade adicional para a reciclaxe de residuos (t/ano);

f) indicador de resultado RCR103 Residuos recollidos de maneira selectiva (t/ano).

Artigo 7. Solicitude e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

En todo caso, non se admitirán a trámite e se ditará resolución de inadmisión e arquivamento daquelas solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido neste artigo.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario de solicitude normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. As entidades locais que cumpran os requisitos para ser entidade beneficiaria de acordo co establecido nos artigos precedentes poderán concorrer a esta convocatoria ao abeiro das sete liñas subvencionables recollidas nestas bases reguladoras, e deberán presentar unha solicitude por cada liña, tendo en conta as contías máximas de axuda establecidas no artigo 6 destas bases reguladoras.

6. As solicitudes poderaas presentar un concello de xeito individual ou conxuntamente máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que á súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

7. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que desempeñen a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

8. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo do correo electrónico: fondos-mrr@xunta.gal. Para os casos concretos de dúbidas nas solicitudes iniciais terán o seguinte número de teléfono á disposición das persoas solicitantes: 981 54 17 34.

Artigo 8. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das obras e dos servizos será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo 3 ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación da obra ou do servizo.

En todo caso, a solicitude de tres ofertas entenderase cumprida coa publicidade da licitación, ao quedar garantida a competencia en tal suposto, e as entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da devandita Lei.

4. Para dar cumprimento ao principio de non causar dano significativo ao ambiente (DNSH), os contratistas e subcontratistas asinarán unha declaración responsable, segundo o modelo establecido no anexo VII destas bases, e no caso de contratos de obras deberán, ademais, cumprir as condicións específicas establecidas no artigo 22.9 destas bases reguladoras.

5. Deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, fondos Feder, e da Xunta de Galicia en todo o proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto coa declaración de cofinanciamento, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

No cumprimento desta obriga, as entidades beneficiarias coidarán especialmente de que en toda a documentación relacionada coa execución do proxecto subvencionado se utilicen as medidas de información.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán presentar a documentación xeral e técnica que se indica a seguir:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

b) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

c) Acreditación en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

d) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán achegar:

1º. Documentación xustificativa da persoa física ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada, que deberá incluír, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan expresamente a presentación da solicitude.

2º. Identificar a relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe de subvención que vai aplicar cada entidade membro da agrupación.

6º. Anexo de pluralidade de solicitantes (anexo VI).

e) Memoria técnica do proxecto para o cal se solicita a subvención que deberá conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as que se solicita a axuda e segundo o que se sinala a seguir.

1º. Tipoloxía e nome do proxecto.

2º. Breve descrición do proxecto presentado, e será indispensable que inclúa unha cuantificación da mellora esperada coa execución do proxecto en materia de circularidade na xestión dos residuos municipais (ampliación da cobertura poboacional, ampliación de capacidade de tratamento, cantidades de residuos que se vaian recoller, cantidades de residuos destinadas á preparación para a reutilización e reciclado, e redución da xeración de residuos, cando proceda), así como a referencia aos criterios de valoración asignados a cada liña de actuación (artigo 16). No caso de proxectos correspondentes ás liñas 5 e 6 deben incluír xustificación razoada e coherente dos residuos por código LER que se vaian tratar e das novas capacidades das instalacións, e no caso de proxectos correspondentes á liña 7, estimación do incremento das cantidades das distintas fraccións de residuos municipais recollidas e da redución esperada na súa xeración, se procede.

3º. Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

4º. Introdución e diagnose da situación actual na materia do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

5º. Obxectivos do proxecto e descrición detallada das súas actuacións (materiais necesarios, tipo e cantidade) poboación atendida e sectores ou axentes implicados. Será precisa neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

6º. Indicadores establecidos que permitan avaliar o establecemento das medidas implantadas, a cuantificación dos resultados esperados, e o cumprimento dos obxectivos fixados e medidas de seguimento e resultados específicos do proxecto que se vai desenvolver.

7º. Programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídas no orzamento en cada anualidade que se remita e tendo en conta o recollido nestas bases reguladoras.

8º. O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

9º. Orzamento detallado das actuacións que se van solicitar e identificado claramente o importe que se prevé imputar a cada anualidade. O orzamento deberá identificar con detalle os conceptos polos que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, de ser o caso, e tendo en conta o establecido nestas bases reguladoras en relación cos períodos subvencionables e os prazos para a xustificación.

Toda a documentación técnica debe ser presentada nun único documento, que se titule do seguinte xeito «Memoria_técnica».

f) No caso de solicitudes relativas á liña 1, deberán presentar:

1º. Anexo I.A debidamente cuberto.

2º. Identificación da instalación de destino dos biorresiduos. A instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os biorresiduos recollidos de forma separada deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o para o tratamento da fracción orgánica procedente da recollida municipal, e non se permitira o tratamento conxunto con outro tipo de residuos de orixe industrial.

g) No caso de solicitudes relativas á liña 2, deberán presentar:

1º. Anexo I.B debidamente cuberto.

2º. Ficha técnica do vehículo adquirido ou calquera outro documento que acredite o distintivo ambiental exixido.

h) No caso de solicitudes relativas á liña 3, deberán presentar:

1º. Anexo I.C debidamente cuberto.

i) No caso de solicitudes relativas á liña 4, deberán presentar:

1º. Anexo I.D debidamente cuberto.

2º. Identificación da instalación de destino dos residuos téxtiles. Instalación ou centro de tratamento prevista para tratar os residuos téxtiles recollidos de forma separada, tendo en conta que deberá de tratarse dunha instalación ou centro debidamente autorizada/o.

j) No caso de solicitudes relativas á liña 5, deberán presentar:

1º. Anexo I.E debidamente cuberto.

2º. Declaración responsable asinada polo representante da entidade das novas capacidades da instalación (capacidade máxima, capacidade normal e códigos LER ampliados) no caso de producirse unha ampliación.

k) No caso de solicitudes relativas á liña 6, deberán presentar:

1º. Anexo I.F debidamente cuberto.

2º. Declaración responsable conforme os residuos recollidos serán destinados a xestores de residuos autorizados.

l) No caso de solicitudes relativas á liña 7, deberán presentar:

1º. Anexo I.G debidamente cuberto.

m) Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4.

n) Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 16 desta orde, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

ñ) Documentación acreditativa da representación. A representación poderá acreditar por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia e en todo caso segundo o recollido no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se pode obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste defecto (presentación presencial) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución pola que desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación desde de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Así mesmo, os proxectos que opten ás subvencións que se rexen polas presentes bases reguladoras deberán acompañarse da documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas ampliadas.

h) Consulta de axudas do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19, punto 1º, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

1. A Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático será o órgano competente para a instrución do procedemento, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade será o órgano competente para resolver o procedemento por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en virtude do recollido na disposición derradeira primeira desta orde.

Artigo 14. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que revisará todas as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. No caso de estar incompleta, ter erros ou non presentar toda a necesaria, o defecto nas solicitudes seralles notificado ás persoas interesadas, e de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este requirimento de emenda tamén se efectuará se, das certificacións obtidas de conformidade co artigo 10 destas bases reguladoras, resulta que a persoa solicitante non está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma; nestes casos, a entidade solicitante terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos, xunto co correspondente informe do órgano instrutor, á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas xunto coa documentación requirida serán postas á disposición dunha comisión de avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 16 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, ou persoa en que delegue, e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade exercerá de persoa secretaria da Comisión.

3. A referida comisión realizará a valoración técnica dos expedientes admitidos ou non denegados e emitirá un informe tendo en conta os criterios sinalados no artigo 16 en que identificarán, de xeito individualizado, a puntuación obtida por cada unha das entidades solicitantes que acadaron a fase de avaliación, mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. No informe constará a relación das entidades coas correspondente puntuacións obtida segundo os criterios de valoración.

4. Este informe será remitida ao órgano instrutor, que elaborará a proposta de resolución con base na puntuación obtida por cada unha das entidades solicitantes na fase de valoración técnica, que será elevada á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ou persoa en que delegue, para a súa resolución.

As persoas que formen parte do órgano competente para a concesión e os membros dos órganos colexiados de valoración de solicitudes, de ser o caso, nas fases de valoración de solicitudes e resolución de concesión, deberán asinar electronicamente unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI).

As persoas que interveñan no proceso de selección das persoa beneficiarias ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI).

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as que recae o dito conflito, e deberá absterse de intervir na súa selección coa fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación, a que se refire o artigo 15 desta orde, valorará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que a seguir se sinalan para cada unha das liñas subvencionables previstas:

a) Liña 1.

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

• Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 10 puntos.

• Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 3 puntos por concello ata un máximo de 20 puntos.

3º. Incremento da capacidade de recollida separada de residuos (liña 1), ata 30 puntos.

4º. Solicitudes en que se inclúa a implantación ou mellora da recollida separada de biorresiduos dirixida a grandes produtores, 20 puntos.

b) Liña 2.

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 70 puntos.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

• Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 10 puntos.

• Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 3 puntos por concello ata un máximo de 20 puntos.

c) Liña 3.

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

• Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 10 puntos.

• Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 3 puntos por concello ata un máximo de 20 puntos.

3º. Incremento da cantidade de biorresiduos tratados por compostaxe in situ en t/ano, ata 30 puntos.

4º. Solicitudes en que se inclúa a implantación ou mellora da recollida separada de biorresiduos dirixida a grandes produtores, 20 puntos.

d) Liña 4.

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 50 puntos.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

• Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 10 puntos.

• Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 3 puntos por concello ata un máximo de 20 puntos.

3º. Incremento da capacidade de recollida separada de residuos, ata 20 puntos.

e) Liña 5 (PLF).

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 40 puntos.

2º. Aumento da capacidade de almacenamento en % sobre a capacidade que figure na autorización, ata 40 puntos.

3º. Solicitude presentada polo concello na presente orde para as liñas 1, 2 ou 3, ata 20 puntos.

f) Liña 6 (PLM).

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 40 puntos.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

• Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 10 puntos.

• Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 3 puntos por concello ata un máximo de 20 puntos.

3º. Solicitude presentada polo concello na presente orde para as liñas 1, 2 ou 3, ata 30 puntos.

g) Liña 7 (Dixitalización e PxX).

1º. Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 70 puntos.

2º. Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto de dixitalización común, ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

• Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 10 puntos.

• Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 3 puntos por concello ata un máximo de 20 puntos.

2. A puntuación resultante será a suma de aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 30 puntos, sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

3. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios previstos no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

Artigo 17. Resolución

1. O órgano instrutor elevará as correspondentes propostas de concesión ao órgano competente para resolver.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades beneficiarias.

b) A relación das entidades locais que non acadaron a condición de entidade beneficiaria.

c) Porcentaxe de cofinanciamento por parte da entidade beneficiaria.

d) Liña de axuda da cal é beneficiaria.

e) A contía da axuda.

f) Prazo para a execución.

g) As obrigas que corresponden ás entidades beneficiarias, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter, en todo caso, o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

3. O prazo máximo para resolver será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución do procedemento de concesión. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://sirga.xunta.gal

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións dos actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración Xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, e deberanse cumprir, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. A persoa representante das entidades locais municipais, supramunicipais ou agrupacións de entidades locais beneficiarios disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela mediante presentación do anexo VIII desta convocatoria ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida. A aceptación da axuda implica aceptar a inclusión da operación e dos seus datos na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do RDC, que se publicará no portal web da Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda: https://fondoseuropeos.gob.es/es-es/Paginas/Inicio.aspx

A falta da aceptación expresa terá como consecuencia a non obtención da axuda e o arquivamento do expediente

2. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

3. A renuncia á subvención regularase de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedarán obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, contratación pública, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade, e a normativa ambiental exixible, en particular, a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulten de aplicación polas características ou localización do proxecto.

3. Realizar o proceso de tramitación, adxudicación e execución da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción de comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

5. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao último pagamento ao beneficiario, previsión recollida no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estes aspectos deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. A axuda só será definitiva se non sofre unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade antes de transcorridos cinco anos do seu remate.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo mínimo de cinco (5) anos contado a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, segundo exixe o artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

8. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia á subvención concedida no momento en que se produza a certeza da non execución.

9. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «Non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. No caso de que a actuación considere obras con actividades de construción ou reforma de edificacións, será preciso que se cumpran as seguintes condicións específicas para garantir o cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente:

1ª. Polo menos, o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución das obras prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2ª. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización, que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

O cumprimento das citadas condicións específicas verificarase da seguinte forma:

No caso da 1ª condición específica, deberán achegarse os certificados de xestión de residuos de construción e demolición destinados á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Lista europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadada.

No caso da 2ª condición específica, deberá achegarse un certificado expedido pola empresa contratista conforme que, para a execución do presente contrato, non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

10. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todas as transaccións correspondentes aos investimentos subvencionados con fondos Feder ao abeiro destas bases reguladoras que permita identificar claramente as ditas transaccións e a súa rastrexabilidade, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade.

11. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

12. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como a inclusión na listaxe de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060.

13. Facer constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia no caso de accións de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto cunha declaración de «Cofinanciado pola Unión Europea-Feder», de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo III destas bases.

14. Cumprir as obrigas de visibilidade da axuda do fondo establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060, en particular as seguintes:

• As entidades beneficiarias recoñecerán a axuda da Unión Europea á operación e para iso, no sitio web oficial e nos medios sociais, de ser o caso, farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada en relación co nivel da axuda, cos seus obxectivos e resultados e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

• Proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible en documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, como por exemplo nos peches ou valos de obra que se coloquen durante a execución das actuacións.

• Exhibirán placas publicitarias resistentes nun lugar ben visible para o público, de tamaño mínimo A3 e colocadas ao comezo da execución da obra, en que figure o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo III destas bases.

• Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá manter, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así o solicitan.

• Respectaranse, en todo caso, as directrices contidas no documento sobre o uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento sobre disposicións comúns.

15. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou, en xeral, as verificacións previstas no artigo 74 do RDC que realicen o organismo intermedio, a autoridade de xestión e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control como a Oficina de Loita contra o Fraude ou a Fiscalía Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

16. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, evitar dobre financiamento, falsificacións de documentos, etc., así como proporcionar información para a detección dos posibles riscos, xunto coa obriga de lle comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude. Estas medidas poderán derivar na revisión dos procedementos para evitar os riscos de fraude e poderán dar lugar, no caso de que se avalíe como alto o risco de fraude, a rexeitar a solicitude da axuda polo reintegro da axuda recibida (artigo 74.1.c) do Regulamento (UE) 2021/1060.

17. Adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

18. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

19. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

20. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

21. Dispoñer das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a esta disposición.

22. Previr na execución das actuacións calquera discriminación baseada en xénero, raza ou orixe étnica, relixión ou crenzas, discapacidade, idade ou orientación sexual.

23. Comunicar calquera litixio que afecte a operación.

24. No caso de proxectos que encaixen dentro da definición destes establecida no artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, achegar a documentación xustificativa do cumprimento desta normativa.

25. No caso de que o proxecto implique a execución de infraestruturas cuxa vida útil supere os 5 anos, achegar con carácter previo á concesión da axuda a análise da defensa contra o cambio climático exixida no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, de acordo coa «Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia» dispoñible no enderezo https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2027/proteccion-de-infraestruturas-fronte-ao-cambio-climatico

Nos proxectos en que resulte preceptiva, pode integrarse na avaliación de impacto ambiental.

26. As actuacións que poidan afectar espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao abeiro da Lei 5/2019, de patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia.

27. As actuacións que poidan afectar os bens culturais ou o seu contorno deberán ser autorizadas polo órgano administrativo competente en materia de patrimonio natural.

28. Acreditar a realización da análise da defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, para infraestruturas cunha vida útil superior aos cinco anos, tendo en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16.9.2021) e as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión ou o organismo intermedio dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.

Artigo 23. Período subvencionable

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre a presentación da solicitude de axuda e o 1 de novembro de 2026, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con data límite a 1 de novembro de 2026.

Artigo 24. Prazo de execución

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 1 de novembro de 2026.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A solicitude do pagamento efectuarase pola entidade beneficiaria a través de medios electrónicos mediante a presentación do anexo IV, que se xunta a título informativo, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Con esta solicitude acompañarase a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá solicitar a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nestas bases reguladoras.

Este requirimento de emenda tamén se efectuará se, das certificacións obtidas de conformidade co artigo 10 destas bases reguladoras, resulta que a entidade solicitante non está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma; nestes casos, as entidades solicitantes terán que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación, requirirase igualmente a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

5. O órgano instrutor comprobará de oficio que a instalación conte coa autorización pertinente para levar a cabo a actividade, segundo o previsto no artigo 4 desta orde.

Artigo 26. Documentación xustificativa do investimento

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que, de conformidade co contido requirido na fase de solicitude, identifique, entre outras cuestións, as actividades realizadas e os resultados obtidos en relación cos indicadores de seguimento e avaliación propostos, incluíndo as toneladas de residuos que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos nesta materia e as toneladas de residuos municipais preparadas para a reutilización ou reciclaxe. A memoria debe incluír, polo menos, as seguintes epígrafes:

a) Nome do proxecto.

b) Descrición detallada do proxecto realizado. Dentro desta descrición débense incluír evidencias gráficas dos materiais e equipamentos adquiridos, execución das reformas e obras (finalizadas e na medida do posible en fase de execución) e as actuacións realizadas (estudos, informes, xornadas informativas, actuacións de formación, etc.), se procede.

c) Descrición e xustificación dos resultados obtidos en relación cos indicadores marcados na memoria inicial. No caso de desviacións sobre o inicialmente solicitado, explicar os motivos.

d) Cobertura poboacional acadada do sistema implantado tras a execución do proxecto, nova capacidade de tratamento de residuos municipais (por tipoloxía de residuos), toneladas de residuos recollidos, destinados a preparación para a reutilización e reciclado, e residuos evitados, se procede, e, en todos os casos, por tipoloxía de residuos.

e) Para a liña 7 memoria explicativa da metodoloxía de cálculo empregada para a confección da taxa, cando proceda.

f) Cronograma dos traballos feitos diferenciando as actuacións realizadas por meses.

g) Orzamento en detalle do proxecto finalizado e xustificación das desviacións sobre o proxecto inicial, se é o caso.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos que deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 23 destas bases.

b) Certificación expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Esta certificación fará constar, como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe e a data de emisión. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra. Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando a entidade beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se tivesen efectuado a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipo de segunda man, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga constar a aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo 3 ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación da obra ou do servizo.

h) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para a as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. Documentación que acredite o cumprimento das obrigas de visibilidade da axuda do fondo establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Na seguinte ligazón poderán descargar o Manual de identidade visual que establece a Secretaría de Fondos Europeos onde se establece a identidade visual para a comunicación e difusión dos fondos estruturais e de investimento en España. (https://www.fondoseuropeos.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/ipr/fcp2020/c/Paginas/IdentidadVisual.aspx).

5. Para proxectos das liña 1, 4 e 6 acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación do punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Se é o caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

Para proxectos da liña 5 será obrigatorio que, na fase de xustificación final da axuda, a instalación conte coa autorización pertinente para levar a cabo a actividade.

6. Licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

7. Declaración responsable asinada polos contratistas e subcontratistas, en que se comprometen a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de DNSH no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo VII destas bases.

8. No caso de proxectos que encaixen dentro da definición establecida no artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deberá remitirse tamén xustificación acreditativa do cumprimento da normativa ambiental comunitaria, estatal e autonómica vixente, en particular a normativa reguladora da Rede Natura 2000 e demais espazos naturais protexidos, a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e o Real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, no caso de que resulten de aplicación polas características ou localización do proxecto.

9. Os certificados sinalados no artigo 22.9, nos casos que sexa procedente.

Artigo 27. Pagamento da axuda

1. O aboamento da subvención practicaráselle directamente ao concello beneficiario na conta bancaria indicada por este, que deberá ser da súa titularidade. En caso das entidades locais supramunicipais ou agrupacións de entidades locais, o pagamento realizarase a cada membro da agrupación na proporción indicada na xustificación da axuda.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria, que se fará efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación desta. De acordo co devandito artigo 63, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

Para acollerse á modalidade de pagamento anticipado as entidades beneficiarias deberán solicitalo expresamente no prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso, o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. Conforme o artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte dos concellos beneficiarios.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, así como o cumprimento do principio de «Non causar prexuízo significativo» ao ambiente na execución das actuacións subvencionadas.

Os órganos competentes da Consellería concedente poderán solicitar á entidade beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. O pagamento realizarase, logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 28. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se a entidade beneficiaria xustifica conceptos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe concedido entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 % do importe de cada unha das actuacións, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

b) Suporá a perda de ata un 3 % da subvención concedida o incumprimento das obrigas de publicidade durante o período de mantemento do investimento.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención polo que a gradación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas na citada Lei.

Artigo 30. Rexistro Público de Subvencións e Base de datos nacional de subvencións

A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Publico de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable de Galicia. As entidades terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3 /2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, ou proporcionaráselles o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así como de cesión de información entre estes sistemas e o sistema de fondos europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Asemade, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 31. Comprobación de subvencións

1. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 32. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

3. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarse á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

4. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 33. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 34. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 35. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamento de Galicia.

g) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

h) Regulamento (UE) 2021/1060, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

i) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

j) Regulamento (UE) 2023/955, do Parlamento Europeo e do Consello, do 10 de maio de 2023, polo que se establece un Fondo Social para o Clima e se modifica o Regulamento (UE)2021/1060.

k) Decisión de execución da Comisión, do 7 de decembro de 2022, pola que se aproba o programa Galicia Feder 2021-2027 para recibir axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do obxectivo de investimento en emprego e crecemento para a Comunidade Autónoma de Galicia en España.

l) Directrices sobre axudas estatais en materia de protección de ambiente e enerxía 2014/2020.

m) Orde HFP/1414/2023, do 27 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondeo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

n) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos. Así como o resto de normas da Unión Europea sobre a materia e estatais de desenvolvemento ou transposición delas.

Disposición derradeira primeira

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Publicidade do cofinanciamento con fondos da Unión Europea no marco do programa operativo Galicia Feder 2021-2027

MT975X - Axudas a entidades locais galegas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal. Feder 2021-2027

Deberes dos beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto nos artigos 46 e seguintes do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, así como das disposicións específicas do programa Galicia Feder 2021-2027 e da normativa autonómica aplicable deberanse de cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación das actuacións que desenvolvan os investimentos (carteis informativos, placas, publicacións impresas ou electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións de prensa, certificados, etc.) o beneficiario deberá recoñecer o apoio da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente e mostrando os seguintes logos:

a) O emblema da Unión Europea conforme as normas gráficas oficiais, xunto coa mención «Cofinanciado pola Unión Europea».

b) A referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e ao programa Galicia Feder 2021-2027.

c) O logotipo institucional da Xunta de Galicia e, se é o caso, do órgano concedente da axuda.

d) Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

2. Medidas de comunicación específicas. As persoas ou entidades beneficiarias deberán aplicar, entre outras, as seguintes medidas:

a) Páxina web e medios dixitais: en caso de dispoñer de páxina web ou perfís en redes sociais, deberá incluírse información sobre a operación financiada, o obxectivo e os resultados obtidos, mencionando o apoio da Unión Europea.

b) Materiais impresos e audiovisuais: toda publicación, cartel, folleto, vídeo ou outro material de difusión relacionado co proxecto deberá incorporar os elementos de identificación citados no punto 1.

c) Cartelaría e placas informativas: o beneficiario deberá colocar, nun lugar visible para o público, polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque os logotipos e a mención ao Feder.

d) En investimentos materiais ou infraestruturas, deberá instalarse unha placa permanente unha vez finalizada a execución, conforme o modelo e especificacións establecidas pola autoridade de xestión do programa.

O formato que deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

3. Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a persoa beneficiaria deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación.

Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea se así llo solicitan.

A persoa beneficiaria deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso del emblema europeo no contexto dos programas da UE2021-2027.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file