DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11229

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 15 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible para o ano 2026 (código de procedemento MT975X).

BDNS (Identif.): 881952.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatorias/881952

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables sinaladas nesta orde.

2. Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en particular, a identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de entidade beneficiaria, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación da que se integre. De darse o caso, non se admitirá a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo, salvo que desista previamente da anterior.

4. Para poder ser entidade beneficiaria desta axuda, as entidades locais deberán ter presentadas as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal. En concreto, inclúense proxectos orientados a ampliar o grao de implantación territorial e a calidade da recollida separada da fracción dos biorresiduos; proxectos que incentiven a recollida separada de residuos téxtiles; proxectos destinados á mellora da rede de puntos limpos de Galicia; e proxectos de dixitalización que permitan o establecemento de taxas de residuos diferenciadas. Ao mesmo tempo, faise pública a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento MT975X).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 15 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible para o ano 2026 (código de procedemento MT975X).

Cuarto. Crédito e contía

As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.541D.760.1 (código de proxecto 2026 00010) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 procedentes do programa Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao Programa Galicia Feder 2021-2027 cun importe total de cinco millóns cento vinte e nove mil oitocentos setenta e seis euros (5.129.876,00 €), coa seguinte distribución:

Liñas de axudas

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Ano 2026

Liña 1. Biorresiduos

06.03.541D.760.1

2026/00010

730.000,00 €

Liña 2. Vehículos

1.774.876,00 €

Liña 3. Compostaxe

560.000,00 €

Liña 4. Téxtiles

125.000,00 €

Liña 5. Punto limpo fixo

1.300.000,00 €

Liña 6. Punto limpo móbil

350.000,00 €

Liña 7. Dixitalización e PxX

290.000,00 €

Total

5.129.876,00 €

As subvencións que se conceden ao abeiro desta orde están cofinanciadas no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, contando cunha taxa de cofinanciamento Feder do 60 %, un 40 % de fondos propios da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

As axudas da presente convocatoria de subvencións serán cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa de Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do 60 % do gasto elixible, computando como cofinanciamento nacional o 40 % restante de fondos propios da Comunidade Autónoma.

A porcentaxe restante será asumida pola entidade beneficiaria cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 30.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 5.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 45.000 €.

b) Liña 2: o importe máximo da subvención non poderá superar os 120.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 150.000 €.

c) Liña 3: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 20.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 2.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 26.000 €.

d) Liña 4: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 8.000 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 1.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 10.000 €.

e) Liña 5: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 80.000€. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 10.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 110.000 €.

f) Liña 6: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 15.000€. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 2.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 21.000 €.

g) Liña 7: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 15.000€. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse, no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, en 1.000 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 18.000 €.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2026.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 1 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2026 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Para o caso de que nalgunha das liñas as solicitudes beneficiarias non resultasen suficientes para esgotar os fondos dispoñibles, o crédito sobrante poderá destinarse á cobertura de solicitudes doutras liñas en que os fondos se esgotasen, e serán prioritarias as solicitudes correspondentes á liña 7, en segundo lugar as da liña 1, en terceiro lugar as da liña 3, cuarto lugar a liña 4, quinto a liña 6, sexto a liña 2, e en último lugar as da liña 5.

De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Esta ampliación publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

As subvencións que se concedan ao abeiro desta orde encádranse no Programa de Galicia Feder 2021-2027, tipo de intervención 067. Xestión de residuos domésticos: medidas de prevención, minimización, separación, reutilización e reciclaxe, do seguinte xeito:

a) Obxectivo político 2, Unha Europa verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía circular con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sostible. Dentro deste obxectivo, as medidas reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.6. Favorecer a transición cara a unha economía circular e eficiente no uso dos recursos (Feder).

c) Tipo de acción 2.6.1 Aumentar a ecoeficiencia dos residuos.

d) Subtipo de acción (CPSO) 2.6.1.2 Axudas e ecoeficiencia dos residuos.

e) Indicadores de realización RCO107 Investimentos en instalacións para a recollida selectiva de residuos (euros) e RCO34 Capacidade adicional para a reciclaxe de residuos (t/ano);

f) indicador de resultado RCR103 Residuos recollidos de maneira selectiva (t/ano).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

En todo caso, non se admitirán a trámite e se ditará resolución de inadmisión e arquivamento daquelas solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido neste artigo.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario de solicitude normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático