Expediente: IN407A 2025/198-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Ampliación de potencia do CTI Moi (36ABS0).
Concello: Dozón.
Feitos:
1. O 30.9.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Ampliación de potencia do CTI Moi (36ABS0).
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Fabián Fernández Martínez, colexiado 4783 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 12.704,92 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a ampliación do centro de transformación Moi (36ABS0) de 25 kVA a 50 kVA. As obras están situadas no lugar de Moi, na parroquia de Saa, no concello de Dozón (Pontevedra).
2. Non hai administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas.
3. O 10.12.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Ampliación de potencia do CTI Moi (36ABS0).
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Ampliación de potencia do centro de transformación intemperie Moi (36ABS0) a 50 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V.
A instalación está situada no lugar de Moi, na parroquia de Saa, no concello de Dozón (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Ampliación de potencia do CTI Moi (36ABS0), expediente IN407A 2025/198-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparamenta eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 30 de decembro de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
