DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11427

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2025/181-4).

Expediente: IN407A 2025/181-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS RED709 e substitución CTI Cadaval 36AY83 por CTC.

Concello: Redondela.

Feitos:

1. O 18.9.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS RED709 e substitución CTI Cadaval 36AY83 por CTC.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2.980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 107.727,15 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade adecuar un tramo da liña de media tensión aérea LMTA RED709 entre o apoio A5ITEEMX e o centro de transformación intemperie Cadaval (36AY83), debido ao mal estado de conservación dos apoios e á existencia de distancias antirregulamentarias. Para isto están previstas as seguintes actuacións no lugar do Cadaval, na parroquia de Reboreda (Santa María), no concello de Redondela (Pontevedra):

Desmontaxe do centro de transformación intemperie Cadaval (36AY83) e a súa substitución por un novo centro de transformación prefabricado en envolvente de formigón, 2L+1P, telecontrolado, de 250 kVA.

Desmontaxe do tramo aéreo entre o apoio A5LMFM9I e o centro de transformación actual Cadaval.

Retensado do van en condutor LA-30 e substitución do apoio A5LMFM9I por un apoio final de liña, C-2000/14, con cruceta H35, con reconectador e cun paso aéreo subterráneo para enlazar coa liña de media tensión subterránea existente que alimenta o centro de transformación Casal-Asnelle (36H563).

Proxéctase unha liña de media tensión subterránea en dobre circuíto de 296 metros para alimentar o centro de transformación proxectado e pechar o bucle.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela, Augas de Galicia e o Servizo de Infraestruturas Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Redondela.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. O 9.12.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS RED709 e substitución CTI Cadaval 36AY83 por CTC.

Consideracións legais e técnicas.

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do apoio A5LMFM9I da LMTA RED709 por un apoio C-2000/14, con función de fin de liña e paso aéreo subterráneo, no cal se instala, ademais, un reconectador telecontrolado.

– Retensado do van contiguo ao apoio proxectado C-2000/14 (116 metros de condutor LA-30).

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1x150) mm² Al, de 296 metros de lonxitude, con orixe e final no punto de acceso á rede proxectado para enlace coa LMTS derivación ao centro de transformación Casal-Asnelle 36CWJ7, facendo entrada e saída no novo centro de transformación proxectado Cadaval.

– Centro de transformación compacto telecontrolado a 250 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na parcela de referencia catastral 36045A018009400000WU, estrada do Cadaval a Reboreda.

– Desmontaxe do centro de transformación intemperie Cadaval 36AY83.

– A instalación está situada no Cadaval, parroquia de Reboreda (Santa María), no concello de Redondela (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS RED709 e substitución CTI Cadaval 36AY83 por CTC, expediente IN407A 2025/181-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellos eléctricos que empreguen gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación perante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e das normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de decembro de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra