DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11432

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello do Grove (expediente IN407A 2025/076-4).

Expediente: IN407A 2025/076-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Substitución do CS praia A Lanzada (36CVM7).

Concello: O Grove.

Feitos:

1. O 4.4.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Substitución do CS praia A Lanzada (36CVM7).

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira eléctrica Carlota Martínez Rúa, colexiada 4776 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 34.349,14 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a regulamentación no centro de seccionamento praia A Lanzada (36CVM7), no concello do Grove, por esgotarse a vida útil da instalación. Para isto están previstas as seguintes actuacións:

– Substitúese o centro de seccionamento 36CVM7 existente por un novo prefabricado 3L de manobra exterior e con telecontrol.

– Substitución do paso aéreo subterráneo actual ata o novo centro de seccionamento.

– Substitución das dúas liñas de media tensión subterránea de saída en RHZ1-3×240 desde o centro de seccionamento ata o punto de acceso á rede existente. Un total de 31 metros en dúas actuacións, repartidos nunha primeira actuación de 21 metros e nunha segunda de 10 metros de lonxitude.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Grove, a Axencia Galega de Infraestruturas, o Instituto de Estudos do Territorio, o Servizo do Litoral, o Servizo de Montes e o Servizo do Patrimonio Natural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo de Montes.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Debido ao informe do Servizo de Montes, que recolle que as obras proxectadas afectarían terreos da CMVMC de San Martiño, este departamento territorial requiriulle á empresa promotora os acordos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados.

4. O 18.8.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. achegou os acordos acadados coa CMVMC de San Martiño.

5. O 21.8.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Substitución do CS praia A Lanzada (36CVM7).

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, de 21 metros de lonxitude, con orixe no paso aéreo subterráneo no apoio 9ODLD86C//D01 da liña VLG805 e final no novo centro de seccionamento proxectado praia A Lanzada.

– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, de 10 metros de lonxitude (2×5 metros), con orixe no novo centro de seccionamento proxectado A Lanzada e final nos empalmes coa liña VLG805 ao centro de transformación praia A Lanzada e coa liña VLG805 ao centro de transformación Sanatorio.

– Centro de seccionamento con celas compactas e corte en SF6 (3L, 2 telecontroladas), situado na parcela con referencia catastral 36022A020003810000EX.

A instalación está situada na Lanzada, no concello do Grove (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución do CS praia A Lanzada (36CVM7), expediente IN407A 2025/076-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e as directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellos eléctricos que empreguen gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e das normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de decembro de 2025

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra