BDNS (Identif.): 885428.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/885428
Primeiro. Obxecto
Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2026, co fin de promover a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
Segundo. Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
1. Estar matriculado durante o curso 2025/26 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.
3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Terceiro. Financiamento
O importe total destinado para esta convocatoria será de 12.000 € (doce mil euros) con cargo aos recursos de fondos propios asignados á Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, aplicación orzamentaria 14.04.322C.480.0, código de proxecto 2024 00084, conforme o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025.
Cuarto. Modalidades e dotación económica dos premios
Dúas modalidades de premios:
1. Modalidade A: ciclos de grao superior.
2. Modalidade B: ciclos de grao medio.
En cada modalidade, os tres mellores proxectos de empresa recibirán os seguintes premios:
– Incorporación a algún dos viveiros que compoñen a Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á Área de Emprendemento Industrial do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional.
– Asesoramento técnico da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
– Dotación económica de 3.000, 2.000 e 1.000 euros para o 1º, 2º e 3º premio, respectivamente.
O importe dos premios estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
Quinto. Bases reguladoras
Orde do 29 de decembro de 2025 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2026 dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (código de procedemento TR880C).
Sexto. Presentación de solicitudes e prazo
1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de maio de 2026.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
