DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 6 de febreiro de 2026 Páx. 11328

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a particulares para a renovación de sistemas de saneamento no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento AU300C).

En Galicia, a evacuación das augas residuais domésticas mediante a descarga a un sistema de sumidoiros colectivo non sempre é a solución máis axeitada, tanto desde o punto de vista técnico coma económico.

Factores como a elevada dispersión da poboación, unha topografía accidentada ou a elevada pluviometría fan que a depuración autónoma sexa a solución óptima para resolver moitos problemas do saneamento e depuración nas contornas rurais. Así, ben que o saneamento illado foi considerado durante moito tempo como unha solución temporal á espera da súa conexión ao sistema de depuración municipal, os novos enfoques e criterios no deseño de esquemas de depuración descentralizados mostran que, en moitas ocasións, son unha solución tecnicamente eficaz, económica e ambientalmente sustentable a longo prazo.

Aínda que o obxectivo prioritario é previr calquera risco para a saúde, propia e da veciñanza, tamén o é limitar o impacto sobre o ambiente e participar así no esforzo colectivo de protección dos recursos hídricos.

Toda vivenda sen posibilidade de acometida aos sumidoiros públicos deberá utilizar sistemas individualizados separados, un para a evacuación de augas pluviais e outro de evacuación de augas residuais dotado dun sistema de depuración particular. As augas pluviais poderán almacenarse para a súa posterior utilización na propia vivenda, ou ben evacuarse ao terreo, preferiblemente, a unha canle natural ou a unha rede de drenaxe pluvial pública.

A evacuación de augas residuais deberá realizarse conectándoa ao sistema de sumidoiros públicos. Non obstante, as ordenanzas municipais reguladoras dos servizos de xestión de sumidoiros poden establecer unha distancia máxima a partir da cal non é obrigatoria esta conexión. En ausencia desa ordenanza, será de aplicación a distancia de 50 metros recollida no regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.

Por estes motivos, considerouse necesario cooperar coas persoas físicas a través dunha convocatoria de subvencións destinada á instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 26 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 13 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas a particulares para a instalación de sistemas de depuración autónomos no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU300C).

Esta nova convocatoria de subvencións dá continuidade á liña de colaboración iniciada cos particulares responsables de sistemas de saneamento, para que estes poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de saneamento e depuración.

A presente convocatoria introduce como novidades máis destacadas respecto da convocatoria anterior o feito de que se subvenciona a renovación dos sistemas de saneamento xa existentes e non a primeira instalación, polo que se exixe que a obra estea finalizada no momento de presentar a solicitude. Ademais, amplíase o ámbito territorial da convocatoria para os efectos de poder atender actuacións que se realicen en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, non só nos concellos situados no ámbito territorial da demarcación hidrográfica de Galicia Costa.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a particulares para a renovación de sistemas de saneamento no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar estas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento AU300C).

2. A finalidade destas subvencións é contribuír a que as vivendas unifamiliares xestionen de forma axeitada as súas augas residuais domésticas a través dunha solución de depuración autónoma.

3. Estas subvencións tramitaranse de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con suxeición aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Réxime de concesión

1. A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas subvencións tramitaranse mediante o procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As solicitudes presentadas tramitaranse por orde de entrada, correcta e completamente presentadas no rexistro, ata o esgotamento do crédito.

Enténdese que a solicitude está correcta e completamente presentada cando non deba ser obxecto de requirimento ou cando, sendo obxecto dun requirimento, este sexa contestado no prazo establecido no artigo 18.2 desta resolución de convocatoria.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas físicas que conten cun sistema de saneamento que non cumpra os rendementos de depuración previstos no artigo 4 desta resolución e teñan a autorización de vertedura ou a solicitasen antes da finalización do prazo de xustificación da subvención para un sistema de depuración autónomo dunha vivenda unifamiliar instalado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para poder obter a condición de beneficiario, todos os solicitantes deberán:

a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia e non ter pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

3. Ningún solicitante poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 4. Actuacións subvencionables e requisitos das solicitudes

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á renovación de sistemas de saneamento que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que os sistemas de depuración autónomos se sitúen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que as augas residuais procedan de vivendas unifamiliares.

c) Que os rendementos de depuración que se pretende acadar coas instalacións de depuración ou as porcentaxes mínimas de redución cumpran os seguintes valores, ben referidos ao límite de parámetros ou ben referidos á porcentaxe mínima de redución, alternativos:

Parámetros

Límite

Porcentaxe mínima de redución

DBO5

200 mg/L

20 %

DQO total

300 mg/L

30 %

Sólidos en suspensión

150 mg/L

50 %

Aceites e graxas

25 mg/L

Deterxentes

3 mg/L

d) Que o volume de almacenamento total sexa igual ou maior a dous metros cúbicos e que teñan, como mínimo, dúas cámaras.

e) Que, cando resulte exixible para a obtención da autorización de vertedura, o sistema dispoña da preceptiva marcación CE conforme coa norma UNE-EN 12566, ou norma que no futuro a substitúa.

f) Que a vertedura se produza por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación subterráneo.

g) Que estean instalados a máis de vinte metros dunha captación subterránea, consonte o disposto no artigo 23.3.a) da normativa do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia Costa, aprobado polo Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro.

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa recuperable pola persoa física beneficiaria, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o solicitante deberán declarar expresamente se o imposto sobre o valor engadido (IVE) dos gastos subvencionables é ou non recuperable.

3. Non será subvencionable a primeira instalación dun sistema de depuración autónomo.

4. As persoas solicitantes desta subvención deberán contar coa autorización de vertedura ou co xustificante de ter solicitado a dita autorización con anterioridade á finalización do prazo de xustificación da subvención.

5. A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo en que se sitúe o sistema de saneamento.

Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase na fase de solicitude, mediante a sinatura da correspondente declaración responsable de propiedade e plena dispoñibilidade incluída no anexo I.

No caso de tratarse de copropiedades, deberá achegarse a autorización de todos os copropietarios para a realización da actuación para a cal se solicita a subvención.

6. Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, coa comunicación previa ou, de ser necesaria, coa correspondente licenza municipal. Todo isto sen prexuízo dos restantes informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos.

O cumprimento deste requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

7. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo constituirá causa de inadmisión da solicitude ou de perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro de 2026. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Será gasto subvencionable a renovación dun sistema de saneamento. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Non serán gastos subvencionables, ademais dos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os gastos de adquisición de equipamento e materiais de segunda man, de actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o sistema de saneamento, de xuros, recargas, sancións administrativas, sancións penais nin de procedementos xudiciais.

Artigo 6. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fin de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos mil euros (200.000,00 €), aplicación orzamentaria 06.82.542B.781.0.

2. O esgotamento do crédito con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Augas de Galicia.

Artigo 7. Tramitación anticipada de gasto

A tramitación levarase a cabo mediante procedemento anticipado de gasto, conforme o previsto no artigo 25 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Polo Acordo do Consello da Xunta, do 17 de outubro de 2025, aprobouse o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026. Para os efectos da tramitación do expediente de gasto, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A dita tramitación está condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Artigo 8. Ampliación de crédito

1. Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Neste suposto, atenderanse as solicitudes que, cumprindo os requisitos previstos nesta convocatoria inicialmente, non obtivesen a subvención por falta de crédito dispoñible e quedasen nunha listaxe de espera, ordenadas pola súa data de presentación e ata o esgotamento do crédito ampliado.

Artigo 9. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións será do 100 % do investimento da actuación proposta, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), ata esgotar o crédito da convocatoria, co límite máximo de catro mil euros (4.000 €) por vivenda unifamiliar.

Artigo 10. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

As persoas solicitantes deberán declarar todas as subvencións que solicitasen e/ou obtivesen para o mesmo fin.

2. As persoas beneficiarias están obrigadas a comunicar ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza un exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 16 de febreiro de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 16 de marzo de 2026.

Artigo 12. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que a persoa solicitante acepta as condicións e os demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro da resolución de convocatoria, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a persoa solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

e) Que a persoa solicitante cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que a persoa solicitante é propietaria, ou copropietaria autorizada polo resto de copropietarios para realizar as actuacións obxecto da subvención, da parcela onde se pretende renovar o sistema de saneamento, coa referencia catastral que se indica.

g) Que a vertedura obxecto da solicitude non está obrigada a conectarse á rede de depuración municipal en cumprimento do disposto na ordenanza municipal ou, subsidiariamente, no Regulamento marco do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia, aprobado polo Decreto 141/2012, do 21 de xuño.

h) Que a persoa solicitante conta cun sistema de saneamento que non cumpre os rendementos de depuración previstos no artigo 4 da resolución de convocatoria e que é titular dunha autorización de vertedura do organismo competente ou, na súa falta, que a solicitará antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

i) Que a persoa solicitante realizou ou vai realizar a comunicación previa ou, de ser necesario, vai solicitar a licenza municipal antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

j) Que a persoa solicitante solicitou ou, na súa falta, vai solicitar todos os informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais que sexan precisos antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

k) Que as actuacións para as que se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban finalizadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas subvencións.

l) O carácter recuperable ou non do imposto sobre o valor engadido (IVE) por parte da persoa solicitante, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

m) Que as augas residuais proveñen dunha vivenda unifamiliar.

n) Que a vertedura se producirá por infiltración no terreo mediante un sistema de evacuación soterrado.

ñ) Que o sistema de depuración autónomo se instalará a máis de vinte metros dunha captación subterránea.

o) Que a persoa solicitante é titular da conta bancaria indicada na que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso.

3. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación que se considere necesaria para a tramitación do procedemento.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de actuar por medio dun representante, acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante.

b) No caso de copropiedades, autorización de todos os copropietarios da parcela onde está instalado o sistema de saneamento que se pretende renovar para solicitar a subvención regulada na presente resolución de convocatoria e compromiso de actuar en nome e representación da copropiedade.

c) Aquelas persoas solicitantes que non teñan ao seu nome na base de datos do Catastro a parcela onde está instalado o sistema de saneamento que se pretende renovar deberán presentar a documentación acreditativa da titularidade daquela: escritura de propiedade, nota simple informativa do rexistro da propiedade, testamento ou calquera outro título válido en dereito.

d) Orzamento detallado da subministración do sistema de depuración autónomo. Os conceptos incluídos no orzamento deberán contar co detalle suficiente para que Augas de Galicia poida comprobar a natureza dos gastos e se estes son subvencionables segundo o regulado na resolución de convocatoria.

e) Fichas, certificados e demais documentación técnica do sistema de depuración autónomo que se pretende instalar, coa información necesaria para verificar o cumprimento dos requisitos recollidos nesta convocatoria para as actuacións subvencionables.

2. A falta de presentación da documentación indicada neste artigo será obxecto de requirimento de emenda, e aplicarase o previsto nesta resolución no suposto de non atender ao requirimento.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados con anterioridade pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se debe seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, unha vez presentada a solicitude de subvención, poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación sobre o cumprimento de obrigas derivadas da xestión dos tributos en materia de augas que deba emitir Augas de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesión ampliado.

i) Consulta de axudas do Estado.

j) Certificado de titularidade catastral.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web de Augas de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, Augas de Galicia requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou á consellería competente en materia de facenda ou a Augas de Galicia e da verificación do DNI/NIE.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, Augas de Galicia poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta resolución e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiaria da subvención.

Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, elaborarase unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que consta se desprende que as persoas físicas propostas como beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder á subvención.

A proposta de resolución proporá a inadmisión das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará, segundo proceda, ben o outorgamento da subvención ben a desestimación e a non concesión, por inadmisión, desistencia, renuncia ao dereito, esgotamento do crédito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sección do Contencioso Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, cunha antelación mínima de tres meses á data de finalización do prazo de xustificación.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións autorizadas na resolución de concesión, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da axuda concedida.

3. Para a modificación da resolución non se poderán ter en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: memoria xustificativa da modificación, orzamento modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación, pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia, logo da instrución do correspondente procedemento.

Artigo 21. Desistencia da solicitude, aceptación e renuncia

1. As persoas interesadas poderán desistir da súa solicitude a través do modelo que se achega como anexo II.

2. Os particulares beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida de maneira expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo II.

Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os particulares beneficiarios da subvención, unha vez aceptada esta, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal se concedeu a subvención.

Artigo 22. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo da subvención nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actuacións obxecto da subvención, de acordo co establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a persoa beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

De acordo con este artigo, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servicio ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

De acordo co disposto no artigo 118 da citada Lei 9/2017, do 8 de novembro, considéranse contratos menores os contratos de valor estimado inferior a 40.000 €, cando se trate de contratos de obras, e a 15.000 euros, cando se trate de contratos de subministración ou de servizos.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

6. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, observarase o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse con anterioridade ou simultaneamente á presentación da xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos e, en todo caso, tan axiña como se coñeza.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

9. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 23. Contratación

1. As persoas beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a persoa beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tal e como se recolle no artigo 22.5.c) desta resolución.

A persoa beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/a adxudicatario/a.

Artigo 24. Xustificación e pagamento

1. Os beneficiarios terán de prazo para presentar a xustificación do investimento da subvención concedida ata o 15 de outubro de 2026.

2. Os beneficiarios deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, o anexo III desta resolución, no cal expresamente declararán:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro da presente resolución de convocatoria, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que non está incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarios dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o beneficiario está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.

3. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Documentación e fotografías que acrediten a renovación do sistema de saneamento.

b) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificaranse o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas, poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

c) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

d) Xustificante de estar en posesión da autorización de vertedura do organismo competente ou xustificante de tela solicitado antes da finalización do prazo de xustificación da subvención.

e) Xustificación de ter presentado a comunicación previa ou, de ser necesaria, de ter solicitado a correspondente licenza municipal.

f) Informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos segundo o caso concreto, ou xustificantes de telos solicitado.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspeccións que considere necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas persoas beneficiarias.

Artigo 25. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI de Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 27. Medidas antifraude

1. Son de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que se poden consultar nas seguintes ligazóns:

https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía, onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustaranse ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Definición de vivenda unifamiliar

Para os efectos da consideración dunha vivenda como unifamiliar, terase en conta o disposto no punto C.2. do anexo I do Decreto 29/2010, do 4 de marzo, polo que se aproban as normas de habitabilidade de vivendas de Galicia.

Disposición adicional segunda. Definición de renovación dun sistema de saneamento

Para os efectos desta convocatoria, enténdese por renovación dun sistema de saneamento o conxunto das actuacións necesarias para substituír un sistema de saneamento existente ou algún dos seus elementos por outro sistema que permita acadar os rendementos de depuración previstos no artigo 4 desta resolución.

Disposición adicional terceira. Tramitación da autorización de vertedura

1. Os solicitantes da subvención deberán contar con autorización de vertedura ou co xustificante de tela solicitado con anterioridade á xustificación da subvención.

Para a tramitación da autorización de vertedura atenderase ao disposto no Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, en xeral, e, en particular e para o caso das verteduras de augas residuais domésticas que non superen os 50 habitantes equivalentes, atenderase ao disposto no artigo 253 bis do dito regulamento.

2. A concesión da autorización de vertedura procedente do sistema de saneamento autónomo non supón que se cumpran os requisitos para conceder a subvención, requisitos que deberán ser atendidos no correspondente procedemento de tramitación desta solicitude de subvención.

3. A concesión da subvención para a renovación do sistema de saneamento non supón que se cumpran os requisitos para conceder a autorización de vertedura, requisitos que deberán ser atendidos no correspondente procedemento de tramitación desta solicitude de autorización.

Disposición adicional cuarta. Guía para a configuración dunha depuración autónoma

Na seguinte ligazón á páxina web de Augas de Galicia pódese consultar a Guía para a configuración de solucións de depuración autónoma ata 10 habitantes:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=738433&name=DLFE-68079.pdf

Disposición adicional quinta. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, ampliar o crédito da convocatoria, ampliar o prazo de xustificación, modificar a resolución de convocatoria ou de concesión da subvención, para resolver os recursos que se presenten contra as resolucións que se diten e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional sexta. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia .

Disposición adicional sétima. Visibilidade da sinatura electrónica

Co fin de facilitar a tramitación do expediente e verificar de forma axeitada a validez e data de emisión da documentación presentada, recoméndase que todos os documentos asinados de maneira electrónica inclúan a sinatura visible, de xeito que se poidan comprobar de forma clara a identidade da persoa asinante e a data de sinatura.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file