O emprendemento é unha forza esencial para o crecemento económico, a innovación e o desenvolvemento social, que impulsa a creación de solucións a desafíos actuais e contribúe á transformación de sectores clave. Non se limita á creación de novas empresas, senón que tamén fomenta a innovación dentro de organizacións existentes, promovendo a adaptabilidade e mellora continua.
Nun contexto de acelerados cambios tecnolóxicos, o emprendemento representa unha ferramenta crucial para afrontar desafíos sociais, económicos e ambientais, actuando como un axente de inclusión e igualdade de oportunidades, especialmente para comunidades desfavorecidas. A formación é clave para cultivar unha mentalidade emprendedora desde idades temperás, potenciando habilidades como a creatividade, a iniciativa e a autonomía, fundamentais para aproveitar as oportunidades do mercado actual e futuro.
O desenvolvemento das competencias emprendedoras no alumnado achega beneficios tanto a nivel persoal como profesional e, á vez, contribúe positivamente á sociedade, fortalecendo a competitividade e promovendo a creación de riqueza.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, ten a función de impulsar e coordinar o emprego xuvenil e fomentar o emprendemento no eido educativo nas súas distintas modalidades, en coordinación coa consellería competente en materia de educación; así se recolle no artigo 43 do Decreto 147/2024, do 20 de maio de 2024, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
En virtude desta competencia, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convoca o concurso Eduemprende Idea 2026 no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, mediante o que pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino-aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego.
O Plan de emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende, posto en marcha pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, xunto coa consellería competente en materia de emprendemento, pretende sensibilizar toda a comunidade educativa e favorecer a introdución da cultura emprendedora no alumnado, proporcionando os medios e os instrumentos necesarios para conseguilo.
Entre as accións desenvolvidas dentro deste plan atópase o programa Eduemprende Idea, enmarcado na colaboración establecida entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o desenvolvemento de actuacións conxuntas a favor do impulso do espírito emprendedor.
Os premios regulados nesta orde outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2026, co fin de promover a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
Artigo 2. Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
1. Estar matriculado durante o curso 2025/26 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.
2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única co poder suficiente para cumprir coas obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.
3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.
Artigo 3. Modalidades, características e dotación económica dos premios
Premiarase os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.
1. Modalidade A: ciclos de grao superior e cursos de especialización.
– Incorporación a algún dos viveiros que compoñen a Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á Área de Emprendemento Industrial do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional.
– Asesoramento técnico da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
– Dotación económica:
• 1º premio: 3.000 €.
• 2º premio: 2.000 €.
• 3º premio: 1.000 €.
O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
2. Modalidade B: ciclos de grao básico e grao medio.
– Incorporación a algún dos viveiros que compoñen a Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á Área de Emprendemento Industrial do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional.
– Asesoramento técnico da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.
– Dotación económica:
• 1º premio: 3.000 €.
• 2º premio: 2.000 €.
• 3º premio: 1.000 €.
O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.
Artigo 4. Orzamento
O importe total destinado para esta convocatoria será de 12.000 € (doce mil euros) con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.322C.480.0 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, do exercicio orzamentario do ano 2026. Esta convocatoria regúlase por tramitación anticipada de gasto, condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de maio de 2026.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Dado o nivel educativo en que se atopan as persoas candidatas e a posibilidade de utilizar os recursos de que dispón o centro de ensino a que pertencen, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación da solicitude da axuda será a electrónica.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.
4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo II: ficha de persoas participantes (unha por cada participante).
b) Anexo III: proxecto empresarial.
c) Vídeo de presentación do proxecto, tipo Elevator Pitch, cunha duración máxima de 2 minutos. No caso de non poder achegar o vídeo polo tamaño do arquivo, poderá achegarse un documento no cal se recolla un enderezo web onde poder ver ou descargar o vídeo.
2. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que se realizou a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Requisitos xerais dos materiais e recursos dixitais
1. Requisitos de forma:
a) Os traballos serán orixinais e inéditos.
b) Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.
2. Requisitos técnicos:
a) Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún complemento específico nun navegador.
b) Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.
Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 10. Instrución do procedemento
1. A Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión dos premios, e corresponderalle ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración ditar a correspondente resolución de adxudicación para cada modalidade.
2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración exporá, para cada modalidade, as listaxes provisionais de solicitudes admitidas, solicitudes que hai que emendar e solicitudes excluídas, en que se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).
3. As persoas con solicitudes que hai que emendar disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación na páxina web, para emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración exporá, para cada modalidade, as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e solicitudes excluídas, en que se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal).
4. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o prazo máximo para resolver e notificar as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta resolución será de catro meses, contado desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Artigo 11. Comisión de Avaliación
1. O exame e a avaliación dos proxectos, así como a conseguinte proposta de concesión dos premios, serán realizados por unha Comisión de Avaliación, que estará integrada por:
– Dúas persoas representantes da Dirección Xeral de Formación Profesional.
– Dúas persoas representantes da Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social.
Actuará como secretario/a un/a dos membros da Comisión e redactará unha acta de cada sesión que teña lugar. A Comisión elixirá, de entre os seus membros, a persoa que exerza a presidencia.
2. As funcións da Comisión de Avaliación son:
– Avaliar os proxectos presentados.
– Facer unha proposta de concesión dos premios á Dirección Xeral de Formación Profesional.
3. A Comisión de Avaliación axustarase, en canto ao seu funcionamento, ao previsto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Artigo 12. Criterios de avaliación
A Comisión de Avaliación terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades:
a) A súa viabilidade técnica e legal (máximo 15 puntos).
Avaliarase, respecto da actividade proposta, o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.
b) A súa viabilidade comercial (máximo 20 puntos).
Avaliarase, respecto da actividade proposta, a elaboración dun plan de márketing que reflicta o coñecemento e a posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.
c) A súa viabilidade económico-financeira (máximo 20 puntos).
Avaliarase, respecto da actividade proposta, o prezo do produto ou servizo, a estimación de ingresos, os gastos e a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e o funcionamento sustentable posterior.
d) Creación de emprego (máximo 10 puntos).
Avaliarase en función do volume de emprego que se cree, incluídas as persoas promotoras do proxecto, a razón de 2 puntos por cada emprego creado.
e) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 15 puntos).
Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.
f) A presentación (máximo 20 puntos).
Avaliaranse a orde, coherencia, orixinalidade e claridade da exposición, así como o grao de axuste ao tempo máximo establecido para o Elevator Pitch (2 minutos).
No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a), b), c), d), e) e f), por esa orde.
Artigo 13. Resolución
1. A Comisión de Avaliación, unha vez revisados os proxectos de empresa, emitirá unha proposta provisional de adxudicación dos premios que será publicada no portal da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (http://www.conselleriaemprego.xunta.gal).
2. A partir do día seguinte ao da publicación da proposta abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que poidan presentar cantas alegacións consideren oportunas mediante instancia dirixida á persoa que presida a Comisión de Avaliación da forma prevista no artigo 8 desta orde.
3. Unha vez revisadas as alegacións, a Comisión de Avaliación elaborará a proposta definitiva de adxudicación dos premios, que se publicará no portal da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (http://www.conselleriaemprego.xunta.gal).
4. A persoa titular da Dirección Xeral elevará a proposta feita pola Comisión de Avaliación á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, quen ditará a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
5. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de catro meses, contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude, e poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.
6. Contra esa resolución, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
7. A organización reserva para si o dereito a declarar desertos un ou varios premios no caso de que os proxectos de empresa que se presenten non reúnan os criterios requiridos.
Artigo 14. Pagamento dos premios
O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:
1. Cada proxecto de empresa recibirá como máximo un premio.
2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2026.
3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 15. Modificación e reintegro dos premios
1. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De acordo co establecido no artigo 14.1.m) da devandita Lei 9/2007, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias
1. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. No anexo I, a persoa solicitante debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.
3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.
4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde.
Artigo 17. Compatibilidade
Estes premios serán compatibles con outros premios, bolsas e axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.
Artigo 18. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa participante.
c) DNI ou NIE da persoa representante da persoa solicitante, só no caso de actuar por medio de representante.
d) DNI ou NIE da persoa representante da persoa participante, só no caso de actuar por medio de representante.
e) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento coa Seguridade Social.
f) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
g) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración Tributaria de Galicia (Atriga).
h) Concesión de subvencións e axudas.
i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou na ficha de persoas solicitantes (anexo II), segundo o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 19. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade, das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 20. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
b) Lei 38/2003, do 17 novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (EU) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.
e) O resto da normativa que resulte de aplicación.
Disposición adicional primeira. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional para adoptar os actos e as medidas necesarios para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
