A Constitución española establece no seu artigo 149.1.22 un marco competencial en materia de augas que reside principalmente na atribución de competencias exclusivas ao Estado en materia de lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha comunidade autónoma (concas intercomunitarias).
Respectando o anterior, o artigo 27.12 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle competencias exclusivas en materia de aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
O artigo 81 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, establece a obriga de que os usuarios da auga e doutros bens do dominio público hidráulico dunha mesma toma ou concesión deberán constituírse en comunidades de usuarios.
O artigo 4.1.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, o control e a tutela das comunidades de usuarios.
No exercicio desta función, a Administración hidráulica de Galicia evidenciou carencias non só no estado das instalacións de tratamento e de almacenamento da auga de comunidades de usuarios, senón tamén a falta de recursos económicos destas para realizar investimentos que resultan necesarios para prestar un axeitado servizo de abastecemento ás persoas usuarias.
Por este motivo, nos últimos anos convocáronse subvencións dirixidas ás comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano co obxectivo de que poidan realizar investimentos que lles permitan mellorar o estado das instalacións de captación, potabilización, almacenamento e medición de auga nas traídas que xestionan.
A elevada participación nestas convocatorias de subvencións puxo de manifesto o interese das comunidades de usuarios de abastecemento de Galicia por mellorar as súas instalacións e, en consecuencia, tamén a calidade da prestación dos seus servizos ás persoas usuarias.
A finalidade perseguida con esta nova resolución de subvencións é continuar colaborando con estas entidades para que poidan realizar actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para o consumo humano e a calidade da auga proporcionada aos membros das ditas comunidades, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.
A experiencia na tramitación destas subvencións aconsella incorporar algúns cambios significativos nesta nova convocatoria de subvencións. Neste sentido, o procedemento de concesión será o de concorrencia non competitiva, polo que as solicitudes presentadas tramitaranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito, sempre que se presenten de maneira correcta e completa, co obxectivo de axilizar a tramitación e a resolución do procedemento de concesión e debido á dificultade de valorar algún dos criterios que se establecían en convocatorias anteriores. Ademais, e a diferenza das convocatorias anteriores, non poderán ser beneficiarias aquelas comunidades de usuarios de abastecemento que xa o fosen ao abeiro da convocatoria do ano inmediatamente anterior.
Polo que se refire ao ámbito territorial, resulta oportuno que a Administración hidráulica de Galicia dite unha resolución referida a todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da necesaria colaboración entre administracións, para non xerar posibles desigualdades dentro dun mesmo territorio e tendo en conta que en ningún caso se interfire nin se menoscaba a competencia das confederacións hidrográficas no relativo á xestión dos recursos hídricos.
En consecuencia, tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e convocar estas subvencións para o ano 2026 (código de procedemento AU232A).
2. A finalidade das subvencións é cofinanciar a mellora na prestación do servizo de abastecemento de auga para o consumo humano por parte de comunidades de usuarios legalmente constituídas e con ela o nivel de garantía deses sistemas en canto á cantidade e á calidade da auga.
3. Estas subvencións tramitaranse de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con suxeición aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e na eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 2. Réxime de concesión
1. A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Estas subvencións tramitaranse mediante o procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes presentadas tramitaranse por orde de entrada no rexistro ata o esgotamento do crédito, sempre que se presenten de maneira correcta e completa.
Enténdese que a solicitude está correcta e completamente presentada cando non deba ser obxecto de requirimento ou cando, sendo obxecto de requirimento, este sexa contestado no prazo establecido no artigo 17.2 desta resolución de convocatoria.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.
2. Non poderán ser beneficiarias as comunidades de usuarios de abastecemento que xa o fosen ao abeiro da Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para o consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2025 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro).
Para estes efectos, as comunidade de usuarios que obtiveron a condición de beneficiarios na convocatoria anterior poderán consultarse na Resolución da Dirección de Augas de Galicia do 20 de agosto de 2025 pola que se fan públicas as subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 11 de febreiro de 2025 (DOG núm. 164, do 28 de agosto).
(https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250828/AnuncioO143-200825-0001_gl.pdf)
3. Para obter a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano antes do 1 de xaneiro de 2026.
b) Non ter sido sancionadas nin obrigadas á reposición da legalidade polo organismo de bacía por resolución firme posterior ao 1 de xaneiro de 2020.
c) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia e non ter pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.
4. Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de subvencións, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.
Artigo 4. Actuacións subvencionables
1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización, almacenamento e medición de auga nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios solicitantes, a través dalgunha das seguintes intervencións:
a) No ámbito das captacións, serán subvencionables as seguintes actuacións:
1º. Obras de mellora nas arquetas de captación e os seus elementos.
2º. Obras de mellora da protección do pozo de captación.
3º. Instalación de selos sanitarios nos pozos de captación.
4º. Obras para mellorar os perímetros de protección das captacións.
b) No ámbito dos sistemas de tratamento da auga, serán subvencionables as seguintes actuacións:
1º. Obras de mellora nos sistemas de filtración e decantación.
2º. Instalación ou obras de mellora de sistemas de desinfección e de recirculación.
3º. Instalación ou obras de mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga.
c) No ámbito das infraestruturas de almacenamento da auga antes da súa subministración, serán subvencionables as seguintes actuacións:
1º. Obras de mellora nos depósitos e os seus elementos.
2º. Instalación ou obras de mellora de rexistros de distribución, obras na cámara de chaves, válvulas de control de enchedura para evitar desbordamentos e sectorización.
d) No ámbito dos dispositivos de medición de caudal, serán subvencionables os caudalímetros ultrasónicos, electromagnéticos ou contadores mecánicos localizados nos seguintes puntos:
1º. Antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), nas estacións de potabilización ou nos depósitos de auga tratada.
2º. Nos puntos de subministración de auga.
2. No caso de solicitar dispositivos de medición nos puntos de subministración de auga, é obrigatorio, salvo que a comunidade de usuarios xa os teña instalados, que na solicitude se inclúan equipos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), de forma que se rexistre de forma individualizada o caudal detraído da captación de auga. No caso de sistemas de abastecemento con varios puntos de captación, poderá instalarse un único equipamento que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes.
Se a comunidade de usuarios xa ten instalados equipos de medición antes da entrada á ETAP ou un equipamento que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes, deberá xustificar a súa existencia.
3. De acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados desde o 1 de xaneiro de 2026. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas.
4. Non serán gastos subvencionables, ademais dos recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os gastos de execución de novas captacións, actuacións sobre as redes de distribución, cambios de tubaxes, nin as actuacións sobre as infraestruturas non amparadas pola correspondente concesión.
Tampouco serán subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueres de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.
Artigo 5. Crédito da convocatoria
1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de subvencións para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de cincocentos mil euros (500.000 €), aplicación orzamentaria 06.82.542B.781.0.
2. O esgotamento do crédito con anterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web de Augas de Galicia.
Artigo 6. Tramitación anticipada de gasto
A tramitación desta resolución levarase a cabo mediante o procedemento anticipado de gasto conforme o previsto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Por acordo do Consello da Xunta do 17 de outubro de 2025, aprobouse o Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026. Para os efectos da tramitación do expediente de gasto, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A dita tramitación está condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
Artigo 7. Ampliación de crédito
1. Sen prexuízo do crédito establecido para esta convocatoria no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
3. Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
Neste suposto, atenderanse as solicitudes que cumprindo os requisitos previstos nesta convocatoria inicialmente non obtivesen a subvención por falta de crédito dispoñible e quedasen nunha listaxe de agarda, ordenadas pola súa data de presentación e ata o esgotamento do crédito ampliado.
Artigo 8. Importe máximo das subvencións
O importe das subvencións para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), ata esgotar o crédito previsto nesta resolución de convocatoria.
Artigo 9. Compatibilidade das subvencións
1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.
2. A comunidade de usuarios beneficiaria estará obrigada a comunicarlle ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.
3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a comunidade de usuarios beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.
O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.
Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 16 de febreiro de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 16 de marzo de 2026.
Artigo 11. Forma e lugar de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2 letra g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados de maneira electrónica pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha persoa distinta á titular da presidencia ou secretaría, deberá achegarse a acta de nomeamento da persoa titular da presidencia e da secretaría, segundo a disposición adicional primeira.
2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:
a) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.
b) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención apoderou a persoa que asina para presentar a solicitude e demais documentos exixidos na resolución de convocatoria.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
e) Que a comunidade de usuarios cumpre os requisitos que se recollen no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
f) Que a comunidade de usuarios non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de subvencións prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que a comunidade de usuarios está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
h) Que a comunidade de usuarios está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.
i) Que a comunidade de usuarios é titular ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.
j) O organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.
k) O número de comuneiros da comunidade de usuarios.
l) Que a asemblea xeral da comunidade de usuarios acordou participar na convocatoria de subvencións no día correspondente, o nomeamento da persoa representante para as súas relacións con Augas de Galicia e o compromiso de financiar o 20 % do investimento total da intervención por parte da comunidade de usuarios.
m) O carácter recuperable ou non do imposto sobre o valor engadido (IVE) por parte da comunidade de usuarios, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.
n) Que a comunidade de usuarios solicitante é titular da conta bancaria indicada en que se realizará o pagamento da subvención, se é o caso.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. As comunidades de usuarios interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa do poder de representación da persoa que se relacionará con Augas de Galicia, o que inclúe a presentación da solicitude e os trámites posteriores, nos termos establecidos na disposición adicional primeira desta resolución.
b) Memoria descritiva das obras ou do equipamento, asinada de maneira electrónica segundo o establecido na disposición adicional segunda, co seguinte contido mínimo:
1º. Descrición xeral do sistema de abastecemento, que inclúa, polo menos, a localización das captacións, dos tratamentos e dos depósitos existentes, así como a xustificación, se é o caso, da inexistencia de alternativas de abastecemento a través doutras redes municipais ou veciñais.
2º. Xustificación das actuacións solicitadas nas cales se indique en que actuación subvencionable se encadra, segundo o artigo 4 desta resolución, que inclúa a explicación da necesidade do proxecto e os obxectivos que se pretenden acadar coa súa execución.
3º. Plano ou esquema no que se indique a localización da actuación subvencionable de data posterior ao 1 de xaneiro de 2022.
4º. Fotografías recentes que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.
5º. Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación. No caso de que o IVE sexa recuperable pola comunidade de usuarios, deberá indicarse expresamente.
A falta de presentación da documentación indicada será obxecto de requirimento de emenda e aplicarase o previsto nesta resolución de convocatoria para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 13 desta resolución sobre comprobación de datos.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de maneira electrónica a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse de maneira electrónica.
Se algunha das comunidades de usuarios interesadas presenta a documentación complementaria de maneira presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.
5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O procedemento que se seguirá para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante.
d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
f) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Certificación sobre o cumprimento de obrigas derivadas da xestión dos tributos en materia de augas que deba emitir Augas de Galicia.
h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
i) Consulta de concesións ampliado.
j) Consulta de axudas do Estado.
k) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para o consumo humano a favor da comunidade de usuarios.
l) Procedementos sancionadores ou de reposición da legalidade tramitados por Augas de Galicia con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.
m) Informe do organismo de bacía correspondente acreditativo de que a entidade solicitante non tivo sancións ou resolucións firmes en procedementos sancionadores ou de reposición da legalidade con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, no caso de que as comunidades de usuarios non pertenzan a demarcación hidrográfica Galicia Costa.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Para comprobar se as comunidades de usuarios solicitantes foron beneficiarias da subvención convocada en 2025 ao abeiro do disposto na Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2025, Augas de Galicia consultará os datos que consten na Resolución da Dirección de Augas de Galicia, do 20 de agosto de 2025, pola que se fan públicas as subvencións concedidas ao abeiro da citada Resolución do 11 de febreiro de 2025 (DOG núm. 164, do 28 de agosto).
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e de actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos á propia comunidade de usuarios e á súa persoa representante, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Publicación dos actos
Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web de Augas de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, o esgotamento do crédito previsto na convocatoria, a ampliación do crédito, se é o caso, e a relación de subvencións que se concedan.
Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Órganos competentes e instrución
1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
2. Revisadas as solicitudes e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá á persoa solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.
Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou á consellería competente en materia de facenda ou a Augas de Galicia, así como da verificación do DNI/NIE.
3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir as persoas solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.
4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
5. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que as comunidades de usuarios propostas como beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.
A proposta de resolución proporá a inadmisión das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación.
Artigo 18. Resolución e recursos
1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.
2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.
A resolución acordará, segundo proceda, ben o outorgamento da subvención ben a desestimación e a non concesión, por inadmisión, desistencia, renuncia ao dereito, esgotamento do crédito ou imposibilidade material sobrevida.
3. O prazo para resolver e notificar será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.
4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima as persoas interesadas para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.
5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 19. Modificación da resolución
1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, cunha antelación mínima de dous meses á data de finalización do prazo de xustificación das actuacións.
2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións autorizadas na resolución de concesión, non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas e en ningún caso poderá implicar o incremento na contía da subvención concedida.
3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias, que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.
4. Xunto coa solicitude, a persoa solicitante da modificación deberá presentar: a memoria xustificativa da modificación, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.
5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación, pola persoa titular da Dirección de Augas de Galicia, logo da instrución do correspondente procedemento.
Artigo 20. Desistencia da solicitude, aceptación e renuncia
1. As comunidades de usuarios interesadas poderán desistir da súa solicitude a través do modelo que se achega como anexo II.
2. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben renunciar á subvención concedida de maneira expresa e motivada, conforme o modelo que se achega como anexo II.
Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
As entidades beneficiarias da subvención, unha vez aceptada esta, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal se concedeu a subvención.
Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios
Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas quedan obrigadas a:
1. Cumprir co obxectivo da subvención.
2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.
3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento das actuacións obxecto da subvención de acordo co establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.
b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.
c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos, que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.
De acordo con este artigo cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.
6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse con anterioridade ou simultaneamente á presentación da xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos e, en todo caso, tan axiña como se coñeza.
7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
Artigo 22. Contratación
1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións, que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.
Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.
2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tal e como se recolle no artigo 21.5.c) desta resolución.
A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.
A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.
Artigo 23. Pagamento anticipado
1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Os pagamentos anticipados supoñen entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas e o seu importe será do 50 % do importe da subvención concedida.
2. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución do órgano competente para ditar a resolución do procedemento e no momento de ditarse esta, naqueles supostos en que o dito pagamento anticipado se tivese solicitado no anexo I.
3. O pagamento do anticipo por Augas de Galicia farase efectivo no prazo máximo de dous meses desde a concesión da subvención.
4. Conforme o disposto no artigo 65.4.i) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.
Artigo 24. Xustificación e pagamento
1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 1 de outubro de 2026.
2. As entidades beneficiarias deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia de acordo co disposto no artigo 16, o anexo III en que expresamente se declara:
a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.
b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.
c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.
3. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:
a) Memoria explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa unha reportaxe fotográfica, asinada de maneira electrónica de acordo co establecido na disposición adicional segunda.
b) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.
Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.
As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas, poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.
c) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.
4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.
5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, o reintegro do anticipo da subvención, se é o caso, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
6. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e as inspeccións ou solicitar informes doutras administracións ou entidades que considere necesarios para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas comunidades de usuarios beneficiarias.
7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a comunidade de usuarios beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento en período executivo algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou, nomeadamente, con Augas de Galicia, ou ben sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 25. Incumprimento das obrigas
1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.
2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Artigo 26. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).
Artigo 27. Medidas antifraude
1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que poden consultarse nas seguintes ligazóns:
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pdf
https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf
2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, a disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_es), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.
A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.
No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.
A xestión da canle de denuncias corresponderalle á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.
3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
Disposición adicional primeira. Representación
1. O poder de representación poderá acreditarse a través da acreditación da súa inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia nos termos previstos no artigo 6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no artigo 40 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no Decreto 52/2021, do 18 de marzo, polo que se regulan o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.
2. Fóra do suposto indicado no punto anterior:
a) O poder de representación da persoa titular da presidencia e da persoa titular da secretaría da comunidade de usuarios acreditarase achegando a acta do seu nomeamento.
b) O poder de representación doutra persoa representante, acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia. Neste caso, deberá presentarse igualmente a acta de nomeamento da persoa titular da presidencia e da secretaría.
Disposición adicional segunda. Sinatura electrónica
Os documentos deberán estar asinados de maneira electrónica pola persoa titular da presidencia, pola persoa titular da secretaría ou polo representante da comunidade de usuarios co seu certificado dixital persoal ou, noutro caso, co certificado dixital de representante da comunidade de usuarios.
Disposición adicional terceira. Delegación de competencias
Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, ampliar o crédito da convocatoria, ampliar o prazo de xustificación, modificar a resolución de convocatoria ou de concesión da subvención, resolver os recursos que se presenten contra as resolucións que se diten e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
Disposición adicional cuarta. Impugnación da convocatoria
Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
