DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Luns, 9 de febreiro de 2026 Páx. 11659

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de xaneiro de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se publica a resolución de non inicio do procedemento de clasificación do monte veciñal en man común Dombrete, no concello de Sobrado.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, na súa reunión do 17 de decembro de 2025, adoptou a seguinte resolución en relación co recurso de reposición presentado:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 22.10.2019 veciños da parroquia presentan solicitude para a clasificación do monte Dombrete, en Sobrado, e anexan unha planimetría das parcelas afectadas (parcelas catastrais 500, 51, 26 e 74 do polígono 20 e parte das parcelas 84, 79, 76, 504, 501, 506 e 85 do mesmo polígono do concello de Sobrado).

Segundo. Tendo constancia que as parcelas solicitadas formaban parte da concentración parcelaria de Grixalba, con acordo de concentración aprobado, e de que as parcelas adxudicadas aos veciños solicitantes non coincidían con estas para as cales se solicitaba a clasificación, o Xurado, na súa reunión de 16 de novembro de 2023, acorda, por unanimidade, non iniciar o expediente de clasificación do antedito monte.

Terceiro. A resolución do 28.11.2023 notificouse ás persoas interesadas o 30.4.2025.

Cuarto. O día 30.5.2025 a representante dos veciños promotores presenta recurso de reposición contra a dita resolución.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. O Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei galega de montes veciñais en man común, establece no seu artigo 19 que o Xurado poderá acordar a non iniciación do expediente de clasificación. A non iniciación do expediente de clasificación deberá ser motivada. Notificarase aos promotores, se é o caso, e será susceptible de ser impugnada perante a xurisdición contencioso-administrativa, logo de recurso de reposición perante o mesmo xurado.

Á vista dos antecedentes e dos fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, o Xurado, na súa sesión do 17 de decembro de 2025,

RESOLVE:

Non estimar o recurso potestativo de reposición presentado contra a Resolución do 11 de novembro de 2023 de non inicio do procedemento clasificación do monte Dombrete, en Sobrado, xa que as causas alegadas no recurso non supoñen unha valoración diferente da solicitude.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de conformidade co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2026

María Nieves Mancebo Santamaría
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña