DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Martes, 10 de febreiro de 2026 Páx. 12057

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 15 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que se fan públicas as datas, as horas e os lugares para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas instalacións de produción de enerxía eléctrica do proxecto parque eólico Muras (repotenciación), situado nos concellos de Muras e Ourol (Lugo), promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A 2024/10).

Mediante a Resolución do 27 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de maio de 2025, polo que se outorgou a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Muras (repotenciación), sito nos concellos de Muras e Ourol e promovido por Iberdrola Renovables Galicia, S.A. (expediente IN408A 2024/010). Esta resolución publicouse no DOG núm. 106, do 5 de xuño de 2025.

A declaración de utilidade pública, segundo o previsto no artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, implica a necesidade de ocupar os bens ou adquirir os dereitos afectados e a súa urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

En virtude do anterior, de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, as persoas afectadas coas que non se alcanzou acordo, incluídas na relación de bens e dereitos afectados deducida da publicada mediante a Resolución do 27 de maio de 2025, deberán comparecer nos seguintes lugares e datas:

– Días 23, 24, 25 e 26 de marzo de 2026, na Casa do Concello de Muras.

– Día 27 de marzo de 2026, na Casa do Concello de Ourol.

A dita relación permanecerá exposta, para os efectos oportunos, no taboleiro de anuncios dos concellos de Muras e Ourol, así como na páxina web oficial desta consellería:

https://medioambiente.xunta.gal/enerxias-renovables/outros-anuncios

Ás persoas afectadas tamén se lles remitirá citación individual, na cal se indicará expresamente o día e a hora asignados para o levantamento de actas previas á ocupación. Así mesmo, o calendario de actuacións permanecerá exposto no taboleiro de anuncios dos concellos de Muras e Ourol. Todas as persoas interesadas, así como as que teñan calquera tipo de dereito ou interese sobre os bens, deberán comparecer persoalmente ou ser representadas por unha persoa debidamente autorizada, achegando os documentos que acrediten a súa titularidade, e poderán asistir acompañadas dos seus peritos e dun notario por conta propia.

Así mesmo, advírteselles a todas as persoas interesadas que poderán formular alegacións ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático ata o momento do levantamento de actas previas, para os únicos efectos de emendar posibles erros que se cometesen ao relacionar os bens afectados pola urxente ocupación, segundo establece o artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático