DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Martes, 10 de febreiro de 2026 Páx. 11934

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR340E).

BDNS (Identif.): 885594.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/885594

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/885416 (minimis agrícola)

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/885417 (minimis pesca)

Primeiro. Persoas beneficiarias

As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.

Segundo. Obxecto

Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas, dentro do primeiro ano de actividade:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

d) Apoio á función xerencial.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR340E).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse cincocentos mil euros (500.000 euros).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao dia seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración