Exposición de motivos
I
O cambio climático é un fenómeno amplamente estudado pola comunidade científica en todo o mundo, que ten consecuencias nas esferas ambiental, económica e social.
O resumo do VI Informe de avaliación do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (pola súa sigla en inglés, IPCC –Intergovernmental Panel on Climate Change–), publicado en 2023, destaca que o cambio climático afecta todo o planeta e se está a acelerar e a intensificar. Establece, sen ningún xénero de dúbidas, que o cambio climático se debe á acumulación na atmosfera de gases de efecto invernadoiro (en adiante, GEI), resultado de diferentes actividades humanas. O Informe do IPCC sinala que é urxente tomar medidas máis ambiciosas en todos os sectores e en todos os niveis, xa que aínda é posible garantir un futuro sustentable e habitable, pois disponse das ferramentas necesarias para reducir, ao menos á metade, as emisións mundiais antes do ano 2030. A maior contribución para lograr estes obxectivos provirá da xeración eléctrica a partir de fontes renovables, como a enerxía eólica ou a enerxía solar, e tamén da produción e da utilización de gases renovables, como o hidróxeno, o biogás e o biometano, ben como da protección e da restauración dos bosques e doutros ecosistemas. O Informe tamén indica que a transformación necesaria non será posible sen equidade e sen xustiza social, integrando a acción climática coas políticas que puideren acadar un desenvolvemento sustentable, con baixas emisións e con medidas de protección social.
Na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, coñecida como a COP21 de París, desenvolvida en decembro de 2015, adoptouse un acordo histórico para combater o cambio climático e destacouse a importancia de se adaptar aos efectos adversos do cambio climático, establecendo para iso o obxectivo de manter o aumento da temperatura media global moi por debaixo de 2 graos centígrados con respecto aos niveis preindustriais, alén de proseguir os esforzos para limitar o incremento referido a 1,5 graos centígrados.
Neste contexto de transición encádranse, por unha parte, as políticas de mitigación, que buscan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e aumentar a capacidade de sumidoiro de dióxido de carbono; e, por outra parte, as políticas de adaptación, que perseguen reducir os riscos que orixina o cambio climático para o ambiente, para a economía e para a sociedade no seu conxunto.
En Galicia, a visión actual de longo prazo ten como reto avanzar cara á neutralidade climática, cun modelo socioeconómico cada vez máis sustentable. Nese sentido, a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 estableceu, no ano 2019, unha folla de ruta para lograr a neutralidade climática en Galicia antes do ano 2050. Esta estratexia definiu un marco integral para mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro e para se adaptar aos seus impactos. Este compromiso estratéxico integra os obxectivos de redución de emisións e as accións de investigación e de gobernanza social, coa principal finalidade de garantir unha transición xusta e inclusiva cara a unha sociedade resiliente e baixa en carbono.
A Estratexia desenvolveuse nun I Plan rexional integrado de enerxía e clima 2019-2023 (I PRIEC), que, segundo o Informe de avaliación aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de xuño de 2024, reflectiu uns resultados de execución de 139 medidas, máis do oitenta por cento do total e máis do noventa por cento do orzamento aprobado neste I PRIEC.
A última actualización deste marco estratéxico sobre o cambio climático concretouse coa aprobación, o 20 de xaneiro de 2025, do II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2030 (II PRIEC) que aborda os retos climáticos, con accións concretas e con obxectivos amplos. O II PRIEC baséase nunha planificación detallada que combina a mitigación, a adaptación, a investigación e a sensibilización social, e destaca polo seu enfoque participativo, ao integrar a Administración pública, o sector privado e a cidadanía nun esforzo colectivo.
A Unión Europea actualizou a súa contribución para o Acordo de París, en decembro de 2020, e comprometeuse a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun mínimo do 55 por cento para o ano 2030 en comparación cos niveis de 1990. O Regulamento (UE) 2021/1119 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de xuño de 2021, tamén coñecido como a «lei europea sobre o clima», estableceu un marco vinculante para acadar a neutralidade climática na Unión Europea para o ano 2050. Este regulamento inclúe obxectivos específicos, como a redución interna neta das emisións de gases de efecto invernadoiro nun mínimo do 55 por cento para 2030 en comparación cos niveis de 1990, en sectores tan diversos como o transporte, a enerxía, a agricultura e a construción. Fixa que os Estados membros e a Unión Europea deben aumentar a súa capacidade de adaptación, fortalecer a resiliencia e reducir a vulnerabilidade ao cambio climático.
Neste contexto, preténdese situar o clima como o eixo central das políticas públicas en Galicia para atinxir a neutralidade climática no horizonte do ano 2040; para reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando menos, nun 75 por cento no ano 2030 con respecto aos niveis de 1990; e para dar cumprimento aos obxectivos que se definiren para o ano 2040 no marco do Acordo de París.
A planificación e a execución das políticas públicas e o exercicio das competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en múltiples materias, entre as cales poden ser mencionadas a saúde pública, a educación, as augas interiores e costeiras, a ordenación do territorio, as emerxencias e protección civil ou a prevención e a extinción dos incendios forestais, están estreitamente relacionados coa meteoroloxía e coa climatoloxía, nomeadamente desde a perspectiva da prevención dos riscos ante unha posible emerxencia.
Nese sentido, establécense os fins e os servizos meteorolóxicos e de calidade do aire que teñen unha vinculación directa coa prevención de catástrofes naturais, ben como cos efectos derivados das mudanzas no clima.
Nese contexto, tórnase preciso mellorar a coordinación dos órganos e das entidades do sector público autonómico de Galicia para os cales teñen unha especial relevancia os servizos meteorolóxicos, climatolóxicos e de calidade do aire, e igualmente potenciar e reforzar estes servizos, co fin de eles poderen cumprir con eficacia a súa función de subministrar datos e información nos ámbitos da meteoroloxía, da climatoloxía, da calidade do aire e das ciencias afíns, tanto ao sector público como á cidadanía e ao tecido empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia.
II
Esta lei está estruturada nun título preliminar e cinco títulos, catro disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
O título preliminar recolle as disposicións xerais, referidas aos obxectivos, aos principios, ao ámbito de aplicación e ás definicións. Os obxectivos xerais da lei contribúen para cumprir cos compromisos internacionais sobre a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, para facilitar a descarbonización de todos os sectores da economía galega e para promover a adaptación aos impactos do cambio climático.
Os obxectivos específicos da lei son, en primeiro lugar, atinxir a neutralidade climática en Galicia no horizonte do ano 2040, empregando para iso as actuacións de descarbonización recollidas nesta lei, xunto cos mecanismos de financiamento que soporten estas actuacións; en segundo lugar, a lei persegue reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando menos, nun 75 por cento no ano 2030 en relación cos niveis de 1990, e busca dar cumprimento aos obxectivos que se definiren para o ano 2040 no marco do Acordo de París.
Os principios que guían a interpretación e a aplicación desta lei inclúen a «integración da perspectiva climática» nas decisións administrativas, garantindo que todas as políticas sectoriais e as actividades das administracións públicas de Galicia consideren o seu impacto no clima. Dáse carta de natureza ao principio de «non-regresión ambiental» e ao principio de «non causar danos significativos» aos obxectivos de mitigación e de adaptación. A lei integra os principios de «primeiro, a eficiencia enerxética» e de eficiencia no uso de recursos como a auga e as materias primas, e de «quen contamina, paga», coa finalidade de os responsables da xeración de riscos e de impactos climáticos internalizaren os custos ambientais. Como expresión deste principio na redacción da lei, resalta a importancia dada no seu texto aos instrumentos económicos e de fomento, co fin de incentivar as iniciativas públicas e privadas coherentes cos obxectivos de transición climática e circular, de promover o uso racional dos recursos e de impulsar sectores económicos e modelos de negocios coherentes cos obxectivos desta lei.
O ámbito de aplicación da lei abrangue todas as administracións públicas de Galicia, así como as persoas físicas e xurídicas que desenvolveren actividades no territorio da Comunidade Autónoma. A integración da perspectiva climática no deseño e na aplicación das políticas sectoriais e da xestión administrativa vai requirir unha administración pública con suficientes recursos e capacidade, profesionalizada e baseada en datos e en coñecemento de calidade, de modo que poida dar unha resposta áxil, técnica, efectiva e transformadora á realización dos obxectivos de interese público desta lei.
O título I, «Gobernanza climática», aborda a estrutura da gobernanza climática en Galicia, asignando funcións específicas á Xunta de Galicia e á consellaría responsable na materia de cambio climático. Establécense os órganos administrativos de xestión, de participación e de consulta, como a Oficina de Cambio Climático de Galicia e o Foro de Acción Climática. Garántense a coordinación interdepartamental e a integración da perspectiva climática na xestión administrativa das áreas estratéxicas, e tamén o impulso e a consolidación da Rede Local polo Clima e da Alianza Galega polo Clima. Créase o Portal de acción climática de Galicia, como unha ferramenta de información climática e de transparencia na política e na xestión administrativa autonómica na materia de cambio climático.
O título II, «Instrumentos de ordenación e de acción climática», detalla os instrumentos de acción climática, como a Estratexia galega de cambio climático, os plans rexionais integrados de acción climática e os plans de acción local polo clima.
A Estratexia galega de cambio climático establece o marco integrado e transversal de ordenación e de planificación de obxectivos, de políticas e de accións, mentres que o Plan rexional integrado de acción climática define as medidas específicas e as liñas de acción para alcanzar os obxectivos fixados na Estratexia.
Os plans de acción local polo clima, aprobados polas entidades locais, comprenden inventarios de emisións, avaliacións de riscos e medidas de mitigación e de adaptación, e serán desenvolvidos no marco da iniciativa do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía. Recóllese a obriga de os concellos de máis de vinte mil habitantes aprobaren estes plans.
O capítulo II do título II establece a integración da perspectiva climática na actividade administrativa sectorial. As consellarías con competencias nas áreas estratéxicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia deberán incorporar a perspectiva climática na elaboración e na aprobación dos plans e dos programas sectoriais, na preparación dos contratos públicos e nas convocatorias de subvencións públicas, en conformidade cos obxectivos da lei, da Estratexia galega de cambio climático e dos plans rexionais integrados de acción climática.
Os plans e os programas sectoriais terán en consideración a Estratexia galega de cambio climático e o Plan rexional integrado de acción climática, e integrarán, se for o caso, a perspectiva climática, mediante a avaliación ambiental estratéxica. Os proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental de proxectos deberán integrar igualmente a perspectiva climática, seguindo as indicacións dos documentos técnicos de referencia para elaborar os estudos de impacto ambiental.
O título III, «Instrumentos económicos e de fomento», enfócase nas medidas económicas e de fomento para apoiar a transición climática, incluíndo a integración de criterios climáticos na contratación pública e na xestión patrimonial.
O capítulo I do título III regula a contratación pública climática e circular e a integración da perspectiva climática na xestión patrimonial. A contratación pública representa aproximadamente o catorce por cento do produto interior bruto en España, polo que é un instrumento tractor de especial relevancia para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do sector público e para fomentar o desenvolvemento de modelos de negocio circulares e climáticos, impulsando así a competitividade da economía galega.
A lei dispón que os órganos da Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia integrarán, de forma progresiva, criterios climáticos en toda a contratación pública. Coa finalidade de concretar esta obriga na preparación das licitacións de contratos públicos do sector público autonómico, serán tidos en conta os criterios comúns de compra pública verde aprobados pola Comisión Europea e as fichas dos catálogos de cláusulas ambientais aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.
A lei prevé que a consellaría competente na materia de contratación pública, en colaboración coa consellaría competente na materia de cambio climático, elaborará un catálogo de cláusulas climáticas en que dará prioridade aos contratos que fomenten a eficiencia enerxética, a adquisición de produtos ecolóxicos e a organización de eventos sustentables, e promoverá a eficiencia enerxética na contratación pública, mediante a incorporación das previsións da Directiva (UE) 2023/1791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de setembro de 2023, relativa á eficiencia enerxética, na materia de contratación pública ecolóxica. A norma fomenta a utilización da pegada de carbono na preparación e na execución de contratos públicos, sempre que se dispoña dos datos e das metodoloxías que garantan o cumprimento dos principios da contratación pública.
Finalmente, a xestión patrimonial da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico deberá integrar criterios climáticos na adquisición e no arrendamento de bens inmobles.
O capítulo II do título III regula as medidas de fomento de proxectos e de iniciativas climáticas.
A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico convocarán axudas para proxectos de mitigación e de adaptación climática, de acordo cos obxectivos desta lei e do Plan rexional integrado de acción climática. As axudas da Xunta de Galicia poderán incorporar a perspectiva climática, nomeadamente para actividades con impacto potencial nos obxectivos de mitigación e de adaptación da Estratexia galega de cambio climático. A lei prevé a promoción da modificación dos instrumentos fiscais para incentivar actuacións de apoio aos obxectivos climáticos, tanto a nivel autonómico como local.
A perspectiva climática deberá ser integrada nas normas orzamentarias anuais da Comunidade Autónoma de Galicia, dos concellos de máis de vinte mil habitantes e das deputacións provinciais. A lei de orzamentos xerais de Galicia incluirá partidas para adaptar e mitigar o cambio climático, acompañadas dunha memoria que especifique os investimentos e a súa contribución para os obxectivos climáticos.
Para contribuír para o cumprimento dos obxectivos establecidos nesta lei, prevese o uso da fiscalidade ambiental e doutros instrumentos de política económica ambiental.
Para a execución de políticas e accións de mitigación e de adaptación ao cambio climático e de fomento da economía circular, así como para o investimento en proxectos de investigación e de innovación e para o desenvolvemento de medidas de sensibilización, de información e de educación sobre o cambio climático, a lei prevé os fondos para a transición climática e circular de Galicia. Estes recursos económicos integrarán, ao menos, os que corresponderen do Fondo social para o clima europeo, consonte o establecido no Regulamento (UE) 2023/955 do Parlamento Europeo e do Consello, do 10 de maio de 2023, e tamén os dotados orzamentariamente derivados da recadación dos tributos afectados ambientalmente nesta materia.
A lei crea o Rexistro galego de persoas e entidades promotoras da neutralidade climática, que ten como obxectivo facer constar publicamente os compromisos asumidos voluntariamente por organizacións, tanto públicas como privadas, con ou sen personalidade xurídica, e calquera iniciativa ou evento que, mediante a compensación da súa pegada de carbono, colaboren para conseguir o obxectivo da neutralidade climática na nosa comunidade. O Rexistro actuará como un medio para impulsar os obxectivos do Sistema voluntario de créditos de carbono, previsto na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Finalmente, o Sistema de recoñecemento de iniciativas de excelencia climática é introducido na lei como unha medida de fomento para incentivar o compromiso dos actores sociais cos obxectivos desta lei.
O título IV, «Instrumentos de sensibilización, de educación e de investigación», dispón, no seu capítulo I, que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia promoverá campañas de sensibilización cidadá acerca do cambio climático. Para iso colaborará con entidades locais e con outras organizacións para desenvolver ferramentas de divulgación e de educación non formal. Ademais, fomentaranse acordos coa industria cultural e deportiva para reducir a pegada de carbono nos seus eventos e realizaranse estudos periódicos sobre a percepción social do cambio climático, creando canles de diálogo entre a cidadanía e as institucións.
O capítulo II aborda a integración da perspectiva climática na educación e na investigación. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia procurará introducir programas de formación en todos os niveis educativos para avanzar cara á neutralidade en carbono e á adaptación ao cambio climático. Alén diso, promoveranse a profesionalización e a formación continuada do persoal do sector público e adoptaranse medidas para aumentar a capacidade de investigación e de innovación na materia de cambio climático. Isto inclúe, entre outros, o desenvolvemento de modelos climáticos, o estudo dos efectos do cambio climático e as súas proxeccións, a promoción da investigación aplicada para promover a adaptación do sector primario e a integración dos resultados da investigación nos instrumentos de acción climática e sectorial de Galicia.
No título V regúlanse os servizos meteorolóxicos, climatolóxicos e de calidade do aire de Galicia e recóllese a descrición da Rede de observación meteorolóxica e climatolóxica de Galicia e da Rede de calidade do aire de Galicia.
Esta lei finaliza con catro disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.
A disposición adicional primeira regula que a constitución do Foro de Acción Climática de Galicia e súa posta en funcionamento non suporán un incremento orzamentario.
A disposición adicional segunda establece a rede de refuxios climáticos.
A disposición adicional terceira indica que a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, aprobada o 3 de outubro de 2019, e o Plan rexional integrado de enerxía e clima 2030, aprobado o 20 de xaneiro de 2025, dan cumprimento, durante a súa vixencia, ao establecido no artigo 17, en relación cos instrumentos de acción climática, e que os plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) aprobados darán cumprimento, durante a súa vixencia, ao establecido no artigo 17, en referencia aos plans de acción local polo clima.
A disposición adicional cuarta refírese ás medidas ambientais na incorporación de tecnoloxías sanitarias no Sistema galego de saúde.
A disposición derrogatoria única declara derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opuxeren a esta lei.
A disposición derradeira primeira autoriza o Consello da Xunta de Galicia para ditar as normas necesarias para desenvolver e executar esta lei.
A disposición derradeira segunda establece que esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
III
Esta lei axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, en que se exixe que en todas as iniciativas normativas se xustificará a adecuación destas aos principios de necesidade, de proporcionalidade, de seguranza xurídica, de transparencia, de accesibilidade, de simplicidade e de eficacia.
Desta maneira, o principio de necesidade desta iniciativa lexislativa vén determinado por canto as medidas propostas unicamente poden ser introducidas mediante unha norma con rango de lei, por afectaren materias que están reservadas a este tipo de norma.
Respéctase o principio de proporcionalidade, dado que a lei é útil para os obxectivos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e deseñáronse os medios menos restritivos para alcanzar esta finalidade, mediante un esforzo de simplificación e de integración da normativa vixente.
Préstase especial atención á efectividade do principio de seguranza xurídica, directamente conectado coa integración coherente da nova norma na ordenación xurídica vixente, de modo que o resultado sexa un marco normativo estable, claro, integrado e de certeza; e ao principio de transparencia, promovendo a participación máis ampla da cidadanía, en xeral, e, en particular, dos operadores técnicos e xurídicos implicados na materia, tanto na elaboración da propia lei como na fase de planificación, e sen menoscabo dos procedementos de participación que puideren estar previstos noutras normas; ben como ao principio de accesibilidade, garantindo o acceso a toda a información de que dispoña a Administración na materia obxecto de regulación.
Finalmente, en virtude dos principios de simplicidade e de eficacia, e dentro do obxectivo de simplificación administrativa e da normativa aplicable, evítanse as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón a racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados con elas.
O artigo 45 da Constitución Española recoñece o dereito de todas as persoas a gozaren dun ambiente adecuado ao seu desenvolvemento, tendo como contrapartida o deber de o conservaren. Este artigo impón ás autoridades públicas o deber de aseguraren o uso racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e de defender e restaurar o ambiente. Para iso apoiaranse na indispensable solidariedade colectiva.
Esta lei é ditada ao amparo da competencia atribuída á Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía na materia de «Normas adicionais sobre protección do medio ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23ª». Alén diso, cómpre indicar que a Comunidade Autónoma ten recoñecidas competencias en diversas materias cuxo desenvolvemento está intimamente vinculado coa meteoroloxía e co clima. Tal é o caso das competencias que posúe na materia de obras públicas que non teñan a cualificación de interese xeral do Estado (artigo 27.7); de vías férreas e estradas non incorporadas á rede do Estado e o transporte efectuado por estes medios (artigo 27.8); os portos, aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado, e os portos de refuxio e portos e aeroportos deportivos (artigo 27.9); aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22º da Constitución (artigo 27.12); instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica cando este transporte non saia do seu territorio (artigo 27.13); a pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15); o fomento da investigación (artigo 27.19); e sobre normas adicionais sobre protección do medio ambiente (artigo 27.30). Tamén ten competencias, en execución da lexislación do Estado, na materia de salvamento marítimo (artigo 29.3) e sobre verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4); e, por último, tamén corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva, de acordo coas bases e coa ordenación da actuación económica, na materia de agricultura e gandaría (artigo 30.I.3).
Na tramitación do proxecto de lei foron observadas todas as garantías exixidas pola lexislación vixente na materia de participación pública, e promoveuse unha participación pública real e efectiva durante o procedemento. Ademais, na súa tramitación, emitiron informe os principais órganos competentes na materia de orzamentos, de función pública, de igualdade, de avaliación e reforma administrativa, ben como a Xunta Consultiva de Contratación, e deuse conta ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. O proxecto tamén conta co informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei do clima de Galicia.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxectivos
1. Esta lei ten os seguintes obxectivos xerais:
a) Contribuír para o cumprimento dos compromisos internacionais sobre redución de emisións de gases de efecto invernadoiro e para a implantación de medidas de adaptación aos efectos do cambio climático.
b) Facilitar a descarbonización de todos os sectores da economía galega e a súa transición para un modelo circular, de modo que se garanta o uso racional e solidario dos recursos.
c) Promover a adaptación aos impactos do cambio climático e a implantación dun modelo de desenvolvemento sustentable que xere un emprego de calidade e que contribúa para reducir as desigualdades.
d) Aumentar a resiliencia do territorio ao cambio climático e aproveitar as oportunidades sociais, empresariais e económicas que ofrece a transición climática.
e) Impulsar a investigación e a innovación na materia de cambio climático para tornar Galicia unha rexión exportadora de solucións fronte a este.
f) Mellorar a preparación, a xestión, a coordinación e a resposta ante fenómenos meteorolóxicos extremos.
g) Impulsar ferramentas de protección para a cidadanía coa identificación de illas de calor e co deseño de refuxios climáticos.
h) Contribuír para mellorar a calidade do aire ata alcanzar niveis que non foren considerados nocivos para a saúde humana, para os ecosistemas naturais e para a biodiversidade.
i) Conservar, restaurar e usar, de forma sustentable, os ecosistemas, de maneira que manteñan os servizos ambientais que proporcionan.
j) Integrar a perspectiva climática na organización e no desenvolvemento das políticas sectoriais e da actividade e dos servizos das administracións públicas de Galicia.
k) Profesionalizar e reforzar o coñecemento e as capacidades técnicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para afrontar, de forma transversal, os obxectivos xerais e os específicos definidos neste artigo.
l) Orientar o proceso de transición enerxética cara a un modelo baseado no aforro e na eficiencia no uso da enerxía, promovendo a incorporación progresiva de fontes renovables e de solucións enerxéticas que contribúan para descarbonizar o sistema actual. Esta transformación deberá asegurar, en todo o momento, a seguranza da subministración, a competitividade económica e aproveitar a transición enerxética como motor para un desenvolvemento sustentable que reforce a economía, que mellore a calidade de emprego e que contribúa para o benestar do conxunto da sociedade.
2. Esta lei ten os seguintes obxectivos específicos:
a) Acadar a neutralidade climática en Galicia no horizonte do ano 2040, empregando para iso todas as actuacións de descarbonización recollidas nesta lei, xunto cos mecanismos de financiamento que soporten as actuacións mencionadas e as medidas de compensación que foren necesarias.
b) Reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, cando menos, nun 75 por cento no ano 2030 con respecto aos niveis de 1990, e dar cumprimento aos obxectivos que se definiren para 2040 no marco do Acordo de París.
3. Os obxectivos climáticos do punto 2 serán revisados, no marco da actualización da Estratexia galega de cambio climático, para dar cumprimento á evolución dos compromisos asumidos internacionalmente e definidos pola Unión Europea.
Artigo 2. Principios
Os principios que deben guiar a aplicación e a interpretación desta lei para conseguir un alto nivel de protección do ambiente son os seguintes:
a) De actuación exemplar e coordinada das administracións públicas galegas para impulsar a transformación enerxética do país, exercendo un papel de liderado activo na transición cara a unha sociedade neutra en carbono e adaptada aos efectos do cambio climático, cumprindo os obxectivos da Unión Europea.
b) De non-regresión ambiental, de modo que se garanta o mantemento dos estándares de protección establecidos pola lexislación da Unión Europea, pola lexislación básica do Estado e polas leis sectoriais ambientais da Comunidade Autónoma.
c) De prevención e de cautela dos danos ao ambiente e á saúde das persoas derivados do cambio climático.
d) De non causar danos significativos aos obxectivos ambientais de mitigación e de adaptación climática, contribuíndo substancialmente para estes obxectivos, a través do fomento de investimentos ambientalmente sustentables.
e) De «primeiro, a eficiencia enerxética», e de uso eficiente da auga, das materias primas e doutros recursos indispensables para desenvolver as actividades sociais e económicas.
f) De corrección dos danos ao ambiente na súa orixe e de autosuficiencia e proximidade na xestión de residuos.
g) De «quen contamina, paga», mediante a internalización dos custos ambientais por parte dos responsables da xeración dos riscos e dos impactos climáticos.
h) De neutralidade tecnolóxica, permitindo a contribución de todas as tecnoloxías e das solucións dispoñibles que acrediten ser compatibles cos obxectivos desta lei.
i) De transversalidade, de maneira que se garanta que a mitigación e a adaptación ás alteracións climáticas fan parte das políticas globais e sectoriais.
Artigo 3. Ámbito de aplicación
1. Esta lei é aplicable ás administracións públicas de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, e ás persoas físicas e xurídicas de natureza privada, en relación coas actividades que desenvolven no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para os efectos desta lei, entenderase por administracións públicas de Galicia:
a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o resto de entidades do sector público autonómico, de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como as corporacións de dereito público.
b) No ámbito das súas respectivas competencias, as entidades locais de Galicia, consonte a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
c) As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, incluíndo as súas entidades vinculadas ou dependentes.
Artigo 4. Definicións
Para os efectos do disposto nesta lei, entenderase por:
a) Absorción de dióxido de carbono: é o proceso de extracción activa do dióxido de carbono (CO2) da atmosfera.
b) Adaptación: nos sistemas humanos, é o proceso de axuste ao clima actual ou esperado e os seus efectos para reducir danos e para aproveitar oportunidades beneficiosas. Nos sistemas naturais, é o proceso de axuste ao clima actual ou esperado. A intervención humana pode facilitar o axuste.
c) Áreas estratéxicas: teñen esta consideración as seguintes funcións desenvolvidas polas administracións públicas en Galicia no seu marco competencial: ambiente; enerxía; mobilidade e transporte; sectores industriais; sector servizos e turismo; ordenación do territorio e urbanismo; vivenda; augas; litoral; sanidade; protección civil e emerxencias; saúde; xestión de residuos; forestal; agricultura e gandaría; pesca, marisqueo e acuicultura; medio natural; observación e investigación e desenvolvemento; educación. Terán esta consideración aquelas que, de xeito complementario, determine como tal o Plan rexional integrado de acción climática en vigor.
d) Cambio climático: fai referencia a unha variación do estado do clima que se pode identificar (por exemplo, mediante probas estatísticas) por mudanzas na medida e/ou na variabilidade das súas propiedades, que persiste por períodos prolongados, xeralmente décadas, ou por períodos máis longos. Pódese deber a procesos internos naturais ou a forzamentos externos, tales como as modulacións dos ciclos solares, as erupcións volcánicas e as mudanzas antropoxénicas persistentes na composición da atmosfera ou do uso do solo.
e) Compensación de emisións: en relación cun servizo, cun proceso ou cun produto cuxa prestación ou elaboración der lugar a unha emisión limpa de gases de efecto invernadoiro (GEI) durante o seu ciclo de vida, a compensación baséase noutro proceso ou mecanismo, alleo a este ciclo de vida, que der lugar a unha absorción de carbono, que for posible avaliar e certificar, en cantidade equivalente ás emisións de GEI producidas polo primeiro.
f) Economía circular: é o modelo económico orientado cara á optimización no uso dos recursos, co fin de alcanzar un nivel alto de sustentabilidade, estendendo a vida útil de produtos e de servizos. Promóvese a redución do consumo de materias primas e a minimización da xeración de residuos mediante accións, como o ecodeseño, a reutilización, a reparación, a remanufactura, a reciclaxe e a prevención.
g) Eficiencia enerxética: é a relación entre a enerxía empregada e os resultados obtidos na produción dun ben, dun servizo ou dun proceso, de forma que se procura o menor consumo posible de recursos enerxéticos, mantendo ou mellorando a calidade e a utilidade do resultado final.
h) Escenarios de emisións: son unha descrición verosímil do tipo de desenvolvemento futuro, baseada nun conxunto coherente e internamente consistente de hipóteses sobre a evolución demográfica, económica, tecnolóxica, social e ambiental que dan lugar a posibles vías de desenvolvemento futuro das emisións humanas de gases de efecto invernadoiro e de aerosois que, por súa vez, afectan o balance de radiación global da terra.
i) Eventos: son espectáculos públicos e actividades recreativas, no sentido da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
j) Gases de efecto invernadoiro (GEI) : son os compoñentes gasosos da atmosfera, tanto de orixe natural como xerados a partir de actividades humanas, que provocan o efecto invernadoiro ao absorberen e remitiren radiación infravermella. Os recoñecidos pola Convención das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático como contribuíntes para o cambio climático son, nestes momentos: o dióxido de carbono (CO2), o gas metano (CH4), o óxido nitroso (N2O), o hexafluoruro de xofre (SF6), o trifluoruro de nitróxeno (NF3), os perfluorocarbonos (PFC) e os hidrofluorocarbonos (HFC).
k) Gobernanza climática: é o conxunto de políticas, de estruturas institucionais e de mecanismos de coordinación encamiñados a orientar e a facilitar a acción colectiva para a prevención, a mitigación e a adaptación fronte ao cambio climático, integrando os distintos niveis de goberno, de sectores económicos e da sociedade civil.
l) Mitigación: é a diminución da cantidade de emisións á atmosfera e a redución da concentración actual de gases de efecto invernadoiro mediante a mellora dos sumidoiros.
m) Neutralidade climática: é o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro e as absorcións.
n) Orzamentos climáticos: é o proceso orzamentario en que as contribucións para os obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro das partidas orzamentarias se clasifican e se avalían segundo uns indicadores de rendemento específicos, co obxectivo de adaptar mellor as políticas orzamentarias aos obxectivos climáticos desta lei.
ñ) Pegada de carbono: é a totalidade das emisións de gases de efecto invernadoiro asociada a unha organización, a un evento ou a unha actividade, ou ao ciclo de vida dun produto ou servizo cuantificada para avaliar a súa contribución para o cambio climático. É expresada en toneladas equivalentes de CO2.
o) Perspectiva climática: é a consideración do impacto directo e indirecto de plans, de programas e de proxectos sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro ou a vulnerabilidade ao cambio climático e as medidas posibles de adaptación.
p) Plans e programas sectoriais: son o conxunto de estratexias, de directrices e de propostas das administracións públicas de Galicia previstas na lexislación sectorial destinadas a satisfacer necesidades sociais que tiveren un impacto na xeración de emisións de gases de efecto invernadoiro e aquelas que recollan accións de adaptación ao cambio climático.
q) Proxeccións climáticas: son a resposta simulada, mediante modelos matemáticos, do sistema climático a diversos escenarios de emisións de gases de efecto invernadoiro.
r) Rendemento climático: é o impacto dunha oferta no marco dunha licitación pública referido exclusivamente á xeración de emisións de gases de efecto invernadoiro na execución do contrato concreto.
s) Resiliencia: é a capacidade dun sistema natural, social ou económico para se anticipar, resistir, absorber e se recuperar dos efectos adversos do cambio climático ou doutros riscos, mantendo ou restablecendo as súas funcións, estruturas e identidade esencial, de maneira eficaz e oportuna.
t) Vulnerabilidade: é o grao de susceptibilidade ou de incapacidade dun sistema para encarar os efectos adversos do cambio climático e, en particular, a variabilidade do clima e dos fenómenos extremos.
Artigo 5. Perspectiva de xénero na acción climática
1. A política climática e ambiental de Galicia incorporará, de maneira transversal, a perspectiva de xénero, garatindo que o deseño, a execución e a avaliación das actuacións públicas teñan en conta as diferentes realidades e necesidades de mulleres e de homes fronte aos impactos do cambio climático.
2. As administracións públicas garantirán a participación activa das mulleres na toma de decisións, así como a aplicación da perspectiva de xénero nas políticas de acción polo clima.
3. As actuacións desenvolvidas ao abeiro desta lei promoverán a igualdade entre mulleres e homes, favorecendo a eliminación das desigualdades existentes e garantindo que a protección ambiental e a acción climática contribúan para unha sociedade máis xusta, inclusiva e sustentable.
TÍTULO I
Gobernanza climática
CAPÍTULO I
Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia
Artigo 6. Funcións do Consello da Xunta de Galicia
Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia exercer as seguintes funcións:
a) Aprobar os instrumentos de acción climática previstos nesta lei.
b) Aprobar a revisión e a actualización dos instrumentos de acción climática, tendo en conta o Informe bianual de seguimento da execución dos obxectivos e das medidas do Plan rexional integrado de acción climática, aprobados pola Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático.
c) Enviar ao Parlamento os instrumentos de acción climática e o Informe bianual de seguimento para a súa análise, debate e formulación de propostas.
Artigo 7. Funcións da consellaría competente na materia de cambio climático
As funcións que corresponden á consellaría competente na materia de cambio climático da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia son:
a) Propor a revisión e a actualización da Estratexia galega de cambio climático e realizar o seu seguimento, a través da Oficina de Cambio Climático de Galicia.
b) Elaborar os proxectos de regulamento desta lei.
c) Propor a aprobación e supervisar a execución do Plan rexional integrado de acción climática, de acordo co coñecemento científico e cos compromisos internacionais, mediante o labor da Oficina de Cambio Climático de Galicia.
d) Impulsar o desenvolvemento e a aplicación dos instrumentos económicos, de fomento, de sensibilización, de educación e de investigación, no marco das súas competencias propias ou en colaboración con outras consellarías e entes instrumentais competentes en áreas estratéxicas, no marco da Comisión Interdepartamental regulada no artigo 10 desta lei.
e) Outorgar as autorizacións de emisión de gases de efecto invernadoiro ás actividades suxeitas á normativa sobre o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, valorar os informes verificados correspondentes a estas emisións e exercer a potestade sancionadora nas materias da súa competencia.
CAPÍTULO II
Órganos administrativos de xestión, de participación e de consulta
Artigo 8. Oficina de Cambio Climático de Galicia
1. A Oficina de Cambio Climático de Galicia é o órgano técnico, con natureza de unidade administrativa, para xestionar e fomentar as políticas de mitigación, de adaptación e de comunicación na materia de cambio climático. Está adscrita á consellaría competente na materia de cambio climático.
2. Para desenvolver as súas funcións, a Oficina de Cambio Climático de Galicia poderá contar coa asistencia doutros órganos con coñecemento técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades do sector público con funcións nas materias vinculadas a áreas estratéxicas definidas nesta lei, por medio, se for o caso, das vías da autoprovisión dos artigos 8 e 9 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
3. A Oficina de Cambio Climático de Galicia terá as seguintes funcións:
a) O seguimento da Estratexia galega de cambio climático, a colaboración e o apoio na implementación das estratexias internacionais e nacionais fronte ao cambio climático.
b) A xestión administrativa do réxime de comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro e a elaboración e o seguimento dos seus inventarios.
c) A participación en proxectos e en iniciativas nacionais e internacionais na materia de cambio climático.
d) As funcións vinculadas ás accións de mitigación e de adaptación dos efectos do cambio climático, previstas na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
e) O apoio e o asesoramento técnico ás consellarías con competencias nas áreas estratéxicas indicadas no artigo 10.2.c), no que atinxe á integración da perspectiva climática na elaboración dos plans ou dos programas sectoriais sometidos a avaliación ambiental estratéxica, para o cal terá que se dotar de medios e de recursos suficientes para levar a cabo as súas funcións transversais.
f) A elaboración dos informes da perspectiva climática nas fases de consultas ás administracións afectadas para a elaboración do documento de alcance do estudo ambiental estratéxico e sobre a versión inicial dun plan ou programa, acompañado do estudo ambiental estratéxico, sometido a avaliación ambiental estratéxica.
g) A elaboración da proposta de revisión da Estratexia galega de cambio climático e de aprobación e revisión dos plans rexionais integrados de acción climática, que serán remitidas á Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático.
h) A elaboración da proposta de informes bianuais de seguimento da execución dos obxectivos e das medidas do Plan rexional integrado de acción climática, que serán aprobados pola Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático.
i) O impulso e apoio técnico e administrativo á Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático.
j) O informe sobre a elaboración dos documentos técnicos de referencia para integrar a perspectiva climática no proceso de elaboración dos plans e dos programas autonómicos sectoriais sometidos a avaliación ambiental estratéxica, e na fase de deseño de proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental de proxectos, tendo en conta, de ser o caso, as orientacións técnicas da Unión Europea nesta materia.
k) A definición da proposta de indicadores cuantitativos e cualitativos de mitigación e de adaptación ao cambio climático, de gobernanza e de impacto na economía, e o establecemento do seu seguimento, sobre a base dos procedementos e das metodoloxías adoptadas internacionalmente.
l) A promoción de medidas de formación, de sensibilización, de concienciación, de divulgación e de capacitación da cidadanía na materia de cambio climático, no marco dos obxectivos e das medidas da Estratexia galega de cambio climático e do Plan rexional integrado de acción climática.
m) O facilitamento da relación entre as políticas de cambio climático e as políticas de investigación e de innovación, en xeral, e, en particular, co Plan galego de investigación e innovación.
n) O apoio administrativo e organizativo e o asesoramento aos actores da Alianza Galega polo Clima para promover iniciativas de mellora nas prácticas de resiliencia e de minimización do impacto climático.
ñ) O asesoramento aos concellos galegos, a través da Rede Local polo Clima, sobre accións específicas que axudaren a elaborar e a implementar as medidas reflectidas nos plans de acción local polo clima e o cumprimento dos compromisos establecidos neles.
o) A xestión do Portal de acción climática de Galicia.
p) Calquera outra función que lle puider ser encomendada para dar cumprimento aos obxectivos da lei.
Artigo 9. Foro de Acción Climática de Galicia
1. Créase o Foro de Acción Climática de Galicia como un órgano colexiado de participación, de asesoramento e de consulta na materia de cambio climático, co obxectivo de:
a) Impulsar e coordinar accións de mitigación e de adaptación ao cambio climático en Galicia.
b) Favorecer a colaboración entre administracións, universidades, organismos científicos, organizacións ambientais e demais axentes sociais e económicos implicados.
c) Calquera outro que lle for atribuído regulamentariamente.
2. O Foro de Acción Climática estará adscrito á consellaría competente na materia de cambio climático e actuará con total independencia no desenvolvemento das súas funcións.
3. As súas funcións, a composición, os criterios para designar as persoas integrantes, a organización e o réxime de funcionamento serán determinados regulamentariamente.
4. O Foro adecuará o seu funcionamento ao previsto nesta lei, ao regulamento polo que se determina a súa composición e o seu réxime de funcionamento, ao establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, ben como, se for o caso, ao seu regulamento interno.
5. A Oficina de Cambio Climático de Galicia facilitará os medios necesarios para desenvolver as súas funcións e actuará como secretaría técnica e administrativa.
CAPÍTULO III
Coordinación e cooperación
Artigo 10. Natureza, composición e funcionamento da Comisión Interdepartamental
1. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático, creada e regulada polo Decreto 130/2019, do 3 de outubro, é un órgano colexiado adscrito á consellaría competente na materia de cambio climático para garantir a coordinación necesaria nas accións administrativas e de goberno, derivada da necesidade de dar cumprimento aos compromisos adquiridos na Estratexia referida e co fin de impulsar a execución das políticas climáticas por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico.
2. A súa composición e o seu funcionamento terán en conta os seguintes criterios:
a) A Presidencia da Comisión Interdepartamental recaerá na persoa titular da consellaría que teña atribuídas as competencias na materia de cambio climático ou na persoa en quen delegar.
b) A Vicepresidencia recaerá na persoa titular da dirección xeral que teña atribuídas as competencias na materia de cambio climático ou na persoa en quen delegar.
c) Estarán representadas as persoas con rango de secretario ou secretaria xeral e de director ou directora xeral ou equivalente designadas mediante unha resolución da persoa titular da consellaría competente nas áreas estratéxicas que se indican a seguir ou pola Secretaría Xeral da Presidencia, cando as materias referidas foren competencia dos órganos superiores e de dirección, no ámbito da Presidencia: cambio climático; calidade ambiental; medio natural; auga; agricultura; gandaría; ordenación forestal; industria forestal; administración local; ordenación do territorio; economía; facenda; industria; enerxía; saúde pública; vivenda; infraestruturas; mobilidade; protección civil; xestión de emerxencias; turismo; educación; litoral; pesca, marisqueo, acuicultura; portos; I+D; comunicación; e patrimonio cultural.
Estará presente, en calquera caso, con voz mais sen voto, a persoa que ocupar a unidade administrativa da Oficina de Cambio Climático de Galicia.
d) Deberán ser garantidas a presenza e a representación equilibrada de mulleres e de homes.
3. Para impulsar o funcionamento da Comisión Interdepartamental será creado un grupo de traballo de carácter permanente, integrado por representantes das entidades e dos centros directivos que fan parte desta, coa categoría de subdirector ou subdirectora ou equivalente. Este grupo técnico será o encargado de realizar o estudo das iniciativas, das propostas e dos proxectos concretos na materia de cambio climático, que, posteriormente, serán sometidos ao Pleno da Comisión Interdepartamental.
O grupo de traballo de carácter permanente poderá constituír grupos técnicos especializados, co fin de estes desenvolveren propostas que requiran un nivel de especialización elevado. En calquera caso, os integrantes destes grupos deberán ter un perfil técnico que reflicta o mellor coñecemento científico-técnico dispoñible nos departamentos e nas entidades do sector público implicados para realizaren o obxectivo concreto do grupo.
Artigo 11. Funcións da Comisión Interdepartamental
Son funcións da Comisión Interdepartamental:
1. Impulsar e coordinar a posta en marcha das medidas de mitigación e de adaptación que corresponderen aos distintos ámbitos sectoriais.
2. Analizar as medidas derivadas das estratexias de cambio climático establecidas a nivel europeo e nacional que afectaren a Comunidade Autónoma de Galicia, e igualmente a súa posta en marcha e o seu cumprimento.
3. Estudar, coordinar e programar as propostas interdepartamentais en relación coa mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro e coa adaptación ao cambio climático.
4. Informar o Consello da Xunta de Galicia, por pedimento deste ou por iniciativa propia, en todos os asuntos relacionados co cambio climático na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que sexan tidos en consideración nas diferentes políticas e programas sectoriais.
5. Coordinar a execución interdepartamental da Estratexia galega de cambio climático e dos plans rexionais integrados de acción climática.
6. Integrar sistematicamente os obxectivos desta lei no deseño das convocatorias de axudas públicas e na súa aplicación e na preparación dos contratos públicos das consellarías con competencias nas áreas estratéxicas definidas nesta lei.
7. Elaborar un programa de contratación pública verde que planifique o desenvolvemento do proceso para elaborar e actualizar o catálogo de cláusulas climáticas e circulares e que defina os medios de asesoramento e de apoio técnico aos órganos de contratación do sector público autonómico.
8. Velar pola coordinación entre as actuacións na materia de investigación, de desenvolvemento e de innovación e as restantes actuacións do sector público autonómico na acción fronte ao cambio climático e a transición enerxética.
9. Establecer as prioridades de actuación dos fondos para a transición climática e circular de Galicia, tendo en conta o cumprimento dos obxectivos desta lei e do resto da regulamentación sectorial autonómica vinculada ao cumprimento de obxectivos climáticos, e de acordo cos criterios que se estableceren regulamentariamente.
10. Aprobar, cada dous anos e por proposta da Oficina de Cambio Climático de Galicia, un informe de seguimento sobre o cumprimento dos obxectivos e das medidas do Plan rexional integrado de acción climática.
11. Facilitar o intercambio harmonizado de datos e de información relevante para a xestión e o seguimento da Estratexia galega de cambio climático.
12. Fomentar a investigación e o estudo na materia de mitigación e de adaptación ao cambio climático.
13. Coordinar a política de sensibilización e de comunicación da Xunta de Galicia sobre o cambio climático.
CAPÍTULO IV
Integración da perspectiva climática na xestión administrativa
Artigo 12. Obrigas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico
As consellarías con competencias en áreas estratéxicas deben integrar os obxectivos climáticos desta lei e dos seus instrumentos de acción climática no desenvolvemento das súas funcións, particularmente a través das seguintes medidas:
a) Integrar a perspectiva climática no proceso de elaboración e aprobación dos plans e dos programas sectoriais, de acordo co previsto no capítulo II do título II.
b) Integrar a perspectiva climática no proceso de elaboración e aprobación das bases reguladoras das axudas públicas con impacto na descarbonización e outras medidas de fomento e no proceso de preparación dos contratos públicos, de acordo co previsto no título III.
CAPÍTULO V
Dimensión social e transparencia
Artigo 13. Participación social
As administracións públicas de Galicia fomentarán, no ámbito das súas competencias, a participación efectiva das persoas en condicións de igualdade, sen discriminación por razón de sexo, de renda, de cualificación profesional ou doutra natureza, e, especialmente da mocidade, no ámbito da información, da formación e da sensibilización sobre as accións polo clima.
Artigo 14. Rede Local polo Clima
1. A Rede Local polo Clima é unha iniciativa da consellaría con competencias na materia de cambio climático para fortalecer a colaboración e a acción climática a nivel local, que busca coordinar os esforzos dos concellos cos obxectivos de loita contra o cambio climático da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A Rede Local polo Clima promoverá a adhesión de todos os concellos de Galicia ao Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía e actuará como oficina de coordinación, de intercambio de coñecementos e boas prácticas e de apoio técnico e económico ás entidades locais para elaborar os plans de acción local polo clima e para os aplicar.
3. Fan parte da Rede Local polo Clima aqueles concellos que teñan aprobado o instrumento de acción climática regulado no artigo 17.
Artigo 15. Alianza Galega polo Clima
1. A Alianza Galega polo Clima constitúe o instrumento de fomento e de colaboración constituído por axentes sociais e económicos implicados na loita contra o cambio climático e no impulso dunha economía circular e sustentable.
2. Son obxectivos da Alianza Galega polo Clima:
a) Fomentar o compromiso ambiental das diferentes organizacións que a integraren.
b) Dar visibilidade ao compromiso das organizacións galegas cos obxectivos de mitigación e de adaptación desta lei.
c) Buscar a sinerxía e a colaboración entre as organizacións da sociedade civil na materia de cambio climático.
d) Impulsar iniciativas para mellorar o rendemento ambiental das organizacións e para compartir boas prácticas climáticas.
e) Outorgar premios e recoñecementos públicos por proxectos innovadores e de referencia na materia de mitigación e de adaptación climática, de acordo co previsto no artigo 38.
f) Identificar os factores e as brechas de coñecemento e de xestión que obstaculizan que as organizacións asuman compromisos na materia de mitigación e de adaptación climática.
g) Ofrecer ferramentas ás pequenas e ás medianas empresas para a súa incorporación activa á Alianza, para elas eliminaren ou, se é o caso, para reduciren as emisións de gases de efecto invernadoiro dos seus procesos ou para planificaren as necesidades de adaptación ao cambio climático.
3. Poderán facer parte da Alianza:
a) As empresas e as asociacións profesionais ou empresariais.
b) As organizacións sindicais.
c) As organizacións non gobernamentais (ONG) ambientais e outras organizacións da sociedade civil.
d) As organizacións científicas e académicas.
e) As administracións públicas e os entes do sector público con competencias na materia ambiental.
f) Os colexios profesionais.
g) Calquera outra organización que estiver disposta a asumir un compromiso para avanzar na loita contra o cambio climático e na mellora do ambiente.
A pertenza á Alianza será formalizada mediante a sinatura dun memorando de entendemento.
4. A Oficina de Cambio Climático de Galicia prestará o apoio organizativo ao desenvolvemento das iniciativas e encontros da Alianza Galega polo Clima.
Artigo 16. Portal de acción climática de Galicia
1. A consellaría con competencia na materia de cambio climático porá en funcionamento, e actualizará permanentemente, o Portal de acción climática de Galicia, que permitirá á cidadanía participar de maneira informada nas accións climáticas de Galicia.
2. O Portal de acción climática de Galicia incluirá información sobre:
a) As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, por sectores.
b) Os progresos das medidas establecidas para reducir esas emisións.
c) O estado de execución dos instrumentos de acción e os seus resultados.
d) As metas e os compromisos internacionais a que Galicia estiver vinculada.
e) Os estudos e os proxectos de investigación e de desenvolvemento elaborados no ámbito do cambio climático desenvolvidos en Galicia.
f) As vías de participación e os proxectos abertos a ela.
g) Os proxectos de cooperación internacional na materia de cambio climático nos cales a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia estiver a participar.
h) Os informes xerais sobre o clima e as proxeccións climáticas.
i) As accións e os proxectos de formación e de sensibilización sobre o cambio climático desenvolvidos en Galicia.
j) As novas tecnoloxías de acción climática.
k) As versións vixentes e actualizadas da Estratexia galega de cambio climático e dos plans rexionais integrados de acción climática.
l) O seguimento da execución dos obxectivos e das medidas do Plan rexional integrado de acción climática.
m) As iniciativas e os eventos desenvolvidos no marco da Alianza Galega polo Clima.
n) Os documentos de referencia para integrar a perspectiva climática na planificación sectorial.
ñ) Calquera outra que se considerar relevante para tomar decisións informadas na materia de cambio climático.
TÍTULO II
Instrumentos de ordenación e de acción climática
CAPÍTULO I
Instrumentos de acción climática
Artigo 17. Tipos de instrumentos
1. Os instrumentos de acción climática son os seguintes:
a) A Estratexia galega de cambio climático.
b) O Plan rexional integrado de acción climática.
c) O Plan de acción local polo clima.
2. Os instrumentos de acción climática de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia serán publicados no Portal de acción climática de Galicia, no prazo dun mes despois de seren aprobados.
3. A consellaría con competencias na materia de cambio climático elaborará un informe sobre os resultados agregados dos plans de acción local polo clima que se publicará actualizado no Portal de acción climática de Galicia.
Artigo 18. Estratexia galega de cambio climático
1. A Estratexia galega de cambio climático constitúe o instrumento xeral de planificación da Comunidade Autónoma de Galicia fronte ao cambio climático e é o marco integrado e transversal de ordenación e de planificación de obxectivos, de políticas e de accións que permiten cumprir os obxectivos desta lei.
2. A Estratexia galega de cambio climático será revisada con motivo da aprobación periódica do Plan rexional integrado de acción climática, coa finalidade de avaliar os seus resultados e, se for o caso, de redefinir os obxectivos, tendo en conta o avance do coñecemento científico e tecnolóxico e regulamentario nesta materia.
Artigo 19. Plan rexional integrado de acción climática
1. O Consello da Xunta de Galicia aprobará o Plan rexional integrado de acción climática, que establecerá as medidas específicas que permitan desenvolver as liñas de actuación establecidas para acadar os obxectivos da Estratexia galega de cambio climático.
2. O Plan rexional integrado será revisado e actualizado cada cinco anos e disporá dun sistema de indicadores para a súa avaliación e seguimento.
3. O contido do Plan rexional integrado recollerá as medidas na materia de mitigación, de adaptación, de investigación e as medidas de carácter social, de gobernanza e de sensibilización, conforme os obxectivos da Estratexia galega de cambio climático.
4. O Plan rexional integrado poderá establecer obxectivos de emisión por áreas estratéxicas e por sectores económicos, en coordinación con outros plans estratéxicos sectoriais. Para estes efectos, deberán ser tidos en conta, entre outros factores, o coñecemento científico, o impacto nos diferentes sectores e o potencial de redución de cada un, as circunstancias económicas e sociais, a competitividade, a política enerxética, os escenarios de emisións e a evolución da política regulamentaria da Unión Europea.
Artigo 20. Plans de acción local polo clima
1. As entidades locais poderán aprobar, no marco das súas competencias, un plan de acción local polo clima, de conformidade coa Estratexia galega de cambio climático e co Plan rexional integrado e no marco da iniciativa do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía.
2. Os concellos de máis de vinte mil habitantes estarán obrigados, en calquera caso, a aprobar o plan de acción polo clima indicado.
3. Os plans de acción polo clima deben ter o contido recollido nas guías de referencia previstas no marco da iniciativa do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, e no mínimo:
a) Unha definición dos obxectivos estratéxicos de longo prazo e dos obxectivos específicos na materia de mitigación e de adaptación ao cambio climático.
b) Un inventario de referencia de emisións.
c) Unha avaliación de riscos e de vulnerabilidades ambientais, sociais e económicos, referida aos principais riscos climáticos.
d) As medidas e as accións previstas nos ámbitos da mitigación, da adaptación e da pobreza enerxética.
4. As entidades locais poderán elaborar estes programas individualmente ou agrupadas mediante a presentación dun plan conxunto. Neste último caso, a agrupación terá como finalidade principal facilitar o mellor cumprimento dos obxectivos desta lei.
No caso de entidades locais supramunicipais e de agrupacións de entidades locais, o inventario de emisións deberá ser elaborado por cada un dos concellos participantes. A avaliación de riscos e de vulnerabilidades fronte ao cambio climático deberá ser realizada para o conxunto dos concellos.
5. Os plans de acción local polo clima serán aprobados mediante unha ordenanza. Despois de os aprobar, serán comunicados polas entidades locais á consellaría con competencias na materia de cambio climático da Xunta de Galicia, de acordo cos medios que se determinaren, e serán rexistrados no marco da iniciativa do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía.
6. Os plans de acción local polo clima terán unha duración inicial de dous anos. Cada dous anos, as entidades locais deberán elaborar e aprobar un informe de seguimento do grao de cumprimento do seu plan no marco da iniciativa do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, e deberán remitilo á consellaría con competencias na materia de cambio climático. No referente a entidades locais supramunicipais e a agrupacións de entidades locais, o informe será acompañado por unha declaración responsable de cada un dos concellos participantes.
7. As deputacións provinciais, no seu marco de competencias, poderán prestar apoio aos concellos para estes aprobaren e aplicaren os plans de acción local polo clima.
8. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico poderán establecer unhas liñas específicas de fomento para apoiaren as actuacións das entidades locais dirixidas a cumprir os compromisos que comportan os plans de acción local polo clima.
Nas convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva realizadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ou por calquera entidade do sector público autonómico, dirixidas ás entidades locais galegas e destinadas a investimentos e a gastos previstos polos plans de acción local polo clima, as bases da convocatoria poderán introducir un criterio de valoración específico que no baremo de puntuación supoña, cando menos, o dez por cento do total a favor das actuacións desenvolvidas por aqueles concellos que dispuxeren dun plan de acción local polo clima rexistrado.
9. A elaboración e a aplicación dos plans de acción local polo clima poderán ser financiadas cos fondos para a transición climática e circular de Galicia, recollidos no artigo 35 desta lei, se os concellos aplicaren medidas fiscais ou outras regulacións ao seu alcance que incentiven as boas prácticas, favorecendo a mitigación e diminuíndo a vulnerabilidade.
10. A consellaría con competencias na materia de cambio climático establecerá regulamentariamente os prazos e a forma para as entidades locais comunicaren os plans de acción local polo clima.
Sen prexuízo do previsto neste artigo, para elaboraren o seu plan, as entidades locais seguirán as guías de referencia, e igualmente os procedementos de seguimento previstos no marco da iniciativa do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía.
Artigo 21. Proxeccións climáticas
1. O órgano con competencia na materia de cambio climático da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia elaborará e revisará as proxeccións climáticas de Galicia. Estas proxeccións son a base de coñecemento para revisar e actualizar a Estratexia galega de cambio climático e o Plan rexional integrado de acción climática.
2. Estas proxeccións climáticas proporcionarán información sistematizada, elaborada especificamente para Galicia e facilmente comprensible, para integrar a perspectiva climática na actividade administrativa, nomeadamente nos plans e nos programas sectoriais autonómicos.
CAPÍTULO II
Perspectiva climática na actividade administrativa sectorial
Artigo 22. Integración da perspectiva climática na actividade administrativa
As consellarías competentes nas áreas estratéxicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia terán en conta a perspectiva climática na elaboración dos plans e dos programas sectoriais e na súa aprobación, no proceso de preparación de contratos públicos, cando o seu obxecto e natureza o permitiren, e nas convocatorias de subvencións públicas con impacto nos obxectivos de neutralidade climática, en coherencia cos obxectivos previstos nesta lei, na Estratexia galega de cambio climático e nos plans rexionais integrados de acción climática.
Artigo 23. Perspectiva climática na planificación sectorial autonómica
1. Os plans e os programas sectoriais autonómicos, e as súas modificacións, terán en consideración a Estratexia galega de cambio climático e o Plan rexional integrado de acción climática en vigor, e darán cumprimento aos obxectivos e ás medidas destes instrumentos de acción climática que afectaren o seu ámbito de aplicación.
2. A planificación sectorial autonómica específica con especial incidencia no territorio terá en conta as proxeccións climáticas reguladas no artigo 21, coa finalidade de mellorar a capacidade de adaptación, de fortalecer a resiliencia e de reducir a vulnerabilidade.
Artigo 24. Avaliación climática estratéxica de plans e de programas
1. Os plans e os programas con impacto na xeración de emisións de gases de efecto invernadoiro e aqueles que recollan accións de adaptación ao cambio climático, e as súas modificacións, que adoptaren ou aprobaren a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais, e que estiveren sometidos a avaliación ambiental estratéxica, deberán integrar a perspectiva climática, que incorporará, ao menos, unha análise do seu impacto sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro, directas e indirectas, e medidas destinadas a minimizalas ou compensalas no caso de non se poderen evitar.
2. A consellaría con competencia na materia de cambio climático deberá elaborar un documento técnico de referencia para a integración da perspectiva climática na elaboración dos plans e dos programas autonómicos e facilitar así o cumprimento do establecido no punto 1.
3. O documento técnico de referencia, indicado no punto 2, será tomado en consideración necesariamente na elaboración do estudo ambiental estratéxico, que deberá integrar unha sección xustificativa neste sentido, no caso dos plans e dos programas de competencia da Comunidade Autonómica de Galicia.
4. No que atinxe a plans e a programas das entidades locais, na elaboración do estudo ambiental estratéxico, con perspectiva climática, poderán tomarse en consideración os documentos técnicos de referencia ou outras orientacións aprobados pola Comisión Europea, pola Administración xeral do Estado ou definidas por normas técnicas de referencia.
Artigo 25. Avaliación de impacto de proxectos
1. Os proxectos de competencia autonómica, e as súas modificacións, que estiveren sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria de proxectos deberán integrar a perspectiva climática na súa avaliación.
2. A integración da perspectiva climática será realizada a través do procedemento de avaliación de impacto ambiental, de acordo co que establece a lexislación básica do Estado na materia de avaliación ambiental e a lexislación autonómica vixente na materia.
Nos informes que emita a consellaría con competencias na materia de cambio climático neste procedemento, avaliarase o potencial impacto, directo e inducido, das emisións de gases de efecto invernadoiro e a normativa vixente na materia de cambio climático.
3. Os documentos técnicos de referencia que se puxeren á disposición para elaborar estudos de impacto ambiental establecerán indicacións sobre como incorporar a perspectiva climática na elaboración dos estudos de impacto ambiental de proxectos para dar cumprimento aos obxectivos desta lei.
TÍTULO III
Instrumentos económicos e de fomento
CAPÍTULO I
Medidas de contratación pública e xestión patrimonial
Artigo 26. Integración de criterios climáticos na contratación pública
1. Os órganos da Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia integrarán, de forma progresiva, criterios climáticos na contratación pública. Para iso incluirán, naqueles contratos para os que exista unha ficha no catálogo de cláusulas climáticas ao cal se refire o artigo 27, algúns dos criterios ou das cláusulas de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro que se recollan na ficha referida, sempre que teñan relación co obxecto do contrato.
2. A integración da perspectiva climática na preparación dos contratos públicos poderá levarse a cabo mediante a incorporación de criterios ou de cláusulas nos pregos de prescricións técnicas particulares e/ou de criterios de solvencia técnico-profesional, de criterios de adxudicación ou de condicións especiais de execución do contrato nos pregos de cláusulas administrativas particulares.
A incorporación de criterios climáticos debe gardar relación co obxecto do contrato. Para estes efectos, os criterios climáticos terán que producir unha mellora no rendemento climático da prestación efectivamente contratada, xerando beneficios á sociedade, mediante a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro ou mediante o apoio ao resto dos obxectivos de mitigación e de adaptación climática desta lei.
3. Para cumprir co punto 1 deste artigo, na preparación das licitacións de contratos públicos do sector público autonómico teranse en conta, para alén das fichas do catálogo de cláusulas climáticas, os criterios comúns e os obxectivos de compra pública verde aprobados pola Comisión Europea.
Os documentos actualizados dos criterios comúns da Comisión Europea de compra pública verde e os catálogos de cláusulas climáticas deberán ser publicados de forma que sexan clara e facilmente accesibles para o persoal dos órganos de contratación.
4. Os órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia garantirán que, cando se formalizaren contratos sometidos a regulación harmonizada cuxo obxecto tiver unha repercusión no ámbito do cambio climático, se aplique o principio de «primeiro, a eficiencia enerxética» e se adquiran produtos, servizos, edificios e obras que teñan un alto rendemento enerxético, de conformidade coa Directiva (UE) 2023/1791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de setembro de 2023, relativa á eficiencia enerxética, e coa normativa estatal de transposición.
5. Nos procedementos de adquisición e de contratación de medicamentos e produtos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, darase prioridade a aqueles que xeren un impacto ambiental menor, sempre que manteñan os mesmos niveis de eficacia e de seguranza para os pacientes.
Artigo 27. Catálogos de cláusulas climáticas para a contratación pública
1. A Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático elaborará, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, un programa de contratación pública verde que planifique o desenvolvemento progresivo da integración de criterios climáticos na contratación pública e que defina os medios de asesoramento e de apoio técnico aos órganos de contratación do sector público autonómico, ben como o programa formativo correspondente. O programa será revisado cada catro anos.
2. En virtude do que o citado programa de contratación pública verde estableza, a consellaría competente na materia de coordinación da contratación pública, por proposta da consellaría competente na materia de cambio climático, elaborará un catálogo de cláusulas climáticas que incluirá instrucións para a súa incorporación adecuada nos pregos contractuais, como unha guía e un apoio ao órgano de contratación.
3. O catálogo de cláusulas de contratación pública climática e circular constará dunha listaxe de fichas que estarán referidas aos tipos de prestación cualificadas como prioritarias, de acordo co previsto no punto 4. As fichas por tipoloxía contractual integrarán propostas motivadas de utilización clara de criterios e cláusulas ambientais dentro do proceso de preparación contractual, ben sexa como prescricións técnicas, como criterios de adxudicación, como criterios de solvencia técnico-profesional ou como condicións especiais de execución do contrato. As fichas incluirán os medios de verificación e de control dos criterios respectivos e unhas cláusulas ambientais e, de ser o caso, unhas metodoloxías de custo do ciclo de vida.
4. Para a elaboración de fichas do catálogo de cláusulas climáticas, terán a consideración de prioritarios os seguintes contratos:
a) Os contratos de servizos para a redacción de proxectos de obras, de contratos de obras e de concesións de obras, coa finalidade de fomentar a eficiencia enerxética das obras e edificacións e as enerxías renovables, de promover o emprego de produtos de construción procedentes da economía circular ou sustentables, particularmente a madeira, e os sistemas de certificación da sustentabilidade das edificacións.
b) Os contratos de servizos ou de subministracións que tiveren por obxecto prestacións ligadas á adquisición de produtos alimenticios, coa finalidade de favorecer a adquisición de produtos ecolóxicos, frescos e de tempada e a compra de produtos de cadeas curtas de distribución; o emprego de envases con baixa pegada de carbono (uso de madeira e de produtos derivados desta, así como as súas reciclaxes); e o cumprimento do resto de obxectivos da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia.
c) Os contratos de servizos vinculados á organización de eventos e de espectáculos públicos.
d) Os contratos identificados como prioritarios pola Comisión Interdepartamental para o Impulso e a Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático, por proposta da Oficina de Cambio Climático de Galicia ou de calquera consellaría representada na súa composición.
5. As fichas do catálogo serán revisadas por períodos sucesivos cada catro anos ou polo período alternativo que establecer o programa de contratación pública verde, para actualizar o contido dos criterios e das cláusulas, de acordo coa evolución regulamentaria e coa evolución do mercado, dos custos das prestacións e dos avances técnicos.
6. A consellaría con competencias na materia de cambio climático, coa colaboración da consellaría competente na materia de coordinación da contratación pública, poderá promover un espazo de boas prácticas de contratación pública verde, no cal se recollan experiencias das entidades do sector público autonómico e das entidades locais de Galicia, nomeadamente daquelas de máis de vinte mil habitantes.
Artigo 28. Utilización da pegada de carbono na preparación de contratos públicos
1. A pegada de carbono da prestación pode ser utilizada para definir especificacións técnicas, criterios de adxudicación e condicións especiais de execución do contrato, sempre que se dispoña de datos de referencia e de metodoloxías aplicables, accesibles para todas as partes licitadoras, para garantir o cumprimento dos principios da contratación pública.
A pegada de carbono da organización, especialmente as certificacións vinculadas a rexistros oficiais, só se poderán utilizar como un medio non exclusivo de acreditación da solvencia técnica e profesional para a xestión das emisións de gases de efecto invernadoiro na execución contractual.
2. Os pregos de cláusulas administrativas poderán establecer criterios de adxudicación de avaliación automática para identificar as ofertas con mellor rendemento climático, co seguinte contido:
a) Que permitan a comparación da pegada de carbono asociada, de maneira estimada, ás ofertas presentadas, sempre que, tendo en conta a prestación concreta, se dispoña de datos e de metodoloxías que permitan unha comparación obxectiva das ofertas, o cal deberá ser xustificado adecuadamente no expediente. Deberanse determinar na configuración do propio criterio o alcance, os datos de referencia e as metodoloxías aplicables para calcular a pegada de carbono, de modo que todas as partes licitadoras empreguen as mesmas referencias técnicas para o cálculo e os medios de acreditación por parte do licitador. O criterio poderá estar referido a parte do ciclo de vida da oferta, como, por exemplo, ás emisións asociadas ao transporte de produtos nos contratos de subministración, de servizos ou de obras.
b) Que impliquen a asunción do compromiso, durante a execución contractual, de medir a pegada de carbono e, se for o caso, de reducir e/ou de compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro. Deberanse determinar na configuración do propio criterio os datos e as metodoloxías aplicables para calcular a pegada de carbono e os medios de acreditación por parte do contratista na execución contractual.
3. Nos contratos de servizo para a elaboración de proxectos de obra, de obras ou de concesión de obras, fomentarase a integración de especificacións técnicas referidas á utilización de produtos procedentes da economía circular ou sustentables, como a madeira, preferentemente de orixe local ou que cumpra os estándares dos sistemas de etiquetaxe ecolóxica, ou á eficiencia ou ao aforro enerxético. Nos contratos de servizo para a elaboración de proxectos de obra, poderase establecer a obriga de calcular e/ou de analizar a pegada de carbono, coa finalidade de escoller as alternativas de deseño de obras e de edificacións de maior rendemento enerxético e climático e de menor custo do ciclo de vida.
4. A consellaría competente na materia de cambio climático, en colaboración coa consellaría con competencias na materia de coordinación da contratación pública, elaborará unha guía metodolóxica para o uso da pegada de carbono na contratación pública, coherente co marco normativo e coas orientacións técnicas da Unión Europea e respectando os principios da contratación pública. Esta guía será actualizada periodicamente para integrar os avances na materia de dispoñibilidade de datos e de metodoloxías aplicables. Estas metodoloxías estarán aliñadas coa normativa e coas recomendacións da Unión Europea que se estableceren nesta materia.
Artigo 29. Utilización da pegada de carbono na execución de contratos públicos
1. Nas licitacións en que se inclúan criterios de adxudicación dos previstos no punto 2 do artigo 28, os pregos de cláusulas administrativas particulares deberán recoller, como condición especial de execución, a obriga da parte contratista de medir a pegada de carbono na execución contractual para dispor de datos sobre o nivel de emisións na execución contractual, para verificar o cumprimento dos compromisos asumidos pola parte licitadora e, de ser o caso, para determinar o alcance das medidas de compensación das emisións verificadas. Deberanse determinar os datos e as metodoloxías aplicables para calcular a pegada de carbono.
2. Estas condicións especiais de execución poderán establecer obrigas de compensación de emisións de gases de efecto invernadoiro xerados na execución da obra ou do servizo obxecto do contrato. Poderase exixir que o cumprimento de medidas de compensación se estableza mediante o investimento en proxectos de absorción de carbono ou de redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, ligados ao Sistema voluntario de créditos de carbono, segundo as previsións da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
3. No caso previsto no punto 1 deste artigo, a parte contratista deberá presentar un informe que indique o cálculo da pegada de carbono, coa periodicidade que sinale o prego de cláusulas administrativas particulares, e, en calquera caso, ao finalizar o contrato, co fin de comprobar o cumprimento efectivo do compromiso asumido pola parte contratista. Nos contratos do sector público de valor estimado igual ou superior a dous millóns de euros, o informe de verificación deberá ser emitido por un verificador independente.
O órgano de contratación poderá realizar con medios propios ou licitar, como un lote do contrato, unha auditoría sobre a pegada de carbono na execución do contrato. Neste último caso, limitarase a participación de empresas licitadoras na prestación principal para garantir a independencia da adxudicación da auditoría. Nos contratos de obras, a dirección facultativa da obra asumirá, entre as súas funcións, a dirección da auditoría.
4. Para garantir que na fase de execución se cumpran os compromisos ofertados pola parte licitadora e as condicións de execución do contrato ligadas á pegada de carbono, o prego de cláusulas administrativas particulares deberá prever as correspondentes penalidades por incumprimento, que deberán ser proporcionadas ao peso do criterio na valoración das ofertas.
5. Naqueles contratos de servizos que tiveren por obxecto a satisfacción de necesidades de tracto sucesivo, poderase incentivar, a través dun sistema de primas, a redución da pegada de carbono durante os anos da execución do contrato. Só será posible aplicar este pagamento por rendemento cando for posible determinar datos de referencia e metodoloxías de aplicación obxectiva para o cálculo da pegada de carbono.
6. Os órganos de contratación poderán exixir ás partes contratistas, como condición especial de execución, que faciliten información sobre a pegada de carbono, sobre o emprego de materiais con baixas emisións de carbono e sobre a circularidade dos materiais utilizados nos edificios novos e nos que teñan que ser obxecto de renovación. Os órganos de contratación poderán pór esta información á disposición do público para os contratos, nomeadamente no caso dos edificios novos cunha superficie superior a dous mil metros cadrados.
Artigo 30. Compra pública baixa en carbono por razón da proximidade
1. Os órganos de contratación do sector público autonómico e das entidades locais promoverán a adquisición de prestacións que xeren unha menor pegada de carbono na súa provisión, por razón da proximidade dos produtos ou dos servizos utilizados na súa execución, co fin de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.
2. Para facilitar o disposto no punto 1, o catálogo de cláusulas climáticas establecerá unhas cláusulas e uns criterios, vinculados ao obxecto do contrato, que cumpran os requisitos do punto 1 e que sexan respectuosos cos principios da contratación pública. Estas cláusulas darán preferencia ás condicións de execución do contrato e aos criterios de adxudicación que deban cumprirse na fase de execución do contrato e que non supoñan, en consecuencia, un límite no acceso á licitación.
Artigo 31. Integración da perspectiva climática na xestión patrimonial
1. Sempre que for posible, nos procedementos de adquisición con concorrencia e publicidade de bens inmobles a título oneroso por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades do sector público autonómico, utilizaranse criterios de adxudicación que fagan referencia á redución de gases de efecto invernadoiro das propostas ou dos proxectos.
2. O establecido no punto 1 tamén será aplicable aos procedementos de arrendamento de bens inmobles con concorrencia e publicidade que precisaren os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades do sector público autonómico.
CAPÍTULO II
Medidas de fomento de proxectos e de iniciativas climáticas
Artigo 32. Integración da perspectiva climática nas axudas públicas
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades do sector público autonómico convocarán axudas destinadas a fomentar proxectos e accións de mitigación e de adaptación climática para dar cumprimento aos obxectivos desta lei, de acordo coas liñas de actuación e coas medidas do Plan rexional integrado de acción climática.
2. As convocatorias de axudas da Xunta de Galicia poderán incorporar a perspectiva climática cando se prevexa fomentar actividades ou proxectos con impacto potencial nos obxectivos desta lei para apoiar os obxectivos de mitigación e de adaptación da Estratexia galega de cambio climático e do Plan rexional integrado de acción climática.
3. As convocatorias de axudas para financiar investimentos, financiadas total ou parcialmente con fondos europeos ou que executan medidas do Plan rexional integrado de acción climática, ou medidas de integración da perspectiva climática nos plans e nos programas sectoriais, deberán cumprir o principio de non causaren un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais, de acordo co establecido nos artigos 9 e 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, coas orientacións técnicas da Comisión Europea para aplicar o principio sinalado e, se for o caso, co que establecer a normativa da Unión Europea reguladora dos respectivos fondos aplicables.
4. O Consello da Xunta de Galicia poderá adoptar unhas directrices para a incorporación obrigatoria de criterios e de cláusulas específicos nas convocatorias de axudas do sector público autonómico.
Artigo 33. Integración da perspectiva climática na fiscalidade
O Consello da Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, promoverá a modificación dos instrumentos fiscais para incentivar no sector privado actuacións de apoio aos obxectivos de mitigación e de adaptación climática da Estratexia galega de cambio climático e ás liñas de actuación do Plan rexional integrado de acción climática e desta lei. Alén diso, fomentará que os entes locais tamén adapten os seus instrumentos fiscais na mesma liña.
Artigo 34. Integración da perspectiva climática nos orzamentos
1. Os obxectivos desta lei deberán ser incorporados nas normas orzamentarias anuais, coa finalidade de dispor de orzamentos climáticos. Esta obriga afectará os orzamentos das seguintes entidades:
a) Da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico.
b) Dos concellos de máis de vinte mil habitantes.
c) Dos concellos de entre dez mil habitantes e vinte mil habitantes, a partir do ano 2028.
d) Das deputacións provinciais.
2. A lei de orzamentos xerais de Galicia introducirá, cada ano, partidas dirixidas á adaptación e á mitigación do cambio climático en Galicia.
3. Para dar cumprimento a esta obriga, os proxectos de lei de orzamentos deberán ser acompañados dunha memoria que especifique os investimentos que executen medidas do Plan rexional integrado de acción climática ou que supoñan a integración da perspectiva climática noutros plans sectoriais e que determine a contribución dos investimentos para os obxectivos climáticos.
Artigo 35. Fondos para a transición climática e circular de Galicia
Os proxectos e as actuacións que foren coherentes cos obxectivos e coas medidas da Estratexia galega de cambio climático e cos dos plans rexionais integrados de acción climática poderán ser financiados, entre outros, cos seguintes recursos:
a) Cos recursos económicos que, de ser o caso, derivaren do Fondo social para o clima europeo, que se destinarán aos obxectivos e aos investimentos establecidos no Regulamento (UE) 2023/955 do Parlamento Europeo e do Consello, do 10 de maio de 2023, polo que se establece un Fondo social para o clima, ou a norma que o substituír, e das medidas previstas no correspondente Plan social polo clima de España.
b) Cos recursos económicos derivados da recadación dos tributos afectados ambientalmente nesta materia, dotados orzamentariamente.
c) Con calquera outra fonte de recursos económicos que se considerar adecuada para financiar eses proxectos e actuacións.
Artigo 36. Rexistro galego de persoas e entidades promotoras da neutralidade climática
1. O Rexistro galego de persoas e entidades promotoras da neutralidade climática, adscrito á consellaría con competencias na materia de cambio climático, ten como obxectivo facer constar publicamente os compromisos asumidos voluntariamente por organizacións, tanto públicas como privadas, con ou sen personalidade xurídica, e calquera iniciativa ou evento que, mediante a compensación da súa pegada de carbono, colaboren na consecución do obxectivo da neutralidade climática na nosa comunidade.
2. A inscrición no Rexistro será voluntaria e gratuíta. O ámbito de aplicación, de funcionamento, de contido e de condicións para a inscrición, e igualmente a posibilidade de as entidades rexistradas obteren beneficios administrativos, desenvolveranse regulamentariamente.
3. O Rexistro será público, nos termos que establece a normativa que regula os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza na materia de ambiente, sen prexuízo do que establece a lexislación sobre a protección de datos de carácter persoal.
4. De acordo co artigo 25.2 da Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, o Instituto Galego de Estatística terá dereito a solicitar e a obter os datos contidos no Rexistro para executar a planificación estatística.
Artigo 37. Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia
1. A Xunta de Galicia fomentará o desenvolvemento de proxectos e de actividades encamiñados a incrementar a absorción de carbono e a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, mediante o Sistema voluntario de créditos de carbono, previsto na Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
2. Nas bases reguladoras e nas convocatorias de axudas e de subvencións que realice a Administración autonómica para desenvolver proxectos ou actividades que foren susceptibles de absorber carbono ou de eliminar a emisión de gases de efecto invernadoiro, poderanse establecer criterios que teñan en conta os créditos de carbono xerados por medio das devanditas actuacións e recoñecidos no marco do Sistema voluntario de créditos de carbono.
Artigo 38. Sistema de recoñecemento de iniciativas de excelencia climática
1. Regulamentariamente establecerase un Sistema de recoñecemento de iniciativas de excelencia climática baseado en selos, en distintivos ou en premios autonómicos para recompensar o compromiso da cidadanía, das empresas e das entidades públicas e privadas coa mitigación do cambio climático, ben como outras medidas e iniciativas climáticas.
2. Regulamentariamente poderanse establecer e regular os distintivos e as cualificacións que recoñecen aqueles municipios que conseguiren obxectivos de redución de emisións, de adaptación climática e de fomento da produción e do consumo de proximidade.
TÍTULO IV
Instrumentos de sensibilización, de educación e de investigación
CAPÍTULO I
Sensibilización dos actores sociais
Artigo 39. Campañas de información sobre o cambio climático
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o resto de entidades do sector público autonómico promoverán campañas de sensibilización cidadá sobre o cambio climático e as medidas de mitigación e de adaptación que se puideren aplicar desde os ámbitos públicos e privados. Para este efecto, promoverán, en colaboración coas entidades locais e con outras entidades, accións de educación non formal para sensibilizaren a poboación en xeral, dando especial énfase á mocidade.
2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración coas entidades locais, desenvolverá ferramentas de coñecemento e de divulgación destinadas a museos, a centros de ciencia, a bibliotecas e a outros medios de comunicación e de divulgación.
3. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en colaboración cos órganos competentes da Comunidade Autónoma na materia de cultura e deporte, promoverá campañas de sensibilización e de divulgación de boas prácticas. Neste sentido, promoveranse acordos de colaboración coa industria cultural e coas organizacións deportivas para acadar unha redución da pegada de carbono nos seus eventos, e tamén nas instalacións onde se realizaren as competicións e os eventos deportivos, e desenvolveranse eventos e iniciativas deportivas e artísticas de sensibilización.
4. As entidades locais poderán desenvolver campañas de sensibilización no marco do plan municipal de cambio climático.
5. A consellaría competente na materia de cambio climático levará a cabo estudos periódicos sobre o coñecemento e a percepción social en relación co cambio climático e creará, en colaboración coas entidades locais, canles de diálogo entre a cidadanía e as institucións, como base para deseñar unhas políticas públicas e unhas estratexias de sensibilización e de comunicación máis efectivas.
CAPÍTULO II
Educación, investigación e colaboración cos actores sociais
de xeración de coñecemento climático
Artigo 40. Integración da perspectiva climática na educación
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia procurará introducir en todos os niveis do sistema educativo e universitario de Galicia programas de formación dirixidos a proporcionar coñecementos, aptitudes e comportamentos que permitan o avance cara á neutralidade en carbono e cara á adaptación ao cambio climático, así como cara a unha sociedade resiliente.
2. A consellaría competente na materia de educación, en colaboración cos órganos competentes na materia de emprego e de cambio climático, revisará o tratamento do cambio climático nos diversos itinerarios formativos da educación formal e informal, para que fomente a capacitación para avanzar na materia de cambio climático, impulsando a formación do profesorado. Neste proceso de revisión e de adaptación dos itinerarios formativos, teranse necesariamente en consideración a perspectiva e as necesidades de coñecemento técnico dos actores económicos e sociais.
3. As administracións públicas de Galicia promoverán a profesionalización e a formación continuada do persoal do sector público autonómico implicado na xestión, directa ou indirecta, dos obxectivos e das medidas desta lei.
4. No caso de segmentos da poboación concretos, para garantir unha transición xusta, poranse en marcha accións para fomentar a actualización e o desenvolvemento das capacidades e dos coñecementos das persoas.
Artigo 41. Integración da perspectiva climática na investigación
A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e o resto de entidades do sector público autonómico adoptarán medidas para aumentar a capacidade de Galicia en investigación e en innovación na materia de cambio climático e para fomentar unha transferencia de coñecemento activa e eficaz, a través da consecución dos seguintes obxectivos:
a) Reforzar o sistema de vixilancia e de seguimento dos efectos do cambio climático.
b) Desenvolver modelos climáticos e oceanográficos como ferramenta de apoio á planificación e á toma de decisións.
c) Reforzar o coñecemento e as capacidades de I+D en cambio climático e dos seus impactos en Galicia, con particular atención á xestión de recursos hídricos, á biodiversidade, ás enerxías renovables, á agricultura sustentable, á protección dos ecosistemas e á resiliencia das infraestruturas, así como á mellora dos recursos forestais e a súa transformación industrial.
d) Impulsar o estudo e as proxeccións dos efectos do cambio climático nos ecosistemas terrestres, mariños e costeiros; nos recursos hídricos; no sector primario (agrario, forestal, marisqueiro e pesqueiro); no medio urbano e rural; e na saúde.
e) Desenvolver instrumentos e estratexias para impulsar a acción climática na xestión do patrimonio natural de Galicia.
f) Promover a investigación aplicada para a adaptación climática do sector primario galego (agrario, forestal, marisqueiro e pesqueiro) ante as proxeccións de curto e de medio prazo do cambio climático.
g) Incorporar a perspectiva do cambio climático nos plans de apoio á investigación e á innovación de Galicia.
h) Pór en funcionamento liñas de financiamento e de apoio de proxectos de interese de xestión do coñecemento e de I+D para impulsar a transferencia de resultados de investigación cara a aplicacións industriais e cara á participación en programas europeos.
i) Integrar os resultados e os avances da investigación na planificación sectorial e xeral de Galicia fronte ao cambio climático.
j) Impulsar a compra pública innovadora para desenvolver novas solucións fronte ao cambio climático.
TÍTULO V
Meteoroloxía, climatoloxía e calidade do aire
Artigo 42. A Rede de observación meteorolóxica e climatolóxica de Galicia
1. A Rede de observación meteorolóxica e climatolóxica de Galicia é o conxunto de infraestruturas necesarias para prestar correctamente os servizos meteorolóxicos e climatolóxicos referidos neste título.
2. Esta rede debe estar conformada, cando menos, polas seguintes infraestruturas:
a) Por radares meteorolóxicos.
b) Por estacións meteorolóxicas automáticas que cubran todo o territorio da Comunidade.
c) Por boias mariñas.
d) Por detectores de raios.
e) Por cámaras web.
f) Por un equipamento de radiosondaxe.
g) Por un sistema de recepción de imaxes e de produtos de satélites meteorolóxicos.
Artigo 43. A Rede de calidade do aire de Galicia
A Rede de calidade do aire de Galicia está integrada por todas as estacións de calidade do aire, fixas e móbiles, situadas tanto en aglomeracións urbanas como en zonas rurais en que exista unha obriga de control da calidade do aire, consonte o establecido na lexislación vixente.
Para os efectos funcionais, a Rede está constituída por todas as estacións de medición equipadas con analizadores automáticos e manuais, de titularidade pública ou privada, existentes no territorio da Comunidade Autónoma e que sempre deben cumprir cos criterios de implantación, de mantemento e de calidade previstos regulamentariamente.
A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia definirá os criterios que deben seguirse canto ao número e á localización das estacións de calidade do aire, conforme a normativa vixente. Estas pasarán a facer parte da Rede de calidade do aire de Galicia.
Artigo 44. Os servizos meteorolóxicos, climatolóxicos e de calidade do aire de Galicia
1. Os servizos meteorolóxicos, climatolóxicos e de calidade do aire de Galicia subministrarán datos e información nos eidos da meteoroloxía, da climatoloxía, da calidade do aire e das ciencias afíns, tanto ao sector público como á cidadanía e ao tecido empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, pondo especial atención á información relativa ao ámbito das emerxencias. Desenvolverán, entre outras, as seguintes actividades:
a) A elaboración, a subministración e a difusión das informacións meteorolóxicas e das predicións de interese xeral para a cidadanía no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, incluíndo previsións no ámbito terrestre e no mariño e previsións específicas para diferentes situacións ou actividades, como poden ser as previsións para os Camiños de Santiago, para portos e confrarías, para praias ou para o índice ultravioleta (UV).
b) O prognóstico de situacións meteorolóxicas de risco. Para iso realizarán partes de aviso correspondentes que serán difundidos á poboación e ás diferentes administracións, nomeadamente ás institucións competentes na materia de protección civil. Deberán realizar o seguimento deses fenómenos de risco e prestar un asesoramento nesas situacións de risco a calquera departamento da Administración que o requirir e, en especial, ás autoridades de Protección Civil.
c) O desenvolvemento e o mantemento operativo de modelos meteorolóxicos, tanto deterministas como por conxuntos, de modelos hidrodinámicos, de modelos de ondas e de modelos da calidade do aire.
d) O apoio na procura de solucións específicas para as persoas usuarias finais: na loita contra os incendios forestais; na prevención de asolagamentos ou secas; no apoio aos plans de xestión de contaminación mariña; nos episodios de calor ou frío; nos prognósticos do índice UV; nas previsións agrometeorolóxicas; na navegación; no turismo costeiro; na pesca; nas enerxías renovables; na afección á atmosfera dos accidentes industriais; e en calquera outra que for precisa.
e) A mellora continuada dos diferentes dispositivos de predición, mediante as mellores técnicas dispoñibles en cada momento, nomeadamente aquelas relacionadas cos modelos de datos baseados na intelixencia artificial.
f) A elaboración de informes e de estudos de carácter meteorolóxico e climatolóxico baixo demanda, tanto de particulares como das diferentes administracións públicas.
g) A elaboración e a actualización das proxeccións de cambio climático.
h) O mantemento e a xestión da Rede de observación meteorolóxica.
i) A verificación, a validación, o almacenamento e a distribución dos datos remitidos pola Rede de observación meteorolóxica.
j) O almacenamento e a distribución dos datos remitidos pola Rede de seguimento dos niveis de caudal dos ríos de Augas de Galicia.
k) A xestión da información meteorolóxica proveniente doutras redes de observación.
l) A depuración de series e a elaboración e distribución da información climatolóxica derivada da Rede de observación.
m) A xeración de produtos e de servizos meteorolóxicos e climatolóxicos relacionados, entre outros, coa hidroloxía, cos incendios forestais, co sector agrícola e co da saúde.
n) A formación e a sensibilización en cuestións meteorolóxicas, climáticas e de calidade do aire.
ñ) A xestión de proxectos nacionais e internacionais sobre meteoroloxía e clima nos cales participe a consellaría competente na materia de ambiente e cambio climático.
o) A elaboración de propostas de participación, de xestión e de posta en marcha de iniciativas innovadoras nas materias de meteoroloxía, de calidade do aire, de clima e de cambio climático que se puideren implantar ou desenvolver en Galicia.
p) O apoio na dinamización de iniciativas innovadoras nas materias de meteoroloxía, de calidade do aire e de clima que se implantaren ou se desenvolveren en Galicia, incluíndo a organización de eventos, de xornadas e de congresos.
q) O deseño, a implantación e a xestión da Rede de calidade do aire de Galicia segundo a lexislación vixente.
r) O mantemento das estacións de calidade do aire da titularidade da Xunta de Galicia.
s) A verificación, a validación, o control de calidade e a xestión dos datos remitidos en tempo real polas estacións da Rede de calidade do aire de Galicia.
t) A comunicación dos datos en tempo real aos organismos establecidos segundo a lexislación vixente.
u) O establecemento e a revisión da zonificación e a avaliación da calidade do aire de Galicia conforme a lexislación aplicable.
v) O mantemento e o control do Sistema de comunicacións da Rede de calidade do aire de Galicia.
w) A realización de campañas de medición indicativa coas unidades móbiles da Xunta de Galicia.
x) A xestión, a supervisión e a avaliación das campañas de medición indicativa de contaminantes non maioritarios.
y) O control e o seguimento da aplicación dos requisitos exixidos pola normativa aplicable.
z) A elaboración dos informes da calidade do aire dentro dos procedementos de avaliación ambiental; de informes estatísticos e de cumprimento dos valores límite; de información sobre a calidade do aire; e do Informe anual de avaliación da calidade do aire de Galicia.
aa) A colaboración na elaboración e no seguimento de plans de mellora da calidade do aire, de follas de ruta e de plans de acción de curto prazo, nas situacións previstas na lexislación vixente.
bb) A atención ante alarmas xeradas polo Sistema de xestión de datos das estacións de calidade e o soporte na análise dos datos asociados ás alertas recibidas, segundo o procedemento establecido.
cc) O seguimento e a análise de episodios de contaminación atmosférica, de acordo co procedemento establecido.
dd) A verificación do modelo de predición da calidade do aire, contrastando datos reais e datos da predición.
ee) A atención ás solicitudes de información sobre o estado e sobre os datos da calidade do aire de Galicia.
ff) A subministración de información da calidade do aire á cidadanía e a colaboración con outros departamentos e administracións.
2. Estes servizos serán realizados sen prexuízo dos que corresponderen ao Estado, no ámbito das súas competencias.
Artigo 45. Fins dos servizos meteorolóxicos, climatolóxicos e de calidade do aire de Galicia
Os servizos meteorolóxicos, climatolóxicos e de calidade do aire de Galicia perseguirán os seguintes fins xerais:
a) Elaboraren predicións a diferentes prazos (de moi curto, de curto e de medio prazo) para Galicia.
b) Realizaren avisos por fenómenos meteorolóxicos adversos.
c) Manteren e xestionaren os modelos operacionais de predición meteorolóxica, oceanográfica e da calidade do aire.
d) Manteren e xestionaren unha rede de observación meteorolóxica e de calidade do aire.
e) Trataren, explotaren e divulgaren os datos procedentes da rede referida e dos modelos de predición operacionais.
f) Promoveren actividades de formación, de sensibilización e de investigación nas materias meteorolóxica, climatolóxica e de calidade do aire.
g) Asistiren e asesoraren a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico nas materias meteorolóxica, climatolóxica e de calidade do aire.
h) Prestaren servizos de valor engadido e realizaren as actividades de consultoría meteorolóxica e climatolóxica que demandaren outras entidades públicas ou privadas.
Disposición adicional primeira. Financiamento do Foro de Acción Climática de Galicia
A constitución do Foro de Acción Climática de Galicia e a súa posta en funcionamento non xerarán incremento ningún das consignacións orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Disposición adicional segunda. Rede de refuxios climáticos
No prazo máximo dun ano, o Goberno galego presentará unha proposta de rede de refuxios climáticos, que será sometida a un procedemento de participación pública e de negociación coas entidades locais antes de a aprobar definitivamente.
Disposición adicional terceira. Correlación dos instrumentos de acción climática
A Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, aprobada o 3 de outubro de 2019, e o Plan rexional integrado de enerxía e clima 2030, aprobado o 20 de xaneiro de 2025, dan cumprimento, durante a súa vixencia, ao establecido no artigo 17 en relación cos instrumentos de acción climática.
Os plans de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES) aprobados darán cumprimento, durante a súa vixencia, ao establecido no artigo 17 en referencia aos plans de acción local polo clima.
Disposición adicional cuarta. Medidas ambientais na incorporación de tecnoloxías sanitarias no Sistema galego de saúde
As administracións responsables da prestación farmacéutica do Servizo Galego de Saúde avaliarán o impacto ambiental das tecnoloxías sanitarias e darán prioridade a aquelas que, coa mesma eficacia e seguranza que as alternativas dispoñibles, acheguen beneficios para o ambiente.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opuxeren ao disposto nesta lei.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar todas as disposicións que foren precisas para desenvolver esta lei.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Santiago de Compostela, cinco de febreiro de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
