DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 2026 Páx. 12287

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, á recuperación e á rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000, nos parques naturais e nas reservas da biosfera de Galicia, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT814B).

BDNS (Identif.): 886141.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/886141

Primeiro. Persoas beneficiarias e ámbito territorial

Inclúense dúas liñas diferenciadas.

1. Liña 1. Destinada á execución de actuacións en reservas da biosfera de Galicia. Poderán ser beneficiarias das axudas para esta liña:

a) As administracións públicas que sexan órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia e que desenvolvan a actuación en zonas rurais situadas en calquera das reservas, dentro do ámbito territorial da comunidade autónoma galega.

b) As entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia, e que desenvolvan a actuación en zonas rurais situadas en calquera das reservas, dentro do ámbito territorial da comunidade autónoma galega.

2. Liña 2. Destinada á execución de actuacións na Rede Natura 2000 e nos parques naturais de Galicia. Poderán ser beneficiarias das axudas para esta liña:

a) Os concellos e as entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgún dos parques naturais ou na Rede Natura 2000, que leven a cabo actuacións nestes espazos protexidos ou en zonas limítrofes fóra destes, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente nun parque natural ou na Rede Natura 2000.

b) As asociacións ambientais sen ánimo de lucro, incluídas aquelas que teñan asinadas acordos de custodia do territorio con persoas físicas ou xurídicas, e as comunidades de montes veciñais en man común, que leven a cabo actuacións nos seguintes espazos:

1º) En terreos incluídos nun parque natural.

2º) Na Rede Natura 2000 ou en zonas limítrofes fóra desta, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente na Rede Natura 2000.

c) As persoas físicas que leven a cabo actuacións nos seguintes espazos:

1º) En terreos incluídos nun parque natural.

2º) Na Rede Natura 2000 ou en zonas limítrofes fóra desta, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente na Rede Natura 2000.

d) As empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos en que se sitúe un parque natural, constituídas con anterioridade á publicación da convocatoria de axudas, que leven a cabo actuacións no parque ou en zonas limítrofes fóra deste, pero localizadas en parroquias incluídas parcialmente no parque natural. Priorizaranse aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural e que sexan propietarias ou arrendatarias das terras para as cales se solicita a axuda.

Segundo. Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que figuran no anexo I polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para actuacións que promovan a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural da Rede Natura 2000, dos parques naturais e das reservas da biosfera de Galicia (código de procedemento MT814B).

Así mesmo, a través desta orde convócanse as devanditas subvencións para o exercicio orzamentario do ano 2026, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

2. A finalidade das axudas é a de contribuír a deter e a inverter a perda de biodiversidade, a potenciar os servizos ecosistémicos e a conservar os hábitats e as paisaxes, contribuíndo á consecución dos obxectivos recollidos na Intervención 6871. Investimentos non produtivos en servizos básicos no medio natural –subintervención GAL6871_01– Axudas en espazos naturais, incluída no PEPAC 2023-2027.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, á recuperación e á rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000, nos parques naturais e nas reservas da biosfera de Galicia, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento MT814B).

Cuarto. Contía

1. Crédito total da convocatoria: 1.870.000 euros. Esta dotación inicial poderase modificar e/ou incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Concederase o 100 % do custo subvencionable, cun importe máximo para cada tipo de persoa beneficiaria segundo se establece no artigo 3 da orde. Só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por persoa física/xurídica solicitante, excepto para as solicitudes ao abeiro da liña 1, en que só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por cada reserva da biosfera.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e irán dirixidas á Subdirección Xeral de Espazos Naturais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático