
O artigo 14 da Constitución española proclama o dereito á igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo, e o artigo 9.2 formula o mandamento expreso aos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas. O mesmo mandamento vén recollido no artigo 4.2 do Estatuto de autonomía de Galicia respecto dos poderes públicos de Galicia.
A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, establece no seu artigo 17 que, a través da promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, se buscará que a igualdade e liberdade das persoas sexan reais e efectivas, con independencia do seu sexo e dos estereotipos de xénero. Así mesmo, en relación co exercicio dos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, dispón no seu artigo 16 que se promoverá a corresponsabilidade a través da repartición equilibrada entre mulleres e homes das obrigas familiares, as tarefas domésticas e o coidado de persoas dependentes mediante a individualización dos dereitos e o fomento da asunción destes por parte dos homes e a prohibición de discriminación baseada no seu libre exercicio.
A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe un obxectivo básico e prioritario para a Xunta de Galicia, o que ten o seu reflexo na elaboración de normas sobre a materia e na implantación de plans que definen e recollen estratexias para o establecemento de medidas que fomenten a conciliación, promovendo a corresponsabilidade entre mulleres e homes.
Estas medidas de conciliación corresponsable recóllense no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030, no VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 e no II Plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade 2022-2025.
O VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 recolle como unha das súas prioridades de actuación a de «fomentar as políticas de igualdade no eido local» a través, entre outras medidas, da colaboración e coordinación coa Administración local para o deseño e a implantación de programas e medidas de conciliación. Pola súa parte, o II Plan galego de benestar laboral, conciliación e corresponsabilidade 2022-2025 ten por finalidade a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que incidan na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes, en liña coas últimas decisións adoptadas pola Comisión Europea que tratan de apoiar a conciliación da vida familiar e a vida profesional, a través da mobilización de instrumentos financeiros e instando a reorientación dos recursos existentes do orzamento da Unión Europea cara a investimentos prioritarios que contribúan á súa consecución. Así mesmo, promóvese a dignificación dos coidados e a calidade do emprego neste ámbito e das persoas profesionais, fomentando a ruptura de estereotipos que levan á feminización dos coidados e a infrarrepresentación dos homes neste ámbito.
O Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, puxo en marcha no ano 2021 o Plan Corresponsables como unha política pública que ten por obxecto iniciar o camiño cara á garantía do coidado como un dereito en España desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes, ao abeiro da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e desde un enfoque de garantía de dereitos universais, á marxe da condición laboral das persoas beneficiarias. O artigo 14 establece que lles corresponde aos poderes públicos o establecemento de medidas que aseguren a conciliación do traballo e da vida persoal e familiar das mulleres e dos homes, así como o fomento da corresponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia, e no artigo 44 sinala que os dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral se lles recoñecerán aos traballadores e ás traballadoras de forma que fomenten a asunción equilibrada das responsabilidades familiares, evitando toda discriminación baseada no seu exercicio.
Con este plan preténdese deseñar sistemas integrais de coidado desde unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos que promovan a corresponsabilidade entre mulleres e homes, Estado, mercado, familias e comunidade.
A pesar dos avances logrados na sociedade, aínda existen desafíos significativos no ámbito dos coidados que deben ser abordados para garantir unha igualdade efectiva entre mulleres e homes, como son a feminización dos coidados e a precarización do sector do coidado. A carga desigual dos coidados que recae sobre as mulleres incrementa a súa precariedade laboral, amplía as fendas salariais e limita o seu acceso a postos de responsabilidade. Neste sentido, a corresponsabilidade entre mulleres e homes preséntase como unha condición imprescindible para garantir unha paridade real e efectiva na toma de decisións e no exercicio pleno dos dereitos económicos, sociais e políticos.
De acordo co disposto no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, entre outras, a función de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a función de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de igualdade entre mulleres e homes e a promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no ámbito persoal, familiar e laboral.
De conformidade co anterior, a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade propón o fomento de actuacións para o desenvolvemento de programas en materia de conciliación e corresponsabilidade no marco do Plan Corresponsables 2026 dirixidos a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos, a través de tres liñas de subvencións que favorezan a conciliación e a xestión dos usos do tempo das familias, o recoñecemento do valor dos coidados a través da profesionalización e dignificación do sector e o impulso dun cambio social e cultural cara a modelos de masculinidades corresponsables e igualitarias.
As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Estas axudas están cofinanciadas nun 75 % con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.
Polo exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación do expediente e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia a establecer pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, en uso das atribucións que me foron conferidas ao abeiro do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 as subvencións para o desenvolvemento do Plan Corresponsables na Comunidade Autónoma de Galicia, a través de tres programas:
a) Programa do Plan Corresponsables para desenvolver polas entidades locais (procedemento SI436A).
b) Programa do Plan Corresponsables para desenvolver por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (procedemento SI436B).
c) Programa do Plan Corresponsables para desenvolver polas asociacións de nais e pais (procedemento SI436C).
Estes programas teñen por finalidade favorecer a conciliación e a xestión dos usos do tempo das familias con menores de ata 16 anos, desde un enfoque de corresponsabilidade entre mulleres e homes, e impulsar o cambio social e cultural cara a modelos de masculinidades corresponsables e igualitarias. Esta finalidade acadarase mediante o desenvolvemento dalgún dos seguintes proxectos:
– Proxecto de prestación de servizos de coidados profesionalizados.
– Proxecto de formación e sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e a corresponsabilidade.
2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 2. Obxectivos e principios do Plan Corresponsables
1. O obxectivo xeral do Plan Corresponsables é lograr unha repartición equilibrada das responsabilidades familiares entre homes e mulleres e tamén entre familias, Estado, mercado e comunidade mediante unha política de coidados e usos do tempo que sexa integral e incorpore a perspectiva de xénero de forma transversal.
1.1. Os obxectivos específicos do Plan Corresponsables son:
– Favorecer a conciliación e a xestión dos usos do tempo das familias con menores de ata 16 anos, desde un enfoque de corresponsabilidade entre mulleres e homes.
– Recoñecer o valor dos coidados a través da profesionalización e dignificación do sector.
– Impulsar o cambio social e cultural cara a modelos de masculinidades corresponsables e igualitarias.
1.2. Os obxectivos operativos do Plan Corresponsables son:
– Facilitar a conciliación e os usos do tempo das familias con persoas menores a cargo de ata 16 anos a través de servizos de coidados desde un enfoque de corresponsabilidade e fomentando o emprego neste sector profesional.
– Impulsar e divulgar a acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e/ou a formación adquirida por vías non formais.
– Sensibilizar a poboación sobre o valor dos coidados e a necesidade da corresponsabilidade con perspectiva de xénero e enfoque de dereitos do menor.
– Incentivar, motivar e involucrar os homes para lograr o cambio social e cultural necesario que impulse modelos de masculinidades corresponsables e igualitarias.
– Promover a xeración de coñecemento no ámbito dos coidados, a corresponsabilidade, os usos do tempo e as masculinidades igualitarias, a través de estudos, informes e análises de persoal experto ou de corte académico.
2. O Plan réxese polos seguintes principios:
– Igualdade: sitúa a equidade de xénero como eixe central de todas as súas actuacións, promovendo a distribución equitativa da carga mental da responsabilidade e os traballos de coidado entre mulleres e homes, e a transformación cultural cara a masculinidades igualitarias e corresponsables, atendendo de maneira prioritaria os colectivos máis vulnerables.
– Corresponsabilidade: compromete aos distintos niveis da Administración pública, así como os axentes sociais e económicos, á promoción dunha cultura de responsabilidade conxunta nos coidados de mulleres e homes, asegurando o cumprimento dos obxectivos establecidos e fomentando un cambio estrutural na distribución destes.
– Defensa dos dereitos humanos da infancia: as actuacións que se cofinancien co Plan Corresponsables deben velar polos valores de igualdade de xénero e equidade social, con pleno respecto do interese superior das persoas menores e os dereitos humanos da infancia.
– Coherencia: garante a aliñación con outras políticas públicas en materia de igualdade, conciliación e coidados, integrando as distintas dimensións da corresponsabilidade e asegurando a súa eficacia dentro do marco estatal e autonómico. As comunidades e cidades autónomas de Ceuta e Melilla deben garantir nos seus convenios, licitacións públicas, ordes de bases de subvencións e convocatorias que as entidades beneficiarias ou executoras cumpran cos fins e obxectivos do plan.
– Adicionalidade: os gastos financiados con fondos do Plan Corresponsables non deben substituír o gasto público estrutural realizado por parte das comunidades e cidades autónomas de Ceuta e Melilla, senón que deben sumarse para ampliar e mellorar os servizos de coidados no marco da corresponsabilidade.
– Transparencia e rendición de contas: establece mecanismos de seguimento e rendición de contas accesibles e transparentes, garantindo o acceso á información sobre a implementación do plan, os seus resultados, impacto e a distribución dos recursos.
Artigo 3. Financiamento
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de sete millóns catrocentos mil euros (7.400.000,00 €), distribuídos en tres programas, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:
|
Programa-procedemento |
Aplicación |
Cód. de proxecto |
Importe de 2026 |
|
SI436A-entidades locais |
08.07.312G.460.1 |
2021 00175 |
6.500.000,00 € |
|
SI436B-entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro |
08.07.312G.481.2 |
2021 00175 |
300.000,00 € |
|
SI436C-asociacións de nais e pais |
08.07.312G.481.3 |
2021 00175 |
600.000,00 € |
|
Total |
7.400.000,00 € |
||
As axudas destinadas aos procedementos SI436A, SI436B e SI436C do Plan Corresponsables están cofinanciadas nun 75 % con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.
2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, despois da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Artigo 4. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados
1. Os programas subvencionables a través desta convocatoria poden concorrer con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo das accións subvencionadas. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata conseguir o cumprimento do establecido anteriormente.
2. En todo caso, deberase favorecer a gratuidade e a universalidade das actuacións do Plan Corresponsables e, no caso de que se establezan taxas ou prezos públicos, deberán terse en conta criterios de renda e de cargas familiares nos prezos de acceso ao servizo para as persoas usuarias. Cando as entidades establecesen o pagamento dunha taxa ou prezo público pola prestación do servizo, os ingresos obtidos deberán reverter nas propias actuacións desenvolvidas no marco do Plan Corresponsables, circunstancia que deberá acreditarse na fase de xustificación da subvención mediante certificación asinada pola persoa secretaria da entidade beneficiaria (anexo VIII). No caso de que non as revertan ou non se xustifique segundo o establecido, descontaranse os ingresos obtidos polas taxas do importe da subvención concedida no momento do pagamento final.
Artigo 5. Entidades beneficiarias e requisitos
1. No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A) poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, nos termos establecidos no artigo 6, relativo ás solicitudes de xestión compartida. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.
Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que finalice o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, deberá cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas de Galicia.
2. No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (SI436B) poderán ser beneficiarias as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).
b) Ter domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Carecer de ánimo de lucro de acordo co previsto na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
3. No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais (SI436C) poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
4. Para poder ser beneficiaria da subvención correspondente en calquera dos programas (SI436A, SI436B ou SI436C) deberán cumprir os requisitos, condicións e obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións e, en particular, non atoparse en ningunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
5. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 6. Solicitudes de xestión compartida no Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A)
1. Terán a consideración de solicitudes de xestión compartida as presentadas por agrupacións, asociacións ou entidades locais que integren varios concellos.
2. Só se pode presentar ou participar nunha solicitude de subvención, ben sexa individual ou conxunta, respecto de cada un dos proxectos referidos no artigo 1: proxecto de servizos de coidados profesionalizados e/ou proxecto de formación e sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e a corresponsabilidade. Para o caso de concorrencia de solicitudes, individuais e conxuntas ou de xestión compartida para a mesma tipoloxía de proxecto, prevalecerá a solicitude de xestión compartida.
3. As entidades locais que se agrupen ou asocien para o desenvolvemento do programa deberán:
a) Presentar, xunto coa solicitude, un convenio de colaboración relativo á agrupación ou asociación, que poderá ser un novo convenio ou un anterior en vigor. Se non achegan o convenio xunto coa solicitude ou no prazo concedido para a súa achega, despois do requirimento efectuado para o efecto, considerarase que desisten da súa solicitude.
b) Nomear a persoa titular dunha das alcaldías para a representación única, tanto na coordinación como na interlocución, ante a Consellería de Política Social e Igualdade, que será a que reciba e xustifique a subvención.
c) Reflectir os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades que forman parte da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que se aplicará a cada unha delas.
d) Os concellos agrupados ou asociados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, as condicións, as obrigas e os compromisos recollidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.
5. As mancomunidades de concellos e os consorcios locais deberán presentar, xunto coa solicitude, unha certificación expedida pola súa secretaría onde se fagan constar os concellos membros da mancomunidade ou consorcio e os que participan no proxecto ou servizo para o cal se solicita subvención.
6. Procederá a exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes de xestión compartida nas cales non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para o cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local. Sen prexuízo do anterior, considerarase cumprido este requisito cando, aínda que se realicen actuacións independentes en cada concello, na memoria xustificativa se acrediten os beneficios da solicitude conxunta, tales como licitacións conxuntas, razóns de economía de escala, racionalización do gasto, criterios de eficiencia e eficacia e colaboración técnica e administrativa, entre outros.
Nos supostos de mancomunidades e consorcios, deberá acreditarse que a actuación e/ou servizo se presta de maneira mancomunada ou consorciada e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.
Artigo 7. Accións subvencionables
Serán subvencionables as accións integrantes dos seguintes proxectos, e poderán incluírse un ou varios proxectos na mesma solicitude de subvención:
1. Proxecto de prestación de servizos de coidados profesionalizados con garantía de dereitos laborais para facilitar a conciliación de familias con persoas menores a cargo de ata 16 anos e fomento do emprego neste sector profesional.
Os servizos de coidado profesionalizado poderanse prestar nunha ou máis das seguintes dependencias:
a) A domicilio por un número determinado de horas semanais.
b) En dependencias públicas convenientemente habilitadas para o efecto, que deberán ser espazos preferentemente de titularidade pública (centros educativos, centros socioculturais, centros municipais, polideportivos, bibliotecas, entre outros) e deberán cumprir as medidas sanitarias e de seguridade.
Con carácter excepcional, poderanse utilizar espazos de carácter privado para o desenvolvemento desta liña de acción, sempre que quede garantida a accesibilidade das familias no uso dos ditos espazos e se respecten os criterios de valoración recollidos nesta orde, para o acceso aos servizos de coidados, circunstancia que se reflectirá na documentación xustificativa.
Os servizos de coidados poderán prestarse como ampliación de horario escolar, tanto pola mañá como pola tarde, actividades en días non lectivos, vacacións escolares, fin de semana ou coidados en domicilio. Poderán ir acompañados de actividades culturais, deportivas, etc. pero estas actividades non serán o obxecto principal da actuación.
Os servizos de coidado garantirán, obrigatoriamente, que as actividades que se desenvolvan respecten os dereitos da infancia, teñan en conta a perspectiva de xénero no seu deseño e execución e observen valores cívicos, de igualdade de xénero, respecto á diversidade e solidariedade, e promovan a corresponsabilidade nos coidados e a igualdade entre mulleres e homes a través de diferentes actividades educativas, culturais e deportivas, entre outras.
Todos os servizos de coidado deben incorporar a perspectiva de xénero e ter contido e actuacións relacionados coa igualdade e a corresponsabilidade.
No marco das actuacións dos servizos de coidados profesionalizados, poderán ser destinatarias as persoas con discapacidade ou diversidade funcional de ata 21 anos, sempre que se cubran as súas necesidades de atención especializada. Para tal efecto, poderase financiar con cargo ao Plan Corresponsables a contratación de persoal especializado e a adquisición de recursos materiais para a atención a necesidades educativas.
Será criterio de valoración preferente no acceso aos servizos de coidados profesionalizados o nivel de renda per cápita das unidades familiares solicitantes, salvo casos debidamente xustificados de necesidade inmediata de prestación do servizo.
Unha vez ordenadas as solicitudes por orde crecente de renda per cápita das unidades familiares, no caso de empate, terán preferencia no acceso aos servizos os seguintes colectivos:
– Familias monoparentais.
– Mulleres vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra as mulleres.
– Persoas con discapacidade.
– Persoas en risco de exclusión social.
– Persoas solicitantes de asilo internacional ou con estatuto de refuxiado/a.
– Unidades familiares nas cales existan outras responsabilidades relacionadas cos coidados de familiares ou persoas dependentes ao seu cargo. Tal circunstancia acreditarase documentalmente.
Os servizos de coidado profesional deberán supor, en todo caso, a creación de emprego de calidade e/ou o fomento do emprego de persoas mozas con perfís profesionais relacionados cos coidados a menores; concretamente, deberán ter encaixe nalgún dos seguintes perfís profesionais:
– Persoas coa cualificación profesional de «atención a persoas non dependentes con necesidades de coidados na súa contorna cotiá», creada en 2024 polo Ministerio de Igualdade xunto co Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, mediante o Real decreto 919/2024, do 17 de setembro.
– Técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística.
– Monitoras/es de lecer e tempo libre.
– Técnica/o superior en Ensino e Animación Sociodeportiva.
– Técnica/o superior en Educación Infantil e Primaria.
– Auxiliares de gardaría e xardín de infancia.
– Persoas con titulacións análogas necesarias para a prestación do servizo que estean relacionadas co coidado de persoas menores.
Para a selección do persoal ao servizo de coidado, valoraranse de maneira preferente aqueles perfís que teñan, ademais da acreditación mencionada:
– Formación en materia de igualdade (axentes de igualdade, técnico/a superior en Promoción da Igualdade de Xénero, entre outras).
– Mozos menores de 30 anos.
– Mulleres maiores de 45 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas con experiencia no sector dos coidados formal ou informal.
2. Proxecto de formación e sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e corresponsabilidade. O proxecto debe desenvolver algunha das seguintes categorías:
a) Formación para o impulso de modelos de masculinidades igualitarias e corresponsables.
A súa finalidade é a de xerar modelos de masculinidades non hexemónicas, crear un tecido social e de homes conscientes dos prexuízos da masculinidade tradicional dominante e que sexan partícipes de modelos e relacións de xénero igualitarias e corresponsables.
As actuacións consistirán no desenvolvemento de obradoiros, cursos, xornadas, sesións ou dinámicas grupais, seminarios, intervencións con metodoloxías innovadoras ou programas e, cando sexa posible e sempre que quede garantida a súa calidade, realizaranse de xeito telemático.
O desenvolvemento das actuacións descritas responderá a unha planificación previa que inclúa obxectivos pedagóxicos concretos, así como contidos e competencias que cumprirá alcanzar claramente definidos.
A formación diríxese con carácter prioritario aos homes, aos axentes clave na transformación social, ao persoal funcionario ou técnico vinculado ao Plan Corresponsables e á poboación xuvenil e menores de 16 anos en contextos educativos formais e non formais, como escolas, institutos, asociacións de familias e alumnado, equipos deportivos, entre outros.
b) Sensibilización en materia de corresponsabilidade, masculinidades igualitarias, coidados e usos do tempo.
Trátase de actuacións dirixidas a promover a implicación, concienciación e sensibilización en materia de masculinidades igualitarias, corresponsabilidade e usos do tempo, con especial incidencia no rol coidador dos homes e desenvolveranse a través de campañas publicitarias, creación de material gráfico e/ou audiovisual, material funxible ou actividades culturais que teñan unha mensaxe aliñada cos obxectivos do Plan Corresponsables.
As actuacións van dirixidas á poboación xeral ou a colectivos específicos, para garantir un maior impacto e alcance, asegurando sempre a referencia á implicación do home na transformación cara a masculinidades igualitarias e corresponsables.
Artigo 8. Contía da subvención
1. Contía máxima da subvención en cada un dos programas:
a) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A) a contía máxima será de 55.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000,00 euros no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
b) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (SI436B) a contía máxima será de 25.000,00 euros.
c) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais do alumnado para centros educativos (SI436C) a contía máxima será de 12.000,00 euros, cando se trate da solicitude dunha asociación de nais e pais do alumnado para centros educativos, e de 20.000,00 euros no caso de que se trate da solicitude dunha federación ou confederación de ANPA.
2. Cálculo da contía da subvención:
a) Para o cálculo da subvención no programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A), aplicaráselle ao gasto subvencionable a porcentaxe de axuda que corresponda, en función da puntuación obtida pola aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 17, segundo os seguintes tramos e ata esgotar o crédito dispoñible:
– Máis de 75 e ata 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.
– Máis de 55 e ata 75 puntos: 95 % do gasto subvencionable.
– Máis de 40 e ata 55 puntos: 90 % do gasto subvencionable.
– Máis de 20 e ata 40 puntos: 80 % do gasto subvencionable.
– Ata 20 puntos: 70 % do gasto subvencionable.
b) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (SI436B) e no Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos (SI436C), as entidades que cumpran os requisitos contidos nesta convocatoria ordénanse de maneira decrecente en función da puntuación obtida pola aplicación dos criterios de valoración establecidos no artigo 17, outorgando a subvención por esta orde ata esgotar o crédito dispoñible.
Artigo 9. Gastos subvencionables
1. Serán subvencionables os gastos directos de persoal, xerados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026, ambos os dous incluídos, das/dos profesionais que leven a cabo o desenvolvemento dos programas (SI436A, SI436B e SI436C) do Plan Corresponsables, segundo dispoña o convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.
2. Queda excluído do financiamento de gastos que se materialicen en prestacións económicas ou subvencións directas a persoas e/ou familias, os gastos relativos á dotación de persoal dos centros de educación infantil, así como as deducións fiscais, bolsas e gastos de matrícula en escolas infantís e/ou garderías.
3. Serán subvencionables en concepto de custos directos de persoal as retribucións salariais brutas totais do persoal contratado para o desenvolvemento dos servizos de coidados profesionalizados e/ou para a formación e/ou sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e a corresponsabilidade, correspondentes ao tempo efectivo dedicado á execución da actuación ou medida subvencionada, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.
No caso de contratación mercantil ou externa, serán subvencionables os custos de persoal que formen parte da prestación do servizo externo, sempre que o persoal e o custo pola súa contratación estean claramente identificados e detallados na factura.
4. Serán requisitos obrigatorios dos gastos de persoal, ademais dos perfís profesionais incluídos no artigo 7.1 para o caso dos servizos de coidados profesionalizados para facilitar a conciliación en familias con fillas e fillos menores a cargo de ata 16 anos, ou ata 21 anos no caso de persoas con discapacidade ou diversidade funcional, os seguintes:
a) En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco dos tres programas, tamén aqueles nos cales se amplíe ou mellore a xornada, e tanto no caso de persoal propio da entidade beneficiaria como no caso de contratación mercantil, deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».
b) As persoas que se vaian contratar deben dispoñer do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.
5. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, excepto o imposto sobre o valor engadido non susceptible de recuperación ou compensación.
6. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán gastos de subcontratación aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma das actuacións subvencionadas, tales como contratación de persoal, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.
7. De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías do contrato menor establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á prestación do servizo ou á entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
Artigo 10. Presentación de solicitudes e prazo
1. O prazo de presentación de solicitudes para os tres procedementos será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
2. As solicitudes para os tres procedementos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 11. Documentación complementaria
1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I.1, I.2 ou I.3, segundo o a liña de subvención solicitada) a documentación que se relaciona a continuación:
1.1. Programa do Plan Corresponsables que desenvolverán as entidades locais (SI436A):
a) Anexo II.1: certificación do órgano competente da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro do correspondente programa e do compromiso do financiamento do custo da actuación ou medida obxecto de axuda naquela parte que exceda o importe da subvención para a súa completa realización. No caso de mancomunidades ou consorcios, deberán cubrir o último punto do anexo para facer constar a relación de concellos que a integran e os que participan na actuación ou medida para a cal se solicita a subvención.
b) Anexo II.1.bis (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do órgano competente do concello representante, en que se fagan constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo en relación cos requisitos e condicións previstos no artigo 6.
c) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva do proxecto para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.
d) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).
e) Memoria de aforro de custos respecto da realización do programa ou actividade de forma individualizada (só no caso de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades ou consorcios).
f) Para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III, poderase presentar unha memoria complementaria. A súa extensión non poderá exceder os 10.000 caracteres (sobre 3 páxinas). En caso de incoherencia co expresado no anexo III, terase en conta o exposto neste.
1.2. Programa do Plan Corresponsables que desenvolverán as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actuación en Galicia (SI436B):
a) Anexo II.2: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta orde.
b) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades para as cales se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.
c) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a unha persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.
d) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación...), certificación da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, especificando respecto de cada unha delas a denominación e o NIF.
e) Para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III, poderase presentar unha memoria complementaria. A súa extensión non poderá exceder os 10.000 caracteres (sobre 3 páxinas). En caso de incoherencia co expresado no anexo III terase en conta o exposto neste.
1.3. Programa do Plan Corresponsables que desenvolverán as asociacións de nais e pais de alumnado de centros educativos de Galicia (SI436C):
a) Anexo II.3: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta orde e da composición actual de xunta directiva, correctamente rexistrada ou en trámite de inscrición no rexistro correspondente.
b) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades para as cales se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.
c) Para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III, poderase presentar unha memoria complementaria. A súa extensión non poderá exceder os 10.000 caracteres (sobre 3 páxinas). En caso de incoherencia co expresado no anexo III terase en conta o exposto neste.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentou anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa presentación.
3. A documentación complementaria para os tres procedementos deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirá a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos procedementos SI436B e SI436C consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:
a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
f) Resolución de Inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, só no caso do procedemento SI436C.
g) Estatutos da entidade debidamente legalizados segundo a normativa vixente, só no caso do procedemento SI436C.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente (anexos I.2 e I.3) e presentar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.
Artigo 15. Emenda da solicitude
1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación.
2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que presente a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.
Artigo 16. Instrución do procedemento e Comisión de Valoración
1. A instrución dos procedementos previstos nesta orde correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.
Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.
2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Valoración, coa seguinte composición:
– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa que a substitúa.
– Secretaría: exercerá a secretaría da comisión unha das persoas que actúan como vogais da Comisión.
– Vogalías: a persoa titular do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade e a do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación.
No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa designada pola Presidencia da Comisión.
3. O órgano instrutor, por pedimento da Comisión de Valoración, poderá requirirlles ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.
4. Unha vez avaliadas as solicitudes seguindo os criterios establecidos no artigo 17, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor lle formulará unha proposta da resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.
No suposto de esgotar o crédito dispoñible segundo o establecido no artigo 3, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedará en reserva para ser atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.
En caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención no correspondente programa, sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de valoración, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.
Artigo 17. Criterios de valoración
1. Criterios comúns aos tres procedementos (SI436A, SI436B e SI436C), ata un máximo de 40 puntos:
1.1. Servizos de coidado profesionalizados para familias con menores a cargo de ata 16 anos de idade (ata 40 puntos):
1.1.a) Polo número de horas de posta a disposición e prestación dos servizos de coidado profesionalizado por día nalgunha das actuacións: ata 3 horas diarias: 3 puntos; máis de 3 horas e ata 6 horas ao día: 5 puntos; máis de 6 horas ao día: 10 puntos.
1.1.b) Pola continuidade e posta a disposición das actuacións: ata 24 puntos, de acordo co seguinte:
1.1.b)1. Polo número de actuacións que se desenvolvan en períodos non lectivos (Nadal, Entroido, Semana Santa e verán): 1 punto por período, ata un máximo de 4 puntos.
1.1.b)2. Pola continuidade das actuacións que se van desenvolver: desde 1 mes e ata catro meses: 5 puntos; máis de catro meses e ata sete meses: 10 puntos; máis de 7 meses e ata 9 meses: 15 puntos; máis de 9 meses: 20 puntos.
1.1.c) Pola posta a disposición e prestación de servizos de coidados en días festivos e/ou fins de semana, cun mínimo de 4 días dentro do período subvencionable: 6 puntos.
1.2. Formación e sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e corresponsables (ata 40 puntos):
1.2.a) Polo número de actividades ou número de edicións da mesma actividade que se van desenvolver: 1 punto por cada unha, ata un máximo de 10 puntos.
1.2.b) Pola duración do total das actuacións de formación e/ou sensibilización: 2,5 puntos por cada 4 horas, ata un máximo de 25 puntos.
1.2.c) Por posibilitar a formación e/ou sensibilización en liña: 5 puntos.
No momento da xustificación, deberase acreditar e documentar a súa realización en liña.
1.3. No caso de que unha entidade solicite a subvención para levar a cabo ambas as tipoloxías de proxectos (servizos de coidado e formación e/ou sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e a corresponsabilidade), a puntuación máxima que pode conseguir na valoración dos criterios comúns do Plan Corresponsables establecidos nos puntos 1.1 e 1.2 anteriores non poderá exceder os 40 puntos en total, polo que, se excede, lle corresponderán 40 puntos.
2. Criterios específicos para o programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A), ata un máximo de 60 puntos:
2.1. Solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios ou cando se trate de fusión de municipios, ata 40 puntos, de acordo co seguinte:
2.1.a) Agrupacións de concellos, mancomunidades ou consorcios, teranse en conta os seguintes aspectos:
a) Pola mera presentación da solicitude para a xestión compartida: 15 puntos.
b) Polo número de concellos asociados e a repercusión do proxecto, tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación do 1 de xaneiro de 2025 (fonte IGE): ata 15 puntos, de acordo co seguinte:
b.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; 4 concellos, 5 puntos; 5 concellos, 6 puntos; máis de 5 concellos, 7 puntos.
b.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 3 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 5 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 7 puntos; máis de 20.000 habitantes, 8 puntos.
c) Pola presentación dunha memoria de aforro de custos respecto da prestación do servizo de modo individual: 10 puntos.
2.1.b) Fusión municipal:
a) Pola mera presentación da solicitude: 30 puntos.
b) Polo número de concellos fusionados e a repercusión do proxecto tendo en conta a cifra de poboación total, segundo as cifras de poboación do 1 de xaneiro de 2025 (fonte IGE): ata 10 puntos, de acordo co seguinte:
b.1) Polo número de concellos participantes: 2 concellos, 3 puntos; 3 concellos, 4 puntos; 4 ou máis concellos, 5 puntos.
b.2) Pola poboación total: ata 5.000 habitantes, 1 punto; de 5.001 a 10.000 habitantes, 2 puntos; de 10.001 a 15.000 habitantes, 3 puntos; de 15.001 a 20.000 habitantes, 4 puntos; máis de 20.000 habitantes, 5 puntos.
2.2. Distribución poboacional da entidade local solicitante. En caso de agrupacións de concellos, terase en conta a poboación do concello representante e, no caso de mancomunidades, terase en conta a media da poboación de todos os concellos que a integran, segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2025 (fonte IGE): ata 16 puntos, de acordo co seguinte: ata 5.000 habitantes, 16 puntos; de 5.001 ata 10.000 habitantes, 12 puntos; de 10.001 a 20.000 habitantes, 8 puntos, e máis de 20.000 habitantes, 4 puntos.
2.3. Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o mesmo programa polo que se solicita a subvención deste ano ao abeiro da convocatoria de axudas ás entidades locais do ano 2025 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro), se se xustificou o 100 %: 4 puntos.
2.4. Se a entidade local non foi beneficiaria desta subvención no ano 2025: 4 puntos.
2.5. No caso de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a solicitude de xestión compartida fronte á presentada individualmente; en segundo lugar, a puntuación obtida en cada criterio de valoración seguindo a orde establecida neste artigo, ata que se produza o desempate. De persistir este, resolverase tendo en conta a hora e a data de presentación da solicitude.
3. Criterios específicos para o programa do Plan Corresponsables que van desenvolver entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (SI436B), ata un máximo de 60 puntos:
a) Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o mesmo programa ao abeiro da convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social do ano 2025 (DOG núm. 25, do 6 de febreiro), máximo 20 puntos: se a xustificación alcanzou unha porcentaxe de entre o 80 % e o 85 %, 8 puntos; máis do 85 % e ata o 95 %, 14 puntos, e máis do 95 %, 20 puntos.
b) Se a entidade non resultou beneficiaria desta subvención no ano 2025: 20 puntos.
c) Por estar inscritos na área de igualdade e/ou discapacidade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS): 20 puntos.
d) Polo número de concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes nos cales a entidade realice actividades ao abeiro desta convocatoria de axudas, máximo 20 puntos: 5 puntos por concello, ata un máximo de 20 puntos.
4. Criterios específicos para o programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais (SI436C), ata un máximo de 60 puntos:
a) Polo número de familias membros da asociación e a porcentaxe que representen sobre o total de familias que conforman a comunidade educativa do centro escolar a que representan no curso académico 2025/26, cando se trate de asociacións ou, no caso de federacións ou confederacións de ANPA, en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran, ata un máximo de 25 puntos, de acordo co seguinte:
– No caso das ANPA, valorarase de acordo coas seguintes porcentaxes de representación no centro educativo: máis do 10 % e ata unha porcentaxe do 20 %, 5 puntos; máis do 20 % e ata o 30 %, 10 puntos; máis do 30 % e ata o 40 %, 15 puntos; máis do 40 % e ata o 60 %, 20 puntos; máis de 60 %, 25 puntos.
– No caso de federacións e confederacións, polo número de asociacións de nais e pais integradas nelas, 2,5 puntos por cada asociación, ata un máximo de 25 puntos.
b) Domicilio do/dos centro/s educativo/s situado/s e segundo a poboación do concello:
– Ata 5.000 habitantes: 15 puntos.
– De 5.001 a 10.000 habitantes: 12 puntos.
– De 10.001 a 20.000 habitantes: 9 puntos.
– Máis de 20.000 habitantes: 6 puntos.
A poboación dos concellos poderase consultar no portal web https://igualdade.xunta.gal/. Para o caso de solicitude de federacións e confederacións de asociacións de nais e pais, terase en conta o domicilio dos centros educativos a que se refire a solicitude conxunta, e valorarase tomando a puntuación que responda á maioría de concellos en que se sitúan as ANPA involucradas nesa solicitude conxunta. No caso de empate, valorarase o número de habitantes máis favorable.
c) Polo alcance da xustificación da axuda concedida para o mesmo procedemento polo que se solicita a subvención deste ano ao abeiro da convocatoria de axudas ás ANPA do ano 2024 (DOG núm. 13, do 18 de xaneiro), valorarase ata 10 puntos de acordo coa seguinte modulación: se a xustificación conseguiu unha porcentaxe de entre o 80 % e o 85 %, 3 puntos; máis do 85 % e ata o 99 % incluído, 5 puntos, o 100 %, 10 puntos.
d) Por non ser beneficiaria en 2025 do mesmo procedemento polo que se solicita a subvención, 5 puntos.
e) Por ter a xunta directiva unha composición equilibrada (presenza de mulleres e homes de forma que, no conxunto a que se refira, as persoas de cada sexo non superen o 60 por cento nin sexan menos do 40 por cento; cando só estea composta por tres persoas, entenderase que se cumpre o requisito sempre e cando non sexan todas as persoas que a compoñen do mesmo sexo): 5 puntos.
5. Nos procedementos SI436B e SI436C, no caso de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e non sexa posible por razóns orzamentarias adxudicar axuda a todas elas, o desempate resolverase tendo en conta a puntuación máis alta obtida nos criterios comúns, e a continuación seguindo a orde en que figuran os criterios específicos para cada procedemento, ata que se produza o desempate. De persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e hora de presentación da solicitude.
Artigo 18. Resolución e notificación
1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da proposta do órgano instrutor e, no caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, tras a súa fiscalización pola Intervención Delegada.
2. O prazo máximo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.
3. Por tratarse de procedementos de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.
4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, presentando o anexo IV, e comprometerse a executar o programa, medida ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicalo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.
5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintas ás previstas no artigo 15 efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
8. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda a el.
9. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 19. Réxime de recursos
1. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse:
a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se este for expreso, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
2. Non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.
Artigo 20. Modificación da resolución
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade. Estas bases habilitan para aprobar as modificacións nos supostos en que proceda, atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.
Artigo 21. Pagamento da subvención
1. Realizarase un pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución e aceptada por parte da entidade, segundo o anexo IV. No caso de non comunicar expresamente a aceptación no prazo indicado no artigo 18.4, entenderase tacitamente aceptada e efectuarase o pagamento do anticipo.
De conformidade co establecido no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias quedan exoneradas da constitución de garantías.
2. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada e as demais condicións exixidas na convocatoria.
Artigo 22. Xustificación: prazo e documentación
1. O prazo para a presentación da xustificación da realización das actuacións dos programas subvencionados ao abeiro desta orde finaliza o 11 de decembro de 2026.
De acordo co sinalado no artigo 12, a documentación xustificativa deberá presentarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O programa deberá coincidir co contido da memoria presentada inicialmente ou ben coas reformulacións ou modificacións autorizadas, de acordo coa resolución de concesión da subvención.
2. A xustificación para os programas do Plan Corresponsables (SI436A, SI436B e SI436C) realizarase a custo real mediante a presentación das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente acreditativos dos gastos de persoal correspondentes ás actuacións subvencionadas.
3. Os gastos directos de persoal subvencionables a custo real (nóminas, facturas...) xerados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de novembro de 2026 deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de xustificación da subvención, o 11 de decembro de 2026.
Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias.
Non obstante o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso en período voluntario. En todo caso, esta presentación terá como data límite o último día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
4. Deberase presentar dentro do prazo sinalado no número 1 deste artigo, segundo o caso, a seguinte documentación xustificativa:
a) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación ou actividade das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
b) Anexo VI: certificación do gasto subvencionable.
c) Anexo VII: memoria xustificativa.
d) Anexo VIII: reversión de ingresos.
e) Anexo IX: datos de impacto das actuacións subvencionadas.
f) Un exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, enquisas, material didáctico, fotografías, capturas de pantalla e outros documentos, para os efectos de acreditar o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 23.3 desta orde.
g) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal terá que presentarse copia dos seguintes documentos:
– No caso de persoal propio da entidade beneficiaria: o/os contrato/s de traballo e as nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como a relación nominal de persoas traballadoras e documentos bancarios que acrediten a súa realización e pagamento.
– No caso de contratación mercantil dos gastos de persoal: facturas ou documentos con valor probatorio equivalente polo importe correspondente ao persoal contratado, así como os correspondentes xustificantes bancarios acreditativos do seu pagamento. No xustificante bancario deberán constar o número de factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa pagadora e da destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa que emite a factura. Deberá acompañarse unha desagregación das facturas achegadas, especificando o persoal contratado, titulación, período de contrato, horas e importe pagado a cada un individualmente.
En todo caso, os contratos de traballo subscritos no marco deste programa, tanto no caso de persoal propio da entidade beneficiaria como no caso de contratación mercantil, e tamén aqueles en que se amplíe ou mellore a xornada, deberán incluír a cláusula seguinte: «Este contrato será obxecto de financiamento a través do Plan Corresponsables».
– Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor de servizos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, as entidades beneficiarias deberán acreditar a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 desta lei, así como a resolución de adxudicación do servizo.
– Modelo 190 de resumo anual, retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, unha vez que se dispoña deles segundo o indicado no punto 3 deste artigo, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.
h) No caso de que se desenvolvesen actuacións de formación e/ou sensibilización, engadirase unha memoria detallada das actividades e dos módulos impartidos. No caso de que as accións fosen en liña, deberán xustificalo documentalmente con capturas de pantalla ou ligazón á sesión.
Deberán achegarse as ligazóns aos portais web que conteñen información dos proxectos, programas de cursos e talleres, ligazóns ás campañas de sensibilización e promoción, no caso de que se difundisen a través da internet, así como o material xerado para o efecto, como informes, estudos, publicacións e libros, entre outros.
5. A Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, poderá solicitar calquera outra documentación relativa ao desenvolvemento das actuacións do Plan Corresponsables subvencionadas, ao abeiro desta convocatoria.
6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou presente os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle de que, de non facelo, se revogará, despois da resolución, a subvención concedida e, de ser o caso, se reintegrará da contía percibida e se exixirán os xuros de demora.
Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e as demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:
1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamentan a concesión da subvención dentro do período e dos prazos establecidos nesta convocatoria, así como cumprir cos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.
2. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
3. Dar cumprimento á obriga de dar publicidade adecuada do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos termos que se indican a continuación para os programas do Plan Corresponsables:
a) En todo tipo de publicidade e información relativas á actuación e actividades subvencionadas, terá que constar a condición de cofinanciada pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade. Así mesmo, en todos os documentos relacionados con estas subvencións, deberán incluírse os logotipos da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade do Gobierno de España, xunto coa imaxe gráfica do Plan Corresponsables.
O logotipo do Plan Corresponsables deberá incorporarse en todos os materiais de comunicación, difusión e promoción vinculados ás iniciativas apoiadas polo programa, asegurando así o seu recoñecemento e presenza institucional. O logotipo estará dispoñible na páxina web do Ministerio de Igualdade: https://www.igualdad.gob.es/prioridades/plancorresponsables/. Esta identificación debe incorporarse nun sitio destacado e visible nos seguintes lugares:
– Medios de difusión das actuacións e proxectos: redes sociais, portais web, folletos, etc.
– Portais web institucionais ou outros con información de calquera proxecto ou programa que fose financiado con fondos do Plan.
– Sinalización exterior dos lugares onde se executen as actuacións e proxectos.
– Actos de presentación de proxectos relacionados co plan.
– Materiais producidos: gráficos, audiovisuais, etc.
– Programas dos talleres, cursos e xornadas, entre outros.
– Campañas de sensibilización e promoción, con independencia das ferramentas de comunicación utilizadas.
– Todo tipo de documentación relacionada co Plan Corresponsables de carácter público.
b) Cando o soporte de comunicación das actuacións sexa a radio, audio, en liña ou se empreguen medios audiovisuais, debe mencionase «Cofinanciado polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdade, Goberno de España».
c) Ademais, cando polo menos o 50 % do financiamento da actuación proceda dos fondos do Plan Corresponsables, en todos os soportes de difusión ou comunicación institucional a denominación Plan Corresponsables deberá figurar coa mesma relevancia e visibilidade que a utilizada pola entidade ou entidades executoras da actuación.
d) En calquera acto público de comunicación, presentación, inauguración ou outro de natureza análoga en que interveñan cargos públicos da entidade ou entidades executoras, deberase cursar invitación ao Ministerio de Igualdade para posibilitar a participación dunha representación do Gobierno de España.
4. Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e na demais normativa concordante.
As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o que solicitarán o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destas obrigas.
5. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
6. Facilitar toda a información requirida pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas e por outros órganos de control impostos pola normativa no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
7. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Consellería de Política Social e Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
8. Comprobar que as persoas que se vaian contratar para o desenvolvemento de actuacións con menores dispoñen do correspondente certificado de inexistencia de antecedentes por delitos de natureza sexual, así como do certificado negativo de antecedentes penais relacionados con delitos contra a infancia.
Artigo 24. Responsabilidade
A organización e a materialización das accións obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.
Artigo 25. Reintegro e sancións
1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.
Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño e na súa normativa de desenvolvemento.
2. Procederá o reintegro do 100 % da contía total da axuda percibida, máis os xuros de demora correspondentes, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.
3. Así mesmo, procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas nos números 2, 3 e 4 do artigo 23.
4. No procedemento SI436A, para o caso de que non se xustifique a totalidade do custo de persoal tido en conta para o cálculo da subvención, procederá o reintegro parcial cando a contía resultante de aplicar a porcentaxe de axuda que lle corresponde sobre o custo de persoal efectivamente xustificado sexa inferior á contía inicialmente concedida. A diferenza entre ambos os importes será a cantidade que haberá que reintegrar.
5. Nos procedementos SI436B e SI436C, para o caso de que non se xustificase a totalidade da contía percibida, procederá o reintegro do importe non xustificado.
6. Procederá o reintegro dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida cando na fase de xustificación non se acredite ningún dos datos tidos en conta para a valoración da solicitude, de acordo co artigo 17.
7. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
Artigo 26. Control e loita contra a fraude
1. A Consellería de Política Social e Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.
2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou ás que correspondan a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.
Artigo 27. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.
Artigo 28. Información ás entidades interesadas
Sobre os procedementos administrativos asociados a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Consellería de Política Social e Igualdade, https://igualdade.xunta.gal; nos teléfonos 981 54 16 18, 881 99 91 63, 881 99 55 34 e 881 99 55 36 (procedemento SI436A), 981 95 77 83 (procedemento SI436B), 881 99 59 81, 881 99 59 96, 881 99 57 65 e 881 99 59 47 (procedemento SI436C).
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade co fin de resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal web https://igualdade.xunta.gal/
Disposición derradeira segunda. Inicio de efectos da convocatoria
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
