BDNS (Identif.): 885774.
De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/885774
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde:
– No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A): os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, nos termos establecidos no artigo 6 relativo ás solicitudes de xestión compartida. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.
– No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (SI436B): as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), que teñan domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia e que carezan de ánimo de lucro, de acordo co previsto na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
– No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais (SI436C): as asociacións de nais e pais de alumnado (ANPA) dos centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como as federacións e confederacións de asociacións de nais e pais que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Segundo. Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto favorecer a conciliación e a xestión dos usos do tempo das familias con menores de ata 16 anos, desde un enfoque de corresponsabilidade entre mulleres e homes, e impulsar o cambio social e cultural cara a modelos de masculinidades corresponsables e igualitarias, a través dos seguintes proxectos:
– Proxecto de prestación de servizos de coidados profesionalizados.
– Proxecto de formación e sensibilización para impulsar modelos de masculinidades igualitarias e a corresponsabilidade.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 22 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Plan Corresponsables en Galicia dirixido a entidades locais, a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e a asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos, e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento SI436A, SI436B e SI436C).
Cuarto. Importe
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de sete millóns catrocentos mil euros (7.400.000,00 €) distribuídos en tres programas, que se imputarán ás aplicacións orzamentarias seguintes:
|
Programa-procedemento |
Aplicación |
Cód. de proxecto |
Importe de 2026 |
|
SI436A-entidades locais |
08.07.312G.460.1 |
2021 00175 |
6.500.000,00 € |
|
SI436B-entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro |
08.07.312G.481.2 |
2021 00175 |
300.000,00 € |
|
SI436C-asociacións de nais e pais |
08.07.312G.481.3 |
2021 00175 |
600.000,00 € |
|
Total |
7.400.000,00 € |
||
As axudas destinadas aos procedementos SI436A, SI436B e SI436C do Plan Corresponsables están cofinanciadas nun 75 % con fondos finalistas do Estado procedentes do Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.
2. A contía máxima da subvención en cada un dos programas é:
a) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades locais (SI436A) a contía máxima será de 55.000,00 euros, cando se trate dunha solicitude individual, e de 120.000,00 euros no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de concellos.
b) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro (SI436B), a contía máxima será de 25.000,00 euros.
c) No Programa do Plan Corresponsables que van desenvolver as asociacións de nais e pais do alumnado para centros educativos (SI436C) a contía máxima será de 12.000,00 euros, cando se trate da solicitude dunha asociación de nais e pais do alumnado para centros educativos, e de 20.000,00 euros no caso de que se trate da solicitude dunha federación ou confederación de ANPA.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
