Mediante a Orde do 25 de febreiro de 2025, a Consellería do Medio Rural regulou a tramitación de alegacións ao Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) da campaña de 2025.
O artigo 18 da citada orde dispón que as solicitudes de modificación ao Sixpac dos recintos situados na Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán á persoa titular da Dirección do Fogga que, conforme o que se indica no seu capitulo II do título II, ditará a resolución correspondente ás solicitudes da orde, que será notificada de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. De conformidade co establecido no artigo 45.1 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cun enlace á páxina web do Fogga.
En relación coas alegacións ou solicitudes de modificación do Sixpac da campaña de 2025, logo do informe da Subdirección Xeral de Xestión da PAC, esta dirección
RESOLVE:
Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga ás listaxes das resolucións das alegacións ao Sixpac da Orde do 25 de febreiro de 2025 citada.
As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl/sixpac/resolucions-de-alegacions-sixpac
Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas no portal de axudas PAC as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro desta resolución.
O acceso ao dito portal poderá realizarse a través da seguinte ligazón:
https://fogga.xunta.gal/gl
Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución mediante o certificado dixital, DNI-e (DNI electrónico) ou co emprego da Chave365. A información sobre a forma de alta da Chave365 atópase no enlace que se indica a seguir: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365
Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a presidenta do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria
