BDNS (Identif.): 886042.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/886042
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de consumidores que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.
Segundo. Obxecto
Aprobar as bases, que se inclúen como anexo I da resolución, mediante tramitación anticipada de gasto e en réxime de concorrencia non competitiva, polas que se rexerá a concesión de axudas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ás organizacións de persoas consumidoras e usuarias da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo durante o ano 2026, e proceder á súa convocatoria.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 29 de decembro de 2025 pola que se convoca e se regula, mediante tramitación anticipada de gasto e en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2026, a concesión de axudas ás organizacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo (código de procedemento CO400H).
Cuarto. Importe
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia concederá axudas ás asociacións de consumidores de Galicia por un importe total de 165.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.613A.481.0 do orzamento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2026.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes. Este prazo iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
Gabriel Alén Castro
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia
