DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Xoves, 12 de febreiro de 2026 Páx. 12700

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2025 pola que se convoca e se regula, mediante tramitación anticipada de gasto e en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2026, a concesión de axudas ás organizacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo (código de procedemento CO400H).

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa das persoas consumidoras e usuarias protexendo, mediante procedementos eficaces a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos destes.

O artigo 30.1, número 4, do Estatuto de autonomía atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias.

A dita competencia será levada a cabo polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, e no artigo 4.1.k) do Decreto 118/2016, do 4 de agosto, polo que se crea o Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

É un obxectivo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, tal e como se establece no artigo 53.3 da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, fomentar as organizacións de persoas consumidoras e usuarias da nosa comunidade autónoma.

O Decreto 95/1984, do 24 de maio, crea na nosa Comunidade Autónoma o Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia, no cal figuran inscritas, entre outras, asociacións e federacións sen ánimo de lucro e domiciliadas na nosa comunidade autónoma, que teñan como finalidade primordial a defensa da persoa consumidora e usuaria.

O Decreto 127/1998, do 23 de abril, crea o Consello Galego de Consumidores e Usuarios como órgano de representación e consulta das persoas consumidoras e usuarias. Este órgano desempeña a representación institucional das organizacións e asociacións de persoas consumidoras e usuarias, ante a Administración autonómica ou outras entidades e organismos de carácter autonómico.

Pola súa parte, a estratexia de protección ás persoas consumidoras do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ten por obxecto lograr un alto nivel de protección na nosa comunidade autónoma. Neste contexto, compre sinalar que os servizos financeiros e as subministracións básicas do fogar (principalmente enerxía eléctrica, gas e telefonía) merecen especial atención, debido á súa transformación nos últimos anos coa transición dixital e aparición de novos produtos.

Na actualidade, as novas tecnoloxías, a dixitalización e a intelixencia dixital inflúen nos mercados achegando novas formas de comercialización e prestación de servizos que poden xerar novos e diferentes conflitos e incidencias no ámbito das relacións de consumo.

Así, unha das materias que experimenta un maior número de consultas e reclamacións por parte persoas consumidoras está relacionada con subministracións básicas do fogar (enerxía eléctrica, gas, telefonía), onde existen numerosas dúbidas e incidencias relacionadas coa comercialización, a facturación, a medición e os diferentes aspectos relacionados co consumo.

Así mesmo, o funcionamento do sector dos servizos financeiros tamén preocupa a unha gran parte da sociedade, polo que merece unha grande atención ao ter experimentado unha profunda transformación debida por unha banda, á dixitalización do servizo e, por outra banda, á existencia de novos axentes e produtos financeiros que poden incidir no nivel de endebedamento das persoas consumidoras e que exixen dispoñer dunha formación adaptada ás súas necesidades.

Por todo iso, cómpre promover o desenvolvemento de actuacións en materia de información, atención e asesoramento ás persoas consumidoras galegas procurando a resolución do conflitos xurdidos en materia de consumo, mediante a mediación e a asistencia na posta en marcha dos mecanismos xurídicos existentes para cada situación.

Por isto, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, considera de máximo interese fomentar a actividade das entidades asociativas e federativas de persoas consumidoras, no desenvolvemento de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais para o ano 2026 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia extraordinario do día 17 de outubro de 2025.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, existe a aplicación 14.80.613A.481.0, partida orzamentaria consignada pola contía de 165.000 €, para atender a axuda desta resolución.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, mediante tramitación anticipada de gasto e en réxime de concorrencia non competitiva, e polas que se rexerá a concesión de axudas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ás organizacións de persoas consumidoras e usuarias da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo durante o ano 2026, e proceder á súa convocatoria (código de procedemento administrativo CO400H).

Artigo 2. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. Cada organización poderá presentar unha única solicitude (anexo II).

3. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e no prazo que se indican no seguinte artigo.

Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes. Este prazo iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 3 meses. O prazo empezará a computar a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima ás persoas interesadas para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través dos seguintes medios:

a) Na Guía de procedementos e servizos da sede electrónica e que pode consultar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

b) Na páxina web oficial do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, http://consumo.xunta.gal

c) Nos teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

d) No enderezo electrónico igc.xerencia@xunta.gal

e) De xeito presencial nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na avenida Gonzalo Torrente Ballester, nº 3, 1-5, baixo, Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as resolucións necesarias para a aplicación do disposto nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

Gabriel Alén Castro
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

ANEXO I

Bases polas que se regula, mediante tramitación anticipada de gasto e en réxime de concorrencia non competitiva, a concesión de axudas ás organizacións de persoas consumidoras da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo durante o ano 2026 (código de procedemento CO400H)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de axudas ás organizacións de persoas consumidoras, xa sexan asociacións ou federacións, inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia, para promover o desenvolvemento de actuacións de información, mediación, asesoramento e asistencia á cidadanía en materia de consumo durante o ano 2026, seguindo o protocolo de actuación definido no anexo V.

Máis concretamente, levaranse a cabo accións en diferentes áreas relacionadas coa defensa das persoas consumidoras e usuarias como son:

– Accións para o reforzo da colaboración coa inspección de consumo no control do mercado, especialmente na transmisión de información e detección de produtos inseguros.

– Accións de información, formación, asesoramento e orientación das persoas consumidoras e usuarias.

– Asistencia ás persoas consumidoras na formulación de reclamacións ou outros mecanismos xurídicos establecidos para a resolución do seu conflito en materia de consumo.

– Realización de actuacións de mediación respecto das situacións e conflitos achegados polas persoas consumidoras e usuarias.

– Accións para a difusión e promoción do sistema arbitral de consumo como medio de defensa extraxudicial da persoa consumidora e usuaria.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos susceptibles de axuda

1. As axudas concederanse para atender os gastos de funcionamento das organizacións de persoas consumidoras xerados polo desenvolvemento das actuacións definidas no artigo 1 destas bases reguladoras.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2026 e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

3. Poderán incluírse os seguintes gastos, correspondentes ao período subvencionable (do 1 de xaneiro 2026 ao 10 de decembro de 2026):

• Gastos do persoal da asociación beneficiaria que realice tarefas de atención nas oficinas da organización (este persoal non poderá realizar de xeito profesional ou empresarial, con ánimo de lucro, actividades obxecto desta axuda, tales como avogacía, peritaxes, etc.). Deberá terse en conta que os gastos de persoal devindican a final de mes e, polo tanto, quedaría fóra do período de xustificación a nómina do mes de decembro 2026. Para a xustificación desta axuda poderán terse en conta xustificantes de gastos devindicados correspondentes ao período de vixencia, que na data de xustificación desta aínda non fosen efectivamente pagados, sempre e cando se refiran aos gastos de cotas patronais e obreiras de Seguridade Social e os relacionados con obrigas tributarias concernentes ao IRPF.

• Gastos de alugamento dos locais da organización onde se presten os servizos de atención ás persoas consumidoras.

• Gastos por taxas de recollida de lixo.

• Gastos de funcionamento e mantemento das oficinas de atención, como subministración de luz e auga, teléfono, correos e postais, internet, cotas de comunidade, seguros e material de oficina.

• Gastos de xestoría necesarios para o funcionamento das oficinas de atención.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia concederá axudas ás organizacións de persoas consumidoras de Galicia por un importe total de 165.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.613A.481.0 do orzamento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2026.

Este procedemento tramítase con base na Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais para o ano 2026 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia extraordinario do día 17 de outubro de 2025.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, faise constar que no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 existe a devandita aplicación 14.80.613A.481.0, partida orzamentaria consignada pola contía de 165.000 €, para atender as axudas desta resolución.

2. A contía das axudas concedidas poderá financiar ata o 100 % dos gastos obxecto de financiamento, e non pode superar, en calquera caso, a contía de 30.000 € (IVE incluído) no caso de federacións e 25.000 € (IVE incluído) no caso de asociacións.

3. O importe da subvención regulada nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro ingreso ou recurso, xa sexa público ou privado, que financien as actividades subvencionadas, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as organizacións de persoas consumidoras, tanto asociacións de ámbito autonómico como federacións de asociacións, que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio. Ademais, tanto as asociacións de ámbito autonómico como as federacións, deberán contar cunha antigüidade mínima de 10 años no Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia e de 6 anos como integrante do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

2. No caso de federacións de persoas consumidoras e en virtude do establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, terán a consideración de beneficiarios, como membros asociados da entidade beneficiaria, ademais da federación, as asociacións integrantes da federación que se comprometan a efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a solicitude desta axuda, no nome e por conta da federación.

Por iso, cada federación solicitante deberá especificar no anexo II de solicitude, unha relación identificativa das asociacións integrantes da federación que actúen como membros asociados da entidade beneficiaria da axuda.

Así, cada asociación integrante da federación que actúe como membro asociado da entidade beneficiaria que queira ser considerada beneficiaria da axuda, ademais de figurar na relación do anexo II como tal, deberá presentar un anexo III en que se pon de manifesto, en virtude do artigo 8.2 da devandita Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o compromiso adquirido de efectuar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a solicitude da axuda e o cumprimento do resto de requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria desta axuda.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas organizacións de persoas consumidoras que, incumprindo manifestamente as súas obrigas legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Para que as organizacións de persoas consumidoras poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir, tanto as asociacións de persoas consumidoras individuais como as federacións e as asociacións integrantes destas que figuren como beneficiarias, os seguintes requisitos:

a) Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. As persoas beneficiarias obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de federacións, un compromiso de membro asociado da entidade beneficiaria por cada asociación integrante da federación que actúe como tal (anexo III).

b) Anexo IV de memoria económica, en que se especificará unha previsión do orzamento de gastos subvencionables por categorías e o total (tendo en conta o establecido no artigo 2 destas bases) e a cantidade solicitada como axuda, tendo en conta os límites máximos establecidos no artigo 3.2 destas bases reguladoras.

c) Anexo V de aceptación de protocolo de actuación ante as persoas consumidoras.

d) Anexo VI de compromiso de participación na Xunta Arbitral de Consumo de Galicia e de remisión trimestral de listas de datos.

e) Documentación acreditativa da representación fidedigna da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da entidade solicitante, se é o caso.

f) Cartel de publicidade das axudas (anexo VIII).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos parágrafos anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta, tanto da entidade solicitante como das asociacións beneficiarias en caso de tratarse de federacións de asociacións:

a) NIF da entidade solicitante e NIF das entidades asociadas (neste caso, cando se trate de federacións de asociacións).

b) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante e DNI/NIE da persoa representante das entidades asociadas (anexo III).

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para percibir axudas ou subvencións das administracións públicas.

f) Consulta de concesións ampliado.

g) Consulta de axudas do Estado.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada e/ou beneficiaria para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fan referencia estas bases será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e corresponde á Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditar a resolución da concesión.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no correlativo artigo 31.4 da mesma lei, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade tramitadora atendendo ao disposto no artigo 16.4.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, concedendo a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano xestor publicará no DOG e na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 3.2 das bases, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atendelas todas coa intensidade de axuda solicitada, o crédito asignarase en función do número de entrada da solicitude e respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.2 das bases.

2. Conforme o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos na lei e nesta resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de 10 días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, entenderase que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7.1 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de 10 días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 12. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao/á director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, á vista da proposta de resolución e logo da fiscalización limitada previa, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvencionan e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria, ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 3 meses. O prazo empezará a computar a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima ás persoas interesadas para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A dita resolución será publicada na web http://consumo.xunta.gal e notificada á persoa adxudicataria, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 13. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non é expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 11 destas bases.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días desde a notificación ou publicación desta sen que á persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia á axuda entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

A renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo VII, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da mesma lei.

Artigo 17. Obrigas da persoa beneficiaria

Son obrigas da persoa beneficiaria (e das asociacións beneficiarias en caso de federacións), as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Prestar ás persoas consumidoras a atención definida no artigo 1 destas bases reguladoras seguindo o protocolo de actuación definido no anexo V, que deberán aceptar e presentar. Cando se trate de temas relacionados con produtos ou servizos financeiros ou de subministracións básicas do fogar (enerxía eléctrica, gas e telefonía), esta atención deberá ser totalmente gratuíta, directa ou indirectamente, de tal xeito que non deberá ser obrigatorio para a persoa consumidora darse de alta como socio/a da organización, se comporta o desembolso de contías económicas, xa sexa por cota de alta ou posteriores cotas mensuais.

b) Remitir trimestralmente (dentro dos 5 primeiros días hábiles do mes seguinte) o anexo IX de táboas de remisión de datos, co fin de deixar constancia das actuacións realizadas, especialmente das consultas, mediacións feitas, ofrecementos do sistema arbitral de consumo e reclamacións tramitadas ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia. En caso de federacións deberá remitirse un anexo IX de táboas de remisión de datos trimestral por cada asociación que sexa membro asociado á entidade beneficiaria.

c) Todas as reclamacións presentadas nas súas oficinas, así como o seu traslado ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, deberán levarse a cabo de xeito telemático a través do asistente de reclamacións existente tanto na páxina web deste Instituto Galego do Consumo e da Competencia como na sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento CO401A). Isto é unha obriga e requisito imprescindible para o desempeño da finalidade desta axuda.

d) Formar parte das actuacións da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia mediante a designación de árbitros cando así llo solicite o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, dentro do ámbito de actuación das súas oficinas e ámbito territorial.

e) Se, como consecuencia das reclamacións presentadas ou das súas propias actuacións, detectan incumprimentos graves ou xeneralizados no eido de desenvolvemento de actuacións, servizos e procedementos de atención, información e mediación no campo do dereito de protección das persoas consumidoras, poñelo en coñecemento do Instituto Galego do Consumo e da Competencia o máis axiña posible. Neste sentido, deberá achegarse un informe exhaustivo onde consten as ditas irregularidades, así como a proba ou xustificación destas.

f) Darlle publicidade ao servizo obxecto desta axuda a través de calquera soporte, incluída a súa páxina web (na súa páxina de inicio e en lugar ben visible para o visitante). Así mesmo, manterán de forma destacada unha ligazón á páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Nas oficinas de atención presencial, nos puntos de información presencial e nos distintos soportes de comunicación que utilice o beneficiario da axuda (e as asociacións integrantes en caso de federación) deberán publicitar de forma destacada que:

«Esta organización presta un servizo de consulta e asesoramento para reclamacións ás persoas consumidoras, que está subvencionado pola Xunta de Galicia e será totalmente gratuíto cando se trate de servizos relacionados con produtos e servizos financeiros ou de subministración de enerxía eléctrica, gas e telefonía».

O dito texto deberá completarse coa indicación do horario de prestación do servizo obxecto desta axuda.

g) Dispoñer, como mínimo, dunha oficina de atención ás persoas consumidoras con persoal cualificado para dar o servizo obxecto desta axuda e cun horario mínimo de 15 horas semanais. Na dita oficina deberá figurar en lugar ben visible un cartel cunhas medidas mínimas de 450 x 320 mm seguindo o modelo que se xunta como anexo VIII a estas bases.

h) Calquera tipo de divulgación de datos que se pretenda levar a cabo relacionada coa axuda deberán previamente comunicalo con unha antelación mínima de 15 días ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia. En todas estas actuacións de divulgación deberá figurar que son accións enmarcadas dentro destas axudas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e financiadas por este.

i) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de axudas, ingresos e/ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta axuda é compatible con outras axudas outorgadas, ingresos e/ou recursos para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das axudas concedidas e os ingresos e/ou recursos recibidos non supere o custo total da actividade. No caso de federacións, esta obriga refírese ás asociacións beneficiarias.

k) Poñer á disposición do Instituto Galego do Consumo e da Competencia calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

l) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto da actuación de comprobación e control.

m) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos) e demais normativa concordante. Os datos persoais das persoas usuarias participantes nas actuacións subvencionadas trataraos a Xunta de Galicia, Instituto Galego do Consumo e da Competencia, na súa condición de responsable, coa finalidade de xestionar o adecuado desenvolvemento desta resolución e poderán ser comunicados ás administracións públicas competentes cando sexa necesario para a tramitación do procedemento. A base lexitimadora do tratamento é a realización dunha misión de interese público e o consentimento das persoas interesadas, que poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Contacto delegado de protección de datos e máis información en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

As entidades beneficiarias da subvención serán responsables de informar de maneira fidedigna as destinatarias finais do tratamento que levarán a cabo sobre os seus datos, conforme o especificado no artigo 13 do Regulamento xeral de protección de datos, así como dos aspectos incluídos no parágrafo anterior, para o cal deberán solicitar o seu consentimento explícito. Así mesmo, as entidades beneficiarias serán responsables de custodiar a documentación que acredite o cumprimento destes deberes.

Artigo 18. Xustificación

1. Para cobrar a axuda concedida, a persoa beneficiaria deberá presentar a documentación requirida no número 2 deste artigo a través da Carpeta cidadá, tal como se establece no artigo 6 das bases reguladoras, Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes, e tendo de prazo límite para presentala ata o 10 de decembro (inclusive) de 2026.

2. A documentación que hai que presentar para a xustificación desta axuda estará composta polos seguintes documentos:

a) Declaración responsable do secretario da organización, do cumprimento da finalidade e obxectivos da axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto (anexo X).

b) Unha memoria de avaliación das actividades realizadas pola asociación (ou asociacións beneficiarias en caso de federacións) onde consten as consultas e as reclamacións atendidas, así como as mediacións realizadas, o ofrecemento da arbitraxe de consumo e, se é o caso, a resolución da reclamación ou a súa tramitación ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou organismo competente. Na dita memoria tamén aparecerán os datos de consultas e reclamacións por sectores económicos e oficinas de atención e provincias (no caso de federacións, tamén detallados por asociacións beneficiarias) de tal forma que se comprobe que o obxecto desta axuda foi realizado e no cal aparezan as conclusións, problemas detectados e actuacións levadas a cabo para a súa resolución.

c) Relación dos gastos realizados pola asociación (no caso de federacións deberá presentarse unha relación de gastos por cada unha das asociacións integrantes que actúen como membros asociados da entidade beneficiaria), que deberán vir ordenadamente relacionados nunha lista, desagregados por conceptos e que deberán axustarse ao modelo establecido no anexo XI. Os ditos gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil ou con eficacia administrativa. As ditas facturas (orixinais ou copias auténticas) correspondentes ao período subvencionable (1 de xaneiro de 2026 a 10 de decembro de 2026) estarán expedidas a nome da asociación beneficiaria da axuda (ou asociacións beneficiarias en caso de federacións), e deberán figurar nela os datos identificativos da empresa provedora, a desagregación de impostos e a especificación clara do seu contido, debendo quedar reflectido que o seu pagamento foi efectuado ou documento que o xustifique.

Os pagamentos poderanse realizar polos seguintes medios:

• Transferencia bancaria.

• Cheque nominativo co seu xustificante de movemento de fondos.

• Pagamentos en efectivo: para a correcta acreditación do pagamento debe presentar un recibo asinado e selado polo provedor, no cal estea suficientemente identificada a empresa que recibe o importe e no cal consten o número e a data de emisión do xustificante de pagamento, así como o nome e o NIF da persoa que o asina. No suposto de que o pagamento se acredite mediante recibo consignado no mesmo documento xustificativo do gasto, este deberá conter a sinatura lexible indicando a persoa que o asina, o seu NIF e o selo do provedor. A xustificación do pagamento mediante recibo da empresa provedora só poderá aceptarse para gastos de escasa contía por importes inferiores a mil euros, segundo o establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

d) Declaración comprensiva da asociación (e da federación e asociacións beneficiarias en caso de federacións) do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, de axudas, ingresos e/ou recursos (anexo X).

e) Certificación da asociación (e da federación e asociacións beneficiarias en caso de federacións), debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que se denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable da asociación (e da federación e asociacións beneficiarias en caso de federacións), debidamente actualizada, de que non están incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo X).

2. As axudas minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxectivo.

3. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación solicitada, requirirase o beneficiario para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. Ante a falta de presentación da xustificación, unha vez feito dito requirimento, poderase entender que renuncia á axuda. Neste caso, o/a director/a do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Pagamento

1. Pagamento anticipado. Poderase realizar o pagamento anticipado, ata un máximo do 52 % cando o solicitante sexa unha federación ou do 61 % cando o solicitante sexa unha asociación, do importe da axuda concedida segundo establece o artigo 63.1.un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o novo regulamento autonómico que desenvolve a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás persoas beneficiarias que así o soliciten expresamente na súa solicitude de axuda (anexo II) e xustifiquen a necesidade do anticipo para a realización da actividade subvencionada, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

O pagamento anticipado realizarase automaticamente tras a resolución de concesión da axuda, sen necesidade de resolución adicional, sempre que se cumpra o previsto no parágrafo anterior e a entidade beneficiaria (e as asociacións beneficiarias no caso de federacións) presente a seguinte documentación:

a) Declaración responsable do inicio das actividades obxecto da axuda.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, de axudas, ingresos e/ou recursos, segundo o modelo anexo X.

c) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que se denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) Certificación bancaria actualizada, da entidade solicitante, onde se materializará o pagamento.

O resto do importe da axuda concedida pagarase no momento de completar a xustificación do artigo 18 destas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non existe obriga de constituír garantía.

3. No caso de non solicitar pagamento anticipado ou para o pagamento da totalidade da axuda concedida no caso de si solicitalo, recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 20. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da axuda, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Fiscalización e control

1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas.

2. Alén do anterior, a concesión das axudas reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de 3 meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas, con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da axuda.

Non obstante o anterior, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo e de acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file