DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Xoves, 12 de febreiro de 2026 Páx. 12762

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2026 pola que se aproba e se fai pública a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para cubrir dúas prazas da categoría profesional de arquitecto/a, grupo I, pola quenda de acceso libre.

Mediante a Resolución reitoral do 22 de agosto de 2025 (DOG do 9 de setembro e BOE do 29 de setembro) convocáronse probas selectivas para cubrir dúas prazas da categoría profesional de arquitecto/a pola quenda de acceso libre.

Mediante a Resolución reitoral do 28 de outubro de 2025 (DOG do 5 de novembro) aprobouse a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas mencionadas probas selectivas, e fixouse un prazo para emendar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión.

Rematado o dito prazo, e consonte o establecido na base 4.4 da convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar aprobada e facer pública a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas ás citadas probas e a relación de persoas que teñen que realizar o primeiro exercicio da fase de oposición (proba de galego).

Segundo. Indicar que a citada lista definitiva e a relación de persoas que teñen que realizar o primeiro exercicio da fase de oposición están expostas no taboleiro electrónico da USC e na web:

https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

Terceiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas que non están exentas deste exercicio para a realización do primeiro exame da fase de oposición (proba de lingua galega) o día 10 de marzo de 2026, ás 11.00 horas, no Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), na avenida das Ciencias, s/n, Campus Vida.

A publicación dos anuncios de realización dos vindeiros exercicios efectuaraa o tribunal no taboleiro electrónico da Universidade e na páxina web mencionada no punto segundo, así coma en calquera outro lugar que considere oportuno.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo mencionado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela