DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Venres, 13 de febreiro de 2026 Páx. 13087

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, para a instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente ao parque de 220 kV da nova subestación eléctrica 400/220 kV Abegondo, no concello de Abegondo (A Coruña), e que promove Red Eléctrica de España (expediente IN407A 2023/059-1).

Feitos:

1. O 13.2.2023, Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente ao parque de 220 kV da nova subestación eléctrica 400/220 kV Abegondo, no concello de Abegondo (A Coruña), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/059-1.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Nova subestación Abegondo 220 kV, asinado o 30.1.2023 polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado nº 11.729 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid -COIIM-) e visado por este colexio, co nº 202205723 e coa data do 31.1.2023; e en que figura un orzamento total de 3.048.203 euros e un prazo de execución de 15 meses.

• Declaración responsable asinada o 23.12.2022 polo técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) incorporada no proxecto de execución como documento 6.

• Solicitude de informe, presentada o 13.2.2023 ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e acompañada de escrito xustificativo e de estudo de repercusión para os proxectos subestación eléctrica 400/220 kV Abegondo e liña eléctrica de entrada/saída (E/S) en Abegondo da liña 400 kV Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez, de acordo co previsto no artigo 4 do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia y se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Segundo consta no proxecto de execución, REE proxecta a nova subestación Abegondo no parque de 220 kV, co obxecto de facilitar o acceso á rede de transporte da xeración de enerxía eléctrica renovable prevista na zona. Esta instalación, localizada no concello de Abegondo, atópase recollida na planificación enerxética, Plan de desenvolvemento da Rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026, aprobada mediante o Acordo do Consello de Ministros do 22.3.2022 e publicada pola Resolución da Secretaría de Estado de Enerxía do 8.4.2022 (BOE nº 93, do 19 de abril).

2. O 20.2.2023 a xefatura territorial trasladou a documentación completa do proxecto á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN), para os efectos de que solicitase informe á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía y Turismo a respecto da referida instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica (parque 220 kV da nova subestación de transporte de Abegondo 400/220 kV), en cumprimento do exixido no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O 23.2.2023 a DXPERN solicitou o informe requirido á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, quen con data do 28.2.2023 remitiu o seu informe, emitido o 27.2.2023, en que se conclúe o seguinte:

«[...] As actuacións obxecto deste informe atópanse recollidas no documento “Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026”, aprobado mediante o Acordo do Consello de Ministros do 22 de marzo de 2022 (BOE do 19 de abril).

Como consecuencia do anteriormente exposto, esta dirección xeral emite informe favorable para os efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, no artigo 114 do Real decreto 1955/2000 e no artigo 16.1.a) da Circular 5/2019, do 5 de decembro, respecto á instalación anteriormente sinalada».

3. O 28.8.2023 a xefatura territorial adoptou o acordo de someter a información pública a solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, da referida infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica (parque 220 kV da nova subestación de transporte de Abegondo 400/220 kV).

Este acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (5.10.2023), no Boletín Oficial da provincia da Coruña (4.9.2023) e no xornal La Voz de Galicia (19.10.2023) e, así mesmo, estivo exposto no Portal de transparencia da Consellería de Economía e Industria e no taboleiro de anuncios do Concello de Abegondo.

Durante o período de información pública presentáronse escritos de alegacións polas seguintes persoas: Concello de Abegondo, alcalde do Concello de Abegondo e 58 veciños, Bloque Nacionalista Galego, Beatriz Regueira Domínguez, Asociación Aire Limpo Mariñas Mandeo, Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Ecoloxistas en Acción. Destes escritos deuse traslado a REE, quen presentou a súa contestación a eles.

Estes escritos de alegacións tamén foron remitidos á Área Funcional de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia por conter manifestacións referidas aos seguintes proxectos que estaba a tramitar: parque 400 kV da subestación Abegondo e entrada/saída na subestación Abegondo da LAT 400 kV Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez.

O 19.12.2023 a Área Funcional de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia remitiu á xefatura territorial os escritos de alegacións presentados no trámite de información pública dos proxectos da súa competencia, por conter manifestacións referidas ao proxecto do parque de 220 kV da subestación Abegondo. Estes escritos de alegacións presentáronse polas seguintes persoas (e teñen un contido idéntico ás referidas anteriormente): Concello de Abegondo, Bloque Nacionalista Galego, Beatriz Regueira Domínguez, Asociación Aire Limpo Mariñas Mandeo, Asociación Ecoloxista en Acción Galiza, Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, Ramón Barreiro Carnota, Asociación Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Asociación Ecoloxista en Acción Galiza.

As alegacións contidas nos escritos de alegacións presentados durante o trámite de información pública da referida infraestrutura eléctrica (parque 220 kV da nova subestación de transporte de Abegondo 400/220 kV) fan referencia ás seguintes cuestións:

a. Fragmentación fraudulenta de proxectos e falta de avaliación de impacto ambiental co conxunto de infraestruturas eléctricas presentes na zona.

b. Fan referencia ás afeccións que se producirán sobre o medio (fauna, flora, paisaxe, saúde ou economía social) e alegan a falta dunha avaliación de impacto ambiental.

c. Falta de estudo de impacto e integración paisaxística.

d. Potenciación do risco de incendios.

e. Produción de impacto visual sobre o Camiño de Santiago.

f. Falta de avaliación do impacto da radiación electromagnética e do efecto coroa.

g. Falta de posta á disposición no trámite de información pública dos informes sectoriais en materia ambiental.

h. Falta de inclusión no PXOM do Concello de Abegondo e afección a solo cualificado no mesmo como solo rústico de protección forestal.

i. Requiren compensacións polos prexuízos económicos dos propietarios de parcelas afectadas e estremeiras en relación coa franxa de xestión da biomasa.

j. Falta de xustificación da utilidade pública e da súa ponderación con utilidades públicas concorrentes.

k. A denominación «Nova subestación» fai pensar que na zona xa existe outra subestación, cando non é así.

l. Falta de xustificación da subestación e do seu emprazamento.

4. O 29.8.2023 a xefatura territorial trasladou o proxecto de execución (Nova subestación Abegondo 220 kV), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, á seguinte entidade afectada pola referida infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica: Concello de Abegondo. A este respecto:

– O 2.10.2023 o Concello de Abegondo emite informe en que solicita o envío de documentación adicional e recolle condicionantes urbanísticos, así como de planificación enerxética e necesidade da instalación, do que se deu traslado a REE con data do 9.10.2023.

– O 31.10.2023 REE emite contestación en que manifesta que o proxecto técnico é a documentación exixida para acreditar o cumprimento da normativa e que o Concello de Abegondo non acredita a insuficiencia de documentación nin constata conformidade ou oposición expresa. Non se constatan, así mesmo, causas de incompatibilidade urbanística concretas nin que se dean causas limitativas ao establecemento de servidume das previstas na normativa eléctrica. En canto a cuestións de planificación eléctrica manifestan que o proxecto está debidamente motivado e aprobado conforme o procedemento establecido no artigo 35.2 da Lei 34/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O 7.11.2023 deuse traslado desta resposta de REE ao Concello de Abegondo, quen remitiu novo informe con data do 21.11.2023 en que solicitan documentación adicional que achegue unha definición máis clara da implantación da subestación no terreo. Así mesmo, expón distintas incompatibilidades do proxecto con respecto á normativa urbanística e destacan a falta de xustificación da localización da instalación tendo en conta o propósito para o que foi proxectada de acordo coa planificación enerxética 2021-2026 da rede de transporte.

– O 27.11.2023 deuse traslado deste novo informe do Concello de Abegondo a REE, quen emitiu novo informe con data do 21.12.2023 en que se ratifica nas súas manifestacións referidas a: falta de xustificación da solicitude de documentación adicional do Concello de Abegondo e de pronunciamento claro sobre a conformidade ou oposición ao proxecto; non constatación de causas de incompatibilidade urbanística ou limitativas ao establecemento de servidume das previstas na normativa eléctrica; e axuste do proxecto con respecto á planificación enerxética conforme o procedemento establecido no artigo 35.2 da Lei 34/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. O 24.7.2024 REE presentou escrito xustificativo da non necesidade de someter a referida infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, por non incorrer en ningún dos supostos previstos nos puntos dos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e as súas últimas modificacións plasmadas na Lei 9/2018, do 6 de decembro. Este escrito xustificativo acompañouse do informe emitido o 18.7.2024 pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por requirimento de REE do 13.2.2023, en que se conclúe que «... as intervencións non se localizan dentro dos espazos da Rede Natura 2000 e, polo tanto, non supoñen ningunha afección significativa sobre os valores naturais polos que os espazos foron promulgados e, polo tanto, non existe ningunha afección á integridade deles...».

6. O 24.10.2025 o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en adiante, departamento territorial), logo de rematada a instrución do referido expediente (IN407A 2023/059-1), deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou ao expediente os seguintes informes emitidos polos servizos técnicos do departamento territorial:

– Informe relativo á suficiencia do proxecto de execución e á non existencia de limitacións para a servidume de paso, do 23.10.2025, en que se conclúe a ese respecto o seguinte:

«[...] Do visto na visita realizada o 4.4.2025 non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000 para impor servidumes de paso.

[...]

Desde un punto de vista técnico non se encontra ningún impedimento para emitir autorización administrativa previa e de construción, e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas [...]».

– Informe relativo á tramitación, do 24.10.2025, en que se recolle un resumo da tramitación realizada e se fai constar o seguinte a respecto da necesidade de elevación do expediente ao Consello da Xunta de Galicia como consecuencia dos informes do Concello de Abegondo:

«Á vista dos informes do Concello de Abegondo e das respostas de REE, en canto á necesidade de elevación do expediente ao Consello da Xunta pode terse en conta o Ditame 1251/2024, do 9 de xullo, da Avogacía do Estado, que conclúe que “A interpretación do alcance do artigo 131.6 do Real decreto 1955/2000, considerando o teor do artigo  53.1.b) da Lei 24/2013, do sector eléctrico, actualmente en vigor, determina que só teñan o carácter de discrepancias que determinen a elevación ao Consello de Ministros para a resolución das autorizacións administrativas de construción, aquelas diferenzas de carácter exclusivamente técnico que se susciten unicamente cando as instalacións obxecto de autorización afecten bens ou dereitos de propiedade das citadas administracións”.

Este ditame está sendo aplicado pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas no expediente de autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da “liña aérea de transporte de enerxía eléctrica de dobre circuíto a 400 kV (LAT DC 400 kV), con entrada e saída na nova subestación eléctrica «SE 400/220 kV Abegondo”, da liña Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez. Ante informes do Concello de Abegondo similares aos emitidos no expediente IN407A 2023/59-1 que nos ocupa, a dita dirección xeral considera que na resolución do seu procedemento non cabe tomar en consideración as alegacións formuladas polo Concello por exceder o seu obxecto o disposto polos artigos 131 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica».

7. O 26.11.2025 publicáronse no BOE, en relación con infraestruturas de transporte de enerxía eléctrica da subestación 400/220 kV Abegondo, as seguintes resolucións emitidas o 5.11.2025 pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico:

– Resolución pola que se outorga a REE autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a LAT 400 kV, dobre circuíto, da subestación Abegondo á LAT Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez, en Abegondo (A Coruña), e se declara, en concreto, a utilidade pública.

– Resolución pola que se outorga a REE autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a nova subestación Abegondo 400 kV, con oito novas posicións, en Abegondo (A Coruña), e se declara, en concreto, a utilidade pública.

8. O 22.12.2025 REE, en resposta a un requirimento da DXPEM, presentou a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio do referido expediente (IN407A 2023/059-1), así como un escrito que complementa os seus escritos de contestación ás alegacións presentadas durante o trámite de información pública.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto, cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente (IN407A 2023/059-1) correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior a 75 MVA, de conformidade co disposto no seu artigo único, epígrafes 1.b).2º (autorizacións administrativas previa e de construción) e 2 (recoñecemento, en concreto, da utilidade pública) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).

3. A pesar da oposición manifestada polo Concello de Abegondo, a resolución do expediente corresponde á DXPEM e non ao Consello da Xunta de Galicia, con base na seguinte argumentación, empregada nas resolucións da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dos expedientes correspondentes ao parque de 400 kV da subestación Abegondo e á entrada/saída nesa subestación da LAT Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez (publicadas no BOE do 26.11.2025):

«Nos artigos 131.6 e 148.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, establécese que para o suposto de que se manteña a discrepancia en canto ao condicionado técnico entre o peticionario da instalación e algunha Administración ou organismo, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas poderá, ben resolver recollendo as condicións técnicas establecidas no condicionado, ou ben, se discrepa deste, remitirá proposta de resolución para a súa elevación ao Consello de Ministros. Non obstante, na resolución deste procedemento non cabe tomar en consideración as alegacións formuladas polo Concello de Abegondo, ao exceder o seu obxecto do disposto nos ditos artigos.

A este respecto, a Avogacía do Estado no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no seu ditame 1251/2024, do 9 de xullo, conclúe que “A interpretación do alcance do artigo 131.6 do Real decreto 1955/2000, considerando o teor do artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do sector eléctrico, actualmente en vigor, determina que só teñan o carácter de discrepancias que determinen a elevación ao Consello de Ministros para a resolución das autorizacións administrativas de construción, aquelas diferenzas de carácter exclusivamente técnico que se susciten unicamente cando as instalacións obxecto de autorización afecten bens ou dereitos de propiedade das citadas administracións”.

Tendo en conta o anterior, e dado que non concorre, simultaneamente, unha oposición de carácter técnico e sobre afeccións do proxecto a bens ou dereitos de propiedade, de acordo co previsto no anteriormente sinalado artigo 131.6, procede a resolución por parte da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas.

Igualmente e en relación coa declaración, en concreto, de utilidade pública, o citado ditame conclúe que “A interpretación do alcance ou supostos en que procede elevar ao Consello de Ministros a resolución das posibles discrepancias en relación coa DUP a que se refire o artigo 148.1 do Real decreto 1955/2000 debe ser a mesma que a mantida respecto ao artigo 131.6 do Real decreto 1955/2000 en canto aos casos en que procede elevar discrepancia ante o Consello de Ministros en relación coas autorizacións do artigo 53.1.a) e b) LSE”. En consecuencia, procede a súa resolución por parte da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas».

4. En canto á tramitación ambiental, REE non acompañou coa súa solicitude (13.2.2023) a petición de inicio do procedemento de avaliación ambiental, ao considerar que a actuación non incorre en ningún dos supostos dos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e as súas últimas modificacións ata ese momento, plasmadas na Lei 9/2018, do 6 de decembro, quedando, en consecuencia, fóra do ámbito da avaliación de impacto ambiental conforme o artigo 7 da Lei 21/2013. A consideración de que un proxecto poida verse sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental por localizarse en Reserva da Biosfera é aplicable desde a entrada en vigor (o 15.6.2023, que é posterior ao inicio do expediente) do Real decreto 445/2003, do 13 de xuño, que modifica os anexos da Lei 21/2013. Para maior seguridade xurídica, REE solicitou (13.2.2023) á Dirección Xeral de Patrimonio Natural informe relativo ás repercusións sobre Rede Natura, acompañando instancia xustificativa denominada «Informe sobre repercusións en Rede Natura: subestación de transporte de enerxía eléctrica a 400/220 kV Abegondo e liña de E/S en Abegondo da 400 kV Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez» e estudo de repercusións denominado «Estudo de avaliación de repercusións sobre os lugares de Rede Natura 2000». A Dirección Xeral de Patrimonio Natural con data do 19.7.2024 emitiu o seguinte informe:

«[...]

III. Observacións desta dirección xeral.

Revisada a solicitude presentada e a documentación achegada pola promotora do proxecto, cabe indicar o seguinte:

– O lugar onde se localiza o proxecto non ten ningunha figura de espazos naturais protexidos, das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, nin na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade. Non afecta a espazos naturais protexidos pola Rede galega de espazos protexidos.

– Na área de actuación non se rexistra ningún espazo con figura de protección pertencente á Rede Natura 2000, o máis próximo sería a ZEC Abegondo-Cecebre (ES1110004) situada aproximadamente a 4.000 m da zona.

– A zona de actuación localízase dentro dos límites da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, dentro da zona de transición, tendo, polo tanto, a consideración de área protexida por instrumentos internacionais (Lei 5/2019, do 2 de agosto, e Lei 42/2007, do 13 de decembro).

IV. De acordo co indicado, infórmase:

Que no marco das competencias desta dirección xeral, comprobadas as localizacións das actuacións do proxecto presentado, constátase que as intervencións non se localizan dentro dos espazos da Rede Natura 2000 e, polo tanto, non supoñen ningunha afección significativa sobre os valores naturais polos que os espazos foron promulgados e, polo tanto, non existe ningunha afección á integridade deles, aliñándose cos principios xerais establecidos na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

[...]»

5. Polo que respecta ás alegacións presentadas (identificadas nos feitos coas letras da «a» á «l»), cómpre manifestar o seguinte (á vista das alegacións, das contestacións de REE a elas e do resto da documentación que consta no expediente):

a.a.i.a. O parque de 220 kV da subestación Abegondo conforma, xunto co seu parque de 400 kV e a E/S da LAT 400 kV Mesón do Vento-As Pontes de García Rodríguez, unha infraestrutura destinada á actividade de transporte de enerxía eléctrica que se integrará na Rede de transporte de enerxía eléctrica (promovida por un suxeito exclusivamente acreditado para iso -REE-, sometida a un réxime de autorización específico, previa a súa inclusión nunha planificación concreta e suxeita a un réxime retributivo propio), mentres que os proxectos citados nas alegacións se refiren a infraestruturas destinadas á actividade de xeración (promovidos por suxeitos produtores e cun réxime de autorizacións e retribucións diferenciados do anterior). Por outra banda, o parque de 220 kV da subestación Abegondo é unha infraestrutura de transporte secundario, polo que a súa tramitación corresponde á Comunidade Autónoma, mentres que as outras dúas infraestruturas (parque de 400 kV e E/S LAT 400 kV) son infraestruturas de transporte primario, polo que a súa tramitación corresponde ao Estado.

a.a.i.b. Non se incorre en ningún dos supostos previstos nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e nas súas últimas modificacións, plasmadas na Lei 9/2018, do 6 de decembro, polo que a actuación proxectada queda fóra do ámbito da avaliación de impacto ambiental conforme o artigo 7 da citada Lei 21/2013. A consideración de que un proxecto poida verse sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental por localizarse en Reserva da Biosfera é aplicable desde a entrada en vigor do Real decreto 445/2003, que modifica os anexos da Lei 21/2013, e que entrou en vigor con posterioridade ao inicio da tramitación do proxecto. Aínda así, e segundo o disposto na alínea B do anexo III, o dito criterio aplicaríase se o proxecto se localizase en «zonas núcleo ou tampón da Reserva da Biosfera da UNESCO», e segundo REE o proxecto atópase dentro dos límites da Reserva da Biosfera «Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo», pero na zona terrestre de transición.

a.a.i.c. A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, no seu artigo 11, dispón que para os proxectos non sometidos aos procedementos de declaración e avaliación de impacto ambiental, será o Consello da Xunta de Galicia quen determine, vía regulamentaria, nas zonas xeográficas identificadas como áreas de especial interese paisaxístico AEIP), os supostos en que se poderá exixir ás entidades promotoras incorporar ao proxecto un estudo de impacto e integración paisaxístico. No Catálogo das paisaxes de Galicia, aprobado mediante o Decreto 119/2016, do 28 de xullo, identifícanse as ditas áreas en atención aos valores naturais e culturais alí presentes e que requiren protección precisa que permita a preservación dos seus valores. Segundo REE, o proxecto non afecta ningunha destas áreas, sendo a máis próxima a AEIP.10.9.Monte do Xalo que está localizada a máis de 7 km de distancia, polo que non resulta necesario a incorporación no proxecto do devandito estudo.

a.a.i.d. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no seu artigo 20.3.c), recolle estas infraestruturas como integrantes das redes de faixas de xestión de biomasa, configurándose como un elemento das redes de defensa contra os incendios forestais, tal e como establece o seu artigo 18.2.a).

a.a.i.e. Segundo REE, o proxecto non afecta ningunha zona de cautela das indicadas na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento, facendo constar ademais, a respecto do impacto visual sobre o Camiño de Santiago, que tras o cálculo de visibilidade teórico da subestación, o dito impacto pode considerarse nulo xa que a subestación practicamente non será visible desde o Camiño de Santiago (do dito cálculo despréndese que as plantacións forestais de eucalipto predominantes que rodean o emprazamento da subestación actúan como un efectivo apantallamento visual).

a.a.i.f. No proxecto inclúese como documento 5 o estudo de campos magnéticos, en que se recolle como conclusión da simulación e cálculo realizado do campo magnético xerado pola actividade do parque de 220 kV AIS do proxecto tipo, nas condicións máis desfavorables de funcionamento (hipótese de carga máxima realizable), que os valores de radiación emitidos están moi por debaixo dos valores límite recomendados, isto é, 100 μT para o campo magnético á frecuencia da rede, 50Hz. Por outra parte, no anexo 1 da memoria, na súa epígrafe 2.2 referente aos cálculos de efecto coroa, conclúese que non é de esperar que o efecto coroa se produza.

a.a.i.g. Dado que o proxecto non foi sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental, non se obtiveron informes sectoriais en materia ambiental con anterioridade ao trámite de información pública.

a.a.i.h. En canto á adaptación do parque de 220 kV da subestación de Abegondo ao PXOM do Concello de Abegondo, haberá que aterse ao disposto no artigo 5 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, en que se establece que a planificación das instalacións de transporte de enerxía eléctrica deberá terse en conta no correspondente instrumento de ordenación do territorio e urbanístico, o cal deberá precisar as posibles instalacións e cualificar adecuadamente os terreos, establecendo as reservas de solo necesarias para a localización das novas instalacións.

a.a.i.i. A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais en Galicia, no seu artigo 20, dispón que nas subestacións eléctricas deberá xestionarse a biomasa (por parte do titular da subestación, segundo o disposto no artigo 21) nunha faixa de 5 m desde o último elemento de tensión e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas, ademais de non poder haber árbores das especies sinaladas na súa disposición adicional terceira e, engadindo, que se nas subestacións existen edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil, seralles de aplicación o artigo 21 para edificacións ou vivendas illadas (xestión obrigatoria da biomasa nunha franxa de 50 m). A este respecto, segundo REE na subestación proxectada non están previstas edificacións destinadas a albergar oficinas, almacéns ou parque móbil, polo que deberá manterse unha faixa de 5 m desde o último elemento en tensión e desde os paramentos das edificacións non destinadas ás persoas. Por outra banda, os prexuízos económicos a particulares que poidan derivarse da instalación proxectada, en caso de imposibilidade de mutuo acordo, serán compensados conforme o disposto na Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, dentro do procedemento expropiatorio e na súa fase de determinación do prezo xusto.

a.a.i.j. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no seu artigo 54.1, dispón que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de transporte de enerxía eléctrica para os efectos de expropiación forzosa de bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. Por outra banda, nas alegacións non se acredita a concorrencia con outras utilidades públicas, polo que non se pode proceder á súa ponderación a través dos procedementos de declaración de compatibilidade ou prevalencia establecidos para o efecto.

a.a.i.k. Na denominación do proxecto aplicouse a terminoloxía empregada na planificación da Rede de transporte de enerxía eléctrica, en que se fala de «Modificación de subestación», para as actuacións planificadas en subestacións existentes, e de «Nova Subestación» para as actuacións planificadas en subestacións de nova creación.

a.a.i.l. A subestación Abegondo é unha das novas subestacións de Galicia incluída na planificación da Rede de transporte de enerxía eléctrica vixente 2021-2026, e a súa construción impulsará o proceso de transición ecolóxica e descarbonización na Comunidade Autónoma, contribuíndo ao cumprimento dos compromisos nacionais en materia de enerxía e clima co incremento de integración de renovables, xa que o parque de 220 kV da subestación aumentará a integración de nova xeración renovable, permitindo a substitución da xeración térmica existente coa conseguinte redución das emisións de CO2. Por outra banda, segundo REE esta subestación sitúase no punto máis próximo posible á liña de transporte de enerxía eléctrica existente, e para a cal se proxecta a súa entrada/saída na dita subestación.

6. As instalacións que se autorizan atópanse no lugar de Carpián, no concello de Abegondo, e a plataforma da subestación proxéctase na poligonal delimitada polos seguintes puntos (coordenadas UTM ETRS89 fuso 29):

Punto

X

Y

A

555545.0556

4782210.7808

B

555479.1702

4782229.8876

C

555446.5828

4782117.5173

D

555512.4682

4782098.4106

As instalacións refírense á implantación do parque 220 kV da subestación 400/220 kV Abegondo, convencional de intemperie, que responde ás seguintes características técnicas:

• Nivel de tensión nominal: 220 kV.

• Nivel de tensión máis elevada para o material: 245 kV.

• Tecnoloxía: AIS.

• Configuración: dobre barra con acoplamento.

• Intensidade de curtocircuíto de curta duración: 40 kA.

• Disposición xeral da instalación: farase mediante a construción e dotación eléctrica dos espazos necesarios para o funcionamento da subestación que posibiliten a evacuación da produción de enerxía eléctrica dos promotores eólicos que dispoñen de permiso de acceso nesta nova subestación planificada e a proxección dos espazos previstos para o futuro mallado coa rede de transporte de enerxía eléctrica existente.

• A dotación eléctrica do parque 220 kV estará constituída pola instalación de tres (3) novas posicións de interruptor que se identifican como:

– Posición P3: posición de transformador ATP-1 (devanado secundario de 220 kV do transformador 400/220/33 kV do parque de 400 kV).

– Posición P5: de acoplamento de barras.

– Posición P7: para a chegada da LAT 220 kV para a conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Abegondo 220 kV.

• Rede de terras inferiores: mediante un mallado soterrado en condutor de cobre que se estenderá por todos os terreos da subestación, incluíndo cimentacións, edificios e cerramento.

• Rede de terras superiores: conectada coa anterior a través de elementos metálicos, terá como finalidade protexer os equipos de descargas atmosféricas directas.

• Sistemas de control, protección (específicos para cada tipo de aparellaxe), telecontrol e comunicacións (sistemas tele xestionados) e servizos auxiliares da subestación.

De conformidade con todo o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente ao parque de 220 kV da nova subestación eléctrica 400/220 kV Abegondo, no concello de Abegondo (A Coruña), e que promove REE.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para a citada instalación eléctrica, integrada no proxecto de execución denominado «Nova subestación Abegondo 220 kV», asinado o 30.1.2023 polo enxeñeiro industrial David González Jouanneau (colexiado nº 11.729 do COIIM) e visado por este colexio, co nº 202205723 e coa data 31.1.2023.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, que implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución, para o cal se outorga a autorización administrativa de construción.

2. A empresa promotora (REE) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento, deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de quince meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución ou da data de ocupación dos terreos. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela logo das comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e aos dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia a promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Esta resolución dítase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida instalación eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

9. Como anexo a esta resolución recóllese a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados (RBDA) pola instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente ao parque 220 kV da nova subestación eléctrica 400/220 kV Abegondo, no concello de Abegondo (A Coruña)

Parcela do proxecto

Propietario/a

Referencia catastral

Superficie parcela (m2)

Ocupación pleno dominio subestación (m2)

Ocupación pleno dominio acceso (m2)

Ocupación temporal (m2)

Reposición camiño (m2)

Natureza do terreo

4

José Lagares Souto

15001A03400119

3.847

2.220

-

-

132

Matogueira

5

Herdeiros de María Vidal Pérez

15001A03400122

1.488

923

-

-

40

Matogueira

6

María Concepción Rodríguez Mazás

15001A03400123

992

586

-

-

25

Matogueira

7

José Baamonde Insua

15001A03400124

1.058

600

-

-

26

Matogueira

9

Manuel Codesal Blanco

15001A03400126

1.237

750

-

-

-

Matogueira

10

Teresa Gómez Bello

15001A03400127

2.232

1.287

-

-

-

Matogueira

11

Isabel Vázquez Castro

15001A03400128

6.470

3.779

-

-

-

Matogueira

12

Manuel Louzao Rodríguez

15001A03400139

2.440

1.748

-

-

-

Matogueira