DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Venres, 13 de febreiro de 2026 Páx. 13035

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2026 pola que se publica a encomenda de xestión formalizada mediante convenio co organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación, para a avaliación da actividade investigadora de persoal docente e investigador contratado.

Asinada o día 16 de xaneiro de 2026 a encomenda de xestión formalizada por convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e o organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e a Acreditación, para a avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia da dita encomenda, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Encomenda de xestión formalizada por convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e o organismo autónomo Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, para a avaliación da actividade investigadora de persoal docente e investigador contratado

Reunidos:

Dunha parte, Pilar Paneque Salgado, en nome e representación da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (en diante, ANACA), organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, segundo o Real decreto 472/2024, do 7 de maio, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Intervén en calidade de directora, nomeada polo Consello Reitor da ANACA (Resolución do 28 de febreiro de 2023, da Presidencia do Consello Reitor, pola que se publica o nomeamento), e actuando en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Estatuto do organismo autónomo ANACA, aprobado polo Real decreto 1112/2015, do 11 de decembro.

Doutra parte, Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, actuando en nome e representación da Universidade de Santiago de Compostela, CIF Q1518001A, con sede na praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela, de conformidade coas atribucións que lle confire o artigo 82 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, polo que se aproban os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela), tras o seu nomeamento con data do 22 de marzo de 2022 polo Decreto 35/2022, do 17 de marzo, polo que se nomea reitor magnífico da Universidade de Santiago de Compostela o profesor doutor Antonio López Díaz.

Expoñen:

1. Que a ANACA, a través da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (en diante, CNAAI), de conformidade co previsto no Real decreto 1112/2015, do 11 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do organismo autónomo ANACA, realiza mediante convocatorias de carácter anual da Secretaría Xeral de Universidades a avaliación da actividade investigadora dos funcionarios de carreira e interinos dos corpos docentes universitarios de universidades públicas, de conformidade co disposto no artigo 2.4.2 do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, así como dos organismos públicos de investigación da Administración xeral do Estado, de conformidade coa Orde CNU/1 181/2019, do 3 de decembro, pola que se establecen as bases comúns para a avaliación da actividade investigadora do persoal investigador funcionario das escalas científicas dos organismos públicos de investigación da Administración xeral do Estado, facendo uso da habilitación conferida pola disposición derradeira terceira do Real decreto 310/2019, do 26 de abril.

2. Que, co obxectivo de impulsar a actividade de investigación, as universidades públicas e os organismos públicos de investigación precisan tamén contar cun sistema de avaliación do seu persoal docente e investigador contratado, que sexa equiparable ao sistema de avaliación do seu persoal docente e investigador coa condición de funcionario de carreira e interino da universidade pública e organismos públicos de investigación, equiparación en canto á avaliación mesma considerada, sen que iso poida vincularse en ningún caso, directa ou indirectamente, nin supoña un recoñecemento dun dereito retributivo do Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, para o persoal docente funcionario de carreira, ou do artigo 87 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (en diante, LOSU).

3. Que os efectos das avaliacións que realice a ANACA baixo esta encomenda serán os que se establezan, se é o caso, na correspondente convocatoria da Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade coa normativa aplicable.

4. Que a ANACA e a Universidade de Santiago de Compostela teñen un interese común na mellora da calidade da actividade investigadora do persoal docente e investigador, calquera que sexa o seu vínculo laboral, e a Universidade de Santiago de Compostela está interesada en poder ter un sistema de avaliación para o seu profesorado contratado non funcionario.

5. Que ambas as partes, con data do 11 de xaneiro de 2022, asinaron unha encomenda pola cal a Universidade de Santiago de Compostela encomendou á ANACA a avaliación pola CNAAI da actividade investigadora do seu persoal docente e investigador contratado.

Tendo en conta o anterior, a ANACA e a Universidade de Santiago de Compostela acordan subscribir a presente encomenda formalizada por convenio, ao abeiro do disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, que se rexerá polas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto

O obxecto desta encomenda é que a ANACA avalíe, a través da Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI), a actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado da Universidade de Santiago de Compostela e, en concreto, das figuras que a Universidade de Santiago de Compostela estableza na correspondente convocatoria.

De conformidade con isto, a convocatoria para a avaliación desta actividade investigadora será realizada pola Universidade de Santiago de Compostela, por ser da súa competencia.

Esta avaliación realizarase cos mesmos criterios que aplica a ANACA nas súas avaliacións de sexenios para o persoal funcionario de universidade que leva a cabo a CNAAI.

Segunda. Obrigas da Universidade de Santiago de Compostela

As obrigas da Universidade de Santiago de Compostela son:

1. Realizar a convocatoria para o recoñecemento da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado que considere.

Esta convocatoria indicará a obriga de iniciar o procedemento mediante a presentación das solicitudes de avaliación no Rexistro da Universidade de Santiago de Compostela.

A Universidade de Santiago de Compostela emitirá, de ser o caso, a correspondente autorización, necesariamente con data anterior ao peche de recepción de solicitudes na ANACA, para continuar coa tramitación na seguinte ligazón: https://sede.aneca.es/

Na convocatoria recollerase que este documento de autorización será requisito indispensable que deberá formar parte da documentación que a persoa interesada deberá remitir á ANACA.

Na convocatoria establecerase que o prazo de remisión á ANACA das solicitudes se iniciará o primeiro día hábil un mes despois do inicio do prazo de presentación de solicitudes que estableza a Resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que se aproba a convocatoria de avaliación da actividade investigadora anualmente do profesorado funcionario pola CNAAI (coñecida como convocatoria ordinaria).

A Universidade de Santiago de Compostela terá en conta á hora de fixar o prazo de resolución que estableza na súa convocatoria que as solicitudes de avaliación que se reciban baixo esta encomenda serán despachadas na ANACA, en todo caso, logo da revisión administrativa das solicitudes do persoal docente e investigador funcionario. A ANACA remitirá os informes correspondentes nun prazo dun mes desde a finalización do trámite de notificación das resolucións do Pleno da CNAAI da convocatoria da Secretaría Xeral de Universidades para o persoal funcionario.

2. Remitirlle á ANACA, a través da sede electrónica, unha listaxe coas solicitudes de tramo autorizadas para avaliar, porase no asunto «Solicitudes avaliables CNAAI convocatoria XXXX», sendo «XXXX» o ano da convocatoria, de que se trate. Será unha única listaxe editable e ordenada alfabeticamente, onde se identifiquen as solicitudes autorizadas, xunto coa seguinte información: nome da universidade/razón social, NIF, domicilio fiscal, persoa de contacto, órgano xestor, unidade tramitadora, oficina contable, e órgano propoñente, e calquera outra información relevante para o pagamento do custo.

3. Resolver os procedementos de avaliación da actividade avaliada, así como asumir todos os actos administrativos e resolucións que da tramitación da convocatoria poidan xurdir, por seren da súa competencia.

4. No caso de que a Universidade de Santiago de Compostela resolva en sentido contrario ao informe remitido pola ANACA, a ANACA será informada dos motivos sobre o cambio de sentido da avaliación.

5. Cando se interpoña recurso contra a resolución dos procedementos de avaliación da actividade investigadora, a Universidade de Santiago de Compostela poderá solicitar informe á ANACA. Posteriormente, a Universidade de Santiago de Compostela ditará a resolución administrativa que poña fin ao recurso e informará a ANACA do resultado da resolución do recurso.

Terceira. Obrigas da ANACA

As obrigas da ANACA son:

1. Avaliar as solicitudes de tramos de investigación do persoal docente e investigador contratado da Universidade de Santiago de Compostela que se autorizaron, seguindo os criterios de avaliación da CNAAI.

Para iso, a ANACA poñerá ao dispor da Universidade de Santiago de Compostela a ligazón en que os solicitantes poderán continuar o procedemento administrativo (https://sede.aneca.es/) unha vez conten coa súa autorización.

A ANACA manterá aberta a citada ligazón durante un período de tempo idéntico ao cal se determinou na Resolución da Secretaría Xeral de Universidades pola que se aproba a convocatoria ordinaria de avaliación da actividade investigadora.

2. Emitir un informe técnico por cada solicitude de avaliación.

No informe técnico, a obra sometida a valoración cualificarase dentro do intervalo de 0 a 10. O informe técnico será remitido despois á Universidade.

3. Establecer o procedemento que se deberá seguir na avaliación do persoal docente e investigador contratado da universidade ou centro de investigación. Este procedemento respectará os criterios e as normas aplicables ao procedemento xeral de avaliación da actividade investigadora do profesorado funcionario da Universidade, coas condicións establecidas nesta encomenda.

4. En canto aos prazos, de acordo co indicado na cláusula segunda, as solicitudes de avaliación que se reciban baixo esta encomenda serán despachadas na ANACA, logo da revisión administrativa das solicitudes do persoal docente e investigador funcionario, polo que os informes se remitirán á Universidade de Santiago de Compostela no prazo dun mes desde a finalización do trámite de notificación das resolucións do Pleno da CNAAI da convocatoria ordinaria.

5. Emitir informe no caso das eventuais impugnacións que puidesen realizarse conforme se prevé na cláusula anterior.

Cuarta. Compensación de gastos

A Universidade de Santiago de Compostela compensaralle á ANACA os gastos que tivese na realización das avaliacións a que se refire esta encomenda, con cargo á súa partida orzamentaria 8046 3000 22609. O importe para compensar comprende os gastos directos e indirectos xerados da actividade de avaliación e un custo equivalente á utilidade derivada deles.

No seo da comisión mixta de seguimento, a ANACA emitirá unha liquidación de gastos da encomenda, na cal se fará constar as solicitudes de avaliación de tramos de investigación recibidas e o importe que terá que pagar a Universidade de Santiago de Compostela.

Cada tramo corresponde cun sexenio de investigación. O custo da avaliación de cada tramo de investigación que se solicite avaliar será de 250 euros. Unha persoa solicitante poderá presentar unha solicitude para a avaliación dun máximo de seis tramos de investigación (seis sexenios).

O importe total estimado durante a vixencia desta encomenda estará entre un mínimo de 250 euros, atendendo ao custo de solicitude de avaliación dun tramo de investigación, e a un máximo de 150.000 euros, cunha previsión de avaliación de 120 solicitudes de tramos.

Os membros dos comités asesores percibirán asistencias con cargo ao capítulo 2 do orzamento da ANACA (sección 33 programa 322C artigo 23), sempre de conformidade co disposto nos artigos 27 e seguintes do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, e cos límites establecidos para o efecto polo Ministerio de Facenda na Resolución da Secretaría de Estado de Orzamentos e Gastos, do 11 de febreiro de 2025, ou as correspondentes autorizacións aprobadas para o efecto durante a vixencia desta encomenda.

Quinta. Solicitudes de avaliación

Os solicitantes de avaliación que fosen autorizados pola Universidade de Santiago de Compostela no marco da súa convocatoria utilizarán a plataforma electrónica proporcionada pola ANACA para remitir a documentación.

A ANACA non admitirá solicitudes presentadas na plataforma que non estean acompañadas da correspondente autorización previa da Universidade de Santiago de Compostela.

As persoas interesadas non poderán solicitar a avaliación de tramos que xa recibisen unha avaliación positiva da CNAAI por convenio con outra universidade.

Sexta. Titularidade da competencia

Esta encomenda de xestión non supón cesión de titularidade das competencias das partes, nin dos elementos substantivos do seu exercicio.

A Universidade de Santiago de Compostela ditará os actos ou resolucións que dean soporte ou nos cales se integre a avaliación que realizará a ANACA baixo esta encomenda.

Sétima. Protección de datos persoais

A Universidade de Santiago de Compostela, responsable do tratamento, poñerá ao dispor da ANACA os datos persoais das persoas solicitantes necesarios para facer posible a avaliación a que se refire este convenio. A ANACA, encargada do tratamento, comprométese a tratar os datos con esa única e exclusiva finalidade. Unha vez realizada a avaliación, a ANACA devolverá os datos proporcionados pola Universidade, xunto con cada informe de avaliación, e suprimirá as copias existentes a menos que se requira a conservación dos datos persoais en virtude do dereito da Unión Europea ou de España.

De acordo co previsto no artigo 6.1.e) do Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos, en diante RXPD), o tratamento dos datos referidos no parágrafo anterior é necesario para o cumprimento dunha misión realizada en interese público por parte da Universidade, a garantía da calidade establecida como fin esencial da política universitaria no artigo 5 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, e a valoración, entre outras, da actividade investigadora e actividade de transferencia e intercambio ou do coñecemento e innovación como conceptos avaliables para os efectos retributivos e de promoción, a que se refiren os artigos 11.6 e 76.2 da mesma Lei orgánica. A Universidade de Santiago de Compostela facilitará a cada persoa avaliada, no momento da recollida dos datos, a información prevista no artigo 13 do RXPD.

A ANACA non aplicará os datos nin os utilizará con fin distinto ao previsto neste convenio, nin os comunicará, nin sequera para a súa conservación, a outras persoas, exceptuando os avaliadores e avaliadoras encargados da avaliación. Así mesmo, comprométese a non realizar ningunha cesión dos devanditos datos e observará en todo momento, e en relación cos datos de carácter persoal que lle puideren ser entregados para a realización dos traballos de avaliación, o deber de confidencialidade e segredo profesional disposto no artigo 28.3.b) do RXPD, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no resto de normas aplicables a esta materia, de conformidade cos cales a ANACA garantirá que os seus avaliadores que poidan acceder aos devanditos datos se comprometan a respectar a devandita confidencialidade.

Non será posible realizar subcontratacións a terceiros do servizo que o encargado do tratamento presta ao responsable do tratamento.

A ANACA manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, co RXPD e resto de disposicións vixentes na materia. As medidas de seguridade implantadas na ANACA correspóndense coas previstas no anexo II (Medidas de seguridade) do Real decreto 311/2022, do 3 de maio, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade.

A ANACA notificaralle á Universidade de Santiago de Compostela, sen dilación indebida e a través da dirección de correo electrónico que esta lle indique, as violacións da seguridade dos datos persoais ao seu cargo das cales teña coñecemento, xunto con toda a información relevante para a documentación e comunicación da incidencia. Así mesmo, poñerá ao dispor da Universidade toda a información necesaria para demostrar o cumprimento das obrigas establecidas no artigo 28 do RXPD, así como para permitir e contribuír á realización de auditorías, incluídas inspeccións, por parte do responsable ou doutro auditor autorizado polo devandito responsable.

Sen prexuízo do disposto no artigo 82 do RXPD, se a ANACA infrinxe o presente documento e o disposto na dita norma ao determinar os fins e medios do tratamento, será considerado responsable do tratamento con respecto ao devandito tratamento.

Oitava. Extinción

Esta encomenda extinguirase polo cumprimento do seu obxecto ou por incorrer nalgunha causa de resolución.

Son causas de resolución:

a. O transcurso do seu prazo de vixencia sen acordarse a prórroga.

b. Por mutuo acordo dos asinantes.

c. Por circunstancias que fixesen imposible ou innecesaria a realización das actuacións obxecto deste convenio.

d. Polo incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes. Neste caso, as partes realizarán un aviso previo por 20 días para evitar, se iso fose posible, a extinción, e comunicaranllo á Comisión de Seguimento. Se transcorrido o prazo indicado no requirimento persistise o incumprimento, a parte que o dirixiu notificará ás partes asinantes a concorrencia da causa de resolución e entenderase resolto o convenio, o cal non comportará dereito a indemnización.

e. Por decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

f. Pola asunción pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) da avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado das universidades de Galicia.

g. A introdución de cambios de calado no sistema de avaliación da actividade investigadora que afectase a continuidade e non fixesen posible o mantemento da avaliación segundo o previsto na presente encomenda formalizada por convenio.

h. Calquera outra causa prevista no ordenamento xurídico.

Novena. Modificación

A presente encomenda poderá ser modificada por mutuo acordo dos asinantes na Comisión Mixta de Seguimento, por solicitude de calquera das partes.

Décima. Vixencia

Esta encomenda perfeccionarase pola prestación do consentimento das partes a través da súa sinatura e deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co artigo 11.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro. A tramitación desta publicación será realizada pola Universidade de Santiago de Compostela.

O convenio terá unha duración dun ano desde o 1 de xaneiro, e será de aplicación ás avaliacións que realice a ANACA no mesmo período da convocatoria correspondente da Secretaría Xeral de Universidades que estea en curso.

Logo da revisión da Comisión Mixta de Seguimento, o presente convenio poderá ser prorrogado expresamente por mutuo acordo das partes con antelación á súa data de expiración, por un período dun ano máis, para a seguinte convocatoria, mediante a subscrición da correspondente prórroga.

Décimo primeira. Comisión Mixta de Seguimento

O seguimento desta encomenda realizarase por unha comisión mixta, formada por ambas as partes, a través de dous representantes de cada unha delas, que serán designadas polos asinantes. Esta comisión resolverá as controversias que puidesen suscitarse sobre a interpretación e execución da encomenda, e o seu funcionamento rexerase polo disposto nos artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro. Así mesmo, coñecerá dos distintos aspectos referidos neste convenio.

Esta comisión de seguimento reunirase ao finalizar a súa vixencia para acordar a liquidación dos gastos que deban ser aboados pola Universidade de Santiago de Compostela á ANACA, de conformidade co sinalado na cláusula cuarta.

En defecto de acordo, as partes acordan someterse aos xulgados e aos tribunais da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Réxime xurídico

O presente convenio é unha encomenda de xestión das previstas no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e ten natureza administrativa.

Décimo terceira. Finalización de encomendas anteriores

A ANACA e a Universidade de Santiago de Compostela acordan resolver a encomenda subscrita por ambas as partes para a avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado da Universidade de Santiago de Compostela, con data do 11 de xaneiro de 2022, que por conseguinte se declara resolta e extinta.

E en proba de conformidade, ambas as partes subscriben esta encomenda, para un só efecto, no lugar e nas datas de sinatura electrónica, e tómase como data de formalización do presente documento a data do último asinante.

Pola Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, Pilar Paneque Salgado.