Ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, publícase como anexo a esta resolución o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xaneiro de 2026, polo que se aproba o proxecto industrial estratéxico dun centro de procesamento de datos promovido por Galicia Green Data Center, S.L., no concello de Curtis (A Coruña).
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026
Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xaneiro de 2026, polo que se aproba, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o proxecto industrial estratéxico dun centro de procesamento de datos promovido por Galicia Green Data Center, S.L., no concello de Curtis (A Coruña)
1. Aprobar, ao abeiro do establecido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, o proxecto industrial estratéxico dun centro de procesamento de datos promovido por Galicia Green Data Center, S.L., no concello de Curtis (A Coruña).
2. A aprobación do proxecto industrial estratéxico terá os efectos regulados no artigo 81 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.
De conformidade co previsto nos artigos 79.4.c) e 81.2 do texto refundido, as determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as administracións públicas e os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 79.4.d), os proxectos declarados estratéxicos non están suxeitos aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal.
Esta aprobación axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. De acordo co establecido no artigo 88 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico, e ata a súa posta en marcha, a persoa promotora do proxecto deberá remitir con carácter semestral á consellaría competente en materia de industria un informe do estado do proxecto, no cal deberá indicar o estado de execución das obras ou actuacións necesarias para a dita posta en marcha, así como a previsión da súa finalización. Este informe deberá ser remitido igualmente, de forma extraordinaria, para o caso de que durante as actuacións xurdiren incidencias salientables que fagan variar de modo significativo a data prevista das obras e actuacións e, polo tanto, a de inicio da actividade industrial obxecto do proxecto industrial estratéxico.
2. O prazo de execución será o indicado no cronograma achegado polo promotor e comezará a contar desde o momento en que se dispoña de todos os permisos necesarios para iniciar a execución.
3. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
4. A promotora deberá dar cumprimento a todos os informes emitidos durante a tramitación do proxecto.
5. De acordo co establecido no artigo 87 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, unha vez aprobado o proxecto industrial estratéxico polo Consello da Xunta, a persoa titular da consellería competente en materia de industria dará traslado do seu contido ao concello afectado, para o exercicio das competencias que procedan.
6. O acordo do Consello da Xunta de Galicia publicarase no Diario Oficial de Galicia, o que porá fin á vía administrativa, e contra el poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación deste acordo, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
