Con data do 20 de outubro de 2025, o Consello da Xunta na súa reunión semanal, que tivo lugar no concello ourensán de Celanova, aprobou o Acordo polo que se declaran determinadas zonas farmacéuticas como especiais, en atención ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias.
En colaboración cos catro colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas de Galicia e na procura de garantir unha prestación farmacéutica de calidade e próxima no conxunto do territorio, o Executivo galego acordou declarar 29 zonas farmacéuticas especiais, que contarán con apoios e medidas específicas dirixidas a preservar a calidade da atención farmacéutica da poboación destas zonas e a viabilidade das boticas rurais, asegurando o equilibrio territorial na prestación de servizos sanitarios. Esta declaración faise con base na facultade recoñecida ao Consello da Xunta no artigo 31 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia.
Segundo sinala o Acordo, este entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Así pois, unha vez que a aprobación da mencionada declaración de zonas farmacéuticas especiais foi formalizada polo Consello da Xunta no seu Acordo do día 20 de outubro de 2025, procede a súa publicación.
De conformidade co que antecede,
DISPOÑO:
Artigo único
Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo polo que se declaran determinadas zonas farmacéuticas como especiais, en atención ás súas características xeográficas, demográficas e sanitarias.
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
1. Análise de situación.
A poboación galega ten dereito a recibir unha asistencia sanitaria de calidade, así como a obter os medicamentos e produtos sanitarios que se consideren necesarios para promover, conservar ou restablecer a súa saúde, tal e como así recoñece o artigo 12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. Neste sentido, a prestación farmacéutica comprende, como dispón o artigo 54 da citada lei, «os medicamentos e produtos sanitarios e o conxunto de actuacións encamiñadas a que os e as pacientes os reciban de forma adecuada ás súas necesidades, nas doses precisas segundo os seus requirimentos individuais, durante o período de tempo apropiado e co menor custo posible para eles e a comunidade».
O acceso da poboación rural aos medicamentos é necesario para garantir un nivel de atención sanitaria similar á dos núcleos urbanos, sendo este un dos puntos clave para o mantemento e consolidación da poboación no medio rural. Non entanto, as características xeográficas e a dispersión poboacional propias de Galicia, así como a evolución das características sociodemográficas dos últimos anos, poden orixinar situacións de especial vulnerabilidade en certas zonas farmacéuticas, nas cales a viabilidade económica das oficinas de farmacia e/ou boticas anexas estase a ver ameazada polo envellecemento da poboación á cal atenden e a súa progresiva diminución.
O sostemento do sistema de gardas no ámbito rural é outro punto a ter en conta. O Decreto 228/2022, do 29 de decembro, de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, establece os criterios para a organización do servizo de garda. A aplicación dos criterios en determinadas zonas farmacéuticas con especial dificultade de comunicación ou distancia respecto a outras oficinas de farmacia no ámbito rural pode dar lugar a situacións de sobrecarga ou penosidade derivadas da súa aplicación, pola imposibilidade de establecer un sistema de quendas que permita o adecuado descanso e/ou conciliación familiar das persoas titulares desas oficinas de farmacia.
2. Marco normativo.
2.1. O artigo 54.2 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, declara que a Administración sanitaria da Xunta de Galicia garantirá a prescrición e dispensación de medicamentos no Sistema público de saúde de Galicia nos termos previstos na lexislación vixente.
Pola súa banda, o seu artigo 67 regula a ordenación territorial deste Sistema público de saúde de Galicia, determinando que as áreas sanitarias, os distritos sanitarios e as zonas sanitarias virán determinados por criterios de carácter funcional, considerando as condicións xeográficas, demográficas e de accesibilidade (entre outras), conforme as necesidades da poboación e as directrices de ordenación establecidas pola Xunta de Galicia. Asemade, e en atención á singularidade dunha zona xeográfica, así como a factores sociosanitarios, demográficos, laborais, ás vías de comunicación e a outros que concorran nunha determinada poboación e considerando as necesidades existentes, poderán establecerse outras divisións territoriais adicionais para a atención sanitaria da poboación afectada.
Son tamén algúns destes criterios os que a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, permite tomar en consideración para a mellor organización da prestación farmacéutica, a cal se atopa intimamente vinculada á asistencia sanitaria da poboación. Corresponde pois á Xunta de Galicia garantir, dentro do seu ámbito territorial, unha atención farmacéutica continuada, integral, en condicións de equidade e coa calidade adecuada para permitir facer efectivo o dereito da cidadanía á protección da saúde previsto no artigo 43 da Constitución española.
2.2. A Lei 3/2019, do 2 de xullo, ten por obxecto regular a atención farmacéutica, entendida como un servizo de interese público que comprende un conxunto de actuacións que deben prestarse en todos os niveis do noso sistema sanitario, dirixidas a garantir á cidadanía o acceso rápido, eficaz, oportuno, equitativo e racional aos medicamentos e produtos sanitarios que precise. O título II da citada lei, que regula a atención farmacéutica no nivel da atención primaria, establece a zona farmacéutica como base da planificación e ordenación territorial das oficinas de farmacia, en correspondencia coas demarcacións municipais en que se ordena o territorio galego, e clasifica no seu artigo 31 as zonas farmacéuticas en urbanas, semiurbanas e rurais, en función do número de habitantes de que dispoñan, e deste xeito a lei establece os módulos poboacionais necesarios para o cálculo de oficinas de farmacia que corresponden a cada zona.
Asemade, os criterios de planificación farmacéutica concretaranse nun mapa farmacéutico, que será aprobado polo Consello da Xunta e poderá ser revisado cando se produzan cambios nas necesidades de atención farmacéutica nunha ou varias zonas.
O artigo 31 da mesma lei, no seu número 2, recolle que «co obxecto de garantir as necesidades de atención farmacéutica que se requiran, tendo en conta as diferentes características xeográficas, demográficas, turísticas e sanitarias, o Consello da Xunta poderá acordar a declaración de determinadas zonas farmacéuticas como especiais».
3. Características singulares a ter en conta para a declaración de zona farmacéutica especial.
Atendendo á situación descrita e de conformidade coa normativa exposta, as particulares características que poden determinar a consideración dunha zona farmacéutica como especial serán as seguintes:
3.1. Características xeográficas e/ou demográficas:
Atenderase ás características de dispersión da poboación ou dos núcleos de poboación en que estean instaladas as oficinas de farmacia, illamento ou difícil accesibilidade, con especial fincapé nos concellos de alta montaña, a determinados núcleos especialmente illados ou a aqueles en que a porcentaxe de poboación sexa moi baixa e/ou a poboación estea moi dispersa.
Asemade, atenderase tamén ás características demográficas de envellecemento da poboación, e á posibilidade de cobertura da prestación farmacéutica en determinados núcleos que contan con dispositivos de atención sanitaria, na mesma localidade onde se presta a atención médica.
3.2. Características sanitarias:
En relación co anterior cómpre ter en conta as «Zonas sanitarias especiais» (ZEU) definidas na Resolución conxunta do 15 de febreiro de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais e das Divisións de Recursos Humanos e de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a cal veu a regular a consideración de ZEU: «con fundamento nas súas peculiares características socioeconómicas e orográficas, consideraranse zonas especiais para os efectos da organización da atención continuada os concellos que se indican a seguir: A Gudiña, A Mezquita, O Bolo, A Veiga, Navia de Suarna, Cervantes, Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro». «A consideración de zonas especiais destes territorios implicará que nestes ámbitos se poderá organizar a atención continuada mediante modalidades organizativas que non impliquen a presencia física dos profesionais»
As intervencións no modelo organizativo de prestación de servizos sanitarios para garantir a accesibilidade aos servizos de saúde da poboación de referencia destas zonas especiais, deberá ser tido en conta tamén no que respecta á atención farmacéutica.
Táboa 1: Zonas especiais de urxencias, poboación segundo datos do INE de 2024:
|
Provincia |
PAC/ZEU |
Zonas especiais de urxencias |
Poboación |
Superficie km² |
Densidade poboacional |
OF |
|
Lugo |
Becerreá |
Pedrafita do Cebreiro |
898 hab. |
104,9 km² |
8,56 |
1/1 |
|
Navia de Suarna |
979 hab. |
242,6 km² |
4,03 |
1/1 |
||
|
Cervantes |
1.187 hab. |
277,6 km² |
4,27 |
1/1 |
||
|
Quiroga |
Folgoso do Courel |
978 hab. |
192,8 km² |
5,07 |
1/1* |
|
|
Ourense |
A Veiga - O Bolo |
A Veiga |
887 hab. |
290,5 km² |
3,05 |
1/1 |
|
O Bolo |
792 hab. |
91,2 km² |
8,68 |
1/1 |
||
|
A Gudiña - A Mezquita |
A Gudiña |
1.186 hab. |
171,4 km² |
6,91 |
1/1 |
|
|
A Mezquita |
1.006 hab. |
104,3 km² |
9,64 |
1/1 |
*Botica anexa
4. Criterios.
Sen prexuízo do establecemento de novos criterios derivados da evolución nas características e das necesidades poboacionais, os criterios para definir unha zona farmacéutica especial (ZFE) son:
4.1. Zona farmacéutica cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 que dispoña dunha única oficina de farmacia.
4.2. Zona farmacéutica en que todas as oficinas de farmacia se atopen en situación de viabilidade económica comprometida (VEC).
4.3. Zona farmacéutica en que, superando o número de oficinas de farmacia establecido polo módulo poboacional, sexa necesario o seu mantemento polas singulares características dese territorio ou núcleo poboacional.
4.4. Zona farmacéutica rural en que, en aplicación dos criterios sobre establecemento de gardas contidos no Decreto 228/2022, do 29 de decembro, non resulte posible a rotación de quendas.
O cumprimento dalgún dos anteriores criterios será necesario para que proceda a declaración dunha zona farmacéutica especial (ZFE).
5. Accións dirixidas a facilitar o mantemento da atención farmacéutica nas zonas farmacéuticas especiais.
A consideración de zona farmacéutica especial (ZFE) permitirá prestar ás oficinas de farmacia das zonas declaradas como tales, determinados apoios e/ou recursos, autorizar condicións especiais no establecemento de quendas de garda ou desenvolver, por parte da Administración, actuacións especiais, co obxecto de preservar a calidade óptima da prestación farmacéutica en todo o territorio e garantir que toda a cidadanía galega teña unha atención farmacéutica próxima, asegurando o equilibrio territorial na prestación de servizos sanitarios.
Estas accións concrétanse nas seguintes:
• O establecemento do servizo da atención farmacéutica entre unha oficina de farmacia e a súa botica anexa consideradas como unha unidade funcional, que permitirá unha repartición do horario entre ambas, cumprindo coa normativa vixente, sempre e cando se garanta unha adecuada atención farmacéutica na zona.
• A posibilidade de apreciar a excepcionalidade recollida no artigo 10.2 do Decreto 228/2022, do 29 de decembro, de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, mediante o establecemento de condicións especiais de distancia e tempo de acceso á oficina de farmacia durante a prestación do servizo de garda, sempre que quede acreditada a cobertura das necesidades asistenciais da poboación.
• O desenvolvemento dunha orde de axudas que apoien a viabilidade económica do mantemento do servizo de atención farmacéutica nas zonas máis illadas e dispersas xeograficamente.
• A inclusión de novos criterios de puntuación no baremo de méritos dos concursos de traslados e nova adxudicación, que valoren o exercicio profesional prestado como farmacéutico/a nas oficinas de farmacia ou boticas anexas instaladas en zonas farmacéuticas especiais.
• A posibilidade de adoptar medidas especiais en relación coa prestación farmacéutica nas residencias sociosanitarias, de menos de 100 usuarios, situadas en zonas farmacéuticas especiais.
Á vista do anterior, por proposta da Consellería de Sanidade, logo de audiencia aos colexios oficiais de farmacéuticos/as de Galicia, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de outubro de 2025
ACORDA:
Primeiro. Declarar como zonas farmacéuticas especiais as que figuran no anexo I deste acordo, distribuídas xeograficamente segundo se detalla nos anexos II e III.
Segundo. Habilitar a persoa titular da Consellería competente en materia de Sanidade, logo de audiencia aos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas de Galicia, para actualizar a relación de zonas farmacéuticas especiais declaradas como tal por este acordo, en función da variación no cumprimento dos criterios definidos no seu número 4.
Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025
ANEXO I
Relación de zonas farmacéuticas especias
1. Baleira
2. Baltar.
3. Bolo, O
4. Calvos de Randín.
5. Carballeda de Valdeorras.
6. Castrelo do Val.
7. Cervantes.
8. Chandrexa de Queixa.
9. Folgoso do Courel.
10. Gudiña, A.
11. Larouco.
12. Laza.
13. Manzaneda.
14. Mezquita, A.
15. Montederramo.
16. Muras.
17. Navia de Suarna.
18. Negueira de Muñiz.
19. Nogais, As.
20. Ourol.
21. Parada de Sil.
22. Pedrafita do Cebreiro.
23. Peroxa, A.
24. Ribeira de Piquín.
25. Samos.
26. San Xoán de Río.
27. Teixeira, A.
28. Veiga, A .
29. Vilariño de Conso.

