BDNS (Identif.): 886835.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/886835
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios desta subvención os concellos de Galicia, de forma individual.
Segundo. Obxecto e período subvencionable
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública para o ano 2026 da concesión de axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (Programa Galicia Refuxio Climático) así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), para o ano 2026 (código de procedemento MT975Y).
A súa finalidade é colaborar cos concellos galegos para fomentar actividades que contribúan ao impulso da infraestrutura verde e a conectividade dos espazos verdes, para incrementar a biodiversidade, mellorar a súa conservación, a adaptación ao cambio climático, a mellora da calidade ambiental e a creación de espazos saudables. Ademais, tamén está dirixida a ofrecer recursos con que levar a cabo actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. O período subvencionable será, co carácter xeral, o comprendido entre o día de publicación da presente convocatoria no DOG e o 20 de novembro de 2026, ambos inclusive.
Terceiro. Proxectos subvencionables
1. Serán subvencionables os proxectos que se inclúan nas seguintes actuacións:
Liña 1. Axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (Programa Galicia Refuxio Climático).
Serán subvencionables os proxectos que integren as seguintes actuacións:
Proxectos tipo A. Intervencións en espazos públicos orientados a atenuar o efecto illa de calor urbana:
a) Sombreado natural de rúas e prazas con especial preferencia de utilización de especies autóctonas.
b) Redución de impermeabilidade do solo.
c) Creación de microclimas con láminas de auga.
Proxectos tipo B. Incremento da biodiversidade urbana e aumento de zonas verdes urbanas:
a) Implantación de xardíns verticais.
b) Cubertas verdes en infraestrutura urbana.
c) Restauración e rehabilitación de zonas húmidas.
d) Mellora da conectividade natural entre o medio urbano e periurbano.
Liña 2. Axudas a entidades locais de Galicia para actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos).
Aquelas que impliquen un impulso para a creación de refuxios climáticos como ferramenta de adaptación ao cambio climático da biodiversidade:
Proxectos tipo A. Desenvolvemento de estudos técnicos orientados á identificación efectiva de refuxios climáticos de retención ou de desprazamento/acollida.
Estes estudos deberán complementarse con medidas concretas de adaptación nos refuxios identificados (por exemplo, actuacións de mellora da súa capacidade de retención, traballos técnicos para o reforzo da protección legal dos refuxios, etc.).
Proxectos tipo B. Desenvolvemento de estudos técnicos orientados á identificación de corredores ecolóxicos que reforcen o papel dos refuxios identificados. Estes estudos deberán complementarse con medidas concretas de adaptación.
Para esta actuación será necesario presentar o estudo previo de identificación do espazo como refuxio climático.
Proxectos tipo C. Traballos orientados á mellora da funcionalidade de refuxios climáticos identificados, incluíndo, de ser o caso, a restauración de zonas degradas potencialmente valiosas para ese fin.
Para esta actuación será necesario presentar o estudo previo de identificación do espazo como refuxio climático.
2. Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.
3. Só se poderán presentar solicitudes para un máximo de tres proxectos: dous proxectos incluídos na liña 1 e un proxecto dos incluídos na liña 2.
Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 3 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da segunda convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos (Programa Galicia Refuxio Climático) así como a actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (código de procedemento MT975Y).
Quinto. Financiamento e contía das axudas
As subvencións financiaranse cun crédito total de 1.660.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.541E.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
O importe máximo da liña 2, destinada a axudas a entidades locais de Galicia para actuacións de identificación e adecuación de refuxios climáticos para a biodiversidade (Programa PIMA Adapta Refuxios Climáticos), é de 339.641 euros.
O importe máximo da subvención será do 80 % do investimento subvencionable aceptado para cada proxecto, co límite máximo de 60.000 euros por proxecto, ata o esgotamento de cada un dos correspondentes créditos consignados.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, que contará a partir das 12.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Este prazo rematará ás 20.00 horas do derradeiro día establecido para a achega das solicitudes.
Sétimo. Outros datos
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Y).
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
