DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 18 de febreiro de 2026 Páx. 13463

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

DECRETO 6/2026, do 16 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.un da Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, prevé que, durante o ano 2026, só se poderá proceder, no sector público delimitado no artigo 11 e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica aplicable e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

O artigo 20.un.1 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, establece que a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, a excepción dos órganos recollidos no punto un.e) do artigo 19, se levará a cabo a través da oferta de emprego público. O artigo 20.dous.1 desta lei establece que a oferta de emprego público se articulará a través da taxa de reposición do 120 por cento nos sectores prioritarios.

A alínea a) do artigo 20.dous.3 da mesma Lei 31/2022, do 23 de decembro, considera sectores prioritarios, para os efectos da taxa de reposición, as administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de persoal funcionario docente.

No proceso selectivo convocado pola Orde do 14 de febreiro de 2025, que se correspondía coa oferta de emprego público docente publicada no Decreto 10/2025, do 10 de febreiro, o número de prazas da quenda de reserva para persoas con discapacidade que foron cubertas non acadou a porcentaxe mínima do 3 % do total de prazas convocadas.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que, se as prazas cubertas da quenda de reserva para persoas con discapacidade non chegan ao tres por cento do total, as prazas non cubertas do número total das reservadas acumularanse á porcentaxe do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

Así mesmo, nesta oferta de emprego acumularanse 86 prazas máis pola quenda de reserva para persoas con discapacidade, co obxecto de dar cumprimento ao Auto 237/2025, do 24 de xullo de 2025, da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, emitido con ocasión da peza incidente en fase de execución 12/2024, dimanante do procedemento ordinario 128/2022.

Por todo o anterior, tendo en conta a planificación educativa e a taxa de reposición a que se fixo referencia anteriormente, as prazas da quenda de reserva para persoas con discapacidade non cubertas no anterior proceso selectivo e o auto mencionado do TSXG, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes para o ano 2026

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público para o ano 2026

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición de efectivos é de 1.251.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición distribuída por corpos

a) Corpo de mestres: 430 prazas.

b) Corpo de profesores de ensino secundario: 770 prazas.

c) Corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional: 51 prazas.

Artigo 4. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 193 prazas.

Artigo 5. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do sete por cento do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento. A reserva realizarase de maneira que, polo menos, o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e o resto das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

A reserva farase sobre o número total das prazas incluídas na respectiva oferta de emprego público e a distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva para persoas con discapacidade superase a proba e non obtivese praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluído ou incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 6. Acumulación de prazas da quenda de reserva para persoas con discapacidade correspondentes á convocatoria anterior

Debido a que o número de prazas cubertas da quenda de reserva para persoas con discapacidade no anterior proceso selectivo do ano 2025 non chegou ao tres por cento do total, resulta necesario acumular ao sete por cento desta convocatoria 71 prazas da quenda de reserva para persoas con discapacidade non cubertas da anterior oferta do ano 2025, para chegar deste xeito ao máximo do doce por cento de reserva de persoas con discapacidade da oferta do ano 2026.

Artigo 7. Acumulación de prazas da quenda de reserva para persoas con discapacidade correspondentes á execución do auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Para dar cumprimento ao Auto 237/2025, do 24 de xullo de 2025, da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, emitido con ocasión da peza incidente en fase de execución 12/2024, dimanante do procedemento ordinario 128/2022, convócanse adicionalmente 86 prazas pola quenda de reserva para persoas con discapacidade.

Artigo 8. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 9. Acumulación das prazas

1. Se as prazas reservadas e que foron cubertas polas persoas con discapacidade non acadan a porcentaxe do tres por cento das prazas convocadas, as prazas non cubertas do número total das reservadas para persoas con discapacidade acumularanse á porcentaxe do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento.

2. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes nos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso.

Artigo 10. Non superación do número máximo de prazas convocadas

Os tribunais de selección non poderán declarar que superou as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lle sexan asignadas. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, se é o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou as fases de oposición e concurso polo sistema de ingreso un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á taxa de reposición.

Artigo 11. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional poderá, ademais, convocar o procedemento para que o persoal funcionario docente de carreira que dependa directamente dela poida obter unha nova especialidade dentro do corpo a que pertence.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional