Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Cumieira e Violante, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Lobios, no concello de Porqueira, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 4 de xuño de 2025, a CMVMC de Lobios presentou unha solicitude (Rexel número 2025/1588210) de revisión de esbozo do MVMC Cumieira e Violante, no concello de Porqueira.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 4 de abril de 2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de xuño de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión inclúe a totalidade das estremas con particulares.
Porén, o dito perímetro comprende dúas zonas que se encontran claramente fóra do contorno do monte, mesmo unha delas constitúe un novo couto redondo diferenciado do inicial e unicamente clasificado. Trátase de terreos situados no lugar coñecido coma Vao do Regueiral, que o plano da clasificación orixinal sitúa fóra do perímetro clasificado, e que resulta estremeiro co río Limia; río este que, no caso de chegarse a regularizar (por vía da revisión de esbozo) a situación deses terreos, pasaría a ser fronteira natural do monte polo seu vento N, cando non existe referencia ningunha polo mesmo no acordo de clasificación, o cal se cingue ás zonas altas das ladeiras que verten ao Limia no contorno dos altos ou lugares coñecidos coma Penedo do Cuco e Romeu.
O Xurado Provincial, tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes, aprobou a solicitude de revisión de esbozo. Non obstante, considera que as dúas zonas mencionadas no parágrafo anterior deben quedar fora da revisión, ao considerarse que sería máis adecuado neste caso solicitar unha ampliación da clasificación.
Tendo en conta o anterior, a superficie do MVMC Cumieira e Violante, unha vez revisado o esbozo, sería de 42,69 ha fronte ás 46 ha do acordo de clasificación.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúna as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o Informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de xuño de 2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 1 de decembro de 2025, aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Cumieira e Violante, pertencente á CMVMC de Lobios, no concello de Porqueira.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989; nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 20 de xaneiro de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
