Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Penamá de Seoane, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da Parroquia de Seoane, no concello de Allariz, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 4 de xullo de 2025, a CMVMC da Parroquia de Seoane presentou unha solicitude (Rexel número 2025/1904724) de revisión de esbozo do MVMC Penamá de Seoane, no concello de Allariz.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 18.5.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 29 de xullo de 2025 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión comprende as partes lindeiras con particulares.
A superficie do MVMC Penamá de Seoane, unha vez revisado o esbozo, sería de 127,68 ha fronte ás 178 ha do acordo de clasificación.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Penamá de Seoane.
Consideracións legais e técnicas;
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de xullo de 2025, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en man común acordou por unanimidade, o día 1 de decembro de 2025, aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Penamá de Seoane, pertencente á CMVMC da Parroquia de Seoane, no concello de Allariz.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 20 de xaneiro de 2026.
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
