DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 19 de febreiro de 2026 Páx. 14113

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Rois

ANUNCIO de corrección de erro material no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) no núcleo de Sorribas.

1. A memoria xustificativa do PXOM de Rois, epígrafe 3.3.5 Sistema xeral de equipamentos de cemiterios, inclúe o Cemiterio parroquial de Sorribas cunha superficie de 600 m2 e no plano de ordenación C-9 de Clasificación do solo e sistema xeral viario no cal se reflicte que o núcleo rural de Sorribas aparece un ámbito delimitado como de espazos libres, zonas verdes e equipamentos existentes, divididos en dúas metades polo camiño público de acceso ao lugar. A metade norte, do ámbito corresponde ao conxunto do igrexario e o cemiterio parroquial, e a metade sur, á localización do Vía Crucis ou Calvario de Sorribas, que se identifica como elemento catalogado CR-069 Vía Crucis de Sorribas no propio PXOM.

2. Unha simple contrastación visual do plano de ordenación C-9 coa realidade física revela a existencia de erros gráficos na delimitación do devandito ámbito de equipamento, erros que confirma o informe técnico elaborado polo arquitecto Ignacio Piñeiro de la Torre e que con toda probabilidade teñen a súa orixe nas dimensións da escala na cal se elaboraron os planos de ordenación do PXOM.

En resumo, resulta que na metade norte do equipamento do que falamos se deixou fóra do seu ámbito unha parte do cemiterio parroquial, polo que é preciso corrixir a delimitación ampliándoa á totalidade do predio do conxunto do igrexario, identificado coa referencia catastral nº 15075A134000290000IU.

E na metade sur do ámbito incorreuse noutro erro, xa que se o elemento que xustifica alí a existencia do equipamento dotacional é o Vía Crucis ou Calvario, que corre en sentido lineal ao longo do camiño existente, por unha parte é ilóxico incluír no ámbito os predios privados situados polo leste no cal se sitúan varias vivendas, así como os terreos situados máis alá delas; e, por outra parte, tampouco é comprensible que se deixase fóra do ámbito o treito final do Calvario. Xa que logo, a corrección do erro nesta parte sur do ámbito consiste en axustar o solo dotacional á franxa de terreo público pola cal discorre o Vía Crucis e incluír na zona dotacional o espazo ocupado polo treito final do Calvario.

A corrección dos erros sinalados no significa diminución da superficie do ámbito dotacional que permanece idéntica, isto é, con 12.143 m2. O ámbito do núcleo rural permanece invariable na metade sur do equipamento dotacional e resulta ampliado sobre a totalidade do predio do conxunto o igrexario e o cemiterio parroquial na metade norte. Por outra parte, a integridade do elemento cultural non resulta afectada porque os terreos adxacentes situados na área de protección deben obter a autorización que prevé a normativa sectorial aplicable.

3. O artigo 105.2 da LAP dispón que as administracións públicas poden rectificar en calquera momento, de oficio ou por solicitude das persoas interesadas, os erros materiais de feito ou aritméticos existentes nos seus actos e a doutrina xurisprudencial delimita o concepto de erro material como aquela equivocación que sexa patente e manifesta, elemental e perceptible sen necesidade de interpretacións xurídicas máis ou menos elaboradas. Tamén valora que non signifique unha alteración substancial do acto especialmente en prexuízo de terceiras persoas, requisitos que ao noso xuízo concorren todos eles neste caso.

Pero aínda que a resolución da discordancia entre os textos e o plano do PXOM precisase dunha interpretación xurídica propiamente dita, o criterio establecido no artigo 6 da Lei 2/2016, do 9 de febreiro, do solo de Galicia, dispón que as dúbidas de interpretación do planeamento por imprecisións ou contradicións entre documentos do mesmo rango normativo se resolverán aplicando o principio de interpretación integrada das normas, que conduce á solución proposta no informe de Piñeiro de la Torre.

CONCLUSIÓN:

Polo exposto, concluímos:

Primeiro. Que existe unha discrepancia tocante á delimitación do equipamento relixioso e de cemiterios existente no núcleo rural de Sorribas entre a realidade física, a memoria xustificativa, o Catálogo e o plano de ordenación C-9 no cal se recolle o citado núcleo rural.

Segundo. Que esa discrepancia constitúe un erro material porque prevalece o contido da Memoria xustificativa, o Catálogo e a realidade física sobre o plano de ordenación C-9 que se debe corrixir graficamente de conformidade co disposto no plano 02 do informe técnico do arquitecto Piñeiro de la Torre do 11 de decembro de 2025.

O pleno do Concello de Rois, na sesión ordinaria que tivo lugar o 9 de xaneiro de 2026, adoptou entre outros o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar a corrección dos erros materiais descritos nos documentos técnico e xurídico incorporados ao expediente referente á delimitación do equipamento relixioso e de cemiterio parroquial de Sorribas identificado como elemento C-63 do Catálogo do Plan xeral de ordenación municipal para axustar a grafía do plano de ordenación C-9 ao contido da Memoria xustificativa e Catálogo do PXOM e á realidade física.

Segundo. Notificarlle este acordo á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Terceiro. Publicar este acordo no Boletín Oficial da provincia da Coruña e no Diario Oficial de Galicia.

Rois, 12 de febreiro de 2026

Ramón Tojo Lens
Alcalde