DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 23 de febreiro de 2026 Páx. 14692

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de febreiro de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se publica a resolución de clasificación como veciñal en man común do monte Cornes para a ampliación do monte veciñal en man común de Aido, Cornes e Pontenova, no concello de Rois.

Na sesión que tivo lugar o día 17 de decembro de 2025 polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña figura o seguinte acordo:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 18 de novembro de 2022, a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común (CMVMC) da Pena, do concello de Rois, presentou unha solicitude de clasificación como monte veciñal en man común do monte denominado Cornes. Xunto coa solicitude achegouse a documentación necesaria para a tramitación do expediente.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, na sesión do día 20 de xuño de 2024, de conformidade coa Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento do 4 de setembro de 1992, acordou iniciar o expediente para a clasificación do monte denominado Cornes do concello de Rois, asignándolle o número de expediente 433.

A descrición do monte é a seguinte:

• Monte: Cornes.

• Parroquia: Rois.

• Concello: Rois.

• Superficie solicitada: 30,022 ha.

Lindes:

• Norte: MVMC de Sorribas, predios particulares (29) e pista forestal.

• Sur: muros e predios particulares (50).

• Leste: predios particulares (47) e pista forestal.

• Oeste: MVMC da Pena na súa totalidade.

A delimitación do monte afecta totalmente a seguinte referencia catastral 15075A130021730000IG, de 30,022 ha.

Terceiro. O 14 de xullo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 133 o edicto do Xurado relativo ao inicio do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Cornes, do concello de Rois.

Cuarto. O 15.12.2025, o instrutor do expediente formulou a proposta de resolución favorable.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer este expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co contido do artigo 11 da devandita lei e co artigo 19 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común da Pena é parte lexítima para solicitar a iniciación deste expediente de clasificación.

Terceiro. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características:

a) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas.

b) Que o veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros da agrupación na súa condición de veciños comuneiros.

c) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a cal se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigos 1, 2 e 3 do seu regulamento).

É pois, un elemento determinante para a clasificación dun monte como veciñal en man común que o Xurado teña elementos probatorios suficientes no expediente para determinar se o monte que se pretende clasificar é aproveitado en común, sen cotas, polos veciños que o solicitan, e que estes o realicen pola súa condición de veciños comuneiros integrantes do grupo social, non como entidades administrativas, e isto á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais que se puidesen formular no procedemento, que deberán dirimirse ante a xurisdición ordinaria, segundo o disposto no artigo 10.2 da Lei 55/1980, do 11 de novembro, de montes veciñais en man común.

Cuarto. No expediente consta documentación histórica e administrativa que acredita a existencia do monte, así como a titularidade e o seu uso por parte do común de veciños, e xustifica a súa clasificación como monte veciñal en man común.

En consecuencia co que antecede, unha vez examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común; o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro; o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e a demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, na súa sesión do 17 de decembro de 2025, por unanimidade dos seus membros,

ACORDOU:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Cornes para a ampliación do monte veciñal en man común Aido, Cornes e Pontenova, no concello de Rois, cos lindeiros, superficie, características e planimetría descritas e que constan no expediente, por reunir o devandito monte as características sinaladas no fundamento de dereito terceiro, ao resultar acreditado que o devandito monte está aproveitado polos veciños e polas veciñas das parroquias solicitantes como grupo social e en réxime de comunidade de tipo xermánico.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta publicación, de conformidade co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 2 de febreiro de 2026

María Nieves Mancebo Santamaría
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

ANEXO

missing image file