Mediante a Resolución do 9 de xaneiro de 2026 (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro), reguláronse e convocáronse as subvencións correspondentes ao programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior para o ano 2026.
No artigo 7 da devandita resolución establécese un prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 23 de febreiro.
As especiais circunstancias socio-políticas e económicas concorrentes actualmente nos países onde residen a maioría das persoas da colectividade galega no exterior están provocando grandes dificultades a esas persoas para poder reunir a documentación necesaria e para a súa presentación.
O artigo 4.2 da resolución establece a non realización dos obradoiros que non alcancen un número mínimo de oito solicitudes.
Así, a falta de poucos días para o remate do prazo de presentación de solicitudes, o número de solicitudes presentadas que cumpren os requisitos é insuficiente para poder levar a cabo o programa.
Xa que logo, tendo en conta esas circunstancias resulta aconsellable ampliar o prazo de presentación de solicitudes, o cal non prexudica dereitos de terceiras persoas.
Con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), prevé a posibilidade de que a Administración poida conceder unha ampliación dos prazos establecidos se as circunstancias o aconsellan e con iso non se prexudica dereitos de terceiras persoas, por un período que non exceda a metade dos ditos prazos. Os acordos sobre ampliación non serán susceptibles de recurso.
Por todo o cal, de conformidade co disposto no artigo 32 da LPACAP e o resto da normativa aplicable,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes
Ampliar o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 7 da Resolución do 9 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Escolas Abertas para entidades galegas do exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2026, ata o 10 de marzo de 2026, inclusive.
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
