DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 24 de febreiro de 2026 Páx. 14796

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo adoptado no seo da Comisión de Seguimento do nomeamento estatutario eventual de continuidade.

Na Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na súa sesión do 15 de xaneiro de 2019, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, UGT, CSIF e SATSE asinaron un acordo sobre a formalización de nomeamentos de persoal estatutario eventual na modalidade de nomeamentos de continuidade, que foi publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 24 de xaneiro de 2019 (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro).

O punto décimo das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade prevé a creación dunha comisión paritaria de seguimento do acordo, integrada por representantes da Administración sanitaria e das organizacións sindicais asinantes.

No seo da Comisión de Seguimento, na sesión que tivo lugar o 11 de novembro de 2025, adoptouse o acordo que para xeral coñecemento se recolle como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

1. Ámbito funcional dos nomeamentos de continuidade nas categorías de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e celador/a.

O nomeamento estatutario eventual de continuidade previsto no acordo nace para ser aplicado ao persoal das categorías de médico/a de familia de atención primaria e pediatra de atención primaria. A utilización do nomeamento evidenciou a utilidade deste nomeamento mesmo para outras categorías estatutarias. Mediante a Resolución do 23 de novembro de 2020 estendeuse a aplicación deste nomeamento á categoría de enfermeiro/a.

Ao abeiro da habilitación recollida no punto segundo das bases do nomeamento estatutario eventual de continuidade (DOG núm. 22, do 31 de xaneiro), acórdase estender a aplicación deste nomeamento ás categorías de técnico/a de coidados auxiliares de enfermaría e celador/a. As condicións serán as mesmas que as establecidas para a categoría de enfermeiro/a.