O procedemento de aprobación dos proxectos de interese autonómico para planificar e proxectar actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública regúlase na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOT), coas especialidades recollidas nos artigos 62 e seguintes da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
O artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, prevé a aplicación ao dito procedemento da tramitación de urxencia, o que suporá a redución á metade dos prazos establecidos para os procedementos ordinarios, salvo os relativos á presentación de solicitudes, recursos e, en xeral, aqueles prazos taxados por normativa estatal básica que non poidan ser obxecto de redución.
De acordo co establecido no artigo 55.5 da LOT, en relación co artigo 64 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, a consellería tramitadora do instrumento de ordenación do territorio realizará a súa aprobación inicial e someterao a información publica durante o prazo de 15 días naturais, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia correspondente e no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia. A documentación sometida a información pública abranguerá todos os documentos integrantes do expediente tramitado.
En atención ao exposto e para os efectos previstos no artigo 55.5 da LOT, sométense a información pública, durante o prazo de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os documentos integrantes do expediente relativo á aprobación inicial do proxecto de interese autonómico para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Vigo (sub 405 ofimático).
Durante o prazo referido, calquera persoa poderá examinar a devandita documentación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia (https://transparencia.xunta.gal/procedementos-de-informacion-publica) e na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (https://igvs.xunta.gal/gl/areas/solo-residencial) e presentar ante o dito organismo as alegacións, os documentos e as xustificacións que considere pertinentes.
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO
Memoria resumo
Promotor: Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Localización: Concello de Vigo.
Ámbito do proxecto: ámbito identificado como sub 405 ofimático, Vigo.
Obxecto: creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Vigo.
Descrición: o proxecto de interese autonómico ten por obxecto a creación de solo residencial destinado maioritariamente a vivenda protexida, con capacidade estimada para unhas 2.000 vivendas, das cales practicamente todas serán protexidas, e incorporaranse, ademais, usos terciarios e de equipamento.
O ámbito de actuación abrangue aproximadamente 21 hectáreas e está situado no extremo suroeste da parroquia de Santa Cristina de Lavadores, localizada na zona nordeste do centro da cidade, que conforma unha das áreas de expansión da cidade cara ao sur.
