DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15621

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 24 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (códigos de procedemento VI426F e VI426H), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa para o ano 2026, con financiamento plurianual.

BDNS (Identif.): 889650.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/889650

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto:

a) Establecer as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (en diante, o Programa), que se tramitarán cos códigos de procedemento VI426F e VI426H.

b) Establecer o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento, tanto a través de axentes inmobiliarios como a través dos concellos colaboradores.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026, con carácter plurianual.

Segundo. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Resolución do 3 de xullo de 2025, pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual.

Así mesmo, será de aplicación o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como nas demais normas de noso ordenamento xurídico que sexan de aplicación.

Terceiro. Axudas do Programa

O Programa establece as seguintes axudas:

a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar.

b) Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda.

c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para a adecuación e a reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a persoas menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse das axudas do Programa:

a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.

b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.

Quinto. Crédito orzamentario

1. As axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar faranse efectivas con cargo as seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

– Cando se contrate por unha persoa física: 11.81.451A.480.3, por un importe total de 1.000.000,00 de euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 200.000,00 euros para a anualidade 2026; 200.000,00 euros para a anualidade 2027; 200.000,00 euros para a anualidade 2028; 200.000,00 euros para a anualidade 2029 e 200.000,00 euros para a anualidade 2030.

– Cando se contrate por unha persoa xurídica: 11.81.451A.470.3, por un importe total de 374.500,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 53.500,00 euros para a anualidade 2026; 53.500,00 euros para a anualidade 2027; 53.500,00 euros para a anualidade 2028; 53.500,00 euros para a anualidade 2029; 53.500,00 euros para a anualidade 2030; 53.500,00 euros para a anualidade 2031 e 53.500,00 euros para a anualidade 2032.

2. As axudas para a adecuación e reparación das vivendas e a axuda vinculada faranse efectivas con cargo as seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

– Cando se contrate por unha persoa física: 11.81.451A.780.2, por un importe total de 1.263.029,00 euros para a anualidade 2026.

– Cando se contrate por unha persoa xurídica: 11.81.451A.770.2, por un importe total de 155.047,00 euros para a anualidade 2026.

3. No suposto de existir remanente nalgunha das axudas previstas nos puntos anteriores, poderase utilizar para financiar solicitudes das outras, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde a publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

O prazo rematará o 3 de xuño de 2026 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.

2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 3 de xuño de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo