O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo, adscrito na actualidade á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, ao que lle corresponde, en virtude da Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación, a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia.
En desenvolvemento do Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, a Comunidade Autónoma puxo en marcha dous programas dirixidos a incentivar a posta no mercado de alugamento de vivendas baleiras de titularidade privada mediante unha renda accesible. Un dos programas xestionábase a través dos concellos, mentres que a xestión do outro a realizaba o Instituto Galego da Vivenda e Solo, en colaboración cos axentes da propiedade inmobiliaria e cos administradores de fincas. Como complemento a este último, aprobouse unha liña de axudas para realizar arranxos nas vivendas coa finalidade de permitir a súa posta á disposición no mercado do alugamento.
O 10 de xullo de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de xullo de 2025, pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código de procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual.
A través desta resolución reformuláronse os dous programas existentes, co fin de integrar as súas actuacións nun único programa, que se desenvolve a través de dúas seccións diferenciadas:
– Sección I, xestionada directamente pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
– Sección II, xestionada polos concellos que obteñan a condición de entidade colaboradora.
No seo do Observatorio de Vivenda de Galicia, o 10 de febreiro de 2026 asinouse polos representantes das entidades integrantes do pleno do citado observatorio o Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030. No devandito pacto recóllense as liñas de actuación pública en materia de vivenda para o período 2026-2030. Este pacto prevé na súa liña estratéxica 1, Acceso á vivenda, eixe segundo, Medidas para facilitar o acceso á vivenda, programa 2, Alugueiro de vivenda, o programa Fogar Vivo, como unha das actuacións prioritarias para fomentar o acceso a unha vivenda, garantindo desta forma a continuidade dos programas xa existentes nesta materia.
Compre nestes intres aprobar unhas novas bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo, coa finalidade de continuar fomentando o acceso a fogares dignos, de calidade e a rendas accesibles, mediante a posta no mercado do alugueiro de vivendas baleiras. Estas novas bases teñen por obxecto simplificar o procedemento para participar no dito programa, así como reducir a documentación que deben achegar as persoas interesadas en fase de solicitude, coa finalidade de dotar de maior axilidade a tramitación das axudas.
Así mesmo, mediante esta resolución establécese un novo réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para o alugamento con dúas finalidades. Por un lado, prevese a posibilidade de que as vivendas que formen parte destes programas e que estivesen baleiras, por terse resolto os contratos formalizados ao abeiro destes, poidan beneficiarse das axudas deste programa. Por outro, permítese o acceso ás axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros multirrisco de fogar respecto ás vivendas incorporadas aos ditos programas e que non puideron acceder, en virtude da Resolución do 3 de xullo de 2025, ás axudas dos seguros do programa Fogar Vivo por atoparse baleiras.
En canto o procedemento para a obtención de concello colaborador, mantense a vixencia da regulación prevista na dita Resolución do 3 de xullo de 2025, de forma que os concellos que ao abeiro da mesma obtiveran a condición de concello colaborador non necesitarán presentar unha nova solicitude.
As vivendas que se integren ao mercado de alugamento en virtude do programa Fogar Vivo poderán beneficiarse das bonificacións fiscais nos tramos autonómicos que lle sexan aplicables, segundo a normativa vixente.
Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
I. Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto:
a) Establecer as bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo (en diante, o Programa), que se tramitarán cos códigos de procedemento VI426F e VI426H.
b) Establecer o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento, tanto a través de axentes inmobiliarios como a través dos concellos colaboradores.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026, con carácter plurianual.
Segundo. Remisión normativa
En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Resolución do 3 de xullo de 2025, pola que se regula o programa Fogar Vivo e se establecen as bases reguladoras das súas axudas (código de procedemento VI426F), se regula o procedemento para obter a condición de concello colaborador (código procedemento VI426G), se establece o réxime transitorio dos programas de mobilización de vivendas para alugamento e se procede á convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2025, con financiamento plurianual.
Así mesmo, será de aplicación o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como nas demais normas de noso ordenamento xurídico que sexan de aplicación.
Terceiro. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.
Cuarto. Transparencia e bo goberno
1. Na tramitación dos procedementos establecidos nesta resolución darase cumprimento ás obrigas de transparencia contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, os concellos colaboradores e as persoas físicas e xurídicas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.
Quinto. Recursos contra esta resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os tribunais de instancia da sección do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Sexto. Eficacia
Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.
II. Bases reguladoras das axudas do programa Fogar Vivo
(códigos de procedemento VI426F e VI426H)
Sétimo. Axudas do Programa
O Programa establece as seguintes axudas:
a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar.
b) Unha axuda para a adecuación e a reparación da vivenda.
c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para a adecuación e a reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a persoas menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.
Oitavo. Actuacións subvencionables para a axuda de adecuación e reparación das vivendas
1. Na execución de obras de adecuación e reparación das vivendas considéranse subvencionables as seguintes actuacións:
a) Obras de conservación e mantemento.
b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/ou para a súa adaptación á normativa vixente.
c) Axustes na distribución interior da vivenda.
d) Adquisición e colocación de mobiliario de cociña, así como dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno, microondas, lavavaixelas e campá extractora.
e) Cambio de sanitarios, lavadoras, bañeira e anteparos.
2. Estas actuacións incluirán, para os efectos de determinar o custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da xestión e intermediación e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.
3. O período de execución destas actuacións debe ser o previsto na correspondente resolución de convocatoria.
Noveno. Contía das axudas
A contía máxima das axudas non poderá superar o límite de 16.000 euros por vivenda, de acordo coa seguinte distribución:
a) Axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar: de ata 3.000 euros, desagregados en importes anuais de ata 600 euros, no caso de que a persoa arrendadora sexa unha persoa física, ou de ata 428 euros, no caso de que sexa unha persoa xurídica.
b) Axudas para a adecuación e reparación das vivendas: en función do investimento realizado, terá os seguintes importes:
– Axuda base de ata 5.000 euros: a subvención será do 80 % do gasto xustificado, con independencia do número de actuacións que se realicen, ata un investimento de 6.250 euros.
– Axuda complementaria de ata 6.000 euros, a razón 2.000 euros por cada 10.000 euros de investimento adicional a partires do investimento de 6.250 euros, ou a parte proporcional, en función do investimento realizado e dos gastos xustificados.
c) Axuda vinculada: 2.000 euros.
Décimo. Requisitos para obter as axudas do Programa
1. Para obter as axudas do Programa as vivendas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ser de titularidade privada e non estar suxeitas a ningún réxime de protección pública.
c) Reunir as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento no momento de ofrecerse en alugamento.
d) Estar vinculada o Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
e) Non ter sido arrendadas durante os tres meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da/das axudas/s. Este requisito poderá exceptuarse:
– No suposto das vivendas incorporadas na sección II, no caso de que por imperiosa necesidade de emerxencia social, segundo o informe dos servizos municipais, a vivenda xa estivera adxudicada a/as persoa/s arrendataria/s.
– No caso de solicitudes de axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e das axudas para a adecuación e reparación que xa conten con contrato de alugamento asinado, sempre que a solicitude se realice nun prazo máximo de quince días desde a sinatura do contrato. Neste suposto o prazo dos tres meses computarase desde a data da sinatura do contrato.
f) Non estar afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
2. Así mesmo, para a obtención das axudas será preciso que os contratos de alugamento cumpran os seguintes requisitos:
a) Que se sometan á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda habitual e permanente durante todo o tempo do contrato.
b) Que a/as persoa/s arrendataria/s non teña/n vínculo de parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo coa persoa arrendadora. Este mesmo criterio aplicarase á relación entre a/as persoa/s arrendadora/s e a/as persoa/s arrendataria/s, cando a primeira sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios/as ou partícipes.
c) Ter unha renda mensual durante o primeiro ano de alugamento que non supere os seguintes importes, en función do concello en que estea situada:
|
Zona territorial |
Importe da renda mensual de alugamento (euros) |
Concellos |
|
Zona 1 |
700 |
A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. |
|
Zona 2 |
650 |
Ames, Oleiros, Cambre e Culleredo. Baiona, Nigrán, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. |
|
Zona 3 |
600 |
Arteixo, Carballo, Narón, Ribeira e Sada. A Estrada, Cangas, Lalín, Marín, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Mos e Poio. |
|
Zona 4 |
550 |
Ares, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cedeira, Cee, Fene, Melide, Mugardos, Neda, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Barbadás, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. Bueu, Cambados, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Pontecesures, Tui e Vilanova de Arousa. |
|
Zona 5 |
450 |
O resto dos concellos de Galicia. |
A actualización da renda realizarase conforme ao previsto na lexislación de arrendamentos urbanos.
Os ámbitos territoriais e/ou os importes da renda da vivenda previstos nesta letra poderán modificarse mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá publicarse no DOG.
3. No caso de vivendas xestionadas polos concellos colaboradores, a obtención da axuda exixe, ademais dos requisitos sinalados nos puntos primeiro e segundo, que a/as persoa/s arrendataria/s reúna/n as seguintes condicións:
a) Que as súas unidades de convivencia teñan uns ingresos comprendidos entre 0,7 e 3 veces o indicador público de renda de efectos múltiples e que a renda da vivenda que se vaia a arrendar non sexa superior ao trinta por cento dos ingresos da súa unidade de convivencia. A determinación e a ponderación de ingresos calcularase segundo o disposto no ordinal seguinte.
Poderán exceptuarse deste requisito aqueles supostos en que no expediente do concello relativo á contratación da vivenda quede acreditado que a unidade de convivencia da persoa arrendataria percibe uns ingresos que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de alugamento. Para estes efectos, o concello deberá, de conformidade co punto quinto do ordinal cuadraxésimo segundo da Resolución do 3 de xullo de 2025, remitir á comisión de seguimento e coordinación o informe dos servizos sociais, para os efectos de que valore propoñer, se é o caso, as axudas que considere pertinentes, co obxecto de garantir o pagamento da renda.
b) Atoparse nunha situación persoal e/ou familiar que, segundo o informe dos servizos sociais do concello, supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda de alugamento.
Décimo primeiro. Determinación e ponderación de ingresos para as persoas demandantes de vivenda da sección II do programa
1. Os ingresos da unidade de convivencia a que fai referencia o punto terceiro do ordinal décimo determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada un dos seus membros durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude.
2. Aos ingresos determinados consonte o anterior aplicarase, en función do número de membros da unidade de convivencia, o coeficiente multiplicador corrector seguinte:
• Familias dun membro: 1,00.
• Familias de dous membros: 0,90.
• Familias de tres membros: 0,80.
• Familias de catro membros: 0,75.
• Familias de cinco ou máis membros: 0,70.
Décimo segundo. Supostos nos cales se pode solicitar as axudas
As axudas do Programa poderán solicitarse, dentro dos prazos previstos na correspondente convocatoria, nos seguintes supostos:
a) A axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar poderá solicitarse se a vivenda conta cun contrato de alugamento formalizado en data posterior á publicación da correspondente convocatoria de axudas.
b) A axuda para a adecuación e a reparación da vivenda poderá solicitarse sempre que se realicen dentro do período previsto na resolución de convocatoria. No caso de contar cun contrato de alugamento, este deberá estar asinado en data posterior á da publicación da correspondente resolución de convocatoria.
c) A axuda vinculada poderá solicitarse no caso de ter solicitado as axudas para a adecuación e a reparación da vivenda e sempre que o contrato de alugamento estea formalizado unha vez publicada a correspondente convocatoria.
Décimo terceiro. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán beneficiarse das axudas do Programa:
a) As persoas físicas que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas.
b) As persoas xurídicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas, incluíndo as empresas privadas que teñan no seu obxecto social a promoción de vivendas de nova construción ou procedentes da rehabilitación.
2. Para obter a condición de beneficiaria as persoas e as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada que exerza actividades económicas ou comerciais, aplicarase o disposto no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. A axuda total de minimis a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 euros durante os tres anos previos. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
4. Unha vez obtida a condición de persoa ou entidade beneficiaria de algunha/s da/das axuda/s do Programa, non se poderá volver a obter dita condición para a mesma vivenda, respecto da/das axuda/s da/das que resultara beneficiaria.
Décimo cuarto. Tramitación das axudas
A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado non artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Décimo quinto. Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica mediante a presentación dos formularios que se incorporan a esta resolución, debidamente cubertos, en función das axudas que se soliciten e que deberán dirixirse ao IGVS:
– Anexo I (código de procedemento VI426F), para solicitar as axudas para a adecuación e a reparación da vivenda.
– Anexo II (código de procedemento VI426H), para solicitar as axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar e para as axudas vinculadas.
2. A presentación electrónica das solicitudes será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. Nos supostos en que a propiedade ou o usufruto da vivenda corresponda a máis dunha persoa ou entidade, só se admitirá unha única solicitude por tipo de axuda e por vivenda.
4. No suposto de solicitar as axudas para a adecuación e a reparación da vivenda sen contrato de alugamento asinado na data da solicitude, poderán solicitarse as demais axudas do Programa no momento da xustificación final das obras. Se o prazo de presentación de solicitudes estivera pechado ou se esgotara o crédito orzamentario, a correspondente resolución de convocatoria poderá prever a posibilidade de presentar a solicitude no prazo previsto na convocatoria seguinte.
5. No formulario de solicitude a persoa ou entidade solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa ou a entidade solicitante nin ningunha outra persoa que sexa propietaria e/ou usufrutuaria da vivenda, de ser o caso, solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Declaración responsable de que non se lle concedeu ningunha axuda de minimis. No caso de ter solicitado ou obtido axuda de minimis, deberá indicar cales e a súa contía.
c) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas propietarias e/ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso, para a mesma finalidade.
d) Que a vivenda é de titularidade privada e non está suxeita a ningún réxime de protección pública.
e) Que a vivenda reunirá no momento do seu alugamento as condicións adecuadas de habitabilidade e mantemento.
f) Que a vivenda estará vinculada ao Programa durante un período mínimo de cinco ou sete anos, en función de que a persoa propietaria ou usufrutuaria sexa unha persoa física ou xurídica.
g) Que a vivenda non teña sido arrendada nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude da/das axuda/s ou á data da formalización do contrato de alugamento, de ser o caso.
h) Que a vivenda non está afectada por algunha circunstancia xurídica que impida o seu alugamento.
i) Declaración responsable de que a/as persoa/s solicitante/s non está/n incursa/s en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
j) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Décimo sexto. Documentación complementaria
1. As persoas ou entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Escritura pública, certificado, nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade da propiedade ou do usufruto do inmoble, no caso de que a persoa ou entidade solicitante non conste como titular catastral.
2. Para o caso de solicitar axudas para a adecuación e a reparación das vivendas, deberán achegar, ademais da documentación do punto un, a seguinte documentación:
– Contrato de alugamento asinado polas partes, de ser o caso.
– Anexo III, de memoria descritiva das actuacións para a adecuación e a reparación da vivenda en que deberá indicarse: o orzamento, a relación clasificada dos gastos e o prazo previsto de realización das actuacións.
– Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas, ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto.
– Licenza municipal, no suposto de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas. No suposto de non contar aínda con ela, achegarase a correspondente solicitude de licenza ou autorización preceptiva.
– Comunicación previa ao concello, cando a actuación non estea sometida a licenza.
3. Para o caso de solicitar as axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, deberán achegar, ademais da documentación do punto un, a seguinte documentación:
– Contrato de alugamento asinado polas partes.
– Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas, ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto. Non será necesario achegar este anexo nos casos en que xa se tivera presentado xunto coa solicitude para a adecuación e a reparación das vivendas, sempre que non houbera modificacións dos datos das persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias.
– Pólizas de seguros contratadas para amparar os riscos derivados do citado contrato.
– Xustificantes do pagamento realizado, mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento das pólizas dos seguros.
4. Para o caso de solicitar as axudas vinculadas deberán achegar, ademais da documentación do punto un, a seguinte documentación:
– Contrato de alugamento asinado polas partes.
– Anexo IV, de declaración responsable e comprobación de datos das demais persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias da vivenda, de ser o caso. Neste suposto deben figurar todas, ata completar o 100 % da propiedade ou usufruto. Non será necesario achegar este anexo nos casos en que xa se tivera presentado xunto coa solicitude para a adecuación e a reparación das vivendas, sempre que non houbera modificacións dos datos das persoas ou entidades copropietarias ou usufrutuarias.
– Anexo V, de comprobación de datos das persoas arrendatarias e dos membros que integran as unidade de convivencia.
– Certificado de discapacidade dalgún dos membros que integran a unidade de convivencia do contrato de alugamento, de ser o caso, e para o suposto de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
5. Para o caso das vivendas da sección II do programa Fogar Vivo, deberán achegar, ademais da documentación dos puntos anteriores, segundo corresponda, a certificación do concello que acredite que no expediente correspondente se compren todos os requisitos do Programa.
6. No suposto de persoas ou entidades que tendo presentada unha solicitude na convocatoria anterior lles fose denegada por esgotamento do crédito, a correspondente resolución de convocatoria poderá prever a posibilidade de presentar a solicitude no prazo previsto na convocatoria seguinte. Para estes efectos, non será necesario que acheguen coa nova solicitude a documentación complementaria xa presentada coa solicitude anterior, sempre que non modifiquen as actuacións e a documentación técnica.
7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa ou entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderán solicitarse novamente da persoa ou entidade interesada a súa achega.
Décimo sétimo. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
2. A presentación electrónica será obrigatoria cando a persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda ou a persoa representante sexa unha persoa xurídica. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As persoas e entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa ou entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial nos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Décimo oitavo. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos
1. A instrución dos procedementos regulados nesta resolución son competencia da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda.
2. A competencia para resolver as solicitudes correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Décimo noveno. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas e entidades interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou se deixen de efectuar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas e entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas e entidades interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar no formulario, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo. Comprobación de datos
1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a/as persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro/a (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante e, de ser o caso, das demais entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
c) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.
d) NIF da entidade representante, de ser o caso.
e) Certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas ou entidades propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
f) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas, respecto da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
g) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis, respecto da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas, respecto da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, das demais persoas propietarias ou usufrutuarias da vivenda.
i) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que a/as persoa/s ou entidade/s solicitante/s ten/teñen en propiedade e/ou en usufruto a vivenda.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa ou entidade interesada que solicite a axuda vinculada lle sexa de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) DNI ou, de ser o caso, NIE da/das persoa/s arrendataria/s das vivendas e, de ser o caso, dos menores ou das persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.
b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, no suposto de unidades de convivencia con persoas dependentes ao seu cargo con algún grado de discapacidade recoñecida.
3. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Vixésimo primeiro. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas ou entidades interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente accedendo á Carpeta cidadá da persoa ou entidade interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vixésimo segundo. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda
1. O procedemento iniciarase de oficio, mediante a publicación da correspondente convocatoria.
2. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria.
3. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase á persoa ou entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
4. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.
Poderanse enviar mensaxes ás persoas ou entidades interesadas ao teléfono móbil e/ou correo electrónico, avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas ou entidades solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.
5. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.
Vixésimo terceiro. Resolución e recursos
1. A resolución estimará ou desestimará a solicitude das axudas.
2. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir e a contía da subvención concedida que, para o caso das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, poderá ter carácter plurianual.
A resolución de concesión establecerá tamén, no caso de subvencións para a execución da obra, o prazo para a súa finalización, agás no caso de que xa estiveran rematadas no momento da presentación da solicitude da subvención. Estes prazos determinaranse tendo en conta a data límite prevista de presentación da documentación xustificativa.
Para o caso de que as axudas teñan a consideración de axudas de minimis, segundo o Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, farase constar expresamente esta circunstancia na resolución de concesión.
3. Os efectos da resolución estimatoria estarán condicionados a que a persoa ou entidade beneficiaria acepte as condicións do programa no prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. No caso de non rexeitalas expresamente no citado prazo, entenderase que a persoa ou entidade beneficiaria acepta as condicións do programa.
4. O prazo máximo para ditar e notificar a concesión das axudas será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo, sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
5. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.
Vixésimo cuarto. Modificación da resolución
As persoas ou entidades beneficiarias estarán obrigadas a comunicar, incluso durante a tramitación da solicitude, calquera modificación das condicións que poidan motivar ou motivasen tal recoñecemento e que puidese determinar a perda sobrevida do dereito á axuda. A non comunicación destas modificacións será causa suficiente para o inicio, de ser o caso, dun expediente de reintegro das cantidades que puidesen cobrarse indebidamente.
A dita comunicación deberá realizarse no prazo de dez días desde o momento en que se produza a dita modificación, nos termos previstos no ordinal vixésimo primeiro desta resolución.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Vixésimo quinto. Causas de denegación
1. Será causa de denegación da solicitude das subvencións o incumprimento dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente resolución de convocatoria.
2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará será o da orde cronolóxica de entrada da solicitude completa en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.
Vixésimo sexto. Xustificación e pagamento da subvención
1. As persoas e as entidades beneficiarias deberán comunicar á Dirección Técnica de Axudas á Vivenda do IGVS o remate das actuacións e presentar a documentación xustificativa das actuacións realizadas. Estas comunicacións realizaranse mediante a presentación do anexo VI desta resolución, xunto coa documentación que corresponda, de acordo cos puntos seguintes.
2. Para o caso de axudas para obras de adecuación e reparación da vivenda, a xustificación da finalización das actuacións acreditarase coa presentación da seguinte documentación:
– Contrato de alugamento asinado polas partes.
– Memoria das obras e das adecuacións realizadas. Conterá a relación clasificada de gastos debidamente xustificados polas actuacións executadas, con indicación do número de factura e a data de remate das actuacións.
– Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación da persoa acredora, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá acreditarse mediante transferencias, certificacións ou extractos bancarios que acrediten o pagamento relativo ás facturas da actuación subvencionada realizado pola/s persoa/s beneficiaria/s.
– Fotografías que mostren as obras realizadas. No suposto de adquisición e colocación de mobiliario de cociña e dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, lavadora, forno, microondas, lavavaixelas e campá extractora, así como no caso do cambio de sanitarios, bañeira e anteparos, deberán presentarse as fotografías acreditativas da realización das actuacións e a declaración responsable de que esas actuacións se realizaron na vivenda obxecto da axuda.
– Licenza municipal, cando sexa necesaria pola actuación que se vai realizar e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas, no caso de non achegalas con anterioridade.
– Declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación, para o suposto de actuacións sometidas a comunicación previa, de non ter sido obxecto de reparo polo concello correspondente.
3. Para o caso das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, a xustificación para o pagamento das prórrogas das pólizas dos seguros contratados realizarase coa presentación, na correspondente anualidade, do xustificante bancario do seu pagamento. Para estes efectos, admitiranse as pólizas e os documentos acreditativos do seu pagamento correspondentes a actuacións executadas na anualidade anterior, para os supostos en que as solicitudes teñan que presentarse na convocatoria seguinte, de conformidade co disposto no punto cuarto do ordinal décimo quinto e do punto sexto do ordinal décimo sexto desta resolución.
4. A documentación xustificativa deberá achegarse con anterioridade ao último día hábil do mes de novembro da correspondente anualidade. Transcorridos os prazos indicados sen que as persoas ou entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.
Nos supostos en que a notificación da resolución de concesión sexa con data posterior ao 1 de outubro, o prazo máximo para achegar a documentación xustificativa será determinado na correspondente resolución de concesión, sen que en ningún caso poida exceder do 15 de xaneiro da seguinte anualidade.
5. No caso de non terse presentado a xustificación correspondente nos prazos indicados, perderase o dereito ao cobramento das subvencións concedidas, o que será notificado á persoa ou entidade beneficiaria a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
6. Unha vez presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Axudas á Vivenda emitirá certificado acreditativo das verificacións realizadas, no cal se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá en atención aos recursos económicos dispoñibles.
Vixésimo sétimo. Pagamento da subvención. Anticipos e pagamentos á conta
1. O pagamento da subvención requirirá que a persoa ou entidade presente a documentación relacionada no ordinal anterior. A subvención aboarase mediante transferencia bancaria no número de conta sinalado para estes efectos no anexo da solicitude.
2. Para o caso de actuacións de adecuación e reparación da vivenda que na data da presentación da solicitude non estean finalizadas, as persoas e entidades beneficiarias poderán solicitar anticipos, mediante a presentación do anexo VII, sempre e cando, ao abeiro do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se cumpran as seguintes condicións:
a) Que non superen o 80 % do importe total da axuda concedida á persoa beneficiaria nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
b) Que se destinen exclusivamente a cubrir gastos da actuación obxecto da subvención e se xustifiquen adecuadamente.
3. De conformidade co artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán realizarse pagamentos á conta de ata o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos que hai que xustificar, que non poderán exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.
No suposto das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, cando se trate de persoas xurídicas, poderá superarse a dita porcentaxe, de conformidade co disposto no punto cuarto do artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. De conformidade co disposto na letra f) do punto 4 do artigo 65 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, exonéranse ás persoas físicas beneficiarias da necesidade de constitución de garantías.
5. De conformidade co punto 4 do artigo 67 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, exonéranse ás persoas xurídicas beneficiarias da necesidade de constitución de garantías.
Vixésimo oitavo. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias
As persoas ou entidades beneficiarias, ademais de cumprir as obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán cumprir as seguintes:
1. Formalizar, no suposto de resolución anticipada do contrato de alugamento, un novo contrato suxeito as condicións do Programa no prazo máximo de tres meses, salvo naqueles supostos en que quede debidamente acreditada a imposibilidade de formalizar un novo contrato nese prazo.
2. Xustificar as subvencións conforme ao previsto nestas bases reguladoras.
3. Depositar a fianza no IGVS, de conformidade coa normativa vixente.
4. Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións e/ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados e/ou o destino das subvencións concedidas.
5. Estar ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social no momento en que se aboe a subvención.
6. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
7. As demais obrigas que derivan desta resolución.
Vixésimo noveno. Perda e reintegro da subvención
1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro das subvencións, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:
a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.
b) A falta de xustificación das subvencións nos prazos indicados.
c) A falta xustificación das prórrogas anuais dos seguros, o que suporá a perda da axuda para os seguros das anualidades restantes.
d) A resolución do contrato de alugamento dentro do período mínimo de cinco ou sete anos, segundo o caso, sen que se teña formalizado un novo contrato de arrendamento no prazo de tres meses desde a resolución anticipada. Neste caso o reintegro será proporcional ao tempo que restase para cumprir os cinco anos ou sete anos, segundo o caso.
e) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.
2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, xunto cos intereses de demora desde o seu pagamento, calculados aplicando o xuro legal do diñeiro incrementado nun 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, agás que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Trixésimo. Compatibilidade e incompatibilidade
1. As persoas ou entidades beneficiarias do Programa poderán compatibilizar estas axudas con outras subvencións concedidas para o mesmo obxecto procedentes doutras administracións ou institucións, sempre que o importe de todas elas non supere o custo total das actuacións e que non sexan declaradas incompatibles polas correspondentes bases reguladoras.
2. As axudas do Programa serán incompatibles con aquelas das cales puidera beneficiarse a vivenda ao abeiro das subvencións concedidas polo IGVS no Programa Rehaluga e do Programa de mobilización de vivendas para o alugamento, salvo o disposto no punto dous do ordinal trixésimo terceiro desta resolución.
Trixésimo primeiro. Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no apartado oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (en diante, BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
Trixésimo segundo. Datos de carácter persoal
De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas e as entidades beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas, no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
III. Réxime transitorio das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización
de vivendas para alugamento a través de axentes inmobiliarios e concellos
Trixésimo terceiro. Regulación do réxime transitorio das vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas para alugamento a través de axentes inmobiliarios e concellos
1. As vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas en alugamento, xa sexa a través de axentes inmobiliarios ou de concellos colaboradores que, na data de publicación destas bases reguladoras teñan contrato de alugamento vixente, manteñen os compromisos asumidos no marco da anterior normativa.
2. As vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas en alugamento, xa sexa a través de axentes inmobiliarios ou de concellos colaboradores que, na data de publicación destas bases reguladoras se atopen baleiras por resolverse o contrato de alugamento formalizado no marco dos ditos programas, poderán optar ás axudas previstas nesta resolución.
3. As vivendas incorporadas ao Programa de mobilización de vivendas en alugamento, xa sexa a través de axentes inmobiliarios ou de concellos colaboradores que teñan contrato de alugueiro formalizado con posterioridade á data de publicación da Resolución do 3 de xullo de 2025, poderán acceder ás axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar nos termos previstos nesta resolución. Non obstante, non lle serán de aplicación as limitacións previstas na letra e) do punto un, do ordinal décimo e na letra a) do ordinal décimo segundo.
IV. Convocatoria das axudas do programa Fogar Vivo para o ano 2026
Trixésimo cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde a publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 3 de xuño de 2026 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o cal será comunicado por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que será publicada no DOG.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 3 de xuño de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Trixésimo quinto. Solicitudes denegadas por esgotamento do crédito ao abeiro da convocatoria de 2025
De conformidade co disposto no punto sexto do ordinal décimo sexto desta resolución, aquelas persoas ou entidades que tendo presentada unha solicitude na convocatoria de 2025, lles fose denegada por esgotamento do crédito, non terán que achegar coa nova solicitude a documentación complementaria xa presentada coa solicitude anterior, sempre que non modifiquen as actuacións e a documentación técnica. En todo caso, deberán indicar no anexo de solicitude o número do expediente que figura na resolución de denegación notificada. Para estes efectos, entenderanse válidas as declaracións responsables e as autorizacións de comprobación de datos contidas na dita documentación complementaria, así como a documentación xustificativa das actuacións.
Trixésimo sexto. Persoas e entidades beneficiarias das axudas para a adecuación e a reparación da vivenda ao abeiro da convocatoria de 2025
De conformidade co disposto no punto 4 do ordinal décimo quinto desta resolución, aquelas persoas ou entidades beneficiarias das axudas para a adecuación e a reparación da vivenda ao abeiro da convocatoria de 2025 que, no momento da xustificación final das obras non puideran solicitar as demais axudas do Programa por atoparse pechado o prazo de presentación de solicitudes ou terse esgotado o crédito orzamentario, poderán presentar a solicitude no prazo previsto nesta convocatoria.
Trixésimo sétimo. Período de execución das actuacións para a adecuación e a reparación da vivenda
1. As actuacións subvencionables ao abeiro desta resolución deberán estar iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2026, con excepción dos supostos a que se refire o punto sexto do ordinal décimo sexto, aos que non lles será de aplicación o dito límite.
2. O prazo de execución das obras virá fixado na correspondente resolución de concesión da subvención, tendo en conta o previsto no punto cuarto do ordinal vixésimo sexto desta resolución.
Trixésimo oitavo. Crédito orzamentario
1. As axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar faranse efectivas con cargo as seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando se contrate por unha persoa física: 11.81.451A.480.3, por un importe total de 1.000.000,00 de euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 200.000,00 euros para a anualidade 2026; 200.000,00 euros para a anualidade 2027; 200.000,00 euros para a anualidade 2028; 200.000,00 euros para a anualidade 2029 e 200.000,00 euros para a anualidade 2030.
– Cando se contrate por unha persoa xurídica: 11.81.451A.470.3, por un importe total de 374.500,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 53.500,00 euros para a anualidade 2026; 53.500,00 euros para a anualidade 2027; 53.500,00 euros para a anualidade 2028; 53.500,00 euros para a anualidade 2029; 53.500,00 euros para a anualidade 2030; 53.500,00 euros para a anualidade 2031 e 53.500,00 euros para a anualidade 2032.
2. As axudas para a adecuación e a reparación das vivendas e a axuda vinculada faranse efectivas con cargo as seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:
– Cando se contrate por unha persoa física: 11.81.451A.780.2, por un importe total de 1.263.029,00 euros para a anualidade 2026.
– Cando a persoa que as contrate sexa unha persoa xurídica, 11.81.451A.770.2, por un importe total de 155.047,00 euros para a anualidade 2026.
3. No suposto de existir remanente nalgunha das axudas previstas nos puntos anteriores, poderase utilizar para financiar solicitudes das outras, de acordo co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
