O Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III) para o ano 2025 está regulado polo Real decreto lei 3/2025 que, pola súa vez, remite ao establecido polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril. A convocatoria destas axudas no ámbito territorial de Galicia formalizouse mediante a Resolución da Dirección do Inega do 26 de xuño de 2025, publicada no DOG núm. 123, do 30 de xuño.
A citada Resolución do 26 de xuño de 2025 foi modificada pola Resolución do 1 de outubro de 2025 pola que se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes (DOG núm. 192, do 6 de outubro), e pola Resolución do 30 de decembro de 2025 (DOG núm. 252, do 31 de decembro) amplíase o crédito orzamentario do programa en 14.000.000 €, ascendendo o importe total asignado a esta convocatoria a 32.936.965,35 €.
En canto á posibilidade de ampliar o orzamento, o artigo 10.13 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, prevé a posibilidade de que durante os dous meses seguintes á finalización da vixencia das correspondentes convocatorias se asigne o orzamento entre programas a criterio da comunidade autónoma e se incorporen, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se puidese destinar aos investimentos directos. De acordo con isto, a Xunta de Galicia notificou con carácter previo a nova distribución ao IDAE, organismo responsable da coordinación e seguimento do Moves III, conforme o artigo 9 do citado real decreto.
O artigo 3.2 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada de calquera das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta ampliación estará condicionada, de ser o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que corresponda e poderá dar lugar á concesión de novas subvencións, de acordo coa orde de prelación das solicitudes resultante da aplicación dos criterios establecidos nas bases reguladoras da convocatoria. No caso de que se produza unha ampliación de crédito, esta será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web do Inega (www.inega.gal), para os efectos da súa publicidade e transparencia.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,
RESOLVO:
Primeiro. Ampliar os fondos destinados ao Moves III_2025, modificando os puntos 1 e 2 do artigo 3 da Resolución do 26 de xuño de 2025, que quedarán redactados do seguinte xeito:
«1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 34.936.965,35 euros.
|
Importe 2025 ( €) |
Importe 2026 ( €) |
Total |
|
9.000.000,00 |
25.936.965,35 |
34.936.965,35 |
O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas, conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.703.1, 09.A3.733A.745.4, 09.A3.733A.744.2, 09.A3.733A.762.1, 09.A3.733A.772.1 e 09.A3.733A.782.1.
2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:
|
Tipo de actuación |
Orzamento total ( €) |
|
|
Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos (80 %) |
28.349.572,28 |
|
|
Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (20 %) |
6.587.393,07 |
|
|
Total |
34.936.965,35 |
» |
Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.
Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2026
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
