I. A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos, a loita contra o seu abandono e o fomento da súa recuperación. Esta norma desenvolve instrumentos de ordenación e planificación territorial xunto con instrumentos de mobilización de terras como o Banco de Terras de Galicia, o Mapa de usos agroforestais, o Catálogo de solos agropecuarios e forestais... co obxectivo de poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas.
A aplicación progresiva destes instrumentos permitiu avanzar de maneira significativa na mobilización e ordenación da terra agraria. Ao mesmo tempo, a experiencia acumulada durante a súa posta en marcha salientou a complexidade inherente á xestión das políticas de recuperación de terras a escala territorial, en particular nunha contorna marcada por desafíos demográficos, ambientais e socioeconómicos.
Esta situación evidencia a conveniencia de contrastar enfoques e experiencias noutros contextos territoriais a fin de reforzar a coherencia e eficacia das políticas públicas neste eido.
II. Segundo a disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, pola que se crea a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, esta axencia é o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar o despoboamento dese territorio. De acordo co artigo 7 da Lei 11/2021, de recuperación da terra agraria de Galicia, a Axencia ten competencia para deseñar e implementar estratexias e plans integrados para o desenvolvemento e a xestión do territorio rural que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes socioeconómicos públicos e privados, así como a promoción e xestión dos ditos plans e programas de desenvolvemento.
III. Segundo o artigo 9 do estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) aprobado polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos (modificado polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten entre as súas competencias a dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta de Galicia en materia de tecnoloxías da información e das comunicacións; o impulso, asesoramento técnico e apoio á Presidencia e ao Consello da Xunta de Galicia, ás consellerías e a outras entidades do sector público autonómico en todo o referente ás tecnoloxías da información e das comunicacións, e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia; así como o deseño e execución, en todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia, dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa, incluíndo a planificación, deseño, xestión e operación das tecnoloxías e sistemas que garantan o funcionamento dunha Administración completamente dixital.
IV. O proxecto europeo Down to Earth, no que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desempeña a condición de socio líder do proxecto no contexto do programa Interreg Europe, está a abordar o desafío do despoboamento para mellorar a resiliencia ambiental nas zonas rurais. A través da cooperación de Galicia con outras rexións europeas estase a traballar no desenvolvemento das políticas e instrumentos de desenvolvemento rural que permitan unha xestión mais eficaz e eficiente do capital natural das zonas rurais, así como reducir o risco e impacto dos desastres ambientais e xerando, ao mesmo tempo, oportunidades económicas e sociais que atraian a poboación ás zonas rurais.
O proxecto europeo Down To Earth facilitou un proceso de aprendizaxe interrexional e de intercambio de boas prácticas entre rexións europeas que afrontan retos comúns en materia de despoboamento, envellecemento demográfico, xestión do territorio e resiliencia rural. O proxecto traballa en tres liñas temáticas complementarias:
a) Os riscos ambientais vinculados ao despoboamento e envellecemento en áreas rurais.
b) As barreiras de acceso ao sector primario para a poboación nova.
c) Os instrumentos para fortalecer o papel dos actores agrarios na loita contra o cambio climático.
A través de actividades de aprendizaxe interrexional –incluíndo análises comparadas, obradoiros temáticos e visitas de estudo– o proxecto permitiu identificar experiencias relevantes noutras rexións europeas orientadas a mellorar a gobernanza territorial, reforzar a coordinación entre administracións e axentes locais, e utilizar de forma sistemática datos territoriais, ambientais e socioeconómicos para apoiar a toma de decisións públicas.
En particular, o intercambio con outras rexións participantes puxo de manifesto o valor de:
a) Mecanismos de gobernanza colaborativa multinivel que facilitan a implicación de administracións, sector produtivo e comunidade local na definición e adaptación das políticas rurais.
b) Infraestruturas de información integradas e o uso de datos para reforzar a capacidade anticipatoria das políticas públicas e a xestión de riscos ambientais.
c) Instrumentos de acompañamento e apoio a novos entrantes no sector agrario, baseados no intercambio de coñecemento, a mentoría e o acceso a información.
Estas aprendizaxes poñen de manifesto que a innovación territorial e a toma de decisións baseada en datos constitúen elementos esenciais para mellorar a efectividade das políticas de desenvolvemento rural.
V. A Estratexia Galicia Dixital 2030 é unha estratexia deseñada polo Goberno galego para Galicia como un marco dixital común que facilite a actuación das tres administracións nun mesmo territorio de maneira complementaria, buscando as sinerxías e a suma de esforzos para consolidar a transición dixital da Comunidade.
Aliñada coas prioridades no novo marco europeo, a Estratexia Galicia Dixital 2030 busca situar a Comunidade como unha rexión de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúe a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sustentable nas súas tres vertentes: social, económica e ambiental. Neste senso, establece un eixo específico de «territorio intelixente» que, mediante o uso intensivo de tecnoloxías, permite mellorar a toma de decisións para o desenvolvemento rexional, tanto na definición de políticas públicas como na vixilancia territorial e o desenvolvemento de estratexias de sustentabilidade ambiental. Este enfoque alíñase perfectamente co concepto de Smart Villages promovido pola Unión Europea.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Por en marcha o Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA), como instrumento transversal de mellora na xestión e implementación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
O Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) configúrase como un marco operativo estable desenvolto a través dun esquema de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), orientado a reforzar os procesos de análise, priorización, seguimento e avaliación asociados á aplicación da lei mediante a xeración, integración e análise de información territorial.
En particular, o Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) permitirá:
a) Avaliar a viabilidade técnica, ambiental e socioeconómica de proxectos de reactivación agraria, incorporando análises territoriais baseadas en datos.
b) Optimizar a asignación de recursos públicos en materia de desenvolvemento rural e recuperación de terras a partir de criterios obxectivos e comparables.
c) Monitorizar o impacto territorial e ambiental das políticas de recuperación agraria, facilitando a avaliación dos seus resultados.
d) Facilitar a toma de decisións informada no deseño e avaliación de políticas públicas de desenvolvemento rural.
Segundo. O obxectivo do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) é reforzar a capacidade de xestión, análise e seguimento das políticas de recuperación e mobilización de terras mediante a incorporación sistemática de enfoques baseados en datos, evidencia e aprendizaxe interrexional.
Para estes efectos, os obxectivos específicos do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) serán os seguintes:
1. Consolidación dun espazo de datos de base territorial para o desenvolvemento rural, mediante a integración e sistematización da información existente nas diferente fontes de datos vinculadas aos instrumentos de ordenación, planificación e mobilización, complementándoa con datos de fontes adicionais, coa finalidade de dispoñer dunha base de información común que apoie de forma coherente a xestión e aplicación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.
2. Análise preditiva e modelización territorial, mediante o desenvolvemento de ferramentas analíticas que permitan anticipar tendencias no abandono agrario, avaliar escenarios de intervención política e simular o impacto de políticas alternativas, mellorando o proceso de toma de decisións.
3. Desenvolvemento de solucións para a xestión intelixente do territorio, mediante a creación e testaxe de solucións innovadoras aplicadas a espazos de experimentación, co obxectivo de avaliar a súa efectividade e resultados.
4. Innovación no monitoraxe ambiental, mediante a implementación de solucións tecnolóxicas tales como a observación da terra ou IoT aplicado ao comportamento animal e xestión agraria, coa finalidade de mellorar o seguimento das condicións ambientais e a sustentabilidade dos territorios rurais.
5. Mellora da interoperabilidade e accesibilidade da información, mediante o establecemento de mecanismos e plataformas de datos accesibles tanto para xestores públicos como para emprendedores rurais e axentes do sector agroforestal.
6. Transferencia de coñecemento e capacitación, mediante o desenvolvemento de programas formativos e de divulgación orientados aos axentes implicados na xestión e execución das políticas rurais para asegurar a adopción de solucións baseadas en datos.
Terceiro. A implementación do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) atenderá ás previsións contidas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, garantindo a coherencia multinivel das melloras introducidas na xestión do dito instrumento.
Así mesmo, a implementación do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) articularase de forma coherente cos principais marcos estratéxicos, nomeadamente:
1. A Estratexia Galicia Dixital 2030, particularmente co seu eixo de “territorio intelixente”.
2. O concepto de Smart Villages promovido pola Unión Europea, que salienta a integración de tecnoloxías dixitais para o desenvolvemento territorial sustentable.
3. Os obxectivos do Pacto Verde Europeo (European Green Deal) en materia de sustentabilidade agraria e mitigación do cambio climático.
4. As aprendizaxes e recomendacións derivadas do proxecto Down To Earth que informaron o deseño do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) como un marco de mellora da xestión pública baseado en evidencia, cooperación interinstitucional e gobernanza territorial multinivel.
Cuarto. O desenvolvemento, xestión e gobernanza do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) concretarase no correspondente instrumento de cooperación entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en que figurarán os mecanismos que permitan:
– Supervisar o desenvolvemento e funcionamento do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA).
– Aliñar o Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) con outras iniciativas de modernización e innovación territorial.
– Coordinar a participación conxunta en proxectos de financiación europea.
O Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) potenciará a participación de axentes externos (universidades, centros de investigación, startups de agrotech, asociacións profesionais agrarias e outros axentes relevantes dos ecosistemas do dato e do medio rural), especialmente en actividades de co-creación e validación de solucións.
Na xestión do Espazo de Innovación Rural Aplicada (EIRA) promoverase a máxima transparencia, incluíndo a publicación de datos, metodoloxías e resultados de conformidade cos principios de datos abertos.
Quinto. As discrepancias que poidan xurdir na execución desta resolución resolveranse nos termos previstos no artigo 18 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 13 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para os conflitos de atribucións.
Sexto. Esta resolución producirá efectos desde a data da súa sinatura.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
|
Mª Paz Rodríguez Rivera |
Damián Rey Rodríguez |
