Expediente: IN407A 2024/253-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTA ATI727, CTI Porto de Eiras.
Concello: O Porriño.
Feitos:
1. O 1.7.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a avaliación de impacto ambiental simplificada, a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTA ATI727, CTI Porto de Eiras.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 140.951,90 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade resolver as caídas de tensión e a mellora da calidade de subministración no lugar de Porto de Eiras, na parroquia de Chenlo, no concello do Porriño (Pontevedra). Para isto están previstas as seguintes actuacións:
– Instalación de tres apoios de celosía: un C-2000/14 (no cal se instalará un reconectador), un C-1000/12 (no cal se instalará uns XS) e un C-2000/12 (apoio fin de liña en que se instalará o centro de transformación).
– Instalación dun centro de transformación de intemperie de 160 kVA, que se situará no apoio proxectado de celosía, tipo C-2000/12, na parcela con referencia catastral 36039A037012040000DO.
– Para conectar o centro de transformación á liña de media tensión aérea (LMTA) ATI7270615, proxéctase a instalación dunha LMTA de 93 metros de lonxitude.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello do Porriño, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA), a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Servizo de Explotacións Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por AESA, polo Concello e pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
O Servizo de Explotacións Agrarias informou que non é necesaria a emisión preceptiva de informe en aplicación do disposto na letra d) do número 1 da disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, modificada polo la Lei 10/2023, de medidas fiscais e administrativas.
3. O 13.8.2024, este departamento territorial solicitou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade a emisión do informe de avaliación de impacto ambiental de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
4. O 26.5.2025, o Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos deu traslado da Resolución do 26 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, pola que se formula o informe de impacto do proxecto Nova LMTA ATI727, CTI (160 kVA) e RBTS, no lugar de Porto de Eiras, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), promovido por UFD Distribución Electricidad, S.A. (clave 2024/0206), publicada no Diario Oficial de Galicia do 9.6.2025 mediante anuncio.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 15 kV, con condutor LA-56, de 93 metros de lonxitude, coa orixe no apoio HV-630/13 A1O4E9VA//T16-30-5 da LMTA ATI727, e final no apoio proxectado C-2000/12, no cal se instala o centro de transformación.
– Centro de transformación intemperie de 160 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36039A037012040000DO.
A instalación está situada en Porto de Eiras, na parroquia de Chenlo, no concello do Porriño (Pontevedra).
Conforme o indicado,
Resolvo:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA ATI727, CTI Porto de Eiras, expediente IN407A 2024/253-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. A empresa promotora terá en consideración o establecido na Resolución do 26 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, pola que se formula o informe de impacto do proxecto Nova LMTA ATI727, CTI (160 kVA) e RBTS, no lugar de Porto de Eiras, no termo municipal do Porriño (Pontevedra), promovido por UFD Distribución Electricidad, S.A. (clave 2024/0206).
5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 5 de xaneiro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
