Expediente: IN407A 2025/108-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: cambio sección BAL716 SET Balaídos – CT 36SX28 e BAL731 (CT 36S377-CT 36S379).
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 19.5.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Cambio sección BAL716 SET Balaídos – CT 36SX28 e BAL731 (CT 36S377-CT 36S379).
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Fabián Fernández Martínez, colexiado 4783 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 131.064,33 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade dar subministración eléctrica a unha nova urbanización na avenida de Europa, no concello de Vigo, mediante as seguintes actuacións:
• Retirada de 14 tramos de liña de media tensión subterránea nun total de 3058 metros de condutor, sendo 2.373 metros pertencentes á liña BAL716, comprendidos entre a saída de subestación Balaídos e a saída do centro de transformación enlace Polígono, 7, e 685 metros pertencentes á liña BAL731, comprendidos entre a saída da subestación e a saída do centro de transformación Polígono 15 (36S379).
• Proxéctanse a instalación dun total de 780 metros de liña de media tensión subterránea en oito actuacións e de sete puntos de acceso á rede sobre a liña existente.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
3. O 22.8.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica Cambio sección BAL716 SET Balaídos – CT 36SX28 e BAL731 (CT 36S377-CT 36S379).
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Oito actuacións na liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV BAL716, a primeira con condutor RHZ1-2OL(S) 12/20 kV 1×240 Al e as restantes con condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1x240 Al:
1. 30 metros de lonxitude, coa orixe na saída BAL716 da subestación Balaídos e final na arqueta proxectada fronte á avenida Alcalde Portanet, 34.
2. 218 metros de lonxitude, coa orixe na arqueta existente fronte ao parque de bombeiros no edificio Balaídos e final na arqueta existente ao final da rúa dos Olímpicos.
3. 28 metros de lonxitude, coa orixe na arqueta proxectada na rúa Alexandre Bóveda, 1, e final no empalme mediante cala na rúa Alexandre Bóveda, 2.
4. 16 metros de lonxitude, coa orixe na arqueta proxectada fronte ao centro de transformación Alexandre Bóveda (36CCC1) e final na entrada no centro de transformación Alexandre Bóveda (36CCC1).
5. 16 metros de lonxitude, coa orixe na saída do centro de transformación Alexandre Bóveda (36CCC1) e final na arqueta proxectada na calzada fronte ao centro de transformación Alexandre Bóveda (36CCC1).
6. 183 metros de lonxitude, coa orixe no empalme mediante cala na rúa Alexandre Bóveda, 2, e final no centro de transformación P.30 (36S372).
7. 95 metros de lonxitude, coa orixe no centro de transformación P.30 (36S372) e final na arqueta existente na rúa Pablo Iglesias 14.
8. 194 metros de lonxitude, coa orixe na arqueta proxectada na rúa Pablo Iglesias, 17, e final na arqueta existente na rúa Padre Seixas, 40.
A instalación está situada nas zonas de Balaídos e Coia, no concello de Vigo (Pontevedra).
Conforme ao indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Cambio sección BAL716 SET Balaídos – CT 36SX28 e BAL731 (CT 36S377-CT 36S379), expediente IN407A2025/108-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 2 de xaneiro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
