DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15450

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 9/2026, do 16 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Baiona, dun treito antigo da estrada PO-552 da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario (DPV).

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forman parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O 22 de xaneiro de 2025 asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Baiona para o financiamento das obras da fase II da humanización da travesía interior de Sabarís. A cláusula terceira, alínea 3, do dito convenio recolle o compromiso do Concello de aceptar a transferencia da totalidade do dominio público viario dun treito da antiga estrada autonómica C-550, que na actualidade se corresponde coas rúas Julián Valverde e Porta do Sol.

O treito antigo da estrada PO-552 (treito da antiga C-550) correspóndese coa rúas Julio Valverde e Porta do Sol. Este treito identifícase co correspondente ás obras realizadas e proxectadas para a humanización da travesía interior de Sabarís, nas fases I e II, e comprende unha lonxitude aproximada de 1.167 m. É un treito antigo que se inicia na rúa Julián Valverde, á altura do p.q. 13+070 da PO-552, marxe esquerda, e finaliza na rúa Porta do Sol, no p.q. 14+200 da PO-552, marxe esquerda.

Este treito ten a consideración de elemento funcional da estrada, discorre integramente polo termo municipal de Baiona e atravesa solo clasificado como urbano polo instrumento de planeamento vixente. Presenta un marcado carácter local e urbano e carece de funcionalidade no ámbito da Rede autonómica de estradas de Galicia.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito definido no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Baiona, do seguinte treito antigo da estrada PO-552, xunto co seu dominio público viario:

Denominación

Inicio treito

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Final treito

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29 )

Lonx. (m)

Treito da antiga C-550 (rúas

Julián Valverde e Porta do Sol)

PQ 13+070 ME PO-552

X= 515.308

y= 4.662.560

PQ 14+200 ME PO-552

X= 514.411

y= 4.662.023

1.137

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Baiona deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Baiona, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da vía.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas