DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15453

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 10/2026, de 16 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Santa Comba do dominio público viario (DPV) exterior á liña do bordo exterior da cuneta, entre os puntos quilométricos 27+870 e 28+360 da marxe dereita da estrada AC-406.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O 16 de maio de 2023, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Santa Comba asinaron un convenio de colaboración para a execución dunha senda peonil na estrada AC-406, desde o polígono empresarial de Santa Comba. A cláusula segunda, punto 3, do dito convenio recolle o compromiso do concello de aceptar, unha vez finalizadas as obras obxecto do acordo, a transferencia da titularidade do treito da senda peonil resultante na estrada AC-406, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+750 e 28+410, sen que se vexan afectadas nin as beiravías nin a calzada da estrada.

A estrada convencional AC-406, con categoría funcional de rede estruturante, discorre polos termos municipais de Santa Comba, A Baña e Val do Dubra. O treito en que se atopa a senda obxecto de transferencia sitúase no termo municipal de Santa Comba, en solo clasificado como solo rústico.

O cambio de titularidade da dita senda non afecta nin as beiravías nin a calzada da estrada AC-406, polo que non se ve alterada a continuidade dos itinerarios de que forma parte esta vía, nin tampouco o seu nivel de servizo. A senda foi executada polo Concello de Santa Comba dentro da obra de «Mellora do saneamento do parque empresarial de Santa Comba», desenvolvida entre os meses de novembro de 2022 e xaneiro de 2023.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito definido no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Santa Comba do dominio público viario (DPV) exterior á liña do bordo exterior da cuneta, entre os puntos quilométricos 27+870 e 28+360 da marxe dereita da estrada AC-406:

Transferencia

Inicio

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29)

Final

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29 )

Lonx. (m)

Superficie de dominio público viario exterior á liña do bordo exterior da cuneta da marxe dereita da estrada AC-406

p.q. 27+870MD

AC-406

x = 516.904

y = 4.763.595

p.q. 28+360MD

AC-406

x = 516.567

y = 4.763.961

502

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Santa Comba, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do DPV transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas