O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental o dereito á folga.
O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.
A prestación da asistencia sanitaria non pode verse gravemente afectada polo lexítimo exercicio do dereito de folga, ao estar aquela recoñecida como servizo esencial. En consecuencia, resulta necesario compatibilizar o exercicio do dereito de folga coa fixación dos servizos mínimos nas áreas e actividades que inciden directamente na xestión e na continuidade da asistencia sanitaria, co obxecto de preservar, en último termo, o dereito á vida, á saúde e á integridade física das persoas usuarias.
De conformidade coa reiterada doutrina do Tribunal Constitucional, a fixación de servizos mínimos debe responder aos principios de necesidade, proporcionalidade e adecuación, e estar debidamente motivada en relación co servizo afectado e coa concreta convocatoria de folga.
O artigo 3 do citado decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, establezan o mínimo de actividade necesaria para aseguraren o mantemento de tales servizos, así como para a determinación do persoal preciso para a súa prestación.
Tal e como establece a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a atención primaria constitúe o primeiro nivel de acceso ordinario da poboación ao Sistema público de saúde de Galicia, caracterizándose por un enfoque global e integrado da atención e por asumir un papel orientador e de canalización da asistencia requirida pola persoa usuaria en calquera punto do sistema sanitario.
Con data do 13 de novembro de 2025 a organización sindical Facultativos de Galicia Independentes (O’Mega) presentou comunicación de folga que afectaba o colectivo de facultativos de atención primaria e das unidades adscritas dependentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, sen facer distincións en canto á súa modalidade de vinculación, xa fose estatutaria ou laboral, incluíndo persoal fixo, interino, eventual ou en formación.
Na devandita comunicación facíase constar que a folga tería carácter permanente mentres non se acadasen os obxectivos reivindicados, comunicándose os días de paro con, cando menos, dez días de antelación, convocándose inicialmente varias xornadas de folga para os días 26, 27 e 28 de novembro de 2025, e 9, 10, 11 e 12 de decembro de 2025.
Con data do 18 de febreiro de 2026 a citada organización sindical presentou un novo escrito polo cal comunicaba a ampliación da convocatoria presentada o 13 de novembro de 2025, pasando a ter a folga carácter indefinido a partir do 2 de marzo de 2026.
Debe terse en conta que, segundo os informes oficiais do Sistema nacional de saúde, os tempos de espera para obter cita en atención primaria experimentaron un incremento nos últimos anos, situándose en medias superiores ás rexistradas en exercicios anteriores. Esta circunstancia evidencia unha situación de especial tensión asistencial no primeiro nivel de atención. O carácter indefinido da folga impide a reprogramación ordinaria da actividade e podería provocar un incremento adicional dos tempos de espera, co conseguinte risco de agravamento de procesos clínicos que precisan da atención oportuna.
Así mesmo, cómpre considerar o impacto acumulado das múltiples convocatorias de folga desenvolvidas recentemente no sector sanitario, tanto no ámbito hospitalario como no da atención primaria, o que xustifica a necesidade de evitar unha nova deterioración da accesibilidade e da continuidade asistencial.
En consecuencia, e logo da audiencia ao comité de folga,
DISPOÑO:
Artigo 1
A folga convocada entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.
Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao mesmo tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que, baixo ningún concepto, pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.
A súa determinación realízase conforme os principios de proporcionalidade, necesidade e adecuación, co fin de compatibilizar o dereito fundamental de folga coa protección da saúde e da integridade física da poboación, que deben preservarse en todo caso, dada a natureza esencial do servizo afectado.
Por iso, mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a atención urxente e permanente aos/ás usuarios/as e a aqueles servizos sanitarios que non poden ser aprazados sen ocasionaren consecuencias negativas para a saúde, especialmente tendo en conta o carácter indefinido da folga.
Hai que ter en conta que, á hora de fixar as presenzas necesarias para cubrir os servizos mínimos, a asistencia sanitaria dentro de cada área sanitaria se organiza en función de criterios poboacionais. O número de habitantes, a súa distribución por idade, o grao de dispersión do territorio, se se trata dun medio urbano, semiurbano ou rural, e as isócronas de tempo ata os centros asistenciais de referencia (centros de saúde, PAC e hospitais) son determinantes desta organización e condicionan a xestión da cobertura das necesidades sanitarias.
Por este motivo, non é posible aplicar un patrón único para establecer os servizos mínimos do persoal sanitario e non sanitario durante unha xornada de folga. Son, polo tanto, as xerencias das áreas sanitarias as que propoñen as presenzas mínimas, baseándose en criterios asistenciais que garanten tanto o dereito á folga das persoas traballadoras como o dereito da poboación a recibir atención sanitaria adecuada.
Examinadas as alegacións formuladas polo Comité de Folga do sindicato O’Mega, considérase que os servizos mínimos establecidos son necesarios e proporcionados para garantiren a continuidade da asistencia sanitaria como servizo esencial, evitando prexuízos graves para a saúde da poboación. A súa determinación responde a criterios organizativos e asistenciais propios de cada área sanitaria, incluíndo a atención de procesos agudos e non demorables, especialmente no ámbito da odontoloxía, e resulta adecuada para compatibilizar o exercicio do dereito de folga coa protección do interese xeral, máxime tendo en conta o carácter indefinido da convocatoria.
De acordo coa motivación anterior, establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións afectadas:
– Persoal facultativo sanitario do ámbito da atención primaria:
1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.
É imprescindible a cobertura do 100 % da actividade do servizo de urxencias extrahospitalarias (puntos de atención continuada-PAC), tendo en conta de que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e ante a que é preciso dar unha resposta asistencial inmediata. Polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.
2. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde (non PAC) prestarase a asistencia urxente ou inaprazable da unidade ou servizo, calquera que sexa a modalidade da prestación. A prestación sanitaria no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos e unidades de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e o tratamento dos procesos inaprazables, tendo en conta as ausencias por permisos autorizados e as continxencias por incapacidade temporal do persoal adscrito ao centro, garantindo a seguinte dotación:
• En centros con catro ou menos médicos de familia: 1 efectivo.
• En centros con de cinco a oito médicos de familia: 2 efectivos.
• En centros con de nove a doce médicos de familia: 3 efectivos.
• En centros con trece ou máis médicos de familia: 4 efectivos.
Así mesmo, garantirase a atención pediátrica urxente coa presenza dun/dunha pediatra por centro e/ou zona de referencia.
En canto ao persoal farmacéutico, trátase de garantir que a homologación sanitaria de todos aqueles medicamentos, produtos sanitarios e dietéticos que non admitan demora poida realizarse dentro dos prazos e dos requisitos establecidos na normativa vixente, asegurando así a continuidade asistencial e evitando prexuízos graves para a saúde das persoas usuarias. Esta necesidade vese reforzada polo carácter indefinido da folga, que podería comprometer de maneira prolongada a dispoñibilidade e o control destes produtos esenciais, afectando directamente a garantía dun servizo sanitario básico.
Así mesmo, no que respecta ao persoal odontólogo, resulta necesario asegurar unha dotación mínima que permita atender procesos odontolóxicos agudos, especialmente os que afecten a poboación infantil, dada a súa urxencia e a súa necesidade de resolución inmediata. Esta previsión cobra especial importancia tendo en conta que a folga ten carácter indefinido, circunstancia que podería prolongar de maneira excesiva a falta de atención destes cadros agudos, xerando riscos innecesarios para a saúde bucodental e posibles complicacións de maior entidade, o que xustifica a adopción de criterios reitores orientados á protección da saúde pública e á garantía da atención sanitaria esencial.
Artigo 2
Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos precisos para cubriren os servizos mínimos durante a folga.
A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.
A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.
A relación de persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro ou entidade con antelación ao comezo da folga.
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos –que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio– será determinada pola respectiva institución e notificada aos/ás profesionais designados/as.
O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.
Artigo 3
Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).
Artigo 4
O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.
Artigo 5
Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou os incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.
Disposición derradeira
Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2026
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Provincia da Coruña
Área Sanitaria da Coruña e Cee.
– Servizos sanitarios de atención primaria.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
100 |
54 |
18 |
|
Pediatra |
28 |
9 |
- |
|
Odontólogo/a |
1 |
- |
- |
|
Farmacéutico/a |
1 |
- |
- |
Área Sanitaria de Ferrol.
– Servizos sanitarios de atención primaria.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
42 |
23 |
11 |
|
Pediatra |
14 |
2 |
- |
|
Odontólogo/a |
2 |
- |
- |
|
Farmacéutico/a |
2 |
- |
- |
Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
– Servizos sanitarios de atención primaria.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
96 |
37 |
24 |
|
Pediatra |
30 |
3 |
- |
|
Odontólogo/a |
4 |
- |
- |
|
Farmacéutico/a |
4 |
- |
- |
Provincia de Lugo
Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
– Servizos sanitarios de atención primaria.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
89 |
37 |
27 |
|
Pediatra |
18 |
1 |
- |
|
Odontólogo/a |
3 |
- |
- |
|
Farmacéutico/a |
3 |
- |
- |
Provincia de Ourense
Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
– Servizos sanitarios de atención primaria.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
105 |
36 |
25 |
|
Pediatra |
14 |
- |
- |
|
Odontólogo/a |
12 |
- |
- |
|
Farmacéutico/a |
12 |
- |
- |
Provincia de Pontevedra
Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
– Servizos sanitarios de atención primaria.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
62 |
26 |
12 |
|
Pediatra |
14 |
1 |
- |
|
Odontólogo/a |
2 |
1 |
- |
|
Farmacéutico/a |
2 |
1 |
- |
Área Sanitaria de Vigo.
– Servizos sanitarios de atención primaria de Vigo.
|
Servizos mínimos |
|||
|
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
|
Médico/a de familia |
100 |
60 |
21 |
|
Pediatra |
34 |
9 |
- |
|
Odontólogo/a |
1 |
- |
- |
|
Farmacéutico/a |
3 |
- |
- |
