DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se aproba definitivamente o proxecto de expropiación do ámbito do xacemento vinculado ao Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lánsbrica de San Cibrao de Las (CIPACC) (San Amaro) (expediente SAR-2025-0117-INT).

ANTECEDENTES:

O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) abrangue o xacemento arqueolóxico coñecido como A Cidade, A Cividade ou A Cidá de San Cibrao de Las. Este ámbito, que inclúe o edificio que alberga os servizos culturais, administrativos e de acollida aos visitantes, está recollido co número de ficha 32065_Punxín_51901 no catálogo no Plan básico autonómico de Galicia, aprobado segundo o Decreto 83/2018, do 26 de xullo. GA32074000: coordenadas xeográficas: UTM (ETRS 89, fuso 29), coordenadas centrais, capa catálogo elementos xuño 2023: x: 579.886; y: 4.690.213.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ao abeiro da Resolución do 28 de maio de 2025 (DOG núm. 114, do 17 de xuño), iniciou o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC) o Castro de San Cibrao de Las, nas parroquias de Las (San Cibrao) e Ourantes (San Xoán), nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense). Esta resolución inclúe no anexo I a descrición do ben e no anexo II a delimitación do ben, o contorno de protección e a zona de amortecemento.

O día 17 de novembro de 2025, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 104/2025, do 17 de novembro, polo que se declara ben de interese cultural o Castro de San Cibrao de Las, nas parroquias de Las (San Cibrao) e de Ourantes (San Xoán), nos concellos de San Amaro e Punxín (Ourense) (DOG núm. 227, do 24 de novembro).

A Cidade é un dos castros senlleiros da cultura castrexa; unha cultura que lle confire ao noroeste peninsular personalidade propia desde hai máis de 2.500 anos, a súa singularidade vén dada pola súa similitude coas citanias do norte de Portugal e pola súa extensión, a monumentalidade das súas fortificacións, a organización urbana ou o espectacular das súas vistas.

O edificio que acolle o Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (CIPACC), promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, conta cunha superficie de máis de 2.900 m2 e actúa como a entrada ao xacemento e, pola súa vez, exerce como pantalla visual tras a que se agocha a realidade arqueolóxica. O edificio construíuse nos terreos cedidos polos concellos de San Amaro e Punxín. A recepción das obras de terminación do edificio foi o 23 de marzo de 2010 e púxose en funcionamento en 2014.

Por sentenza xudicial declarouse que os terreos cedidos son propiedade da Comunidade de Montes de Cristimil (San Amaro) e de Ourantes (Punxín), polo que a cesión quedou sen efecto; para os efectos de poder garantir a continuación da normal xestión das instalacións do CIPACC, a Xunta de Galicia prevé a adquisición dos terreos que resultan de necesaria ocupación mediante un proceso de expropiación forzosa, segundo o disposto no artigo 51 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

A superficie de necesaria ocupación é de 142.330,84 m2 (14,23 ha) dentro da superficie do monte veciñal en man común A Cidade pertencente á CMVMC de Cristimil e A Torre, no termo municipal de San Amaro.

O 24 de novembro de 2025, o Consello da Xunta acordou a prevalencia, logo de informe da Consellería do Medio Rural, do proxecto obxecto desta aprobación provisional sobre o interese protexido pola catalogación de monte veciñal en man común, para os efectos de proceder á efectiva expropiación dos terreos delimitados nel para a explotación do Centro de Interpretación e do Parque Arqueolóxico, e a consecuente posta en valor do seu carácter de patrimonio arqueolóxico.

O 27 de novembro de 2025, o director xeral de Patrimonio Cultural acordou aprobar provisionalmente o proxecto de expropiación do ámbito do xacemento vinculado ao Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lánsbrica San Cibrao de Las (CIPACC), San Amaro, no que se incorporou a relación de titulares, bens e dereitos afectados, e iniciar a tramitación para desenvolver as actuacións que nel se definen.

Na mesma resolución acordouse recoñecer o interese social dos bens afectados segundo o proxecto aprobado, como bens de interese cultural, segundo o disposto no artigo 51 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; declarar a necesidade de ocupación dos bens afectados segundo o proxecto aprobado, e someter o proxecto de expropiación e a relación de bens e dereitos afectados a información pública por prazo de quince días, ao abeiro do disposto no artigo 18 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

A Resolución do 27 de novembro de 2025, de aprobación provisional do proxecto, e a conseguinte apertura do trámite de información pública, publicouse no DOG núm. 238, do 10.12.2025, no BOP de Ourense núm. 238, do 12.12.2025, así como no taboleiro de anuncios do Concello de San Amaro, no periódico La Región do 11.12.2025 e notificouse á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre (concello de San Amaro).

Unha vez transcorrido o prazo de información pública conferido, non se presentaron alegacións.

CONSIDERACIÓNS LEGAIS E TÉCNICAS:

1. O artigo 51 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia dispón:

«1. É causa de interese social para os efectos de expropiación o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural.

2. Poderán expropiarse por causa de interese social os inmobles situados na contorna de protección dos bens de interese cultural que atenten contra a súa harmonía ambiental, perturben a súa contemplación ou impliquen un risco para a súa conservación.

3. Así mesmo, serán causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación as melloras nos accesos aos bens de interese cultural, a dignificación da súa contorna e, en xeral, a mellora das condicións para a súa valorización e función social.

4. Tamén se considerará causa xustificativa de interese social para os efectos da expropiación a promoción por parte da Administración pública de actuacións destinadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico co obxecto de facilitar a súa visita pública e desfrute pola sociedade».

2. O procedemento de expropiación forzosa vén regulado no título II da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa e no título II do Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. O artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

4. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é competente para ditar esta resolución ao abeiro do artigo 14.1.i) do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Tendo en conta todo o anterior, vista a Lei 16/1985, do patrimonio histórico español, a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, a Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, o Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa, e ao abeiro do artigo 14.1.i) do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación do ámbito do xacemento vinculado ao Centro de Interpretación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lánsbrica San Cibrao de Las (CIPACC), San Amaro.

Segundo. A aprobación definitiva leva implícita a declaración de interese social e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados nos termos previstos na lexislación de expropiación forzosa.

Terceiro. Aprobar a relación definitiva de bens e dereitos afectados que figuran como anexo desta resolución coa declaración de necesidade de ocupación destes.

Cuarto. Ordenar a publicación da resolución, así como o seu anexo, que contén a relación de bens e dereitos afectados e a dos seus titulares, nos termos previstos na lexislación de expropiación forzosa.

Ordenar, así mesmo, a notificación da resolución, de maneira individualizada, a todos os que aparezan como titulares de bens ou dereitos que figuran como tales no expediente de expropiación.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

Ángel Miramontes Carballada
Director xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO

RELACIÓN DE BENS E DEREITOS AFECTADOS

Titular: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre (concello de San Amaro).

Referencias catastrais: 32066A01000896, 32066A01009011, 32075A06800053, 2075A06800124, 32075A06800125, 32075A06800126, 32075A06800192, 32075A06800193.

Superficie afectada: 142.330,84 m2 (pleno dominio).

Clasificación urbanística: solo rústico.