DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 27 de febreiro de 2026 Páx. 15730

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Asociación de Médicos Gallegos (ASOMEGA)

ANUNCIO das bases do XXV Premio Nóvoa Santos.

A Asociación de Médicos Gallegos (Asomega) organiza o XXV Premio Nóvoa Santos a partir das seguintes bases, tempos e destino do galardón.

Bases do premio:

1. Poderanse propoñer para este premio personalidades relevantes galegas, ou directamente vinculadas a Galicia, da medicina e/ou biomedicina, cun labor profesional ou científico de repercusión nacional ou internacional e especificamente de proxección e significación para Galicia e a sanidade galega.

2. Para poder acceder á candidatura é imprescindible ter a condición de socio de Asomega no momento da presentación.

3. As propostas dos candidatos faranas as universidades, as reais academias ou os colexios profesionais da medicina, farmacia ou veterinaria, as sociedades científicas, os hospitais, as fundacións, etc., ou un grupo mínimo de oito profesionais médicos e/ou biomédicos.

4. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Un resumo do curriculum vitae do candidato, en formato electrónico (pdf).

b) Unha memoria en que se aduzan os méritos do candidato, nun máximo de 5 follas (pdf).

5. Ademais dos aspectos estritamente académico-curriculares e profesionais dos potenciais candidatos, avaliarase o compromiso destes coa sociedade galega, así como o impacto e a influencia que o candidato poida exercer ou exercese sobre Galicia na súa actividade profesional, en xeral, e na medicina galega, en particular.

6. O xurado tamén terá en conta a relevancia da actividade realizada polos candidatos, valorada segundo as circunstancias sociais, sanitarias e asistenciais do momento.

7. O galardoado aceptará o compromiso de pronunciar unha conferencia sobre o tema médico-sanitario que considere que foi o motivo do Premio Nóvoa Santos, nunha data e lugar acordados entre as partes, ademais da realizada no acto de entrega do premio.

8. O galardoado comprométese a participar na seguinte edición do premio coa súa presenza no acto de entrega e a colaborar con Asomega na organización e execución de iniciativas que contribúan a prestixiar o labor médico-sanitario.

9. Non poderán concorrer os membros da Xunta Directiva de Asomega.

Prazos:

O prazo de presentación de candidaturas iniciarase coa data de publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará vixente ata o 31 de marzo de 2026.

As candidaturas serán remitidas ao enderezo info@asomega.es, indicando no asunto: «Candidatura Premio Nóvoa Santos» e anexando a documentación indicada nestas bases.

Xustificarase a recepción das candidaturas e contactarase cos remitentes en caso de non cumprir cos requisitos do premio.

Premio:

1. O Premio Nóvoa Santos será outorgado pola Xunta Directiva de Asomega, por proposta do seu comité científico, en reunión realizada para este efecto. Esta decisión, ante a cal non caberá reclamación nin recurso, daráselles a coñecer con posterioridade a todas as candidaturas válidas presentadas, e depois farase a difusión pública.

2. O galardón consistirá en 12.000 euros, diploma e medalla conmemorativa do Premio Nóvoa Santos. Co fin de favorecer o desenvolvemento da investigación e a contribución á sociedade como parte dos fins de Asomega, a contía do premio asignarase da seguinte forma:

a) O diploma, a medalla e o 50 % do importe (6.000 €) destinaranse integramente ao galardoado.

b) O 25 % da contía (3.000 €) destinarase a apoiar un proxecto de investigación desenvolvido por mozos investigadores galegos, ou como axuda inicial para a realización dunha tese de doutoramento dirixida polo galardoado.

c) A contía restante (3.000 €) vincularase á iniciativa Asomega Axuda, propoñendo o galardoado a institución, fundación ou proxecto sen ánimo de lucro que favoreza os máis necesitados e impulse á humanización no contorno da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O destino dos fondos para o apoio a proxectos de investigación (b) e/ou fins sociais (c) será proposto polo galardoado e aprobado pola Xunta Directiva de Asomega.

3. A entrega do Premio Nóvoa Santos ao gañador farase nunha cerimonia pública, onde o galardoado impartirá unha conferencia sobre o tema médico e/ou biomédico considerado o motivo deste mérito.

Madrid, 2 de febreiro de 2026

Julio Ancochea Bermúdez
Presidente da Asociación de Médicos Gallegos (Asomega)