A Deputación Provincial da Coruña, na sesión plenaria ordinaria que tivo lugar o 22 de decembro de 2025, adoptou o seguinte acordo:
«36. Aprobación da aceptación da delegación de competencias tributarias do Concello de Mugardos.
1. Aceptar a delegación das competencias acordada polo Concello de Mugardos en relación coas seguintes materias:
1) Xestión e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre bens inmobles ou do imposto municipal que o complemente o substitúa no futuro.
2) Xestión e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre actividades económicas ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro, así como a facultade para solicitar da Administración tributaria do Estado a delegación das funcións de xestión censual e inspección e establecer con esta Administración as oportunas fórmulas de colaboración en materia de inspección en relación con este mesmo imposto.
3) Xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre vehículos de tracción mecánica ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro.
4) A facultade para establecer acordos ou convenios coa Administración tributaria do Estado en materia de colaboración e inspección en relación co imposto sobre bens inmobles.
5) Xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro.
6) Recadación voluntaria e executiva das seguintes taxas de notificación colectiva mediante padrón:
Taxa polo servizo de subministración de auga.
Taxa polo servizo de recollida do lixo.
Taxa polo servizo de sumidoiros.
Taxa pola prestación do servizo de colectores e estacións de bombeo das augas residuais vertidas á rede de saneamento municipal.
Taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local mediante reservas de vía pública.
Taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local mediante a entrada e saída de vehículos a través de beirarrúas.
7) Recadación voluntaria e executiva dos seguintes ingresos, de carácter non periódico:
Taxa pola prestación do servizo contraincendios e salvamentos.
Multas coercitivas por limpeza de predio.
Multas coercitivas por incumprimento de deberes urbanísticos.
8) Recadación executiva de tributos, prezos públicos e calquera outro ingreso de dereito público de cobramento non periódico ou por períodos inferiores ao ano.
O Concello de Mugardos xa tiña delegadas a instrución dos procedementos sancionadores de tráfico e a súa recadación e a xestión, inspección e recadación da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais con adhesión ás bases para a prestación de servizos en materia de sancións por infracción das normas sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria e da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais aos concellos que non teñan delegada a xestión tributaria e a recadación dos impostos municipais obrigatorios.
Coa entrada en vigor da presente delegación, o exercicio de todas as competencias delegadas levarase a cabo segundo o establecido nas bases para a prestación dos servizos tributarios aos concellos da provincia e nas bases para a prestación de servizos en materia de sancións por infracción das normas de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, aprobadas para o efecto por esta deputación provincial.
2. A delegación entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026. A delegación do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana terá efectos unicamente para as declaracións relativas a este imposto que se presenten a partir da data citada.
O prazo de vixencia da delegación das novas competencias será de 10 anos, segundo establecen as bases con aplicación da data de finalización deste prazo á delegación das competencias xa delegadas».
A Coruña, 26 de decembro de 2025
|
O presidente da Deputación |
Miguel Iglesias Martínez |
