Expediente: IN407A 2025/062-4.
Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía.
Denominación: LMT, CT-CM Mediodía-Monteverde.
Concello: Mondariz.
Feitos:
1. O 13.3.2025, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT, CT-CM Mediodía-Monteverde.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial José L. Giráldez Cortegoso, colexiado 2853 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela, e contén un orzamento total de 227.055,32 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a mellora da subministración no barrio de Monteverde, na parroquia de Meirol, no concello de Mondariz (Pontevedra). Para isto, serán necesarias as seguintes actuacións:
– Substitución do centro de transformación Monteverde por outro de 100 kVA en caseta prefabricada que se situará na parcela con referencia catastral 36030A004008910000MQ.
– Instalación dun novo centro de manobra ao carón do centro de transformación proxectado.
– Instalación dun apoio de celosía C24/3000 (4ES1895) próximo aos centros proxectados.
– Instalación das liñas de acometidas en media tensión ao centro de manobra e ao centro de transformación proxectados.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mondariz, a Demarcación de Estradas do Estado e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido pola Demarcación de Estradas do Estado.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. O 4.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMT, CT-CM Mediodía-Monteverde.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 318 metros de lonxitude (2×159 metros), coa orixe e final no apoio existente 4ES1036 da LMTA L4 desde Meirol, mediante un paso aéreo subterráneo, facendo entrada e saída no centro de manobra (CM) proxectado Mediodía.
– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1 de 25 metros de lonxitude, coa orixe no CM proxectado e final no apoio proxectado 4ES1895 na LMTA L4 cara a Paraños, mediante un paso aéreo subterráneo.
– LMTS a 20 kV, con condutor RHZ1 de 20 metros de lonxitude, coa orixe no CM proxectado e final no centro de transformación proxectado Mediodía.
– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-56, de 115 metros de metros de lonxitude, coa orixe no apoio existente 4ES1036 e final no apoio existente 4ES1130 da derivación a Mouriscados.
– LMTA a 20 kV, con condutor LA-110, de 54 metros de lonxitude coa orixe no apoio proxectado 4ES1895 e final no apoio existente 4ES1038 da LMTA L4 cara a Paraños.
– Centro de manobra con celas prefabricadas, unha de entrada, catro de saída e unha de trafos de tensión.
– Centro de transformación a 100 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V.
A instalación está situada no barrio de Monteverde, na parroquia de Meirol, no concello de Mondariz (Pontevedra).
Conforme o indicado,
Resolvo:
Outorgar á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT, CT-CM Mediodía-Monteverde, expediente IN407A 2025/062-4.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 5 de xaneiro de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
